lunes, 19 de agosto de 2024

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA CHOUSA NOVA I. Santa María de Abades, Silleda.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA CHOUSA NOVA I

ATA CANDO?

"Verum est id quod est". ("Lo verdadero es lo que es.")
San Agustín



Debuxo de Moncho Boga, agosto de 2024.



"Cerrado temporalmente". Esta lacónica e imprevista frase foi o que apareceu en internet (google maps) cando marquei aquelo de "como chegar" á Anta-dolmen da Mámoa da Chousa Nova I, en Silleda.



Foto aérea das escavacións arqueolóxicas.


Que significaba esa información? Acaso construiron un museo, un centro de interpretación ou calquera outro chabolo á beira desta excepcional anta? Ou que a taparon, que lle puxeron porta de acceso? "Cerrado temporalmente"...: non me podía imaxinar como se pode pechar temporalmente unha anta que está ao aire libre, á vista de calquera. Si estaba pechada temporalmente, eso só podía significar  que habitualmente estaba  aberta, e, tanto si estaba pechada como aberta, eso tamén  implicaba necesariamente que se podía pechar e/ou abrir, obviamente. Polo tanto tiña que deducir a existencia dunha porta. Si non fose así, talvez estivesen facendo labouras de mellora, o que implicaba a prohibición da visita... A verdade é que non sabía que pensar: estaba un pouco estupefacto.



Fotografía da mámoa e o anel pétreo.
Fotografía do blogue megaliticia, 2012.

Nesta nova excursión onde quedei impresionado co que se fixo en Carboeiro e na súa contorna inmediata, onde alucinei novamente coa fervenza do río Toxa (a mesma baixada pola que todos os santos axudan, pero que desaparecen en canto comenzas a subida), onde voltei a sorprenderme coa abraiante colección de canzorros da igrexa de Ansemil..., tamén ía ilusionado e nervoso para ver e fotografiar por vez primeira a mítica Anta da Mámoa da Chousa Nova I.



A Anta Chousa Nova unha vez reconstruida. Fotografía
Turismo de Silleda.

Non é dificil chegar, e chegamos despois de seguir as preciosas sinais dun rosa intenso que nos foron indicando o camiño e que semellaban noviñas; o XPS casi era innecesario. E dicía que chegamos e non vos podedes imaxinar a tremenda sorpresa que nos produxo decatarnos do que significaba a frase "cerrado temporalmente". Podía imaxinalo...


 
Mámoa da Chousa Nova tras a súa primeira
intervención. Foto Nemigo CCB y.Wikimedia.

En xullo de 2012  publiquei unha breve entrada sobre esta paradigmática anta, na espera de ir visitala. Pero según foron pasando os anos, tamén foron pasando as oportunidades. Aínda así, tanto pola prensa, artigos especializados, como por amigos arqueólogos, fun seguindo paso a paso os traballos de escavación, de almacenamento e de reconstrución final no mesmo lugar. A Anta foi desmantelada completamente debido á construción dun falso túnel para o camiño de ferro do AVE. Por iso escavouse na súa totalidade, e, unha vez construida aquela obra, voltou a ser ubicada no lugar orixinal.



Fotografía, Turismo de Silleda.

Na entrada publicada neste blog en xullo de 2012, entre outras cousas,  dicía o seguinte: "A estrutura tumular atópase ben delimitada por unha gabia externa e por un anel pétreo. No centro da mámoa ubícase unha anta que se conforma a través de cinco esteos e un espazo aberto cara ao leste. A anta é de escasa altura e ten o aspecto de cista".



Fotografía do blog megaliticia, 2012.

Na escavación arqueolóxica atopouse un enxoval composto de varios útiles de pedra puída e un extraordinario colar de doas de variscita e ámbar colocados na posición orixinal e dicir, tal e como estaba hai miles de anos, posiblemente no pescozo do difunto. 



Foto extraída de WILKIPEDIA. https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Chousa_Nova&section=4&oldid=6795796&veaction=edit

Quero e necesito incidir en que se trata dunha das antas mais antigas de Galicia, que parte do enxoval atopado estaba "in situ", como o colar enteiro, así como varios útiles de pedra: todo isto permitiu deducir a posición da persoa enterrada, feito de vital importancia para o noso megalitismo posto que, grazas a esa disposición do colar, puidose reconstruir a presencia e posición do fenecido por medio da súa ausencia, caso único en Galicia.


 
Fotografía de Xoan Arco da Vella, 2021.
A toxeira comenza a campar, espectacularemente florida, ás súas anchas.

En definitiva (tampouco quería extenderme moito), unha anta escavada na súa totalidade e volta a reconstruir no seu lugar orixinal. Por eso mismo, a situación tórnase de dramática gravidade.



Foto de Moncho Boga, 2024. Detrás,
a toxeira onde está a anta Chousa Nova.

Voltemos ao principio, "cerrado temporalmente". O significado desta apodíctica frase para min é dunha extrema perversidade: "cerrado temporalmente" significa absolutamente inaccesible. Toda a mámoa, rodeada dun balado de madeira enorme (o diámetro mide probalemente mais de 50 metros) está completamente cuberta de toxos, unha toxeira descomunal, exclusivamente na área da mámoa. No resto, nas inmediacións, fóra do cercado de madeira, todo é  herba.



Anta da mámoa da Chousa Nova I. Foto de Moncho Boga,
agosto de 2024.

Atópase entón "pechada temporalmente". Non está pechada, está completamente inaccesible, casi impenetrable, pero non cunha porta, senón cun exército de toxos. O toxo, planta galega por excelencia, representante mítica da nosa botánica, fermosa, coas súas marabillosas flores amarelas e as súas contundentes púas, fai, efectivamente, que o acceso sexa pouco menos que imposible, ademais de esmendrellar coas súas raíces a masa tumular.



O toxo invadindo mámoa.
Foto de Moncho Boga, agosto de 2024.


A toxeira, maxestuosa, voluptuosa, impertérrita e amenazante, semella un exército, unha mesnada medieval de guerreiros que, coas súas afiadas armas con forma de puntiagudas púas, impiden a entrada para a contemplación desta senlleira cámara megalítica e  da mámoa na que se acubilla.


No cartaz de entrada xa nacen os fungos. 
Foto Moncho Boga, agosto de 2024.

Coma o toxo, eu tamén son terco e procedín a enfrontarme, con osadía e determinación (posto que aquí de nada vale a astucia), a esta espesura de floresta cruel, como demostraron os feitos posteriores. Con múltiples dificultades e recibindo  puntiagudos e virulentos ataques por todos os flancos, introdúxenme por onde puiden arriscando a miña integridade física, porque a moral xa estaba polo chan. E o que me permitiron contemplar as pechadas ringleiras de toxos, deixovolo para a posteridade.



O peche perimetral da mámoa. Foto Moncho Boga,
agosto de 2024.



E xa podemos recapitular: "cerrado temporalmente". Temporalmente pode referirse a unha eternidade, ou pode rematar mañán. Eu creo, dentro da miña lexítima indignación, que deberían poñer (malia que se trate Chousa Nova I) que está pechada a cal e canto, defendida, protexida por unha espectacular toxeira que fai imposible a contemplación deste magnífico e único exemplar do noso megalitismo: "Recurso arqueolóxico non visitable temporalmente". Ou ben, "pechado por vacacións". Tamén: "vimos agora, perdoen as molestias". Mesmo "pechado por cambio de actividade", "Se traspasa", "pechado por obras", que podían valer tranquilamente.




A cámara megalítica da Mámoa Chousa Nova,
ao resgardo entre a poderosa toxeira.
Fotos Moncho Boga, agosto de 2024.

En calquera caso, noutros xacementos, ao marcar o "como chegar", indicase "abierto las 24 horas". Paradóxicamente a min váleme perfectamente "cerrado temporalmente": todo este argumentario é retórico, sarcástico. A finalidade é tentar influir para que a Chousa Nova poda ser visitada novamente, tentar influir na vontade dos responsables da súa situación actual. 

Sabes de antemán que non  vas a ver a anta, que non a poderás visitar, que non a poderás admirar na sua totalidade, nin siquiera nunha mínima parte. O que me indigna é a toxeira que está a cubrir a mámoa, a causa pola que non se pode visitar: polo seu tamaño notase que leva así uns cantos anos, polo menos desde o 2021, ano no que o toxo comenzou a eclosionar florecente e esplendoroso... Canto durará, cando rematará o "temporalmente"?. 

Malia que non son optimista, espero que estas pequenas, críticas e irónicas reflexións sirvan para que o período temporal, que tan educadamente se sinala no google maps, dure o menos posible.


ATA CANDO?


EU ACUSO..., pero non sei a quen.

Desde Sigrás, logo dunha fermosa xornada que rematou triste e lamentablemente (8 de agosto de 2024).

Saúde, sorte e libros!!!!!


PARA SABER MAIS, MOITO, MOITO MAIS:


BÓVEDA FERNÁNEZ, MARÍA JOSÉ: "Intenvención arqueolóxica na Mámoa de Chousa Nova e no seu contorno, Silleda (Pontevedra)". Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia.

SALVADOR DOMÍNGUEZ BELLA; MARÍA JOSÉ BÓVEDA: "Variscita y ámbar en el Neolítico gallego. Análisis arqueométrico del collar del Túmulo 1 de Chousa Nova (Pontevedra, España)" Trabajos de Prehistoria, 68, Nº 2, julio-dicienbre 2011, pp., 369-380. Silleda (Pontevedra, España)

BUCETA BRUNETI, GONZALO: "Conservación, traslado e reconstrución: as continxencias do túmulo Chousa Nova I (Silleda-Pontevedra)". V Encontro Arqeuolóxico do Barbanza, 26-27 de marazo de 2011.

MANUEL GAGO: "Os segredos dun dolmen intacto".
https://culturagalega.gal/noticia.php?id=20664 http://patrimoniogalego.net/index.php/16048/2012/04/tumulo-da-chousa-nova-1/

https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Chousa_Nova&section=4&oldid=6795796&veaction=edit

https://www.turismosilleda.es/es/historia_prehis.php

https://es.pinterest.com/pin/xoan-arco-da-vella-mmoa-da-chousa-campomarzo-abades-silleda--317574211234604553/



Curiosidades xornalísticas:

Adif limpia la Mámoa da Chousa Nova (Faro de Vigo, 2016)

Silleda pondrá en valor la Mámoa de Chousa Nova.
(La Voz de Galicia, 2020)

La tumba gallega que es más antigua que la Gran Pirámide (El Español, 2021)

Silleda posee una tumba más antigua que la Gran Pirámide.
(El Correo Gallego, 2021)

Comienza la mejora y señalización de la Mámoa da Chousa Nova.
(Faro de Vigo, 2021)

Nova intervención para convertir a Mámoa da Chousa Nova nun referente turístico de Silleda. 
(Historia de Galicia, 2021)


No hay comentarios:

Publicar un comentario