xoves, 13 de decembro de 2012

ANTA-DOLMEN DE ZARRAMACEDO. Bando, Santiago de Compostela

ANTA-DOLMEN DE ZARRAMACEDO OU DAS DERRAMADAS. Bando, Santiago de Compostela.

Tamén se denomina Dolmen das Derramadas e atópase nunha zona de monte baixo adicada a labouras agrarias.



Fotografía da
páx. web megalitos.arqueoloxico.com


Trátase dunha cámara megalítica que perdeu todo o recubrimento tumular, polo que hoxe só se pode ollar o que queda da estrutura arquitectónica devandita. Conserva oito dos nove esteos que a estaban a conformar e debuxa unha cámara adscrita as do tipo poligonal con tendencia lixeiramente circular.


Planta da Anta de Zarramacedo


O eixo lonxitudinal L-O, acada  un metro e oitenta e cinco metros de lonxitude, e o eixo transversal atinxe unha lonxitude dun metro e cincoenta e cinco centímetros. A altura da cámara na parte visible vai de entre os setenta centímetros ata un metro e vinte. Todos os esteos amosan unha clara inclinación cara ao interior.


Información extraída do 
Plan Xeral de Ordenación Urbana
de Santiago. Ver Bibliografía


ANTAL-DOLMENES DA SERRA DO ÉDRAMO. O Incio, Lugo

ANTAS-DOLMENES DA SERRA DO ÉDRAMO.


Anta da Serra do Édramo 3

Trátase dunha mámoa de pequeno tamaño na que se insiren os restos de varios esteos que conformarían a cámara megalítica.

A mámoa acada, nos eixos meirandes, entre 12 e 13 metros aproximadamente. De altura non sobresae os dous metros.


Fotografía de Cándido Rico. Pax. web 
megalitos.arqueoloxico.com
                                 

Anta da Serra do Édramo 4

Estamos diante dunha mámoa un pouco máis pequena que a anterior que acada nos eixes uns dez metros por doce ms con setenta cms aproximadamente. A altura tampouco chega aos dous metros. Tamén está a conservar algún dos esteos que conformaban a estrutura arquitectónica megalítica.



Fotografía de Cándido Rico,
na páx. web megalitos.arqueoloxico.com

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 14 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO CHAN DO MARCO. A Franqueira-A Cañiza-As Neves

PEDRAFITA-MENHIR DO CHAN DO MARCO.

Atópase na serra do Paradanta, no límite entre os concellos de A Cañiza e das Neves. Trátase dun marco que, á parte de dar nome a esta chaira, ten propiedades milagreiras relacionadas cos ritos de fecundidade, sobre todo coas rogativas da choiva ou do sol.




Forma un conxunto de dous esteos que están marcados con cruces de diversos tamaños. Unha é máis pequena e está deitada no chan coa cara na que hai gravada unha cruz mirando cara arriba. A súa forma é piramidal. A outra pedra atópase chantada verticalmente enriba da outra e en tres das súas caras amosa unha cruz gravada. Tamén ten forma piramidal. Segundo Fernández de la Cigoña, a posición facía que cadrasen as cruces da pedra dabaixo coa da pedra erqueita, feito absolutamente necesario se se precisaba o bo tempo. 


Fotografías de Fernández de la Cigoña. Ver bibl.



A pedra que está de pé, atópase na banda de Franqueira, pero cando necesitan que haxa choiva lévana a un regato que se atopa na parroquia de Batalláns, concello de As Neves.

BIBLIOGRAFÍA

Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez: "O poder das pedras. O mito da fecundación en Galicia" AGCE e IGEM. Mos 2003.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITAS-MENHIRES DA PORTELIÑA DE TOMONDE. Santa Mariña de Tomonde, Cerdedo-Cotobade.

PEDRAFITAS-MENHIRES DA PORTELIÑA DE TOMONDE.

Son coñecidos tamén co nome de "Os Santiños de Tomonde" e trátase de dous curiosos e raros menhires de dificil encadre dentro da tipoloxía xeral das pedrafitas galegas. Si efectivamente se adscriben crono-culturalmente ao megalitismo, estaríamos diante dalgún dos casos máis raros de elementos megalíticos no ámbito europeo. Pódese dicir que son pedrafitas "vivas", en continuo movemento, cambio: poden alongar o seu tamaño en virtude das necesidades. Tamén hai que dicir que non se precisa o seu traslado para os ritos de fecundación.



Pedrafita de Tomonde femia. Fotografía de Fernández de la Cigoña, ver bibl.

Atópanse moi preto (a uns setecentos metros) da igrexa parroquial de Santa Mariña de Tomonde, nas ladeiras do Monte da Porteliña. O seu lugar de ubicación é unha gran laxe de forma case circular e moi lisa.

Da parella de pedrafitas, unha é considerada a femia e outro o macho, condición absolutamente necesaria para que o rito sexa efectivo. O macho ten forma de cilindro e mide case dous metros, e componse por moitas pedras colocadas unhas enriba das outras. A femia non é tan alta e amosa figura xeral de cono: a súa altura é de un metro e corenta centímetros. Sen embargo hai que dicir que as medidas son variables, posto que unhas veces engádenselle pedras e outras sácanse en función das necesidades de auga ou de sol. 

Á parte de ser indespensables nas rogativas de choiva ou sol, os santiños tamén teñen a propiedade de evitar as chispas ou os raios...



Os Santiños de Tomonde, femia e macho. Fotografía de Fernández de la Cigoña.


BIBLIOGRAFÍA

Estanislao Fernández de la Cigoña e Núñez: "O poder das pedras. O mito da fecundación en Galicia" AGCE e IGEM. Mos 2003.

sábado, 10 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DA PENA LONGA. San Pedro de Canaval, Sober

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DA PENA LONGA.

A pedrafita do Marco da Pena Longa foi o marco de termo que delimitaba as parroquias de Canaval, Neiras, Refoxo e Mañente, no concello de Pantón.

Descubriuse cando se realizaban as obras dun paso da vía férrea e foi inmediatamente trasladada ao Museo Provincial de Lugo para a súa conservación.



Fotografía proporcionada por
Xabier Moure Salgado en maio de 2014.

Trátase dunha poderosa pedrafita que acada unha altura aproximada dun metro e setenta e seis centímetros. Amosa unha apariencia de formas achanzadas e redondeadas como se fose pulida, con varias cazoliñas alineadas. Tamén amosa diversos sucos e o que se pode denominar "círculo prepucial" que coroa o elemento e que lle da unha certa impronta fálica. O que podemos dicir desde aquí é que desde logo é un claro rebaixe ou escotadura artificial.

Segundo os veciños este era o marco divisorio dos señoríos das casas dos Andrade e dos Tor.




Fotografías: coladovento.blogspot.com.es


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR DE TOALDE. Santiago de Louredo, O Sabiñao

PEDRAFITA-MENHIR DE TOALDE.

Nas brumosas terras do Saviñao, á beira dunh cierre, nunha propiedade privada (Angelito, o canteiro da pedra) atópase ergueita esta singular pedra que ben podería pasar a engrosar o xa elevado número das pedrafitas galegas. Aínda así, non podo testemuñar desde aquí a súa adscrición crono-cultural, e dubido que se poda facer algún día.

Atópase, dicía, ubicada a carón da estrada que leva a Buxán e mide ao redor de tres metros de altura e nas súas caras non se aprecian a simple vista restos algúns de gravuras.



Fotografía de Xabier Moure en o noso patrimonio, blog



MAIS INFORMACIÓN:



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO, DA PICOTA OU DO ABELLÓN. Santa Isabel de Camposancos, A Guarda

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO.

Tamén é coñecida como pedrafita da Picota ou pedra do Abellón. Fai e fixo de marco de termo entre as parroquias de A Guarda e Camposancos. Aínda que hoxe non está no seu lugar orixinal -foi trasladada uns metros- sabemos que á súa beira transitaba o vello Camiño Real, camiño costeiro, camiño do mar... mesmo ao pé do impoñente Castro de Santa Trega. 

O nome da Picota ten que ver co axustizamento de reos, cuxas cabezas quedaban penduradas no marco.

A pedrafita aparece moi erosionada, precisamente debido aos fortes ventos marinos que a acompañan continuamente. Debido a esto case xa non se aprecian as moitas cazoliñas que cubrían a súa faciana. Aínda que antiguamente foi moito máis alta, na actualidade acada máis de dous metros.



Fotografía e información proporcionada por
 Alberte Alonso Fernández




Fotografía de megaliticiablogspot.com


Fotografía de www.paxinasgalegas.es


ENLACES

https://www.paxinasgalegas.es/pedra-do-abellon-642058em.html
https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/pedra-do-abellon.html
http://www.xoanarcodavella.com/search?updated-max=2025-03-08T09:12:00-08:00&max-results=7&start=51&by-date=false

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!