venres, 31 de xullo de 2026

ANTAS-DÓLMENES DE AXIAZ. Santa María de Ventosa, Agolada

ANTAS-DÓLMENES DE AXIAZ

POR TERRAS DE VENTOSA: RUTA MEGALÍTICA DE AXIAZ.


"Sólo hay una guerra que puede permitirse el ser humano: la guerra contra su extinción."

Isaac Asimov


Panel cos debuxos das antas da Ruta Megalítica de Axiaz.

Voltamos ao Concello de Agolada, a esta terra dezana espectacularmente rica en xacementos arqueolóxicos e onde destacan con importancia de seu tanto as estacións de petróglifos como as necrópoles megalíticas, que salpican absolutamente todo o seu territorio. Non é a primeira entrada que adico a estas terras, pero é a primeira vez que o enfoque vai ser distinto, un enfoque que pode permitir coñecer un recuncho do Concello de Agolada a nivel megalítico, mediante o desenvolvemento dunha ruta mais ou menos pormenorizada que encadra unhas poucas necrópoles moi próximas entre sí.


Situación das antas da ruta. A Anta Cima da Costa
atópase dentro dos límites do Concello de Rodeiro. Google maps.

Malia que esta entrada leva o título de Antas-dólmenes de Axiaz, permitínme a licencia de engadir dúas antas que, pola cercanía, merecen estar nesta ruta: a Anta da Cima da Costa que pertence ao limítrofe Concello de Rodeiro (parroquia de Santa María de Guillar) e está moi preto da imaxinaria línea de fronteira na mesma chaira dos montes de Axiaz; e tamén unha anta da Necrópole da Portela, pertencente á parroquia de San Miguel de Gurgueiro, ao norte da chaira de Axiaz, sen comunicación directa, que eu saiba. Son dous exemplares que, pola súa cercanía,  considero que deben aparecer necesariamente nesta ruta megalítica.



Vista do Lugar de Axiaz. Fotografía de Ángel Utrera, na entrada "Aldeas con  corazón. Axiaz-Río-Vilar-Treilamas", do blogue ospendellos.blogspot.com

A meirande parte das antas que amoso xa foron publicadas neste blogue en sendas entradas, a primeira en xullo de 2012 e a segunda (Cima da Costa) en setembro de 2025. Co paso do tempo, e coa distancia, creo que é mais proveitoso e fecundo  ir construindo entradas ao redor de rutas megalíticas, posto  que as antas case nunca están illadas senon que forman agrupacións ou necrópoles, de xeito que a publicación en roteiros pode axudar a comprender mellor este extraordinario fenómeno arqueolóxico: o horizonte megalítico galego. Revisitar, ademais, estes exemplares tamén permite  albiscar o seu estado de conservación ao longo do tempo, e do mesmo xeito incorporar novos elementos que antes descoñecía. Para esto foi fundamental a ruta proposta por Alex Negreira no seu extraordinario blogue megaliticiablogspot.com.

Efectivamente, a ruta por terras de Axiaz, na parroquia de Ventosa, engade a necrópole da Portela (a mais lonxana, na parroquia de Gurgueiro), a necrópole central do Coto do Cornellal, Cima da Costa, As Namelas e a Chaira do Medio. Intentarei amosar e describir once cámaras megalíticas, algunhas en irregular estado de conservación, susceptibles de ser visitadas e contempladas en todo o seu primitivo esplendor. Precisamente o estado de abandono de todas elas lévame a elevar un berro de protesta e denuncia. Si esta entrada vale de algo, espero que sexa para que as autoridades competentes solucionen a súa situación de total e absoluto abandono, tendo en conta ademáis que algunhas delas teñen o nivel de máxima proteción ao seren declaradas BIC.



Agolada na Comarca do Deza. Extraído de:
https://canedo.eu/Comarcas/PONTEVEDRA/3_Deza.html

O estudo detallado do conxunto arqueolóxico do Coto do Cornellal (centrado nos paneis de petróglifos e nas mámoas) foi realizado e dado a coñecer polos traballos de catalogación e prospección ralizados entre os anos 2001 e 2004 polo Departamento de Historia 1 da USC. O obxectivo central deses estudos de investigación foi a comprobación da interación entre as "mámoas e o medio físico e o entorno socioeconómico, e os cambios producidos nesta relación ao longo do tempo."


Mapa do Concello de Agolada coas súas 24 parroquias e
os concellos límitrofes.

O Coto do Cornellal (ao que aquí engado, repito, varias áreas adxacentes) debuxa unha penechaira que se alza ao sur do lugar de Axiaz e ao norte do río Turubelo. Á grande cantidade de paneis de petróglifos catalogados, hai que lle engadir tamén a extraordinaria densidade de mámoas.



Panel de petróglifos do Coto do Cornellal.
Fotografía megaliticiablogspot.com

A necrópole das Namelas localízase moi preto do Coto do Cornellal, como dicía antes, próxima tamén ao lugar de Axiaz. Nesta área  atópase da devandita necrópole do Cornellal, a Mámoa da Chaira do Medio, a Mámoa da Cima da Costa, a Mámoa do Turubelo..., a unha altitude de mais de quinientos metros nunha aba que descende paseniñamente na orientación norte-sul ata o río Arnego. Na outra beira do Val de Camba atópase o famoso conxunto da Chan da Cruz (Parada de Alperiz-Lalín) moi preto tamén doutras necrópoles do límitrofe Concello de Rodeiro.


Unha imaxe das ruta das Sobreiras no río Arnego. Fotografía:
es.wikiloc.com/rutas-senderismo

A meirande parte das mámoas e das antas que entran neste pequeno gran percorrido son en xeral de cativo tamaño (de entre quince e vinte metros  de diámetro máximo) e ao redor dun metro para a altura. No Coto do Cornellal, dunha ducia de antas, só dúas non tiñan evidencia de cámara megalítica. Na necrópole das Namelas, a mámoa número 1 foi destruida vai uns anos e correspondía a unha cámara poligonal  conformada con seis esteos.


Planta versión propia da desaparecida Anta das Namelas 1.

Pola súa ubicación, en xeral, as mámoas parecen estar vencelladas a vías de tránsito tanto nos seus ámbitos de  acceso como no  interior: non só dominan o territorio, senon que tamén se dispoñen sobre as rutas e as  liñas de tránsito que se localizan na parte do noroeste. 


A Ponte dos Cabalos sobre o río Arnego. O Camiño Real,
talvez o primitivo camiño prehistórico que comunicaba con Ventosa.
Fotografía de: ospendellos.blogspot.com/2017

Por iso nas conclusións de Fábregas-Penedo (ver bibl.), considérase que é este un importante nó de comunicación entre o Val do río Arnego no suroeste, a área de Axiaz e, seguindo as estribacións na direción leste, as terras altas que forman parte da Dorsal Galega. Sería polo tanto unha ruta que comunica as necrópoles desde Parada de Alperiz ata a Serra do Farelo. Por iso para estes autores o punto central, o Coto do Cornellal, é o lugar de distribución tumular, a charnela, acompañado doutros lugares case anexos como As Namelas, Chaira do Medio, Cima da Costa, Mámoas da Portela, etc.


Calco dun dos esteos da Anta de Os Muíños,
Extraído de Fernando Carrera Ramírez, ver bibl.

A importancia do horizonte megalítico do Concello de Agolada é absolutamente extraordinaria tanto en canto á densidade de mámoas como á calidade das cámaras megalíticas que aínda se están a conservar: moitos dos esteos destas cámaras conservan importantes restos de pinturas (Anta de Muíños), decoración con gravuras tanto xeométricas (Chaira do Medio) como antropomorfas (As Namelas). En  canto á densidade, hai catalogadas mais de duascentas trinta mámoas e supoñemos que irán aparecendo mais. Destacan, ademais das que amosamos nesta ruta, as necrópoles das Mamuelas con seis mámoas, a necrópole de Coitimil tamén  con seis mámoas, as Mámoas do Monte de San Miguel de Vilanova (Borraxeiros) composta por vinte mámoas, a do Alto de San Miguel de Vilanova con sete, a necrópole da Chaira de Acedo, a esquecida Anta de Muíños... Unha auténtica barbaridade, un concello plagado destes senlleiros monumentos que corren perigo diario de desaparición debido sobre todo ao abandono, a falta de atención e ao descoñecemento. 


Anta da Necrópole de San Miguel de Vilanova, Borraxeiros
Fotografía de http://www.gepn.eu/proyectos/comarca-de-deza/

A toda esta inmensidade megalítica hai que lle sumar mais de noventa paneis de petróglifos, ao redor de quince castros, restos romanos, sartegos antropomorfos, unha boa representación de arquitectura románica, arquitectura tradicional, etnografía, paraxes singulares, pazos, pontes...


Panel de Petróglifos do Coto da Aspra, preto do Coto do Cornellal.
Amosa sete puñaise sete alabardas.
De patrimoniogalego.net, as fotos son de Alex Negreira.

Malia todo iso, unha xeira de apaixoados defensores desas terras están a denunciar e dar a coñecer todos estes monumentos a través de estupendas páxinas web, blogues..., persoas extraordinarias como Manuel Busto, González Alén ou Ángel Utrera, entroutros. A miña mais sinceira admiración por estas e outras persoas grazas as que puiden descubrir moitas das antas que hoxe amoso neste blogue. Sen dúbida Manuel Busto Galego, historiador incansable das cousas de Agolada e impulsor necesario da recuperación dos Pendellos (e da Anta dos Muíños), é o causante, a través dos seus escritos, do meu interese e atención por estas marabillosas terras. Pero deixemos falar a un auténtico amante e coñecedor de Agolada:


Camiño do Alto do Farelo. Fotografía de wilkiloc (ver enlaces).

"E mesmo en Agolada, os de Axiaz, lugar absolutamente mítico, cheo de guiños e referencias ao pasado, os mouros e as súas lendas de agochados e sempre baixo a atenda vixía do Farelo, alá no horizonte. Axiaz ten todo o que alguén pode desexar e buscar para perderse e devagar polas corredoiras, saltar entrelas pedras, percorrer enlamadas congostras e corredoiras, deixarse ir polas ribeiras e regos dos seus regatos, embriagarse polo cheiro doce das xestas...,"

Ángel Utrera:  Ao pé do Farelo. Desde Agolada-Pontevedra
https://ospendellos.blogspot.com/2016/03/mamoas-do-campo-das-mamos-agolada.html

Cando estaba a rematar esta entrada introductoria da ruta, o 31 de xullo de 2026, chegoume unha nova do xornal La Voz de Galicia onde se denuncia o abandono total e absoluto da Anta de Muíños. A nova denuncia o estado de abandono da maior parte dos xacementos arqueolóxicos da Terra do Deza, neste caso os de Agolada. A denuncia parte precisamente de Ángel Utrera que denuncia o estado lamentable en que está unha anta declarada BIC, sobre todo debido á calidade das pinturas murais que conserva no interior da cámara. As imaxes de Utrera son un testemuño elocuente do esquecemento por parte das autoriadades competentes.



Fotografía de Ángel Utrera en La Voz de Galicia, 31 de xullo de 2026.
Nin siquiera ase olla ben o panel informativo.


AGOLADA, GLOSA A UN CONCELLO DEZANO

A Comarca do Deza atópase no centro de Galiza, dentro da bacía do Ulla ao norte, e pola Dorsal Galega e as súas estribacións nas partes restantes. Ao norte, pola Serra do Farelo, Agolada linda co Concello de Antas de Ulla. O Ulla, precisamente, marca o límite norte do Concello e recolle as augas da meirande parte dos ríos do término municipal. O Río Arnego é o principal afluinte do Ulla, de entre os ríos que fluen por Agolada. 


O Río Ulla ao seu paso por Agolada.
Fotografía de Manuel Busto Galego.

Cando se trata de caracterizar as paisaxes humanas e naturais dunha zona determinada é moi fácil caer nos tópicos mais manidos que imaxinarse un poda. Non sei si valen os tópicos para o conxunto do Concello de Agolada: o que si sei é que é unha terra que, cada vez que un se mergulla na súa historia e costumes, mais apaixoa.


Unha vista dos Pendellos. Fotografía de Ángel Utrera.

Por iso talvez sexa necesario, á falta doutra linguaxe millor, acudir aos tópicos. É inevitable, recomendable e imperiosamente necesario, cando nos achegamos a Agolada, visitar o conxunto etnográfico dos Pendellos, un impresionante complexo recinto feiral que non ten parangón na Galiza nin en Portugal. Comedores, mostradores, amplias rúas, almacéns, cuartel, cárcere, cortes..., todo un microuniverso ao que hai que engadir o miliario reaprobeitado atopado por Manuel Busto. É tamén absolutamente vital visitar a Feira de Artesanía que xa se leva celebrando no recinto desde hai uns cantos anos.


Friso e mausoleo na igrexa de Santa María de Ventosa.
Fotografía: historiadeza.wordpress.com

Unha naturaleza voluptuosa salpica toda a contorna. Por destacar algo, o Sobreiral do Arnego conforma un gran bosque de corticeiras cun extraordinario valor ecolóxico e unha fermosa estampa. Forma parte da Rede Natura 2000.


Sobreiral do Arnego. Fotografía de www.nosdiario.gal

Xa viña falando do enorme patrimonio prehistórico do Concello. A todo ise tesouro patrimonial hai que lle engadir o patrimonio etnográfico e o histórico artístico. Unha boa xeira de igrexas de orixe románico entre as que destaca a de Santa María de Ventosa. Na arquitectura civil,  unha apreciable representación de pazos, dos que se  debe mencionar obrigatoriamente o Pazo de Borraxeiros, no que aínda  se poden  albiscar as pegadas do seu remoto orixe  medieval.


Pazo de Borraxeiros.
Fotografía extraída de genealogiasdegalicia.wordpress.com

En canto á etnografía, sei de certo que as lendas da mourindade non son alleas a estas terras. Sen embargo non fun quen de atopar relatos concretos ao redor dos nosos lexendarios "elfos" a saber, os mour@s.  Referencias vagas contan que nas amplas chairas dos montes de Axiaz viven os mouros gardando os seus tesouros. As mámoas e antas de Axiaz, como sempre, foron construídas por estes nosos mitolóxicos seres. 


EN SIGRÁS NO POST-GALAICOI DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

BIBLIOGRAFÍA FUNDAMENTAL

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

Ramón Fábregas Valcarce: "En torno al megalitismo gallego." PDF.

Ramón Fábregas Valcarce e Rafael Penedo Romero: "Antropomorfo grabado en un túmulo Megalítico de Agolada /Pontevedra)." Departamento de Historia l. Universidade de Santiago de Compostela. PDF.

Fábregas Vácarcel e Vilaseco Vázquez: "O Megalitismo na Comarca do Deza. Un proxecto para a conservación do patrimonio arquitectónico inmoble." PDF.

Fábregas Valcarce et al.: "Estudios en torno ao Megalitismo da Comarca de Deza. Primeiros Resultados". Departamento de Historia 1. USC.

Fábregas Valcarce R., Penedo Romero, R.: "Un nuevo motivo grabado en el arte megalítico del Nw Penínsular", 1995

https://ospendellos.blogspot.com/2018/05/aldeas-con-corazon-axiaz-rio-vilar.html

https://megaliticia.blogspot.com/2025/09/Dolmenes-Pontevedra.html

https://fonte.es/A-PORTADA/2018-04-16~Toponimia_de_Agolada.html

https://www.instagram.com/manuelbustogalego/

http://www.agolada.es/turismo/que-ver

https://pendellos.blogspot.com/

https://ospendellos.blogspot.com/

https://historiasdedeza.wordpress.com/category/agolada/

aopedofarelo Desde Agolada-Pontevedra

https://dagolada.blogspot.com/

https://aquamlatam.blogspot.com/

https://www.youtube.com/watch?v=jK-0_YFSzII

https://megaliticia.blogspot.com/2025/10/Petroglifos-Pontevedra-Deza-Tabeiros.html

https://folletosturisticos.com/ngg_tag/agolada/#gallery/agolada/5668


https://canedo.eu/Comarcas/PONTEVEDRA/3_Deza.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/
sobreirais-do-rio-arnego-agolada-pontevedra-668906

https://ospendellos.blogspot.com/2017/01/roteiro-cultural-dos-petroglifos-de.html

Fernando Carrera Ramírez: "El dolmen de Os Muíños (Agolada, Pontevedra). Intervención para la documentación y protección de la pintura megalítica conservada".

https://patrimoniogalego.net/index.php/77720/2015/09/petroglifos-do-couto-da-aspra/

https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/subida-ao-monte-farelo-a-golada-e-antas-de-ulla-44864919/photo-29452676

https://www.rios-galegos.com/ulla/index.html

https://historiadeza.wordpress.com/2024/12/14/la-iglesia-de-san-xulian-de-ventosa-la-catedral-del-arte-rural-gallego/

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/sobreiral-do-arnego/20240705081019201775.html

https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/view/306/302/256

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/7467/pazo-de-borraxeiros?langId=es_ES&tp=9&ctre=36

https://genealogiasdegalicia.wordpress.com/2012/01/21/condado-de-borrajeiros/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/agolada/2026/07/31/abandono-vive-anta-dos-muinos-agolada/0003_202607D31C4994.htm?shem=dsdf,sharefoc,agadiscoversdl,,sh/x/discover/m1/4






Rafael PENEDQ ROMER

Ningún comentario:

Publicar un comentario