venres, 28 de decembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO VENTO. Cerdedo-Cotobade

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DO VENTO OU PEDRAFITA DO SEIXO. 

"El último paso de la razón consiste en reconocer que hay infinidad de cosas que la rebasan. Es más bien débil si no llega a comprenderlo.

Pues si las cosas naturales la rebasan, ¿qué se dirá de las sobrenaturales?"

BLAISE PASCAL: Obras. Pensamientos. Provinciales. Escritos científicos. Opúsculos y cartas". Ediciones ALFAGUARA, Madrid 1981.

Para chegar: hai que coller a estrada N-541 (Pontevedra-O Carballiño) para dirixirse a Cerdedo, á altura do quilómetro 63,5. Unha vez en Cerdedo, hai que ir pola estrada que sinala Pesqueiras. Baixando cara ao fondo do val, apareceran uns carteis que indican a dirección do parque eólico, cara ao alto.

O Monte do Seixo, "Montaña Máxica" segundo excelente publicación de Carlos Solla, atópase na Serra do Cando, a unha altitude media duns 900 ms, onde se xuntan os concellos pontevedreses de Cerdedo, Forcarei, A Lama e Cotobade.



Fotografía de: https://metropolitano.gal/wp-content/uploads/2022/08/marco-vento-seixo.jpg


Trátase dun lugar onde se agrupan os mitos de cidades asolagadas nas tres lagoas que noutrora existiran de Xestido (foron desecadas durante o franquismo), camiños primitivos tamén hoxe desaparecidos (grazas ao parque eólico), as poderosas e intimidantes rochas co nome de Portalén ou Porta do Alén... Campo de mámoas, campo de morte, necrópole megalítica. Ritos atávicos que sobreviviron á carón do culto cristianizado de Santa Mariña. Toda a área atópase intímamente cinguida a ritos de fertilidade, encantamentos, acontecementos prodixiosos, etc. Trátase, a xuizo de Solla, dun auténtico Santuario, dun auténtico omphalos, dun centro do mundo mítico, e todo iso nun espazo que case non sobrepasa os 15 qms cadrados.

Segundo Carlos solla, no ano 2010, na carta arqueolóxica de Cerdedo había rexistradas 8 PEDRAFITAS e 3 ALIÑAMENTOS.

A pedrafita Marco do vento atópase a uns 100 ms de Portalén, e si estamos a falar dunha pedrafita prehistórica, estaríamos sen dúbida diante da máis poderosas e/ou colosais da nosa terra, posto  que acada unha altura de ao redor de seis metros.

Investigando por aquí e por alí, aínda non sei ben a que  elemento se lle chama Marco do Vento: si á poderosa pedrafita cilíndrica da que amoso fotografías ou a que Quintiá considera como hipótese un marco divisorio de época romana, e dicir, aquel que separaría o Convento Lucense do Bracarense.



Fotografía extraída de
:https://mapio.net/pic/p-60269073/?utm_content=cmp-true


Este corazón mítico da montaña máxica dise que é o lugar no que están a confluir todos os ventos e, polo tanto, todas as forzas do universo. 



BIBLIOGRAFÍA

Calros Solla: "Monte do Seixo: o santuario perdido dos Celtas". 2021



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 25 de decembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DE BRAÑAS DE LAGORZOS. San Cosme de Cusanca, O Irixo


PEDRAFITA-MENHIR DE BRAÑAS DE LAGORZOS.

Hai algo pouco menos dun mes púxenme en contacto con Xabier Moure (blog o noso patrimonio) para pedirlle información sobre unha posible pedrafita que aparece no seu antedito blogue. Hoxe, 25 de decembro de 2012, recibín un correo electrónico con fotografías e información sobre esta posible pedrafita.


 
Debo agradecer a Xabier o envío destas preciosas fotografías e asi mesmo recordarlle que tanto toda a información megaliteira da que dispoño como as fotografías que gardo desde hai anos atópanse á súa enteira disposición.

A pedrafita de Brañas de Lagorzos atópase ubicada impertérrita á beira da estrada local que leva desde O Irixo a Castro Dozón e parece ser que fai de marco de termo ou delimitador das provincias de Ourense e Pontevedra.



Mide ao redor de un metro e cincoenta centímetros de altura e na cara do oeste aparece gravada unha cruz de adscrición cronolóxica moi difícil de determinar; na cara do leste unha cruz moi fermosa das do tipo pometeada, a xuizo de Moure. Tamén amosa gravadas a D de Dozón na cara do norde e a I de O Irixo na cara do sul. Nas proximidades hai algunha estación megalítica.

Segundo o amigo Xabier Moure, polo menos pódense albiscar dúas coviñas, que, ao noso xuizo, poden ser un indicio bastante solvente da súa adscrición prehistórica.










Fotografías e información proporcionadas por Xabier Moure. Blog onosopatrimonio

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 23 de decembro de 2012

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DAS BRAÑAS SECAS. San Martiño de Rebordelo, Cercedo-Cotobade

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DAS BRAÑAS SECAS.


Trátase dunha curiosa anta que atopei de casualidade mentres navegaba polos inframundos de internet. 

Por iso só pode dicir o que vexo a través da fotografía pertencente ao grupo sendereando.es.

Estamos diante dunha mámoa da que se aprecian os esteos da cámara e incluso do que pode ser a tampa ou cobertora. Culminando a estrutura arquitectónica aínda se pode ver a terra que formaba a mámoa.

Forma parte dun recorrido de sendeirismo que abrangue dúas rutas, unha realizada pola comunidade de montes (Roteiro dos tres vales) e a outra o GR 94. 




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DO RESTELO. Santa María de Cabanela, Navia de Suarna

ANTA-DOLMEN DO RESTELO.

Atópase formando parte dunha necrópole megalítica ubicada nos montes do Restelo, a uns 966 ms de altitude. Trátase de cinco mámoas que están ubicadas onde se xuntan as estradas de Becerreá, Navia de Suarna, Baleira e Fonsagrada. Non sabemos si algunha delas fai de marco de termo entre concellos e parroquias.

Seguendo a Xabier Moure (de quen collín a información e a fotografía), a mámoa que amosamos na fotografía, mide ao redor de corenta metros de diámetro. Amosa un gran funil de violación no que se asenta unha poderosa anta das do tipo poligonal con corredor corto e confórmase arquitectónicamente a través de sete esteos para a cámara e catro para o corredor. Non hai restos visibles da pedra cobertora ou tampa.

O estado de conservación é, como en tantos outros casos, lamentable.




Información e fotografía extraída do blog onosopatrimonio de Xabier Moure


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

sábado, 22 de decembro de 2012

ANTA-DOLMEN DAS PEDRAS. Mondariz-Balneario

ANTA-DOLMEN DAS PEDRAS.

Trátase dun curioso e raro exemplar posiblemente megalítico ubicado nunha área recreativa á beira do río Xabriña, parque-espazo natural.

Aí ubícase este dudoso exemplar definido como "monumento funerario megalítico prehistórico".

Só dispoño destas dúas fotografías polo que non podo asegurar a súa adscrición megalítica. Sen embargo pódense apreciar uns pequenos esteos que soportan a enorme pedra cobertora. Coroando o conxunto, enriba desa poderosa tampa, hai tres cruces chantadas, posible evidencia da cristianización do lugar. 

A pouca información que puiden conseguir procede da páxina web de turgalicia.







En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 16 de decembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SAN LOURENZO. San Mamede de Laraxe, Cabanas



PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SAN LOURENZO.

Trátase dun pequeno esteo que seguramente procede dunha anta e que hoxe aínda está revestido da aura das pedras que curan.

Parece ser que levaban aos enfermos -segundo conta Vales Villamarín- pola noite, preferentemente os venres, pero tamén os martes, ata o Marco ao que lle tiñan que dar nove voltas. Rezaban determinadas oracións e logo deixaban sobre o marco algunha esmola así como prendas dos pacentes, e diversas outras ofrendas como leite, pelo do gando, aceite...

Os enfermos (ao igual que na pedrafita do Seixo na parroquia de Torres en Vilarmaior) debían coller nove pedras nunha encrucillada e, unha vez diante do Marco, debianas tirar por enriba do ombreiro esquerdo cara ao Marco e mentres o facían debían recitar: "Tanto goce de mín que me queira mal, como eu gozo desta pedra. Un padrenuestro e unha avemaría polo poder de Dios e da Virxe María"

Por último, os ritos asociados ao Marco o están tamén á ermida, de xeito indisoluble. Os ofrecidos, antes de sair da casa, deixan unha vela e un bolo de pan cun coitelo clavado. Despois poden ir xa ao Marco onde se producirá a consabida curación.



Fotografía extraída do artigo,  VALES VILLAMARÍN, F.: "Estudio de un marco dolménico en Cesuras (Coruña) y las leyendas que generó" Anuario Brigantino, nº 22. 1999



 
I
maxe actual do Marco de San Lourenzo


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MONTE MEDELA. Santaia de Probaos, Cesuras

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MONTE MEDELA.

Para chegar: desde Santaia, onde hai dúas tabernas, ao pasalas, hai que coller un desvío á esquerda que baixa costaneiro. A menos dun quilómetro, hai que coller outro desvío á dereita no que hai unha sinal indicadora da ermida de San Xoán do Couto. A catrocentos metros atopamos á ermida.

O Pico da Medela atópase a 468 ms de altitude e, no lugar onde está asentado o Marco, eríxese unha pequena ermida adicada a San Xoán Bautista. Moi cerca emprazábase unha mámoa da que asomaban dous esteos da cámara. Segundo Vales Villamarín, un destes esteos salvouse porque fai de marco de termo entre as parroquias de Loureda e Paderne. Tamén conta que a tampa ou pedra cobertora do devandito monumento megalítico atópase no chan do palco da música.

O humilde Marco do Monte da Medela destaca, máis que polas súas características formais, pola cantidade de relatos lexendarios de que está rodeado. Por suposto, o número nove, número máxico onde os haia, aparece impertérrito e inconmovible nas lendas vencelladas ás tradicións máxico-curativas deste mínimo elemento que se engrandece cunha soberbia pátina de propiedades extraordinarias.

É unha visita recomendable desde moitos puntos de vista, tanto polos elementos reseñados como polas extraordinarias vistas: amplos horizontes recordan á inmensidade do universo...



Fotografía extraída do artigo, 
VALES VILLAMARÍN, F.: "Estudio de un marco dolménico en Cesuras (Coruña) y las leyendas que generó."
 Anuario Brigantino, nº 22. 1999


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!