mércores, 20 de febreiro de 2013

PEDRAFITA-MENHIR A COVA DA SERPE. San Miguel de Carballedo, Cotobade.

PEDRAFITA-MENHIR A COVA DA SERPE.

Atópase a uns douscentos metros da Castro a Cruz do Castro de Carballedo, xacemento escavado por Tito Concheiro que se pode adscribir á primeira Idade de Ferro. 

O marco que nos ocupa non está asociado a ningunha necrópole megalítica nin fai de lindeiro de fincas ou de parroquias, de xeito que pódese manter que está asociado ao castro mencionado antes. Sobresae uns sesenta centímetros aproximadamente e os veciños recórdano moito máis grande, polo que unha boa parte atópase enterrada debido á colmatación.

Na faciana que amosamos, como curiosidade, aparece debuxada unha cruz de malta.

A zona na que se ubica é pola contra, unha área na que aparecen moitos petroglifos e a uns metros debúxase un espectacular petroglifo coñecido tamén co nome de "Cova da Serpe". Para rematar, dicir que nesta área existe moito folclore ao redor dos mouros.






Petroglifos de Cova da Serpe, moi pretos da pedrafita. Os motivos xerais son círculos concéntricos. 

Información e fotografía de Tito Concheiro

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 15 de febreiro de 2013

ANTA-DOLMEN DE CHANCIA. San Cosme de Nullán. As Nogais

ANTA-DOLMEN DE CHANCIA

Como algunhas outras moitas veces, viaxando como os argonautas polas procelosas augas do tenebroso mar  de internet, atopei un elemento na páxina web Galicia Dixital que me chamou a atención. A reseña e as fotos pertencen a Luis Pérez Pombo.

Esta posible anta atópase nun lugar coñecido como Campo do Penedo, de xeito que  este singular elemento coñécese na parroquia co alcume de "O Penedo".




Segundo Luis Pérez, trátase dunha anta megalítica á que só lle está a faltar parte da pedra cobertora que ademais está formada por dúas grandes laxes de pedra caliza. A devandita tampa descansa enriba de tres enormes esteos que, na súa parte interior, son cóncabos. Este conxunto forma a estrutura arquitectónica.

 Non sabemos, polos datos de Pombo, si hai estrutura tumular e tampouco o tipo de cámara que debuxa. Así mesmo, tampouco sabemos absolutamente nada dun posible corredor de acceso. E tamén, segundo os mesmos datos, parece claro que tamén lle están a faltar boa parte dos esteos da cámara.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 10 de febreiro de 2013

ANTA-DOLMEN A PEDRA ALTA. Bermún, San Xián da Pereiriña, Cee

ANTA-DOLMEN A PEDRA ALTA. Cee

Non sei en que parroquia se atopa (anos despois descubrín que pode estar en Bermún ou ben na contorna da ermida de San Pedro Mártir) nin as medidas dos esteos que compoñen a estrutura arquitectónica desta fermosa anta. Segundo pode colexir a través da contemplación da fotografía, semella que estamos diante dun exemplar adscrito á tipoloxía das plantas desenvolvidas de xeito circular e cun incipente corredor, ou corredor pouco desenvolvido. 

Tamén, segundo o anterior criterio, a superficie da mámoa está recuberta de numerosas pedras, o que pode dar lugar á  consideración ou pervivencia dunha poderosa coiraza pétrea.

Segundo a información recollida no blog do amigo Xabier Moure Salgado (onosopatrimonio), a anta confórmase a través de seis esteos e outros dous para o corredor.

Asímesmo, na contorna da ermida de San Pedro Mártir existe unha pequena necrópole megalítica.



Fotografía extraida do blog onosopatrimonio, de Xabier Moure Salgado

ENLACE

https://cee.gal/gl/cee/historia/

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE ZO. Santa María de Cuntis, Cuntis

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE ZO.

Trátase dunha necrópole ubicada ao redor da Lagoa de Zo, adscrita á parroquia de Cuntis. Segundo a páxina web do Concello de Cuntis, esta zona coñécese co evocador nome ou topónico "Eira dos Mouros.

Desta mámoa só puiden conseguir a fotografía que vos amosa, que ten unha forma realmente curiosa: ademais de amosar unha forma cóncava ou imitando a forma dunha case bóveda no eixo vertical, semella como si nos extremos se debuxasen unha especie de muñóns ou escotaduras que lle confiren un aspecto -polo menos na fotografía- inequívocamente antropomorfo.

Non sei absolutamente nada das proporcións do esteo conservado, nin do tamaño da mámoa nin si conserva algún esteo mais da estrutura arquitectónica megalítica.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 8 de febreiro de 2013

ANTA-DOLMEN DE SANTA CRUZ DO SALTO. Santa Cruz do Salto, Cabanas.

ANTA-DOLMEN DE SANTA CRUZ DO SALTO.

A anta que nos ocupa está ubicada nunha necrópole sita na parroquia de Santa Cruz do Salto e está formada por  máis de 28 mámoas que abarcan varias parroquias. O grupo que nos ocupa denomínase Couto dos Golpes e está conformado por sete mámoas das que na maioría aprécianse grandes funis de violación e coirazas de pedra de granito. Nalgúns deles tamén se poden ollar restos dos esteos da estrutura megalítica da cámara.

O que nos interesa aquí do Grupo dos Golpes é a mámoa sinalada co número cinco, ubicada a unha altitude de 358 metros nunha zona na que predomina o monte baixo. No interior da mámoa, que mide ao redor de vintetres de diámetro e sobresae un metro e oitenta centímetros aproximadamente, aparece un funil de violación de cinco metros de alto e sesenta centímetros de profundidade, así coma  un esteo que posiblemente formase parte da estrutura arquitectónica que mide  vinte centímetros de alto por cincoenta e cinco centímetros de ancho, e no que aparece gravada unha cruz que acada unha medidas de  ao redor de quince  por dezasete centímetros.





Texto e fotografías extraídas do artigo "Túmulos prehistóricos no concello de Cabanas (A Coruña). Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos. Anuario Brigantino, 2007, nº 30.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 5 de febreiro de 2013

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA Nº 10 DE MÁNTARAS. Santa María de Mántaras, Irixoa

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA Nº 10 DE MÁNTARAS.

Para chegar. Subindo cara a Paderne desde a Ponte Vella de Betanzos, ao chegar ao máis alto, atopamos a fermosa ermida románica de San Cosme. Detrás deste sinxelo exemplar do románico galego exténdese unha gran necrópole. A maioría das mámoas non conservan restos da cámara á vista, excepto a sinalada co número 10 polo Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos.

Esta mámoa aséntase nunha extensa chaira a 412 metros de altitude nunha zona adicada a praderías e pastizais. A mámoa atópase moi alterada debido a labouras agrícolas e, no burato de violación sobresaen tres esteos da estrutura arquitectónica megalítica.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 3 de febreiro de 2013

ANTA-DOLMEN DA CRUZ DE BRAIS. Santa María de Xestoso, Monfero

ANTA-DOLMEN DA CRUZ DE BRAIS.

Atópase nunha zona alta e chaira do concello de Monfero, a uns 678 metros de altitude, nunza zona de monte baixo. A mámoa é das do tamaño medio grande acadando uns 23 metros de diánmetro e uns 2,20 metros de altura. O funil de violación acada un metro e medio de ancho máximo por uns setenta centímetros de profundidade.



Mámoa da Cruz de Brais. Fotografía do
Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos


O estado de conservación, aínda que bo a grandes grasgos, amosa unha gabia que o corta lonsitudinalmente e as obras dun cortalumes retiraron unha boa parte da masa tumular pola parte do  oeste, de xeito que queda ao descuberto parte da coiraza pétrea na que predominan os seixos.

No interior do burato de violación acocha  unha cámara megalítica composta por seis esteos visibles. Non hai restos da tampa ou pedra cobertora. Segundo a fotografía a planta probablemente sexa das poligonais tendentes a circulares con corredor pouco desenvolvido.


 
Anta da Cruz de Brais. Fotografía Grupo de Arqueoloxía
da Terra de Trasancos


Tanto o texto como as fotografías foron extraídas do artigo sinalado máis abaixo.


BIBLIOGRAFÍA

Túmulos prehistóricos no Concello de Monfero. Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos. Anuario Brigantino nº 27, 2004.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!