Anta-dolmen Forno dos Mouros nº 5, Coriscada. Ortigueira
-Notas previas
A finais do século XX, nas mans do meu amigo Fidel Méndez Fernández caeu unha proposta de extraordinaria importancia: a posibilidade da creación dunha Fundación e dun museo en Ortigueira. Mentres as cousas non se foron consolidando, Fidel e mais eu, fixemos unhas cantas incursións polas fermosas terras de Ortegal: durante interminables xornadas -que curiosamente remataban axiña- percorrimos de arriba a abaixo toda isa comarca. O Camiño dos Arrieiros, Faladora, Monte Caxado, A Coriscada, A Capelada, Estaca de Bares..., así como a maior parte das parroquias pertencentes a varios concellos. Catalogamos e fotografiamos mámoas, antas, castros, cruceiros, igrexas, capelas, rectorais, castelos, muíños de río, de marea e de vento, casas e escolas de indianos, centros de instrución, paraxes naturais, campos da feira, pontes, hórreos, arquitectura tradicional e pazos, etc, etc, etc.
F orno dos Mouros primitivo. Foto de Ramón Boga Moscoso. 2002. |
Pouco a pouco as cousas foron indo e por fin creouse a Fundación Federico Maciñeira, sendo nomeado Director Técnico e máximo artífice da súa posta en marcha e consolidación o devandito Fidel Méndez Fernández. Foi así que se acometeu a rehabilitación dun edificio no centro de Ortigueira como oficina técnica e, pouco tempo despois, o Cine de Ortigueira tamén foi rehabilitado para conter un espazo musealizado.
Dentro das moitas actividades que se levaron a cabo nesas datas, aparte da realización de folletos turísticos, conferencias, publicación dunha revista..., tamén se incidiu na recuperación e posta en valor do patrimonio cultural en xeral e do arqueolóxico en particular. Entre as actuacións máis salientables destacaron a escavación da contorna inmediata ao monumento con Forno do Castro de Punta dos Prados en Espasante, a recuperación do muíño do Vento en Campa da Torre...
Forno dos Mouros primitivo. Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 2002. |
Pero ao meu xuizo, unha das actuacións máis importantes levada a cabo pola Fundación baixo a férrea decisión de Fidel Méndez, foi a escavación da mámoa nº 5 da necrópole Forno dos Mouros da Coriscada, así como a limpeza do Camiño dos Arrieiros ao seu paso por terras de Ortigueira. Tamén tiven o placer de participar indirectamente nalgúns dos fitos máis interesantes desta extraordinaria actuación en conversas continuas co meu amigo Fidel.
Así, en setembro de 2000 púxose en marcha o Proxecto Plan Ortegalia, promovido pola Fundación Federico Maciñeira Ortegalia. O deseño da recuperación e posta en valor de diversos bens patrimoniais foi dirixica por Fidel Méndez Fernández que programou un Plan Xeral de Actuacións no que destacou a posta en valor do patrimonio como o Camiño dos Arrieiros, Campa da Torre, Punta dos Prados..., como xa viñamos vendo.
Forno dos Mouros primitivo. Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 2002. |
Dentro deste Plan decidiuse a escavación da mámoa nº 5 Forno dos Mouros na Coriscada por ser non só a mámoa máis grande da necrópole, seno tamén por ser a que testemuñaba un peor estado de conservación.
A escavación da mámoa nº 5 Forno dos Mouros-Coriscada
Como dicíamos, trátase da mámoa de maior tamaño da necrópole e tamén a máis esnaquizada froito de expolios continuos. A escavación desenvolveuse en tres fases que abraunguiron os anos 2001 e 2002, rematando precisamente no verán dese ano, no que tamén se incluiu a escavación da mámoa nº 4, ubicada a un metro da mámoa nº 5. Como adianto das conclusións, dicir que como froito desas escavacións, atopáronse estruturas de dúas mámoas, unha de pequeno tamaño, tapada por outra de gran tamaño (nº 5). Na mais cativa, da que non se sospeitaba nin siquera a súa existencia, atopouse unha anta pequena moi ben conservada, mantendo o entullo de acceso sen alterar. Na mámoa grande, a violación era de tal magnitude que xa non quedaba evidencia algunha do tipo de estrutura arquitectónica que podería conter (a violación chegou ao xabre, de xeito que nin siquiera quedaron evidencias dos calcos dos posibles esteos da cámara).
Anta primitiva de Forno dos Mouros en proceso de escavación. 2002, fotografía de Fidel Méndez. |
Como sabemos, por estas serras discorre o famoso Camiño dos Arrieiros que une As Pontes con Bares, no que se aproveitaban as boas condicións orográficas para o desprazamento de mercadurías, debuxando unha liña de transo plenamente humanizada, sobre todo no eido megalítico.
A necrópole Forno dos Mouros compónse de nove mámoas. A mámoa nº 5 sitúase na parte norte do grupo, no extremo máis setentrional, dominando física e visualmente toda a contorna. A mámoa acadaba 26 ms no eixo N-S e 20 ms no eixo E-O, sobresaíndo case dous metros e medio polo oeste. A un metro cara ao suroeste aparece unha segunda mámoa (mámoa nº 4 de Forno dos Mouros).
Proceso de limpeza superficial de Forno dos Mouros nº 5. Foto Fidel Méndez |
A mámoa nº 5 atopábase moi remexida, sobre todo na parte oriental que foi cortada por unha pista forestal arrasando sobre un quinto do seu volume orixinal, deixando un corte limpo e apreciándose a masa tumular así como a coiraza. A precariedade na que se atopaba a mámoa foi un dos criterios, como viamos, para decidir a intervención.
As actuacións cifráronse nos seguintes pasos: primeiro, a apertura en extensión a nivel superficial da totalidade da mámoa. A finalidade era recuperar a estrutura orixinal. Segundo, a escavación en profundidade para documentar a estrutura funeraria orixinaria, si era o caso.
Limpeza superficial de Forno dos Mouros nº 5. Foto Fidel Méndez |
Sen embargo, este plan viuse troquelado tanto pola complexidade estrutural como e sobre todo pola existencia dunha cámara megalítica anterior e practicamente intacta que quedaba totalmente soterrada baixo a mámoa nº 5 na súa parte noroeste. En resumo, o xacemento é froito da unión de varios momentos construtivos no que se recolleron unhas 860 pezas líticas, material cerámico e unha 50 mostras de sedimentos e carbóns.
Vista de Forno dos Mouros durante a escavación. Foto Fidel Méndez Fernández |
En breves palabras, podemos resumir a historia do xacemento como segue: un primeiro memento construtivo no que aparece unha cámara poligonal cun pequeno corredor e pavimentos externos. A continuación prodúcese a cancelación da cámara e a construción dun primeiro túmulo que a enterra completamente. Por último, a construción dunha nova mámoa que cubre completamente a anterior.
Vista de Forno dos Mouros cortada pola pista forestal. Foto Fidel Méndez |
A cámara atopada na pequena mámoa dentro da mámoa nº 5 Forno dos Mouros, amosaba planta poligonal con corredor cortiño orientado cara ao sueste. Confórmase a través de sete esteos de forma cadrangular fincados verticalmetne no chan cunhas dimensións de entre un metro e un metro e trinta centímetros de altura. O espazo interior mide un metro e seis centímetros por un metro e catro centímetros de diámetro nos eixos máximos. Despois aparece un pequeno corredor de sesenta centímetros de ancho e un metro de longo, formado por dúas pedras máis pequenas que as da cámara. Posuía tamén unha pedra cobertora que estaba un pouco desprazada, seguramente debido ao paso dunha máquina forestal por enriba. O interior da estrutura arquitectónica estaba recheo con terra pouco compactada e na base da cámara apareceu un enlousado feito a base de pequenas pedras, lousas e seixos, destacando unha gran lousa colocada fronte á entrada da cámara.
Despois das escavacións arqueolóxicas, o obxectivo era a restitución da masa orixinal da mámoa nº 5 e a súa posta en valor: acondicionamento, sinalética...; onde quedou reflexado o momento final do monumento, quedando á vista a coiraza ao completo.
Finalmente a cámara megalítica foi trasladada ao Centro Arqueolóxico: realizouse a estracción e traslado ao Museo da cámara completa, debido a que non se podía expor no lugar orixinal de ubicación.
Así, esta pequena cámara, unha das máis antigas de Galicia en canto a datación (nun momento incial do neolítico) pódese contemplar hoxe como unha das pezas máis interesantes do museo de Ortigueira.
Máis fotografías:
Fotografía de Forno dos Mouros nº 5 antes da limpeza. Fotografía de Fidel Méndez Fernández |
En primeiro termo, Forno dos Mouros nº 5; despois, Forno dos Mouros nº 4. Foto de Fidel Méndez |
Restos da coiraza pétrea e funil de violación de Forno dos Mouros nº 5. Foto de Fidel Méndez |
Vista xeral de Forno dos Mouros nº 5. Foto Fidel Méndez Fernández |
Vista xeneral da escavación de Forno dos Mouros nº 5. Foto de Fidel Méndez |
Outra vista. Foto Fidel Méndez |
Vistas da escavación. Fotos de Fidel Méndez Fernández |
Escavación do primitivo Forno dos Mouros. Foto Fidel Méndez Fernández |
Corredor de aceso a Forno dos Mouros nº 5. Foto de Fidel Méndez |
Forno dos Mouros primitivo. Foto de Fidel Méndez |
Corredor de acceso de Forno dos Mouros nº 5. Foto de Fidel Méndez Fernández |
Desmontando Forno dos Mouros primitivo. Foto de Fidel Méndez Fernández |
Lousa de cabeceira de Forno dos Mouros primitivo. Foto Fidel Méndez Fernández |
Algunhas pezas de Forno dos Mouros nº 5. Fotos de Fidel Méndez Fernández |
Machado |
Machado |
Punta de flecha |
Punta de flecha |
Coitelo |
Contas de colar
Contas de colar
Vista de Forno dos Mouros durante a súa reconstitución. Foto de Fidel Méndez |
Ubicación actual da Anta de Forno dos Mouros primitiva no Museo Ortegalia en Ortigueira. Á esquerda pódese ver a reconstrución dun guerreiro do Neolítico cuxa documentación e elaboración das pezas foron feitas baixo a direción de Ramón Boga Moscoso.
Realmente interesante, e moi ben ilustrado este artigo.
ResponderEliminarAgora só queda visitar o Museo.