sábado, 12 de enero de 2013

Anta-dolmen da necrópole do Marco Pedroso. Oroso, A Cañiza

Anta-dolmen da necrópole do Marco Pedroso. Santa María de Oroso. A Cañiza

Para chegar. Hai que partir de A Cañiza pola estrada nacional con dirección a Ourense. Ao chegar ao lugar do Burgo, debemos coller a estrada asfaltada da dereita e, ao cabo dun quilómetro aproximadamente, hai que introducirse por unha pista de terra á esquerda pola que, logo de percorrer uns oitocentos metros, chegamos á necrópole, situada a máis de seiscentos metros de altitude.

Pertence á comarca de Paradanta, ubicada ao sudoeste da provincia de Pontevedra e a necrópole atópase emprazada nunha depresión na cume do outeiro, polo que as mámoas que a conforman non son visibles desde longa distancia, caso atípico -segundo Fidel Méndez Fernández- no universo do fenómeno tumular galego. Hai novas na zona da destrución dun marco de grandes dimensións (¿pedrafita, marco de termo?) a causa da construción dun cortalumes realizada na década de 1990.


Debuxo dun dos esteos conservados
nunha mámoa da necrópole de Marco Pedroso.
 Autor Ramón Boga Moscoso, 1996.


A mámoa na que se insire a estrutura arquitectónica, formada por dous únicos esteos, posúe un tamaño medio acadando nos seus eixos meirandes dazasete por quince metros. Na estrutura tumular aínda se poden apreciar os restos da coiraza pétrea a pesar do lamentable estado de conservación no que se atopa.

No funil de violación sobresaen dous únicos esteos, últimos restos do que fora a estrutura arquitectónica da cámara. Os devanditos esteos son de gran tamaño e están moi remexidos, polo que resulta imposible a reconstrución hipotética da planta do monumento. Un dos esteos, desprazados da súa posición orixinal, amosa dous regos gravados no sentido horizontal e acada de longo un metro e corenta centímetros, con dezaoito centímetros para o grosor.

2 comentarios:

  1. Moncho; acabo de dar co voso blog, estou abraiado, é unha sorte para a nosa cultura ter a disposición de todos traballos coma o teu.
    Noraboa, graciñas e unha forte aperta.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas grazas Gonzo, non sei que dicir, mais agradézocho moito. Saudos, Moncho Boga

      Eliminar