Pedrafita-menhir da Cruz do Campo. Santa María de Cabanas, O Vicedo
Curioso exemplar dado a coñecer por Xabier Moure despois dos seus meticulosos traballos de catalogación de cruceiros no concello de O Vicedo, en Lugo. Digo curiosa pedrafita porque semella un caso extraordinario e paradigmático para o tema que nos ocupa: trátase, efectivamente, dun máis que probable menhir ao que se lle engadiu en época histórica unha cruz latina. Segundo as investigacións de Moure, a pedrafita atopábase ubicada no camiño antigo que levaba á igrexa de Santa María de Cabanas, e logo foi trasladada a este novo lugar, onde o amigo Xabier colocouna de novo en posición ergueita.
Segundo nos relata Moure, a cruz fora gravada por un home da bisbarra, reaproveitando o esteo granítico. Ademais a pedrafita tamén servía como fito sanador de diversas doenzas do gando.
Fotografía de Xabier Moure |
Estamos pois diante dun caso evidente de reaproveitamento ou reconversión dunha pedrafita en cruceiro, sendo un dos pouquísimos casos que se poden testemuñar en Galicia. Por iso, aquila antiga hipótese (Castelao) que mantiña que a inexistencia de pedrafitas en Galicia debíase á sustitución daquilas por cruceiros, veríficase neste caso. Sen embargo, como podemos comprobar nos últimos anos, en Galicia debemos consideralos como feitos totalmente distintos, e dicir, o cruceiro non foi quen de eliminar ás pedrafitas. E dicir, ante a gran cantidade de pedrafitas que se foron descubrindo nos últimos anos, podemos considerar que tanto estas como os cruceiros tiveron case sempre vidas separadas.
Segundo a foto de Moure, parece que se trata dun bloque case cilíndrico que remata dunha forma curiosa: debúxanse unha especie de hombreiros e algo así como a cabeza. Se esto é así, non estaríamos lonxe de poder considerala unha especie de estatua-menhir, como ocorre noutros moitos casos en Galicia.
Información obtida do blog onosopatrimonio de Xabier Moure Salgado
No hay comentarios:
Publicar un comentario