ANTA-DOLMEN 2 DA NECRÓPOLE DA CHAN DA CRUZ.
RUTA MEGALÍTICA DA CHAN DA CRUZ, MONTE PENIDE-MIRALLO
"Si no conoces al quien está al otro lado del mundo, quiérelo igualmente porque es igual que tú. Tiene los mismos sueños, las mismas esperanzas y temores. El mundo es uno, amigo. Todos somos vecinos."
Frank Sinatra
 |
Debuxo versión Moncho Boga, 2026. |
A pesares da miña numeración da ruta, a pesares de todas as numeracións e a pesares de que esta anta leva o número 2, deixo para o final a que sinalo co número 1 (a Anta Mámoa do Rei) debido a que é a meirande e a que ten mais cousas que nos dicir. Polo tanto, a miña anárquica ruta, comeza por onde non tiña que comenzar. En calquera caso, deixarei sempre constancia da numeración oficial e a da súa catalogación para que, na medida do posible, non haxa lugar a dúbidas.
 |
O traxecto para chegar segundo google maps. |
Esta enorme mámoa ten o número de catálogo ou sinatura GA 36045052, e está situada dentro do gran conxunto ou necrópole denominada Chan da Cruz, Chan da Pedra do Couto ou tamén Chan das Formigas, como xa deberiamos saber. Tamén é necesario subliñar que toda esta área coñécese oficialmente co nome de "Conxunto Tumular da Chan da Cruz." No conxunto da necrópole a mámoa está sinalada co número 23.
 |
Situación da Mámoa 2. Google earth. |
Para chegar sanos e salvos, si saímos da fermosa Vila de Redondela, podemos coller a estrada que leva ao Aeroporto de Peinador. Pois ben, si tomamos un desvío á dereita que se nos presenta a uns tres quilómetros e medio, con direción a Cabeiro, pouco logo outro desvío á esquerda (unha vez que deixamos atrás o cemiterio parroquial) deberíamos transitar por unha pista moi costaneira ata chegar á última casa do núcleo: a uns catrocentos cincoenta metros, mais ou menos, aparece un cruzamento no que sería importante tirar pola dereita. A nosa mámoa atoparase, si non hai novidade, a uns douscentos metros á esquerda da estrada e a uns quince metros no monte, moi preto da Mámoa do Rei.
 |
Imaxe da mámoa antes da súa limpeza. Foto de Xosé Couñago, montepenide.wordpress.com |
A mámoa cos restos da súa anta atópase nunha penechaira, nun rechán da dorsal do Monte Penide e o lugar no que se asenta aparece co topónimo Porto Cabeiro. Ubícase nun monte de repoboación de piñeiros e eucaliptos e parece ser que é unha área de gando semisalvaxe, sobre todo cabalar. Aparte da repoboación, a vexetación é sobre todo de monte baixo, predominando as toxeiras e os fieitos. A mámoa hoxe en día está sinalizada cun panel da ruta oficial e ubícase a unha altitude duns trescentos oitenta e sete metros; o solo pertence á Comunidade de Montes de Trasmañó.
 |
Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com |
Parece ser, segundo relata Couñago (ver bibl.), que a mámoa sempre estivo cuberta de maleza moi tupida, ata o ano 2014: con motivo da creación do Museo Virtual do Monte Penide (promovido pola Asociación Alén Nós de Redondela, coa colaboura das Comunidades de Montes e o financiamento do Concello) conseguiuse sobre todo a limpeza, sinalización e polo tanto a posta en valor de moitos dos xacementos, grazas á eliminación das árbores e da maleza que cubría unha boa morea de mámoas, entre elas a que me ocupa.
 |
Imaxe de Xosé Couñago no bloguemontepenide.wordpress.com. |
Como ben sabemos, estamos diante dunha mámoa ou túmulo e dicir, un enterramento funerario adscrito á época do Neolítico e, neste caso, como dicía antes, é unha das mámoas mais grandes de todo o conxunto tumular ou necrópole: mide, nos seus eixos meirandes, vintesete por vinteseis metros e uhna altura aproximada de dous metros.
 |
Versión da planta a partires de Vázquez Collazo. |
No centro, ou ben ocupando unha considerable parte da masa tumular, ábrese como por ensalmo (é irónico) o enorme funil de violación froito da febril actividade dos menesterosos piratas buscadores dos inexistentes tesouros: mais que funil, conforma unha gran gavia que atravesa practicamente a totalidade da Mámoa, do norte ao sul. O ancho máximo deste profundo e meticuloso traballo de zapa, na parte central, é de vinte metros e a metade (uns dez e medio) para o diámetro leste-oeste ocupando, como dicía antes, a meirande parte da superficie do xacemento.
 |
Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com |
Precisamente nesta zona de salvaxe violación, sobresaen os dous únicos esteos que se están a conservar da estrutura arquitectónica ou anta: son dous chantos de granito e están emprazados nas zonas leste e oeste. O esteo que permanece chantado na parte do oeste mide case os dous metros de altura, un metro e medio de ancho e ao redor de trinta centímetros para o grosor.
 |
Imaxe de Xosé Couñago no bloguemontepenide.wordpress.com. |
O esteo ou chanto (ortostato) que ocupa unha parte do leste, atópase lixeiramente inclinado cara ao interior da mámoa e mide aproximadamente un metro e vinte centímetros de alto, quince centímetros de grosor e un metro para o ancho.
 |
Unha interpretación propia da anta. |
Segundo me contan parece ser que se fan rozas periódicas, o que permite ver a mámoa en toda a súa extensión unha boa parte do ano. O mesmo acontece coas mámoas que seguirei a amosar desta espléndida ruta.
 |
Unha outra visión propia da Anta 2. Moncho Boga 2026. |
EN SIGRÁS, NOS PROLEGÓMENOS DA FESTA PAGANA MAIS PAGANA DE TODAS AS FESTAS PAGANAS, 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
BIBLIOGRAFÍA E ENLACES VARIOS
https://megaliticia.blogspot.com/2025/12/Necropole-Monte-Penide.html
José Manuel Hidalgo Couñago e Fernando Javier Costas Goberna, “El gran conjunto megalítico de Monte Penide, Redondela-Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXIV, 1980
Cayetano Mergelina, “Notas sobre arqueología gallega. Las mámoas de Chan da Pedra do Couto y de San Colmado.” Boletín del Seminario de Arte y Arqueología, Tomo 4,1º., curso de 1935-36. Valladolid, 1936.
Patiño Gómez, R.: “La necrópolis megalítica de Monte Penide – Vixiador”. Traballos de Arqueoloxía, 1992. Publicación do grupo de arqueoloxía Alfredo García Alén.
Filgueira Valverde y García Alén, “Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXI. Pontevedra 1977.
R. Fábregas Valcarce, X. Carballo Arceo y V. Villoch Vázquez. Petroglifos y Asentamientos: El caso de Monte Penide (Redondela Pontevedra).
Antonio Martínez Cortizas, Ramón Fábregas Valcarce, Susana Franco Maside. Evolución del paisaje y actividad humana en el área de Monte Penide (Redondela Pontevedra).
Ramón Boga Moscoso, “Guía de dólmenes de Galicia.” Bahía 1997.
Baños Rodríguez et al, “Antas e pedraditas de Galicia.” Asociación de Amigos do Museu Arqueolóxico A Coruña, 1996.
https://montepenide.wordpress.com/
https://oestrymnio.blogspot.com/2013/03/monte-penide-necropolis-megalitica-y.html
https://gl.wikiloc.com/rutas-outdoor/mamoa-inedita-1-das-pedras-do-picos-cabeiro-o-vixiador-2633234
https://web.archive.org/web/20140111003856/http://www.acitania.com/Visita_Guiada_MontePenide-ACITANIA.pdf
https://turismoriasbaixas.com/es/search/museo-virtual-monte-penide-prehistorico
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-tumulos-de-monte-penide-monte-mirallo-redondela-45986051
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/mirador-de-coto-fenteira/
https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=56&id=2345
https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/ruta-de-los-misterios-y-las-leyendas/
https://montepenide.wordpress.com/category/castro-de-negros/
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html
https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html
https://redondela.gal/categoria/turismo-redondela/que-ver/
https://espanaviajar.com/pontevedra/pueblos/redondela/
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/monte-penide-roteiro-prehistorico-9144743
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/05/06/redondela-musealizara-mayor-yacimiento-mamoas-galicia/0003_201305V6C3991.htm
https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/que-ver/
https://www.google.com/maps/dir/Redondela,+Pontevedra/Petr%C3%B3glifos+de+Chan+da+Cruz,+Unnamed+Road,,+36811+Redondela,+Pontevedra
Ningún comentario:
Publicar un comentario