PEDRAFITA-MENHIR PENA DAS CAZOLAS
Pedrafita-menhir Pena das Cazolas, segundo debuxo de Moncho Boga, 2024 |
E como son terco, volto, polas reviravoltas xa casi imprescindibles de internet, a Friol: é o que supón a urxencia das grandes calamidades, da pena de non ter ido cando tiña que ir. Facerlle caso ao instinto. As cousas, ás veces, son e non són. Como diría o vello Parménides "o ser é e non pode non ser". Para min, lamentablemente, cando tiña que ser, non foi; e cando é, xa non está. Perdoade este galimatías, pero seguro que o entenderedes a medida que vaiades avanzando na lectura.
Ao fondo, a Pena das Cazolas. Fotografía extraida do bloque megaliticia. Pódense apreciar restos doutros chantos que poideran ter relación coa nosa pedrafita. |
Xa hai uns cantos anos que coñezo fotográficamente esta fermosa pedrafita e, malia que estiven en Friol en maio, non era o momento de visitala, posto que estivemos a disfrutar do Friulio, festa temática galaico-romana. Sempre vas deixando algunha cousa para mais adiante...
Fotografía do blogue megaliticia.
Ubícase dentro do lindeiro dunha pradeira, preto da Pena do Caldeiro, ao carón da estrada CP-2109, non lonxe do Rego do Vieiro e do Rego de Portosueiro, nunha zona achairada. Nas inmediacións foi achada unha pedra con varias cazoliñas e tamén unha pedra de granito cun gravado en forma de caveira.
Fotografía do blogue megaliticia.
Na orde de cousas que me ocupa, a pedrafita Pena das Cazolas acada unha altura de pouco mais ou menos uns tres metros. Na base do que se podería considerar a cara principal aparece unha gran concavidade que mide uns corenta centímetros de diámetro, ao redor dun metro de longo e o lado mais ancho mide setenta centímetros. Parece probable que o gran chanto perdese unha gran parte da cara posterior e, na parte superior ou croa, debuxa unha fendedura-axexadoiro con forma de "U" aberta cos bordos totalmente lisos, puídos. A orientación segue a liña leste-oeste. Na parte superior esquerda aparece a gravura dunha pequena aspa.
Fotografía de Xabier Moure, comprobando os equinocios.
Segundo Alberte Alonso, a pedrafita atopase in situ e é da tipoloxía de observación astronómica ao presentar na croa un axexadoiro tipo "U" (que describia antes) onde a liña equinoccial encaixa á perfección neste cóncavo instrumento de control e orientación estacional. Polo tanto esta é unha pedrafita que confirma os equinocios de primavera e de outono, o 22 de setembro e o mencer e solpor no 21 de marzo, respectivamente.
Fotografía de Xabier Moure do blogue onosopatrimonio.
Considérase que poidera tratarse dos restos dun esteo dunha anta, pero nos arredores mais cercanos non consta a existencia de ningunha.
A Pedrafita Pena das Cazolas tumbada por mor das
inclemencias metereolóxicas. Foto Xabier Moure, 2024.
Cando os actuais propietarios dos terreos onde se asenta mercaron a finca a mediados da década de 1990, a pedra aparecía tumbada e quixeron partila en diversos anacos para o peche dunha das súas fincas, pero desistiron cando foron advertidos de que o grande esteo estaba catalogado por Patrimonio da Xunta..., foi tamén cando a puxeron en pé, cando a volveron a erixir na súa posición vertical. Xabier Moure (de quen tomei toda esta información) voltou no ano 2015 e atopou a un dos donos, que lle asegurou que a pedrafita sempre estivo ergueita no mesmo emprazamento.
A Pena das Cazolas tumbada. Fotografía do blogue megaliticia.
Por último, e lamentablemente, no ano 2024, neste mesmo ano, un integrante do dinámico colectivo Patrimonio dos Ancares, atopou a pedrafita caida, tumbada, posiblemente debido ao reblandecemento do terreo onde estaba encravada: as intensas choivas provocaron o que normalmente fan os homes e as máquinas. Por iso, lamentablemente, nunca poderei contemplar este enorme chanto-pedrafita na súa posición vertical, na posición para a que foi fabricada, na posición durante a cal estivo durante milenios impertérrita, orgullosa e destemida, mirando pasar o tempo.
Fotografía da Pena das Cazolas do blogue megaliticia.
En Sigrás, nos aledaños do Nadal, 2024.
Saúde, sorte e libros!!!
PARA SABER E MIRAR MAIS
https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/pena-das-cazolas.html
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario