Amosando publicacións coa etiqueta Monfero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Monfero. Amosar todas as publicacións

martes, 30 de setembro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DAS MEIGAS. Carantoña (Miño) e Doroña (Vilarmaior).

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DAS MEIGAS


"La clave de la sabiduría es ésta: el cuestinamiento constante y frecuente, porque dudando somos llevados a cuestionar y cuestionando llegamos a la verdas."

Pedro Abelardo


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Esta nova e sorprendente pedrafita, atopada  documentalmente por Dolores González de la Peña e físicamente por Xabier Moure no ano 2024, é doblemente sorprendente para min por ser xa unha área na que hai elementos con rituais semellantes, tamén semellantes aos dun cruceiro e dun peto de ánimas da miña parroquia. Sorprendente porque na mesma zona aparecen outras dúas pequenas pedrafitas formalmente cos mesmos ritos, facendo de marcos de termo entre os mesmos concellos a saber, Miño e Vilarmaior (tamén Monfero). Pedrafitas ou marcos de termo, ou as dúas funcións, foron publicadas neste blogue: pedrafita-marco da Cartelida e pedrafita-marco de Torres. A primeira estudada polo miudo polo malogrado e inesquecible Papigil e a outra por min mesmo.

Nos blogues dos autores mencionados antes, sublíñase que se trata dun afloramento rochoso: desde aquí semella un bloque de sección rectangular abatido, tirado no chan. Probablemente me equivoque.


Fotografía de Xabier Moure no seu blogue onosopatrimonio.blogspot.com

O monolito foi atopado por Dolores González  nas actas de deslinde do ano 1924 entre os Concellos de Vilarmaior e Miño: aí cítase o Marco do Lugar Vello entre as parrroquias de Carantoña (Miño) e Doroña (Vilarmaior). Descríbese no documento como unha pedra de lousa de forma irregular que mide sete metros de lonxitude, setenta centímetros de altura e setenta e nove centímetros de latidude. Na parte superior remata con forma redondeada e amosa unha cruz "en la que se encontraron dos monedas de cobre." Cando pouco despois a atopou físicamente Xabier Moure, constatou que as medidas coinciden exactamente. No documento de amillaramento afírmase que o marco curaba diversas doenzas si se deixaba unha moeda sobre a cruz e para rematar habería que dar unha volta ao redor da pedrafita. Pero si roubasen as moedas, aquil que o fixera, levaría a enfermidade consigo.



Fotografía de Xabier Moure no seu blogue onosopatrimonio.blogspot.com

Pero ademais durante as súas pescudas, Xabier Moure enterouse de moitas mais cousas: non só se depositaban moedas, senon tamén roupa. Unha moza que non quedaba preñada, deixou aí os calzóns do seu home e semella que o remedio funcionou. Outro dato é que o que se pedise había que pedilo sen falar con ninguén e tamén se conta que desde aí óllanse sete igrexas. 

Estou dacordo con Dolores e Xabier ao considerar que o documento de amillaramento é excepcional: un documento oficial que describa (feito que non é habitual) o ritual non só de deixar as moedas, senon tamén o costume de deixalas sobre a cruz gravada; o que tamén confirma a antigüidade da pedrafita.

Para Dolores de la Peña o rito constata o feito de que os paisanos identifican a cruz de termo coa cruz cristiana e por iso practican o rito-conxuro da enfermidade nos lugares ancestrais que a eles lles parecían cristianos. Unha maneira de formar un culto sincrético que xurde do mais fondo raigame das tradicións galegas.

Para rematar, tanto o alcume Marco das Meigas como o Lugar Vello fan referencia a un espazo que estivo sempre e desde sempre no mesmo emprazamento e que por diversos motivos foi importante simbólicamente para os nosos devanceiros, ata o punto de convertelo nun marco de termo.


En Sigrás, nos primeiros días do outono de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES FUNDAMENTAIS E IMPRESCINDIBLES

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search/label/megalitismo

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html








luns, 31 de marzo de 2025

PEDRAFITA-MENHIR PENAS DO RAIO. San Fiz de Monfero, Monfero.

PEDRAFITA-MENHIR  PENAS DO RAIO



"El pino alto es sacudido con mayor frecuencia por los vientos; las altas torres caen con un estrépito más fuerte; y el rayo cae sobre la montaña más alta."

Horacio.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

Este para min novo elemento pedrafiteiro, é un mais dos que pasa a engrosar, non só a listaxe das pedrafitas galegas, senon tamén a listaxe dos cada vez mais abondosos elementos megalíticos do Concello de Monfero e, por ende, das Terras do Eume. Neste mesmo blogue xa incorporamos as Pedrafitas-menhir do Seixo e o Marco da Cartelida, así como a Anta-dolmen da Cruz de Brais.

A mais que probable pedrafita-menhir Penas do Raio, atópase enclavada na parroquia de San Fiz de Monfero, preto da aldea de Cal da Carballeira, a catrocentos noventa e cinco metros de altitude. A pouco mais dun quilómetro atópase a formación Castelo da Pluma.

Neste lugar, afloramento rochoso, eríxese unha pedrafita que a todas luces foi chantada e labrada pola man do home: labrada e desbastada ata conquerir a típica forma de fuso, a forma de pedrafita erecta, chantada, como tratando de acadar a luz...

Segundo Xabier Moure neste lugar estaba sentada unha moura, unha supoñemos fermosa elfa das nosas mámoas e castros, que, impertérrita, tiña como misión eterna vixiar o tesouro que se acochaba na cercana mámoa do Penedo Gordo. É interesante, para os nosos intereses intelectuais, que nas cercanías aparecen dúas mámoas, posible evidencia dunha necrópole megalítica á que a nosa pedrafita ten que estar vencellada.



Fotografía de Xabier Moure, onosopatrimonio.blogspot.com

Malia que non sabemos si a nosa posible pedrafita amosa unha composición a base de seixo, o seu nome danos elocuentes pistas sobre as súas potentes cualidades máxico-protectoras, sobre o seu poder para influir no tempo, e sobre todo no poder destrutor dos raios. 

Na Galicia, no soso inmenso país de lendas, as Pedras do Raio constituíronse sempre como elementos indispensables para poder defenderse das tempestades, das tormentas, do fenómenos metereolóxicos adversos, en definitiva. As Pedras do Raio adoitaban ser de seixo, que ten potentes propiedades para protexer do temible raio: tanto o seixo como outras pedras (talvez neste caso tamén) teñen a misión de medir as forzas das que depende o tempo.


Fotografía de Xabier Moure,
onosopatrimonio.blogspot.com

Pero pola súa forma fusiforme, fálica, é probable que a pedrafita estea vencellada tamén aos ritos de fecundidade: é unha forma na que se pode relaciónar a vida co tempo, feito que se deduce porque a supervivencia das sociedades tradicionais depende absolutamente da metereoloxía e, si esto é así, a vida tamén depende deses fenómenos incontrolables e temibles.

A toponimía ofrécenos pistas sobre esta pedrafita, sobre este pedra máxica tallada pola man do home, venerada probablemente desde a súa colocación neste lugar  durante a prehistoria. O xeito trascendente de poder coaccionar ao tempo outórgalle un carácter plenamente sacro. O nome propio, polas súas características e propiedades, permite vislumbrar a importancia destes elementos por, para e desde sempre.



OUTROS MOITOS E IMPRESIONANTES RECURSOS PARA VER EN MONFERO 

Pertencente á comarca de Terras do Eume xunto a Cabanas, A Capela, Pontedeume e As Pontes, atópase situado e inmerso no parque natural das Fragas do Eume. As Fragas son Lugar de Importancia Comunitaria, un dos mellores exemplos de bosque termófilo atlántico de Europa. Bosque de ribeira, biodiversidade, destacando a flora e a fauna: anfíbios, aves, mamíferos...



Vista aérea do Mosteiro de Monfero.


A Comarca amosa unha extraordinaria diversidade de dólmenes, pedrafitas, muíños, ermidas, castelos, cruceiros e mosteiros. Os roteiros, numerosos e variados, atópanse espallados por todos os municipios da Terra do Eume.



O río Eume, en plena Fraga do mesmo nome.


O Concello de Monfero oferta hoxe en día numerosos recursos de restauración, aloxamento así como interesantes roteiros e admirables exemplos de arquitectura civil, relixiosa e etnográfica.



Fachada principal axedrezada do Mosteiro de Monfero.

 
Destacamos, por suposto, o Mosteiro de Monfero o que, vencellado á familia nobiliar dos Andrade, a excepción da igrexa, conserva e estado case ruinoso o resto das dependencias monacais. Aínda así a visita é necesaria e indispensable.


En Sigrás, marzo de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES WEB E BIBLIOGRAFÍA

Alonso Montero e Almagro Gorbea: "As pedras sacras de Galicia". Ed. Fundación Monteagudo.

https://historiadegalicia.gal/2022/05/as-pedras-do-raio-como-os-galegos-quixeron-conquistar-as-treboadas-desde-o-paleolitico/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

Rafa Quintía: "Usos rituais do seixo no rexistro etnográfico e arqueolóxico de Galicia". Fol de Veleno.

https://es.scribd.com/document/674882207/Penas-Sacras-de-Galicia

https://www.blogger.com/blog/post/edit/8441542851340460340/8119359736176555661

https://www.viajablog.com/como-visitar-fragas-do-eume-galicia/

xoves, 14 de agosto de 2014

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA CARTELIDA. Vilachá, Monfero

EDRAFITA-MENHIR O MARCO DA CARTELIDA. Vilachá, Monfero.

Este pequeno marco de termo, marca a liña divisoria entre os concellos de Monfero e Vilarmaior, e tamén divide tres parroquias, dúas pertencentes a Monfero e unha a Vilarmaior.

A pedrafita Marco da Cartelida ubícase nunha pequena bagoada (depresión en pendente que percorre de SO a SL o Monte da Cartelida), nunha área adicada preferentemente a explotación forestal (eucaliptos) e, en menor medida, á agricultura (millo). A carón da pedrafita-marco discorre, así mesmo, o antigo Camiño Real que, desde Pontedeume, levaba a Monfero e a As Pontes. Os veciños denominábano como "Camiño dos Franceses". 




En canto ao contexto megalítico, no Monte da Cartelida ubícase unha necrópole da que descoñecemeos o número de mámoas. Atópase a uns trescentos metros. Incluso na zona consérvase o topónimo "Antas".

Formalmente, o Marco ou Pedrafita da Cartelida adopta forma xeral cilíndrica, diminuindo a medida que vai ascendendo á croa. En canto á altura, son sobresae máis de oitenta e tres centímetros e medio. A feitura e moi tosca, sen ningún tipo de puído; a parte superior e máis redondeada e, cerca da croa, debúxanse dúas posibles cazoliñas que non acadan de diámetro máis de tres centímetros.




Aínda que se trata dunha pedrafita de pequenas dimensións, talvez o máis interesante refírese á súa potencia etnográfica, como acontece, curiosamente, coa maioría dos marcos que nos últimos anos fóronse dando a coñecer por esta parte septentrional do Golfo Ártabro. Efectivamente, segundo as novas recollidas por Ángel Gilberto Martínez (Papigil), logo das súas pertinaces pescudas, a tradición oral relata que o Marco ofrece solucións sanatorias para diversas enfermidades tradicionais como o mal de ollo e o meigallo. Así, pódese destacar a súa virtude para solucionar os inconvintes que producen estas enfermidades. Actualmente, seguindo a información recollida por Ángel, non hai noticias de que isas prácticas rituais-sanatorias se sigan practicando.




Segundo a fecunda información recollida e proporcionada a Ángel por Rafael Doval Vázquez (veciño da zona) o ritual máxico-simbólico, que se realiza na pedrafita consiste no seguinte: o veciño que padeza o mal de ollo ou o meigallo, debe achegarse á pedrafita na medianoite e dar sete voltas ao seu redor. A continuación, en ofrecemento ou pago, debe enterrar unha moeda no chan e, por último, abandonar o lugar de costas á pedrafita (sen mirar nunca cara a ela) e alonxándose  seguindo unha ruta diferente á da ida. Para que o cerimonial dé o resultado apetecido, no traxecto de volta non se pode falar con ninguén.










Fotografías e información xeral proporcionadas por Ángel Gilberto Martínez ("Papigil") en espera da publicación do seu espléndido artigo titulado:  "Marco da Cartelida. Contextualización dun Marco de Termo contra o Meigallo e o Mal de Ollo".


Para rematar con este pequeno apuntamento sobre a pedrafita da Cartelida, hai que dicir que, á parte da memoria que aínda se conserva sobre este ritual vencellado indisolublemente á pedrafita, o mesmo atópase recollido polo ilustre antropólogo aragonés Carmelo Lisón Tolosana no seu libro "Antropología Cultural de Calicia", Cap. III, páx.. 123 a 124. Ed. Akal. Recollemos aquí o párrafo proporcionado por Papigil:

"(...) ´Aquí (Portocobo, Monfero), a 50 metros de esta casa hay un marco que es el que divide las parroquias estas toda`. Se trata de un punto en que según los informantes limitan las parroquias de Vilachá, Taboada y Grandal y que está realzado por una piedra clavada en el suelo. A él van a medianoche tres personas, dos acompañando a la enferma, cuya dolencia procede de la envidia de otra persona, está enmeigada. Cumplido el ceremonial, la envidia queda vencida y desaparece el malestar. La envidia mutua de los vecinos, sus disensiones internas, quedan destruidas y trascendidas en el punto de unión de tres parroquias".


Información e fotografía aportadas por Xabier Moure Salgado:




Uns días despois de publicar esta entrada, o amigo Xabier Moure (onosopatrimonio) envioume, curiosa e casualmente, nova información sobre este marco do que ata estes momentos pouco se sabía. É así que esta última información ven a complementar e a completar a información xa procesada. En poucas palabras, as novas de Xabier Moure pódense resumir do segunte xeito: en primeiro lugar, a pedrafita atópase no camiño que vai á Casa da Cartelida, actualmente en ruínas. Segundo as informacións recollidas por Moure, a pedrafita ten propiedades curativas que abarcan desde o meigallo ata todos os problemas de saúde que provoca o mal de ollo.

Parece ser que o marco foi derrubado hai algún tempo por unha máquina que preparaba o terreo para unha plantación de eucaliptos, pero que pouco logo foi rechantado no mismo lugar polo señor Manuel, descendente dos moradores da abandoada Casa da Cartelida. Como informante, o señor Manuel contoulle a Moure que cando era un neno moi pequeno, ao non parar de chorar, a súa avoa colleuno e levouno ata o marco: despois de dar unhas cantas voltas ao redor del, tranquilizouse e parou de chorar. Na zona, segundo outra noticia do señor Manuel, vivía unha muller moi pobre de xeito que, cando ninguén a vía, achegábase ao marco e "recollía" os patacóns que a xente deixaba xunto o marco e, para que non lle acontecera desgraza algunha por roubar os cartos, mercaba mixtos e prendíalles lume para que o mal que facía ardera. Un informante de Gulpilleira relatoulle que cando calquera persoa estaba de mal humor, adoitábanlle dicir: "Vaite dar unha volta arredor do Marco da Cartelida para ver si acougas".

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 3 de febreiro de 2013

ANTA-DOLMEN DA CRUZ DE BRAIS. Santa María de Xestoso, Monfero

ANTA-DOLMEN DA CRUZ DE BRAIS.

Atópase nunha zona alta e chaira do concello de Monfero, a uns 678 metros de altitude, nunza zona de monte baixo. A mámoa é das do tamaño medio grande acadando uns 23 metros de diánmetro e uns 2,20 metros de altura. O funil de violación acada un metro e medio de ancho máximo por uns setenta centímetros de profundidade.



Mámoa da Cruz de Brais. Fotografía do
Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos


O estado de conservación, aínda que bo a grandes grasgos, amosa unha gabia que o corta lonsitudinalmente e as obras dun cortalumes retiraron unha boa parte da masa tumular pola parte do  oeste, de xeito que queda ao descuberto parte da coiraza pétrea na que predominan os seixos.

No interior do burato de violación acocha  unha cámara megalítica composta por seis esteos visibles. Non hai restos da tampa ou pedra cobertora. Segundo a fotografía a planta probablemente sexa das poligonais tendentes a circulares con corredor pouco desenvolvido.


 
Anta da Cruz de Brais. Fotografía Grupo de Arqueoloxía
da Terra de Trasancos


Tanto o texto como as fotografías foron extraídas do artigo sinalado máis abaixo.


BIBLIOGRAFÍA

Túmulos prehistóricos no Concello de Monfero. Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos. Anuario Brigantino nº 27, 2004.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

luns, 10 de setembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SEIXO. San Xurxo de Torres, Vilarmaior.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SEIXO.

Catalogada  no ano 1998. GA15091005

Esta mañá lenvanteime ás 09:30  e prepareime para unha pequena excursión megalítica. Entre unhas cousas e outras non din saído ata as 10:30. Collín a autorestrada do Atlántico, cousa que non recomendo, e, en Guísamo, tomei dirección cara a Ferrol. Pouco despois collín a saída de Miño, onde principiaron unhas interesantes peripecias matutinas.




O destino foi, ou era, un marco de termo que xa visitei hai uns cantos anos e unhas cantas veces. Sen embargo, debido a diversos avatares, sempre misteriosos e inexplicables, acabei perdendo tanto as imaxes fotográficas como os datos técnicos obtidos despois desas visitas. O destino era o Marco do Seixo, sito entre os concellos de Vilarmaior e Monfero.




Para chegar. Desde o centro de Miño hai que coller a estrada que vai a Bemantes e Vilarmaior (AC-1160). Logo de pasar Bemantes, chégase á Feira do Tres: uns trescentos ms máis adiante hai que coller un desvío á esquerda (DP-5004). Despois de percorrer uns catro quilómetros, aparece un cruzamento  (parroquia de Torres) onde ubícase  á dereita o Café Bar Casa Menguxo. Hai que deixar atrás este cruzamento e o bar e, sen desviarse, pasamos cerca da Casa do Concello, do Campo de fútbol municipal e despois á beira doutro campo de fútbol. Un pouco despois (unha vez percorridos uns tres quilómetros desde o bar) aparece unha caseta do autobús á dereita nunha suave baixada: inmediatamente despois, sae unha pista estreita e asfaltada á dereita. Desde aí ata a pedrafita aínda non hai un quilómetro.




A pedrafíta atópase no medio dun cruzamento e fai de marco de termo separador entre dous concellos (Vilarmaior e Monfero) e tres parroquias (Torres, Vilachá e Monfero). Ubícase xusto no cambio de vertente, onde a aba do monte cae a chumbo. Moi preto, nunha aliñación orientada de leste a oeste, atópase unha necrópole megalítica composta por tres ou catro mámoas. Si esta é unha pedrafita, está a comprir algunhas das constantes en canto ao emprazamento que se poden ollar en moitas outras pedrafitas galegas.




Por ese cruzamento serpenteaba o antigo Camiño Real que transitaban os veciños para trasladarse co gando e con todo tipo de mercadurías á Feira da Viña no Concello de Irixoa. Do mesmo xeito, era o lugar de tránsito axeitado que levaba á Feira do Tres en Vilarmaior.
Temos diante un bloque monolítico que acada unha altura máxima de un metro e vinte centímetros, sen contar a parte que queda enterrada. A súa forma xeral é triangular apuntada, sendo a súa superficie traballada e alisada para conferirlle a forma. O lado norte é recto, mentras que o asimétrico ofrece unha certa forma convexa.. No chan, no lado do norte, descansa unha lousa plana e irregular duns cincuenta centímetros de lado: semella facer de calzo da pedrafita.  A forma é tendente ao cilindro, aínda que tamén se pode interpretar con certa tendencia, na planta, ao triángulo. Segundo os seus "catalogadores" a pedrafita foise enterrando co paso do tempo, pois antes de arranxar o Camiño Rela, acadaba unha altura de máis de 1,80 metroe.

En todo caso pódense distinguir catro caras. A cara norte, cuberta de diversos líquens, é lixeiramente abonbada e nela aparecen unha serie de oquedades que ben puideran ser cazoliñas. Na cara do sur aparecen dous cruciformes; na cara do leste debúxanse unha "M" e unha "F" que poden aludir ao concello de Monfero, para sinalar os lí9mites. Por último, a cara do oeste é a máis basta e nela non localicei ningunha gravura de interese. O perímetro da base é de cento doce centímetros e no alto, máis estreito, posto que vai diminuíndo en grosor adoptando unha forma cónica, acada uns noventa centímetros.


Posiblemente boa parte das inscricións que se atopan por todas as súas caras sexan marcas do Couto de Monfero. López Sangil, a partir da documentación medieval, fala do Marco das Lobeiras que posiblemente se refira a esta pedrafita posto que o monte que a rodea chámase Monte das Lobeiras.

Na cara do sur é onde se atopan o maior número de motivos con representacións gráficas como cazoletas, cruces e unhas gravuras lineales que percorren toda a pedrafita. Todos estes motivos posiblemente sexan de adscrición prehistórica. 




Unha vez feitas as medicións que considerei apropiadas, dada a premura de tempo, retrocedín cara ao cruzamento de Torres, onde está a Casa Menguxo. A intención era tomar un café e dapartir cos posibles parroquianos. Tiven sorte.

Efectivamente, no establecemento estaban dous veciños e o dono do bar: dous homes e unha muller. Pouco a pouco fun entrando en conversa e tamén pouco a pouco funos levando cara aos meus intereses megalíticos. Esto foi o que conseguín sacar á luz:

En primeiro lugar contáronme que antes o camiño era unha profunda corredoira. Cando iniciaron o asfaltado a intención era a de eliminar o Marco pero que grazas á teimuda resolución e terquedade dun veciño do lugar do Seixo, en Monfero, decidiuse finalmente que o Marco permanecería no seu lugar de sempre.

A señora (Julia González Sanjurjo) que estaba tomando un café e unha madalena, resultou a máis fecunda relatora ou informadora debido a que se acordaba moi ben dos contos que lle contaba a súa nai xa falecida. Era tamén a máis xoven dos tres contertulios fortuitos.




Contoume, xaquelogo, que  os veciños da bisbarra utilizaban o Marco para curar diversas enfermidades tradicionais, tanto para o gando como para as persoas. O proceso era o seguinte: había que dar nove voltas ao Marco para espantar calquera mal ou meigallo. En cada volta tamén había que tirar  unha moeda de costas á pedrafita. Tamén se tiraban, sempre para atrás, pedras de seixo ou de cuarzo. Si alguien collía as moedas, o meigallo ou a enfermidade podíase volver contra el. Dicir que, aínda así, os cartos sempre desaparecían.
Pero hai máis: Julia conta que nin hai trinta anos aparecían ao redor do Marco moitas follas de diversas árbores que estaban traspasadas por afinetes e/ou agullas, moitas veces dobladas. Sen dúbida eras conxuros de diverso tipo.

Para as enfermidades do gando, por exemplo, si tiñas unha vaca enferma, debías levar un pucheiro con leite de catro tetos e calquera que pasara por alí tíñao que romper para que o rito curativo dira o resultado apetecido.



Tamén se deixaban frascos que contiñan azufre, posiblemente un prodixioso remedio contra o mal de ollo ou contra outras moitas enfermidades humáns ou animais de carácter tradicional.

Era normal que a xente que ía co gando cara a calquera das feiras, procedese a dar as devanditas nove voltas ao redor da  pedrafita coa intención de influir na sorte á hora dos intercambios feirais.

En fin, logo destas suculentas informacións despedínme dos meus inopinados contertulios sobre as 12:30, levando comigo unha agradable sensación de felicidade.

Un último apuntamento refírese á apariencia fálica obtida a través dalgunhas destas instantáneas, aínda que nas informacións anteriores non saira nin unha soa vez alusión algunha acerca dos ritos de fertilidade.

Para rematar, só me queda agradecer senceiramente a Julia González Sanjurjo, a Andrés García e a Jesús García (Suso), a súa paciencia para responder ás miñas teimudas, recalcitrantes e, ás veces, inxenuas  preguntas.










Fotografías realiadas por
Ramón Boga o 10 de setembro de 2012















Fotografías realizadas por
Ramón Boga Moscoso o 16 de setembro de 2008.