martes, 12 de maio de 2026

PEDRAFITA-MENHIR MARCO ENTRE PARADA E CAMOIRA. Santo Estevo de Camoira (Lugo)-San Xoán de Parada (Outeiro de Rei)

PEDRAFITA-MENHIR MARCO ENTRE PARADA E CAMOIRA


"¿Puede haber algo más ridículo que la pretensión de que un hombre tenga derecho a matarme porque habita al otro lado del agua y su príncipe tiene una querella con el mío aunque yo no la tenga con él?."

Blaise Pascal


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

E retorno unha vez mais ás terras do Concello de Outeiro de Rei, ás terras limítrofes con Concello de Lugo, terras agarimosas por onde discorre o pai dos ríos galegos, o río por antonomasia, o río Miño. Entre o Concello de Lugo e o Concello de Outeiro de Rei, no denominado tamén Outeiro das Camoiras, separando ou unindo as parroquias de Santo Estevo de Camoira e San Xoán de Parada. Terras con personalidade de seu...


Marco do Monte de Camoira, entre Parada e Camoira. 
Captura de mapcarta.

E retorno a unha posible pedrafita, a un misterioso marco que descansa ergueito na inmensa soidade dos montes galegos, dos montes de Parada, dos motes de lugo. Os tempos implacables e o musgo verdescente non foron que de eliminar este diminuto vestixio das nosa mais ancestrais costumes. Está aí para recordárnos un pasado que xa non é nin nunca voltará. 


De google maps.

Estamos pois diante do que hipotéticamente foi unha pedrafita. Trátase dun esteo que funciona e funcionou como marco de termo, situado entre os Montes de Camoira (Concello de Lugo) e Parada (Outeiro de Rei), á beira dun camiño ancestral, posiblemente prehistórico, agazapado entre unha voluptuosa vexetación: un pequeno esteo de granito, considerado un marco histórico, que foi emprazado neste lugar para a delimitación dos montes do término municipal de Outeiro de Rei e rectificado o 26 de agosto de 1856, segundo a aportación documental dada a coñecer por Xabier Moure.


Penedo coa mesma gravura que o marco: unha custodia.
Foto, Concello de Outeiro de Rei.

Este humilde marco debuxa unha sección cadrangular que amosa na parte duperior, na croa, un rebaixe a xeito de cazoliña: mide ao redor de doce centímetros de diámetro e seis centímetros de profundidade, adoitando unha clara forma hemiesférica.


Panel de Petróglifos no Monte de Camoira.
Fotografía, megaliticiablogspot.com

Na cara do norte sobresae un motivo circular do que parte un radio que se bifurca no seu extremo inferior, cun tamaño aproximado de vintesete centímetros de longo. Segundo un expedente, atopado por Moure, este símbolo representa o Santísimo Sacramento. Considero plausible a hipótese que mantén que hai necesariamente un fío condutor entre os ritos megalíticos, celtas e romanos e os monolitos de termo vencellados aos espítitus dos antepasados. Así por exemplo, as necrópoles megalíticas adoitan compartir o mesmo espacio de "límite". Por iso esa posibilidade da orixe prehistórica débese encadrar na etapa crono-cultural megalítica.


Fotografía de Xabier Moure, 2015

Os antigos camiños, camiños primitivos, camiños prehistóricos, corredoiras, serpenteaban polos cordais das serra, salpicados de mámoas, petróglifos e marcos... O interesante do marco que nos ocupa é a concavidade superior, así como a gravura que conserva na cara norte, moi ben estudada e investigada por Xabier Moure. Esta representación (interpretada como soliforme e incluso como un antropomorfo, en principio) atópase en moitas penas e nalgún esteo dunha anta sobre todo no Concello de Outeiro de Rei. Non é necesario incidir ou desenvolver as investigacións de Moure nesta entrada: só subliñar que o que en principio semellaba un petróglifo prehistórico, que se repetía en varios emprazamentos, resultou ser outra cousa non menos interesante. Efectivamente, un documento de amolloamento das parroquias de Aspai, Martul e Parada de 1856, descubre que nos mollóns grávase o mesmo símbolo en diversos lugares e, ademais, descríbese como  a "insignia del Santísimo Sacramento." Polo tanto representan a custodia onde se coloca a hostia logo da consagración. Pouco logo Moure descubre outro documento dun preito do ano 1865 sobre unhas lindes entre Aspai e Parada: ao referirse a este marco aparece anotado que a custodia gravouse para "proteguelo en lugar pagano". Esta afirmación é clara e rotunda: no século XIX aínda se recoñecían os lugares paganos-sagrados-máxicos e aínda se consideraba necesaria a súa cristianización. 



Fotografía de https://www.instagram.com/san_xoan_de_parada

Estas reflexións talvez sexan pistas, indicios, que me levan a estudar o Marco de Termo desde unha perspectiva un pouco diferente. Primeiro baixo a consideración de que moitos miliarios romanos ás veces amosaban unha concavidade na parte superior a xeito de "cazoliñas", o que fai recordar un recipiente que se pode interpretar ou como un "machembrado arquitectónico" para encaixar outra peza e así formar unha estrutura mais complexa, ou coma un receptáculo para colocar ofrendas, ofrendas de proteción aos camiñantes, unha especie de "foculi". No hai que esquecerse de que os romanos adoitaban situar xunto ás sepulturas, ou en lugares limítrofes, sinaladores de fronteiras cun anaco de columna  corta (cipo) ou pilastra cadrangular denominada "Cippuma". O deus "Terminus" era o garda das fronteiras e dos límites ao que se lle realizaban diversas ofrendas e sacrificios de animais. 


Fotografía de https://www.instagram.com/san_xoan_de_parada

Por todo iso non se pode, nin se debe, nin quero desbotar  a posibilidade de que este sinxelo marco de sección cadrangular e coa concavidade superior, sexa unha reutilización romana dunha primitiva pedrafita que contivera en sí a mesma misión romana: de garda de camiños e de camiñantes.

Malia que non estamos diante dunha ara adicada aos lares viales (en Galicia consérvase a meirande concentración destas aras de toda a Península Ibérica) podemos ver neste caso como a pedrafita posiblemente tivera a mesma función, sempre vencellada a necrópoles megalíticas, paneis de petróglifos e, por suposto, de protector e defensor de todo aquel que camiña, que viaxa.


Fito en Candás, co mesmo motivo. 
Fotografía onosopatrimonioblogspot.com

Tamén hai que incidir no carácter sacro dos camiños, que non recae só no propio camiño, senon no cruzamento dos camiños, nas encrucilladas. Trátase de lugares dunha poderosa carga simbólica, envoltos en brumosas e misteriosas lendas... Ise é o motivo fundamental para cristianizar eses lugares de transo (a abundancia de encrucilladas en Galicia tampouco se repite en ningún outro lugar da Península): sen embargo, malia a intensiva cristianización, aínda pervive o senso máxico do cruzamento. 


Ruta do río Miño entre Lugo e Outeiro de Rei

É así que destas pequenas pedrafitas, vencelladas inextricablemente aos camiños, semella desprenderse unha dimensión diferente: o carácter vial cunha clara e distinta función de proteción e compaña nas rotas que emprende o viaxeiro, tanto polos camiños da vida como polos da morte.

EN SIGRÁS, LOITANDO CONTRA A ESTUPIDEZ HUMANA-GUERRA, 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES

https://www.instagram.com/p/DLrqdeGqp1r/?img_index=2&igsh=MWNsOGVzMGwxc2hlYw%3D%3D

https://www.instagram.com/p/DLrqdeGqp1r/

https://www.facebook.com/apatrigal/posts/%C2%BAo-enigma-dos-menhires-gravados-e-a-cristianizaci%C3%B3n-de-lugares-pag%C3%A1nsxabier-mour/2318603678418160/

https://patrimoniogalego.net/index.php/72561/2015/04/petroglifo-de-santa-comba/

https://patrimoniogalego.net/index.php/72564/2015/04/gravura-de-candai/

https://funjdiaz.net/folklore/07ficha.php?ID=3442&NUM=344

https://www.academia.edu/40341506/Los_dioses_Lares_Viales_y_su_distribuci%C3%B3n_en_la_Hispania_romana_The_vials_Lares_gods_and_their_distribution_in_roman_Hispania_

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/petroglifos-y-medorras-de-parada-225537972

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/petroglifos-monte-camoiras-21092708/photo-13208326

https://www.cultura.gal/es/nova/5925/incluidos-en-el-inventario-de-arqueoloxia-tres-petroglifos-del-monte-de-camoira-en-lugo

th_d9631e1bf83dbd91a546ee14ac2a0255_Outeiro-de-Rei-Petroglifo-

https://outeiroderei.gal/wp-content/uploads/2021/12/Ruta_insuas_do_mino_As_paisaxes_da_auga.pdf

https://www.paseargalicia.com/ruta-d-camino-do-mino-outeiro-de-rei/

https://outeiroderei.gal/wp-content/uploads/2021/12/Ruta_camino_do_mino_As_paisaxes_da_auga.pdf


Ningún comentario:

Publicar un comentario