Amosando publicacións coa etiqueta O Valadouro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Valadouro. Amosar todas as publicacións

xoves, 30 de abril de 2026

ANTA-DOLMEN ARCA DE RAMASQUIDE. Santa Eulalia de Frexulfe, O Valadouro.

ANTA-DOLMEN ARCA DE RAMASQUIDE

"En la guerra, la verdad es la primera víctima." 

Esquilo



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Atópome novamente, aínda que sexa en espíritu, na asombrosa Serra do Xistral, na Mariña de Lugo, no Concello do Valadouro:  poderosa serra que esconde unha enorme multitude de elementos megalíticos, etnográficos e histórico-artísticos, como pedrafitas, círculos líticos, antas, castros, ermidas penas que falan, abrigos, chozos, curros..., así como un importantísimo valor natural como é o caso das turbeiras. Desde o neolítico ata a Idade Media: un tesouro que está á espera ser descuberto. Pero a Serra do Xistral tamén está a padecer a incomprensión dos tempos contemporáneos: o eucalipto xa campa, ábrense novas pistas e destrúense antigas corredoiras, amoreanse penas e esteos. Si non se fai algo, este tesouro natural e histórico pronto pasará aos anales do esquecemento mais brutal.


Mapa turístico do Valadouro. Imaxe de Hotel Vila do Val.

Para chegar hai que coller a estrada CP-0101 que leva de Ferreira ao Cadramón e remata en Abadín. Desde Ferreira, no lugar de Freixido aparece unha pista costaneira á man dereita, na ribeira esquerda da Fraga das Lerias, lindando co Rego da Pumarega. Dicir que é convinte (non necesario) ir en  coche e, logo duns dous quilómetros, andando. Tamén hai que subraiar que habendo XPS, non debería un arriscar guiándose polo mapa. 


Unha instantánea da Serra do Xistral. Foto de www.terrasdelugo

Como dicía, a anta atópase no lugar de Ramasquide en pleno contorno da Fraga das Lerias, un dos derradeiros reductos  de bosque autóctono que permanece no Concello do Valadouro. O seu lugar de emprazamento é de non doada localización, escondida nas profundidades do bosque atlántico. O emprazamento denomínase Chaira de Ramasquide, moi preto das misteriosas estruturas do Bico Longo.


Unha das posibles pedrafitas do camiño de Ramasquide.
Fotografía de Manuel Camba Gayoso.

A estrutura arquitéctonica, segundo os datos recollidos do traballo Arqueoloxía do Valadouro (ver bibl.), desenvólvese a través de dous chantos verticais que suxeitan a pedra cobertora. A pedra cabeceira é unha rocha natural aproveitada para isa finalidade. O chan desta sinxela cámara atópase enlousado. Todo este conxunto aparece cuberto por unha espesa silveira no contexto dunha plantación de piñeiros.


Anta Arca de Ramasquide. Fotografía de 
Manuel Camba Gayoso.

No ano 2005, segundo contan os autores do libro antes mencionado, a anta estaba completamente cuberta de vexetación e, na súa descrición, López Calzada determinaba que non se atisbaba evidencia algunha da masa tumular ou mámoa, pero si da tremenda e curiosa estrutura arquitectónica que está a conservar a pedra cobertora ou tampa. A descrición de López Calzada engade tres chantos ou esteos mais para a cámara: en vez dos dous de que falaba antes, engade outros tres, de xeito que sería unha cámara con cinco esteos e pedra cobertora. As dimensións da tampa son case colosais posto que acada un grosor de cincoenta centímetros e para o longo e o ancho non se puido determinar pola vexetación exhuberante que a estaba a cubrir. A altura total é dun metro e oitenta centímetros  (engadindo o grosor da tampa) e a altura no interior é aproximadamente dun metro. A lonxitude ou profundidade do interior é de preto dun metro e corenta centímetros mentres que o ancho acada os noventa centímetros. Para a pedra ou esteo da cabeceira aproveitouse unha gran rocha natural, feito que (malia que non é moi común) está documentado en algunhas outras antas galegas.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Contan os autores deste estupendo traballo que un paisano casado en Frexulfe relatoulles  que a anta estaba noutrora cuberta  de terra. Esta información recibiuna da súa dona que á súa vez a ouvira do seu pai. Pero ademais recolleron outra lenda ao redor desta magnífica anta: "A Arca de Ramassquide, que está na Fraga das Lerias, fixérona unha vella e mais un vello para abrigárense".


Fotografía de megaliticiablogspot.com

Para rematar, fágome eco das estupendas intuicións de Manuel Camba Gayoso (que me proporcionou interesantes informacións) ao indicar que estamos diante ou na "enigmática Fraga das Lerias", unha área con abondosos restos de "refuxios o que denota unha ocupación ininterrumpida desde o Neolítico." 


Fotografía de megaliticiablogspot.com

Toda esta chaira incicial de Ramasquide atópase circunvalada por un longo muro que semella de mampostería: o Camiño Vello do Escallal. Relata Camba que este Camiño do Escallal atópase xalonado por varias pedrafitas de pequeno tamaño, como sinalando a dirección cara á anta. Consérvanse cando menos catro pedrafitas, o que indicaría un posible camiño ritual. O Camiño leva dereitamente á Anta Arca de Ramasquide que se empraza nun lugar con acusado desnivel. 


Unha vista da Serra do Xistral. Foto de
Manuel Camba Gayoso

Nesta área montaraz e luxuriosa da Serra do Xistral (cando non toda a Serra do Xistral mesma) pódense visitar unha morea de elementos megalíticos de especial interese, moitos deles xa publicados neste blog a saber, Arca de Sinás, Anta de Santo Tomé, Círculo Lítico de Prado das Chantas, Círculo Lítico das Pedragosas...

En Sigrás, nun día un pouco ventoso de abril de 2026.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES E BIBLIOGRAFÍA 

Isaac Pérez, Manuel Lourenzo, Xesús Pisón (2010): "Arqueoloxía do Valadouro. Prenistoria". Servizo de Publicacións Deputación de Lugo.

https://megaliticia.blogspot.com/2020/06/arca-de-ramasquide-paradolmen.html

https://www.valadouro.gal/category/turismo-gl/

prliminaresdaserradoxistral.blogspot.com

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/arcas-de-ramasquide-y-sinas-51599410

https://toponimiavaladouro.blogspot.com/2013/07/toponimia-do-concello-do-valadouro.html

https://www.facebook.com/profile.php?id=100063822677499&locale=es_ES#

https://terrasintermediasdoxistral.blogspot.com/2020/03/7-zona-14-fraga-das-leiras-4-ramasquide.html

https://www.hotelviladoval.com/ferreira-o-valadouro-ubicacion-de-nuestro-hotel/

https://www.terrasdelugo.info/o-valadouro.html

https://store.avenza.com/products/o-valadouro-cartografia-municipal-geochart-map?srsltid=AfmBOorqQeu6T7WsnxXNvvoOu76Z0lGHem7Gqi0-ADf1UdQsE7eRmmSo

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/arcas-de-ramasquide-y-sinas-51599410/photo-34236117

https://parquearqueoloxicodaserradoxistral.blogspot.com/2020/?m=0


venres, 18 de outubro de 2024

ANTA-DOLMEN CASA DOS MOUROS. San Cristovo de Budián, O Valadouro.

ANTA-DOLMEN CASA DOS MOUROS


"Una descripción global apiña todos los fenómenos en torno de un centro único: principio, significación, espíritu,  visión del mundo, forma de conjunto. Una historia general desplegaría, por el contrario, el espacio de una dispersión".

"Lo propio del saber no es ni ver ni demostrar, sino interpretar".

Michael Foucault: "La arqueología del saber", 9ª edición. Siglo XXI editores, 1983



A Casa dos Mouros despois da súa reconstrución,
segundo versión idealizada de Moncho Boga.

O Valadouro, terra do val de ouro (ou non?) val do río... Terra histórica fermosísima, de castelos, pazos, do Mariscal, de lendas vivas, de mouros, Terra da Mariña interior, espaciosa, de amplos paisaxes e variadas perspectivas, feraz, de altas cumes, de terras baixas tamén, de primorosos ríos, de escandalosas fragas.



A Casa dos Mouros a principios do século XXI, sobre o 2004.
Fotografía de Xesús Pisón.

Para chegar o mellor xeito é partir de Ferreira pola estrada que leva á igrexa de Alaxe. A uns quinientos metros,  un desvío á esquerda polo que hai que seguir ata chegar ao  terceiro desvío:  hai que coller á dereita con dirección a Sara de Riba. Desde aí cóllese unha pista asfaltada á dereita. A mámoa emprázase nas cercanías nunha penechaira case en ladeira. Toda a contorna está repoboada de eucaliptos.



O esteo atopado polo SEPRONA no chalet de Foz.
Foto: Garda Civil.

O 26 de xaneiro toda a prensa, tanto local como nacional, fixéronse eco dunha nova que xa se viña cocendo desde un tempo atrás, unha nova que, por desgraza, é xa case habitual, e que nos deixou atónitos e indignados: a desfeita dunha mámoa con maquinaria pesada, e a ruptura dun dos esteos da cámara da anta.



A Casa dos Mouros despois da súa restauración.
Foto: El Progreso de Lugo.

Todos estes acontecementos comezan coa denuncia dos colectivos ADEGA e Mariña Patrimonio que presentan unha denuncia diante da Xunda de Galicia polo escandaloso atentado contra unha mámoa coñecida como Casa dos Mouros ou Anta de Budián, no Concello do Valadouro. A investigación subseguinte correu a cargo do SEPRONA que actuou rápidamente e conseguiu a recuperación do esteo desaparecido.



Destrozos dos esteos da anta.
Foto: Mariña Patrimonio.

Para este case impune atentado os madereiros aproveitaron a maquinaria pesada para extraer os esteos e trasladar un deles a  un xardín dun chalet a uns 25 quilómetros no veciño Concello de Foz. O outro esteo quedou no sitio porque, ao intentar desencravalo, partiu pola metade. O que se deduce é que os donos do chalet coñecían perfectamente que era un dólmen e que se trataba de esteos dun dólmen, dunha área arqueolóxica protexida.  



A plantación de eucaliptos en plena mámoa.
Foto: Mariña Patrimonio.

Segundo algunhas informacións que me chegaron por canles inopinados, poiden saber que a contorna da mámoa noutras épocas estaba adicada a leiras de cultivo e a anta estaba a conservar a tampa ou pedra cobertora. Despois da conversión nun eucaliptal, desapareceu a pedra cobertora e só permaneceron fincadas as dúas pedras que coñecemos actualmente.



Os buratos das máquinas dos madereiros.
Foto: Mariña Patrimonio.


A mámoa na que se insería a anta quedou tamén totalmente desfeita, perforada, de maneira que os danos foron moito maiores, case irreparables, coa conseguinte descontextualización dos restos que sen dúbida acocharía a mámoa.



Destrozos na estrutura tumular.
Foto: Mariña Patrimonio.

Segundo as informacións recollidas, incluso na páxina web do Concello de O Valadouro, non só se ofertaba como recurso turístico, senón que se facía unha somera descrición: "Se localiza nun eucaliptal, a uns catrocentos metros do lugar de San Cristovo, parroquia de Budián. Moi mal conservada, invadida pola vexetación, mantén dous ortostatos verticais. Outra pedra trasladouse desde a arca ata a parte mais baixa do terreo, onde se atopa fincada".



Destrozos na estrutura tumular.
Foto: Mariña Patrimonio.

Tanto ADEGA como Mariña Patrimonio consideran  que a destrución indiscriminada pola industria madereira (sobre todo a do eucalipto) é un persistente e gravísimo problema que ou ben a Consellería correspondente non quere solucionar ou ben a presión é demasiado  grande, ou senon por falta de medios, de capacidade loxística. Eu inclínome por esta última consideración, sabendo a imposibilidade manifesta de controlar absolutamente toda a inxente cantidade de xacementos arqueolóxicos que temos no territorio galego e da endémica falta de persoal.



Destrozos na estrutura tumular.
Foto: Mariña Patrimonio.

Esta situación de abandono dos bens patrimoniais de tod@s os galeg@s tórnase dunha gravidade tremenda na Mariña Luguesa: no ano 2016 Mariña Patrimonio localizou mais de 40 sitios arqueolóxicos, no norte de Lugo, arrasados polas talas masivas e a reforestación subsiguiente de eucaliptos. Ademais constataron que a metade dos xacementos  arqueolóxicos catalogados na comarca están hoxe en día repoboados precisamente con eucaliptos. 



Destrozos na estrutura tumular.
Foto: Mariña Patrimonio.


En calquera caso, a rápida e contundente actuación do SEPRONA (malia que a destrución foi case irreparable), fixo posible a localización dos responsables deste tan insidioso como inxustificado atentado contra o patrimonio, podendo recuperar tamén o esteo que xa ocultaban no xardín da súa "preciosa" casa: que mellor cousa que ter unha anta no xardin...



Destrozos na estrutura tumular.
Foto: Mariña Patrimonio.
 
Finalmente, grazas á teimuda terquedade de ADEGA e Mariña Patrimonio sobre todo, conseguiuse coa inestimable, rápida e definitiva actuación do SEPRONA e a subsiguente intervención de Patrimonio da Xunta de Galicia, non só recuperar o esteo viaxeiro, senón tamén a reconstrución da Anta. 



Os traballos de reconstitución case rematados.
Foto: megaliticia.blog.

Efectivamente, en abril de 2020 os xornais fixéronse eco dos traballos de reconstrución da Anta-dolmen Casa dos Mouros de Budián. Eso sí, ocupando moitas menos páxinas. Pouco mais ou menos viñase a informar de que a nosa anta estaba  a recuperar "algo" do seu aspecto orixinal antes do tremendo expolio a que foi infamemente sometida. 



Os traballos de reconstitución case rematados.
Foto: megaliticia.blog.


Neses intres os traballos para recuperar a anta incidían en que se estaba a repoñer o esteo que viaxara ao mencionado xardín do chalet de Foz. Ao mesmo tempo, Patrimonio obrigou a retirar a plantación de eucaliptos do perímetro do que quedaba da mámoa. O esteo esnaquizado ao tentar extraelo foi restaurado e recolocado no seu probable lugar orixinal. A anta está agora reconstruida... 



Os traballos de reconstitución case rematados.
Foto: megaliticia.blog.


Por raro que pareza, estamos diante dun caso de expolio do patrimonio que rematou con final feliz, ao que non estamos acostumados.

En Sigrás, nun chuvioso outono de 2024.



SI VOS ACERCADES AO VALADOURO, SEMPRE HABERÁ ALGO QUE VER, QUE VISITAR E QUE DISFRUTAR.


En febreiro de 2024 pubicaba neste blog unha entrada adicada á Pedrafita-menhir O Marco da Pena Verde e, falando das espléndidas terras da Mariña Lucense, escribía a seguinte apoloxía: 

"Terra feraz, a veces abrupta, por veces suave, por veces bucólica. Terra de grandes historias, de fermosas lendas: o Mariscal Pardo de Cela, a lenda do reparto de moscas, o Rei Charlo de Lourenzá, o Rei Cintolo, o Conde Santo e o seu sartego... Terra de escritores, terra de Cunqueiro. E terra de camiños de ferradura, de aventura, de fronteira, de historias con naturaleza de seu".

Sigo a subliñar toda e cada unha desas verbas e, para coñecer un pouco mais polo miudo, recomendo a visita aos seguintes lugares, que poderían ser moitisimos mais,  sin ter en conta o turismo Megalítico que o podedes rastrexar neste blog.


RUTA DO PATRIMONIO RELIXIOSO. Discorre por todo o Concello e recálase en todas as igrexas parroquiais. Nós destacamos aquí a pequena igrexa-ermida de Santa Filomena do Cadramón: planta rectangular con ábsida, presbiterio e restos da nave. Conserva uns fermosos canzorriños e, no interior, unhas interesantes pinturas murais. A orixe remóntase aos séculos IX ou X.




Santa Filomena do Cadramón.
Foto: Galicia-Cantábrica.



RUTA DOS POZOS. Fermosa ruta que leva á fervenza do Pozo da Onza. As paisaxes son extraordinarias.



Fervenza do Pozo da Onza.
Foto: páxinas galegas.



RUTA DA FERVENZA DO TOREZ. Parte de Ferreira e remata en Santo Tomé. Esta ruta realizouse froito do traballo duns rapaces que abriron o carreiro ata a cascada mesma.


Foto: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/

RUTA DO MONTE CASTELO. Ruta circular que parte de Ferreira e lévate ata o Pozo da Onza ou á pedrafita-menhir antropomorfa O Pau da Vella.



O Pau da Vella.
Foto: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pau-da-vella-11219452


NOVAS XORNALÍATICAS E PAXINAS WEB

https://turismo.valadouro.gal/gl/patrimonio-cultural/

https://mrpatrimonio.blogspot.com/search?q=Casa+dos+Mouros+Budi%C3%A1n

Fotos:https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/albums/72157681763955390

https://www.elprogreso.es/articulo/a-marina/reconstruyen-dolmen-expoliado-casa-mouros-valadouro/202004291434521435879.html

https://elpais.com/ccaa/2017/05/26/galicia/1495807432_167237.html

https://www.noticiasdenavarra.com/que-mundo/2017/05/27/arrasan-dolmen-utilizar-lastras-adorno-2641935.html

https://www.antena3.com/noticias/sociedad/arrasan-dolmen-ubicado-yacimiento-lugo-utilizar-sus-lastras-como-adorno-jardin_20170526592805f80cf205e8f700f483.html

https://culturagalega.gal/nova/noticia.php?id=27518

https://www.noticiasgalicia.com/articulo/lugo/recuperada-una-roca-megalitica-de-un-yacimiento-arqueologico-de-o-valadouro/20170519142953095199.html

https://adega.gal/novas.php?id=621&idioma=gl&sec=209

https://historiadegalicia.gal/2017/05/esnaquizan-un-dolmen-e-levan-duas-das-suas-laxes-para-adornar-nun-xardin/

https://megaliticia.blogspot.com/2020/06/dolmen-casa-dos-mouros-valadouro.html

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmen-casa-dos-mouros-51598436

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html


https://farm7.staticflickr.com/6070/6075979626_b8f8907a95_c.jpg

https://www.galiciacantabrica.com/o-valadouro-rutas

https://rutamundos.com/ruta-o-monte-do-castelo-o-valadouro-lugo/

https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/04/ruta-dos-pozos-o-valadouro.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2a-ruta-do-castelo-1429367

https://www.galiciacantabrica.com/single-post/capilla-de-santa-filomena

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/fervenza-do-pozo-da-onza-o-valadouro-33545.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/cascada-de-torez-o-valadouro-lugo-29044001

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pau-da-vella-11219452