sábado, 7 de decembro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR PENA DAS CAZOLAS. SANTA CRUZ DE SERÉN, FRIOL

PEDRAFITA-MENHIR PENA DAS CAZOLAS


"No admitas jamás cosa alguna como verdad sin haber conocido con evidencia que así era; es decir, evitar con sumo cuidado la precipitación y la prevención, y no admitir en mis juicios nada más que lo se presente tan clara y distintivamente a mi espíritu, que no tuviese motivo alguno para ponerlo en duda"

René Descartes: "Meditaciones Metafísicas con objeciones y respuestas". Ed. Alfaguara, Madrid 1977.



Pedrafita-menhir Pena das Cazolas,
segundo debuxo de Moncho Boga, 2024

E como son terco, volto, polas reviravoltas xa casi imprescindibles de internet, a Friol: é o que supón a urxencia das grandes calamidades, da pena de non ter ido cando tiña que ir. Facerlle caso ao instinto. As cousas, ás veces, son e non són. Como diría o vello Parménides "o ser é e non pode non ser". Para min, lamentablemente, cando tiña que ser, non foi; e cando é, xa non está. Perdoade este galimatías, pero seguro que o entenderedes a medida que vaiades avanzando na lectura.



Ao fondo, a Pena das Cazolas. Fotografía extraida
do bloque megaliticia. Pódense apreciar restos doutros chantos
que poideran ter relación coa nosa pedrafita.

Xa hai uns cantos anos que coñezo fotográficamente esta fermosa pedrafita e, malia que estiven en Friol en maio, non era o momento de visitala, posto que estivemos a disfrutar do Friulio, festa temática galaico-romana. Sempre vas deixando algunha cousa para mais adiante...



Fotografía do blogue megaliticia.

Ubícase dentro do lindeiro dunha pradeira, preto da Pena do Caldeiro, ao carón da estrada CP-2109, non lonxe do Rego do Vieiro e do Rego de Portosueiro, nunha zona achairada. Nas inmediacións foi achada unha pedra con varias cazoliñas e tamén unha pedra de granito cun gravado en forma de caveira.



Fotografía do blogue megaliticia.

Na orde de cousas que me ocupa, a pedrafita Pena das Cazolas acada unha altura de pouco mais ou menos uns tres metros. Na base do que se podería considerar a cara principal aparece unha gran concavidade que mide uns corenta centímetros de diámetro, ao redor dun metro de longo e o lado mais ancho mide setenta centímetros. Parece probable que o gran chanto perdese unha gran parte da cara posterior e, na parte superior ou croa, debuxa unha fendedura-axexadoiro con forma de "U" aberta cos bordos totalmente lisos, puídos. A orientación segue a liña leste-oeste. Na parte superior esquerda aparece a gravura dunha pequena aspa.



Fotografía de Xabier Moure, comprobando os equinocios.

Segundo Alberte Alonso, a pedrafita atopase in situ e é da tipoloxía de observación astronómica ao presentar na croa un axexadoiro tipo "U" (que describia antes) onde a liña equinoccial encaixa á perfección neste cóncavo instrumento de control e orientación estacional. Polo tanto esta é unha pedrafita  que confirma os equinocios de primavera e de outono, o 22 de setembro e o mencer e solpor no 21 de marzo, respectivamente.



Fotografía de Xabier Moure do blogue onosopatrimonio.

Considérase que poidera tratarse dos restos dun esteo dunha anta, pero nos arredores mais cercanos non consta a existencia de ningunha. 



A Pedrafita Pena das Cazolas tumbada por mor das 
inclemencias metereolóxicas. Foto Xabier Moure, 2024.

Cando os actuais propietarios dos terreos onde se asenta mercaron a finca a mediados da década de 1990, a pedra aparecía tumbada e quixeron partila en diversos anacos para o peche dunha das súas fincas, pero desistiron cando foron advertidos de que o grande esteo estaba catalogado por Patrimonio da Xunta..., foi tamén cando a puxeron en pé, cando a volveron a erixir na súa posición vertical. Xabier Moure (de quen tomei toda esta información) voltou no ano 2015 e atopou a un dos donos, que lle asegurou que a pedrafita sempre estivo ergueita no mesmo emprazamento.



A Pena das Cazolas tumbada. Fotografía do blogue megaliticia.

Por último, e lamentablemente, no ano 2024, neste mesmo ano, un integrante do dinámico colectivo Patrimonio dos Ancares, atopou a pedrafita caida, tumbada, posiblemente debido ao reblandecemento do terreo onde estaba encravada: as intensas choivas provocaron o que normalmente fan os homes e as máquinas. Por iso, lamentablemente, nunca poderei contemplar este enorme chanto-pedrafita na súa posición vertical, na posición para a que foi fabricada, na posición durante a cal estivo durante milenios impertérrita, orgullosa e destemida, mirando pasar o tempo.



Fotografía da Pena das Cazolas do blogue megaliticia.


En Sigrás, nos aledaños do Nadal, 2024.

Saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER E MIRAR MAIS

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/pena-das-cazolas.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

xoves, 5 de decembro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DAS FERRERÍAS. San Pedro de Vilalvite, FRIOL

PEDRAFITA-MENHIR DAS FERRERÍAS

SOSPEITOSOS HABITUAIS VII

Hermes fue seguramente el más astuto, travieso y embaucador de los dioses del Olimpo griego. Su atrevimiento era tal que incluso llegó a realizar hazañas tan increíbles como robar el tridente de Poseidón, la flechas de Artemisa o el cinturón de la bella Afrodita.

J.M. Sadurni, Historia National Geographic.



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Estou, unha vez mais (e espero que non sexa a última) nas vagorosas e feraces Terras de Friol, territorio que xa forma parte indisoluble e indiscutible do meu real imaxinario. Pertencente á comarca de Terra de Lugo, entre correudos castelos, pazos, relatos lexendarios, mouros e mouras, regatos caudalosos, terra de romanos, de celtas..., trátase, aínda por enriba, dunha das estacións megalíticas mais densas de Galicia, e a parroquia de Vilalvite non é allea a este fenómeno universal.



Pedrafita-menhir das Ferrerías.
Fotografía Xabier Moure, 2016.

Nos últimos anos foron aparecendo diversos elementos de problemática adscrición megalítica, e este exemplar é un deles. Tamén, nos últimos tempos, fóronse creando roteiros megalíticos e mesmo fóronse poñendo en valor (coa correspondente sinalización) moitas das necrópoles así como diversos elementos illados. Aficionados e expertos foron completando un auténtico mapa do megalitismo de Friol coa correspondente xeorreferencianción, de xeito que hoxe en día é bastante doado chegar a estes monumentos.

Un dos grandes investigadores, inquedo e incansable, é Xabier Moure de cuxo blogue extraín este novo sospeitoso habitual. Xabier Moure foi anotando, dando a coñecer e edificando  tanto a través da prensa, das denuncias en Patrimonio da Xunta e, como non, coa exhaustiva catalogación no seu monumental blogue "o noso patrimonio", un auténtico corpus da prehistoria galega.

Neste caso conta e describe un enorme, grandioso, esteo que acada mais dos tres metros e trinta centímetros de altura á vista: apunta Moure que o chanto está enterrado outros tantos metros e dicir, tres metros mais, cousa que semella un pouco esaxerada...



Pedrafita-menhir das Ferrerías.
Fotografía Xabier Moure, 2016.

O colosal esteo que nos ocupa foi chantado no emprazamento actual por un home chamado Cesáreo que a desenterrou a finais da década de 1990 duns terreos que estaba acondicionando para a súa conversión en pradeira, en pastizal. Tamén apunta que  este home relatoulle que apareceu outra pedra semellante entre a vexetación, pero algo mais cativa. Alberte Alonso pregúntase si non sería un anaco desta pedrafita... Tamén considera Alonso que podería adscribirse ás pedrafitas da tipoloxía fálica.

Atópase moi preto dunha necrópole megalítica, nunha ampla chaira e, ao seu carón discorre  o Camiño Real, coñecido nesa zona como Camiño dos Mouros.

A súa cercanía a varias necrópoles megalíticas (aínda que non está no seu emprazamento orixinal), a súa feitura artificial, e a súa proximidade a unha vía de tránsito, seguramente en activo desde épocas prehistóricas, son motivos suficientes para engadir este impresionante esteo na listaxe das pedrafitas-menhires que xalonan pouco a pouco a xeografía galega.


En Sigrás, nos primeiros días do Nadal de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!


O HORIZONTE MEGALÍTICO EN FRIOL

Dicía mais enriba que o Concello de Friol, nos últimos anos, xa é un referente en canto ao fenómeno megalítico, en canto a necrópoles, enormes mámoas e pedrafitas. Aí vai unha listaxe bastante actualizada dos elementos que podedes visitar, contemplar, mirar e admirar..., para ampliar o coñecemento, en suma:

Anta da Moruxosa, Necrópole do Monteirón, Anta de Vilalvite, Pedrafita entre Narla e Trasmonte, Medorna das Pallotas, Medorna da Zanca, Anta de Nodar, Antas do Verdellón, Anta de Cotá, Pedrafita das Cazolas, Chao das Pallotas, Antas de San Cibrao da Pregación, Antas da Costa de Mera, Necrópole do Monte Vilaldar, Círculo lítico da Chousa do Toxo, Pedrafita do Agro do Castro, Pedrafita do Vieiro e Pedrafita de Fontedelo.


PARA SABER UN POUQUIÑO MAIS

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=aNTA+DE+vILALVITE

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Friol

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/dolmenes-lugo.html

https://historia.nationalgeographic.com.es/a/hermes-embaucador-picaro-mensajero-dioses_21786

mércores, 4 de decembro de 2024

ANTA-DOLMEN DE SAN ROQUE. San Andrés de Lousada, Xermade

ANTA-DOLMEN DE SAN ROQUE OU DO PRADO DA FONTE.


"No puedes descender dos veces al mismo río, ni tocar dos veces una substancia mortal en el mismo estado, sino que por el rápido fluir y reaparecer se dispersa y se reúne de nuevo, viene y se va."

HERÁCLITO DE ÉFESO. Frases y fragmentos.



Anta-dolmen de San Roque. Debuxo de
Ramón Boga, 2024.

Hai xa moitos anos que non volvo á Terra Cha por motivos megaliteiros: e moito menos ao Concello de Xermade. Xa vai un tendo necesidade vital de voltar...

A tamén denominada "Chaira Luguesa", malia que topográficamente se caracteriza pola planicie e a orografía suave, tanto as zonas periféricas do norte como as do sueste, son montesías e agrestes.

Trátase sen dúbida dunha das comarcas galegas mais diferenciadas e peculiares, tanto pola configuración xeográfica como polas características do chan, do clima, da produtividade gandeira, etc.

Ofrece por iso o aspecto xeral dunha basta penechaira ondeada, xulgada xeolóxicamente como un amplo anaco da principal superficie de erosión de Galicia.



Anta-Dolmen de San Roque.
Fotografía de Cándido Rico.
     
Non amosa uns límites precisos pero, pouco mais ou menos, abrangue os concellos de Guitiriz, Begonte, Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba, Xermade, Abadín, A Pastoriza e Cospeito.
                                  


Anta-Dolmen de San Roque.
Fotografía do blogue megaliticia.

A Anta-Dolmen de San Roque atópase na parroquia de San Andrés de Lousada, concello de Xermade. Para chegar hai que coller a estrada que leva desde esa parroquia cara a Roupar e está situada no lugar de Abeleira, nunha propiedade denominada Prado da Fonte.



Anta-dolmen de San Roque.
Fotografía do blogue megaliticia.

Trátase dunha gran necrópole formada por dezasete mámoas, das cales tres foron escavadas por Fermín Bouza Brey no ano 1972.







Planta da Anta de San Roque segundo Bouza Brey (1973) e segundo
Pombo e Rego, 1989-90.

A estrutura arquitectónica describe cámara megalítica con corredor orientado ao sueste e acada unha lonxitude total de catro metros e setenta centímetros. En canto á planta, atinxe unhas dimensións aproximadas dun metro e quince centímetros por dous metros con setenta centímetros. A mámoa na que se insire tén un diámetro máximo de 26 metros e unha altura que non pasa do metro e sesenta centímetros.



Sección da Anta de San Roque a partir de Pombo e Rego, 1989-90.

Os esteos que conforman a cámara son de xisto, o tipo de pedra que abonda na área onde se asenta. Non parece haber predilección por algún tipo de rocha determinado. Na necrópole de Lousada as canteiras, que poideron servir como lugar de onde extraer a materia prima, están a unha distancia que oscila entre os douscentos e os quinientos metros, o cual facilitoulles as labouras de transporte.



Anta-Dolmen de San Roque.
Fotografía do blogue megaliticia.

Tanto esta anta como todas as da necrópole de Lousada aséntanse en terras que tradicionalmente se adicaron ás rozas e o cultivo predominante era o toxo. Unha das constantes na elección dos emprazamentos concrétase nas  penechairas, evitando as pendentes acusadas. Outra das constantes é a elección á beira dos camiños antigos, reais, prehistóricos: camiños vellos. Por iso un dos factores, ou se cadra criterios, do emprazamento das mámoas, sería a súa proximidade aos camiños. É interesante considerar que en xeral habería unha relación dos defuntos cos camiñantes vivos ou ben a consideración do valor apotropaico destes senlleiros monumentos.


Debuxo segundo as escavacións de Bouza Brey (1973).
Moncho Boga, 1993.

Etnográficamente esta é unha terra na que as lendas da mourindade abondan e describen os afáns e as inquedanzas dos galegos: os mouros/as son o trasunto imaxinario do que somos nós. Entre outras moitas lendas, considérase que as mámoas foron construidas polos mouros, deixando tras eles minas de ouro. O motivo polo que estas míticas e máxicas xentes se fosen foi debido a unha tremenda invasión pola que, na súa precipitada fuxida, deixaron os tesouros tapados no interior das mámoas, das medoñas, das medorras, das modias..., que son diversos nomes para unha mesma realidade arqueolóxica.


En Sigrás, cando un día chuvioso non é un día frío, 2024.
Saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER MOITO, MOITO MAIS...


http://megalitos.arqueoloxico.com/

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/anta-de-san-roque-2.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2008/05/25/falta-excavaciones-frena-conocimiento-amplio-legado-arqueologico-chairego/0003_6848827.htm

Fermín Bouza Brey, Xosé Carro Otero, Carlos García Martínez: "Excavaciones en túmulos dolménicos en San Andrés de Lousada (Lugo)." Noticiario arqueológico hispánico. Prehistoria, nº 2. 1973.

Xosé A. Pombo Mosquera; Mª Luisa Rego Álvarez: "O Megalitismo nas Terras de Vilalba (Lugo)" Brigantium, Boletín do museo arqueolóxico e histórico de A Coruña. 1989-90.

X.I Vilaseco Vázquez. "As escavacións arqueolóxicas en monumentos tumulares de Galicia: 1965-1998. Cuestións Metodolóxicas e Bibliométricas". Departamento de Historia I. Universidade de Santiago de Compostela.

Corral: ''Aplicación de un modelo para el estudio económico y social del megalitismo en el Noroeste peninsular: el conjunto megalítico de San Andrés de Lousada (Lugo)''. Brigantium 6. A Coruña 1990
      
Vilaseco Vázquez, X.I.: Referencia: ''Datos sobre a presencia de estructuras de acceso en túmulos megalíticos da provincia de Lugo''. Boletín do Museo Provincial de Lugo (VIII, pp125-156). Lugo 1998
                                       
Fábregas Valcarce, R.: "Referencia: ''Megalitismo del noroeste de la península Ibérica: tipología y secuencia de los  materiales líticos''. Aula Abierta 58. UNED. Madrid 1992



luns, 2 de decembro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DO CEPO. San Breixo de Seixalbo, Ourense.

PEDRAFITA-MENHIR DO CEPO

SOSPEITOSOS HABITUAIS VI



El lenguaje es un método exclusivamente humano, y no instintivo, de comunicar ideas, emociones y deseos por medio de un sistema de símbolos producidos de manera deliberada. Estos símbolos son, ante todo, auditivos, y son producidos por los llamados «órganos del habla».

E. Sapir, "El lenguaje". F.C.E., México 1996.



Pedrafita-menhir do Cepo. Debuxo de Moncho Boga.

Hoxe traio aquí outra sospeitosa pedrafita atopada por José Antonio Gavilanes e estudada como pedrafita de posible observación astronómica por Alberte Alonso. Trátase dun poderoso esteo chantado en posición vertical, casi cilíndrico e con diversas escotaduras e orificios que ben poideran ser de feitura artificial; vaise estreitando a medida que se achega á croa. Atópase, como dicía, chantado en posición vertical entre unha zona de afroramentos rochosos e diversos penedos. Tamén, moi preto, está a liña divisoria que marca a fronteira entre os concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas. Segundo Alberte Alonso non se pode desbotar a posibilidade de que polas inmediacións serpentease unha liña de transo, un camiño, do que xa non queda memoria.



Pedrafita-menhir do Cepo.
Fotografía de José Antonio Gavilanes.

Aínda que Alonso sospeita que o topónimo "cepo" para esta pedrafita pode proceder do lugar onde prendían aos reos para o seu axusticiamento, e onde tamén penduraban as cabezas decapitadas para exhibición pública, eu inclínome por outra interpretación menos escabrosa, posto que esta posible pedrafita atópase nun lugar moi inaccesible, e os axustizamentos de que fala adoitábanse "celebrar" en lugares mais accesibles e/ou públicos.

Efectivamente a miña interpretación aboga pola acepción que define o topónimo "cepo" como procedente do latín "cippum" e dicir, fito ou columna, o que nos achega con mais probabilidade á característica de pedrafita deste elemento posiblemente megálitico. Tamén, nunha das acepcións, "cippus", que significa pao ou poste, compartindo orixe con "cepa".

Este fermoso exemplar de pedra chantada, polas súas características, merece pasar a formar parte do corpus, cada vez mais abondoso, das pedrafita-menhires que salpican toda a xeografía galega.


En Sigrás, no mes do Nadal de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!



PARA SABER UN POUQUIÑO MAIS

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html




mércores, 27 de novembro de 2024

ANTA-DOLMEN MÁMOA 1 DA VEIGA DE MAUS DE SALAS. Santo André de Porqueirós, Maus de Salas. Muíños.

ANTA-DOLMEN MÁMOA 1 DA VEIGA DE MAUS DE SALAS


"Este mundo desnaturalizado se presenta como un bloque enteramente monolítico: en él todo es artificio, nada es naturaleza. Naturaleza y artificio designan, en efecto, más dos formas de observación que dos instantes existentes: dos formas de observación igualmente imperialistas e igualmente exclusivas".

Clément Rosset: "La anti naturaleza". Elementos para una filosofía trágica. Taurus Ediciones, 1974. Madrid.




Debuxo da Anta da Veiga de Maus de Salas.
Moncho Boga, 2024.

Unha vez mais, e non será a derradeira, volto ás espectaculares terras da Baixa Limia, ao Val de Salas, alcumado ás veces como o Val da Morte pola inxente cantidade de monumentos megalíticos que alí teñen o seu asento. Volto coa imaxinación e cos libros, porque a literatura permite viaxar e contemplar outros mundos, outras realidades, outras xentes... Leer permite a millor viaxe posible. Non sei as veces que estiven na Casiña da Moura, non sei as veces que estiven a pouco mais de trescentos metros desta nova Anta sen saber nin siquiera que estaba alí...



Situación da M1 da Veiga de Maus de Salas.

Para chegar, desde o lugar de Maus de Salas, hai que dirixirse cara ao encoro do mesmo nome. A uns cincoenta metros, antes de chegar á barreira de contención da presa, hai que desviarse por un camiño que sae á esquerda e, con dirección Sul, diríxirse  ao encoro. Logo de percorrer uns cento vinte metros, o xacemento atópase á esquerda, ao Leste, a uns vinte metros de distancia desde o camiño, entre a vexetación e rozando a liña de cota máxima da auga represada.

As primeiras intervencións prospectivas, mais ou menos intensivas, na M1 da Veiga de Maus de Salas, correron a cargo de José María Eguileta Franco que, dentro das posibilidades daquiles primeiros estudos, proporcionou a interpretación da planta da cámara megalítica que se coñecía ata hoxe en día e que represento a continuación.




Pranta da M1 segundo  Eguileta Franco.

No ano 2011 constatábase a existencia de pedras de granito de mediano tamaño, pertencentes moi probablemente á coiraza. Conservaba sete esteos na posición orixinal, así como diversos anacos espallados pola contorna da mámoa. Ademais de describir unha anta poligonal con corredor do que se apreciaban eses sete esteos (un deles no lateral do Leste), tamén se documentaron dous posibles fragmentos da pedra cobertora  da cámara.

Nestas mesmas datas foron atopados pola zona Sul e Sueste da mámoa diversos fragmentos de cerámica pertencentes a varios recipentes, entre os que destacan dous deles: un ten decoración campaniforme e o outro é un fragmento de panza dun cacharro que amosa o arrinque dunha asa horizontal.



Anta M1 antes dos traballos de escavación. 
Fotografía do blogue megaliticia.

O túmulo megalítico no que se acocha a anta acada uns vinte metros de diámetro  e un metro de altura, moi alterado nas zonas Sul e Leste onde falta boa parte da masa tumular. Os problemas aos que se tivo que enfrontar este espectacular especimen do megalitismo galego foron as actuacións incontroladas da construción do encoro, a erosión, as escavacións furtivas e o lavado da masa tumular debido á subida das augas.

Os problemas estruturais (que afectan a todo o que queda da cámara) proceden da época de construción do Encoro do Salas, no que unha retroescavadora esmendrellou todo un lateral e a cabeceira desta gran anta, na década de 1960. 

Os devanditos e minuciosos traballos de Eguileta na década de 1990 permitiron catalogar unha inxente cantidade de antas, tanto no Val do Salas como na Serra de Leboreiro e en toda a Baixa Limia. En total son 44 os vestixios do Neolítico inventariados no Catálogo de Xacementos Megalíticos do Planeamento Urbanístico do Concello de Muíños.



Anta M1 antes dos traballos de escavación. 
Fotografía do xornal La Región.

Nas primeiras escavacións sistemáticas, do ano 2023, posibilitouse a visibilización dos restos que se atopaban debaixo da maleza e, dese xeito, poidéronse sentar os alicerces para a recuperación futura, promovendo a súa integración na fraga natural de ribeira que se estivo a recuperar tamén nesta campaña.



Traballos arqueolóxicos do ano 2023.
Fotografía do blogue megaliticia.

Estas actuacións foron posibles grazas  á decidida política do Concello de Muíños, que permitiu a realización dunha campaña arqueolóxica moito mais ambiciosa e con solución de continuidade: esta campaña, promovida polo Concello, financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, tivo como obxectivo iniciar os traballos arqueolóxicos para recuperar a M1 da Veiga de Maus de Salas.



Foto Roteiro Megalítico wilkiloc.

Estas actuacións documentaron o proceso de alteración que estivo a sofrir durante os traballos de construción do Encoro. Tamén se constatou que se trata dunha anta que se desenvolve a través dun corredor desenvolvido co lateral e a cabeceira destruidas, como dicía mais enriba. A Mámoa 1 é unha das trece localizadas na necrópole da Veiga de Maus de Salas e a intervención tiña como obxectivo primordial frear o deterioro actual, recuperándoa  para o distrute de todos os amantes do megalitismo. 



Vista aérea. Foto: Xunta de Galicia

Segundo o proxecto asinado por David Pérez e José María Eguileta, o monumento conta cunha cámara excepcional dentro do megalitismo galego, tanto polo seu tamaño como pola súa tipoloxía, aparentemente unha anta de corredor indiferenciado tanto na planta coma no alzado. Precisamente un dos obxectivos destes primeiros traballos (como subliñaba mais enriba) consistiu na definición da planta para a súa posterior consolidación de cara a plantexar na segunda fase a súa completa rehabilitación arqueolóxica.



Traballos arqueolóxicos do ano 2023.
Fotografía do xornal La Voz de Galicia.

No ano 2024 continuaronse as actuacións arqueolóxicas cunha nova campaña para levar a cabo a escavación e consolidación da M1 da Veiga de Maus de Salas. Nestes traballos, dirixidos polo arqueólogo David Ferrer, procedeuse ao acondicionamento de toda a contorna da anta e á escavación de varias áreas para comprobar e recabar información precisa co obxectivo de restituir a cámara e as fallas volumétricas de tumulación provocadas pola agresión referida anteriormente. A actuación completouse  coa consolidación da anta, recolocando os esteos desprazados e protexendo o monumento das enchentas e baixadas do encoro.



Fotos da escavación do ano 2024.

A recuperación desta Anta vai permitir o incremento sustancial  do valor do patrimonio megalítico do Val do Salas: pódese visitar de xeito doado seguindo as sinais-indicadores do roteiro do megalitismo deseñado desde o Centro BTT Serra do Xurés. Trátase dun percorrido  circular, ao redor do Encoro, que atinxe unha lonxitude duns doce quilómetros e setecentos metros, podendo visitar  a Necrópole do Outeiro de Cavaledre, a Casiña da Moura, a Casola do Foxo e a Anta de Munixeito.



Fotos da escavación do ano 1924.

Para rematar, e para achegarse ao coñecemento polo miudo de todo este inxente conxunto megalítico, podemos visitar a "Aula Arqueolóxica do Megalitismo do Val de Salas e da Serra do Leboreiro", que se atopa nas instalacións da Porta do Parque, no complexo de O Corgo, en Mugueimes.


En Sigrás, nas postrimerías de novembro de 2024.

Saúde, sorte e libros!!!!


PARA SABER UN POQUICHIÑO MAIS

López-Alonso e Cuevillas: "Dúas estacións dolménicas. As mamoiñas da Serra da Muá e as antas de Maus de Salas". NÓS 44. Santiago de Compostela, 1927.

Eguileta Franco: "As mámoas dos concellos da Baixa Limia: aportación ao catálogo de monumentos tumulares de la comarca" CEGA, T. XLI, Fasc. 106. Santiago de Compostela. 1993-94.

Eguileta Franco: "Mámoas y paisaje, muerte y vida en el val de Salas (Ourense). El fenómeno megalítico en un valle de montaña" Universidade de Vigo.

Libro-Guía. Eguileta Franco, J.M. e Cabo Rodríguez, C., "Muíños Arqueolóxico: os megalitos de Muíños", 27 pp. Ourense, 1994.

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-megalitica-as-maus-de-salas-muinos-13320025/photo-8218415

https://www.concellomuinos.com/aulaarqueol%C3%B3xicadomegalitismodo

https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/006159/xunta-pone-marcha-obras-consolidacion-yacimiento-arqueologico-mamoa-maus-salas

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmen-de-corredor-del-embalse-de-maus.html

https://www.researchgate.net/publication/276223579_As_mamoas_dos_concellos_da_Baixa_Limia_Aportacion_al_catalogo_de_monumentos_tumulares_de_la_Comarca

https://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/view/274/278

https://www.laregion.es/articulo/ourense/val-da-morte-recupera-nueva-mamoa-junto-salas/202411031418141341220.html

https://www.laregion.es/articulo/baixa-limia/muinos-traza-salas-museo-megalitismo/202410230445111337820.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/muinos/2024/10/14/patrimonio-inician-consolidacion-mamoa-maus-salas/0003_202410O14C3995.htm


martes, 19 de novembro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DO OUTEIRO DAS CAPAS. San Xoán de Torea, Muros.

PEDRAFITA-MENHIR DO OUTEIRO DAS CAPAS


"No hay edificio sin caminos que conduzcan a él, ni tampoco hay edificios sin recorridos interiores, sin pasillos, escaleras, corredores o puertas".

Jacques Derrida.




Debuxo da pedrafita segundo Moncho Boga, 2024.

Atópase, case esquecido polos tempos e polos homes, no Lugar de Outeiro das Capas, á beira do Parque Eólico "Pedregal-Tremuzo", moi preto dun primitivo camiño que unía varias aldeas. A pedrafita hoxe en día non funciona como marco de termo, o que non é obice para deducir que a súa perduración no tempo fose debido a esa posible función práctica. Facemos esta consideración porque a uns quinientos metros atópase o límite actual entre os concellos de Mazaricos, Serra de Outes e Muros, feito que se cadra non é casual. 



Pedrafita Outeiro das Capas.
Fotografía de Elixio Vieites.

Na súa contorna inmediata parece que nacen os regos de Acuiña, de Osedo e a Fonte do Covo. Ademais pódese constatar a existencia dalgunha necrópole megalítica, paneis de petróglifos e varios xacementos castrexos.

Mide desde a base, para a altura, ao redor de dous metros e medio; amosa sección acusadamente redondeada, cilíndrica, que vai diminuindo a  medida que medra na altura. Aos seus pés aparecen dúas pedras de tamaño considerable que debuxan unha forma case esférica, elementos que poden estar vencellados dalgunha maneira coa nosa pedrafita, como acontece noutros exemplares do noso país.



Pedrafita Outeiro das Capas.
Fotografía de Elixio Vieites.

É significativo o decatarse que cando se construiu o Parque Eólico do Pedregal-Tremuzo no ano 2004, nos traballos de prospección arqueolóxica non figura a existencia desta pedrafita: non aparece catalogada,  nin siquiera cunha consideración etnográfica.

Tamén é moi de ter en conta a toponimia circundante, sinalada por Alberte Alonso a saber: Outeiro dos Bois, Cabeza de Riomao, Fonte do Ouro, A Casoliña, Pedra da Arca, Niño do Corvo, etc.



A Pedrafita Outeiro da Capas,
foto de Elixio Vieites.

Malia que non se fala de cazoliñas ou de ningún tipo de gravuras, considero que este gran esteo, chantado na soidade das cumes de Terra de Muros, pode ser considerado outro dos elementos salientables do megalitismo galego, no que atinxe ao universo das pedrafitas-menhires.


QUE PODEMOS VISITAR EN MUROS?

A propia Vila de Muros xa é unha disculpa suficiente para achegarnos a estas terras. Aínda asi, no Museo do Muíño de Marea podemos contemplar a Cista do Bico; os petróglifos da Laxe das Rodas; a ría de Muros en todo o seu esplendor, o Monte Louro... Paga a pena perderse polos recunchos de Muros (que son moitos, variados e impresionantes) deixándonos levar pola intuición do que é fermoso, significativo,  deixando que as cousas se presenten a nós.


En Sigrás, nun outonal e inquedo día de 2024.

Saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER ALGO MAIS

http://patrimoniogalego.net/index.php/78418/2015/10/pedrafita-do-outeiro-das-capas/

http://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com.es/2014/03/mapa-das-pedrafitas-de-galicia.html

https://themurostimes.com/2016/05/07/pedrafita-do-outeiro-das-capas/

xoves, 14 de novembro de 2024

ANTA-DOLMEN DO GUIDOIRO AREOSO. A IIla de Arousa.

 

ANTA-DOLMEN DO GUIDOIRO AREOSO

"La ecología no es sólo una moda. La salvación de la biosfera no es un programa que hay que dejarse para los ingenuos filántropos o los profetas desarmados; podrá ser eficaz -o no serlo- en la medida en que sea un cálculo responsable, nacido del conocimiento científico y la sabiduría política de todos los que participen en el juego".

PAOLO CASINI: "Naturaleza" Editorial Labor, S.A. Barcelona 1977.



Anta-dolmen do Guidoiro Areoso, segundo

versión de Moncho Boga, 2024.


Atópase nunha paraxe marítima espectacular á beira da Illa de Arousa, Illa mítica onde as haia, da que o continente estaba illado, pero ao que se uniu artificialmente na década de 1980 coa construción dunha ponte que rematou con esa separación milenaria en que estaban sumidas as xentes de terra firme.

O Illote do Guidoiro Areoso (ou Ghidoiro ou Xidoiro) atópase a pouco mais dun quilómetro da Illa. O lugar mais cercano é a Punta Quilma, desde onde se poden reservar embarcacións para achegarse a este idílico e cativo promontorio de pouco mais de 600 metros de longo e douscentos no mais ancho. Un pequeno itsmo está a separar pouco a pouco a parte mais rochosa da área dunar: é un indicio claro da subida do nivel das augas do mar e da erosión que ese evento provoca.



Illote Guidoiro Areoso.
Foto: https://historiadegalicia.gal/
.

Non me agradan moito os epítetos con que se ven alcumando este precioso illote desde hai xa algún tempo: illa dos mortos, o caribe galego..., que malia que teñan razón e base suficiente para chegar a estes alcumes, para mín é a illa dos dólmenes, a illa das antas, das cistas, das mámoas: a illa da prehistoria.



A Illa de Arousa. Abaixo, o Illote do Guidoiro.
Fotografía: https://x.com/SabiasGalicia/status/

Pero non só o Illote: si temos en conta que hai milleiros de anos a Illa de Arousa e os seus satélites illotes estaban unidos a terra firme, como unha especie de barra ou península, probablemente debamos considerar  a Illa e os seus illotes coma un todo. O xacemento de Riasón, diversos descubrimentos, a posible pedrafita de Pedra Quilma (de dubidosa adscrición prehistórica) e a gran cantidade de dólmenes do Illote do Guidoiro, fannos pensar non só que esta bisbarra foi habitada desde datas remotas, senon tamén que o fenómeno megalítico non debe ser únicamente cousa do Illote que nos ocupa.


A Anta nº 4 antes da escavación, despois da construción

do muro de contención, no ano 2011.
Foto: Patrimonio Galego.

Nada menos que cinco antas e catro cistas nun espazo tan reducido..., todo esto permite deducir que a acción do mar deixará á vista novos elementos. Aparecen de vez en cando, ciscallados por aquí e por alá, restos de ósos humanos, de animais, restos de cerámica, de metáis, útiles líticos, etc. 



Mámoa 4 segundo versión de Moncho Boga, 2024

Ata o de agora, absolutamente todos os xacementos megalíticos do Guidoiro sitúanse nunha área intermareal onde a implacable acción do mar vainos deixando ao descuberto e/ou destruindoos directamente; o interior está case completamente ocupado por un complexo dunar. Hai cinco monumentos megalíticos identificados, todos eles na metade sul da illa. En toda a extensión da praia foi aparecendo abondoso material arqueolóxico do Calcolítico, da Idade do Bronce (cerámica e restos de comida), da Idade do Ferro e romano. Seguramente nos vindeiros tempos aparecerán moitos mais restos que os temporais irán descubrindo.



O estado da anta da M4 antes da escavación.
Foto: file:///E:/A%20ILLA/DOLMEN-AREOSO-3.webp

A historia das actuacións arqueolóxicas comenzou a finais dos anos oitenta do século XX, cando o arqueólogo Xosé Manuel Rey levou a cabo actuacións en dúas antas e rexistrou-catalogou a anta número 4, que daquela aínda estaba cuberta con toda a masa tumular. 



Muro de contención, anta e mámoa antes da escavación de 2017.
Fotografía: Xoán Arco da Vella.


No ano 2010, diante do tan repetido avance das mareas, comezáronse unha xeira de intervencións sistemáticas posto que quedou á vista parte da anta nº 4 (antes toalmente cuberta polo túmulo) e destruiuse totalmente a nº 5.  Nestas datas construiuse o muro de contención para protexer a mámoa 4. Unha publicación, do ano 2012, asinada por Xosé Manuel Rey García e de  Xosé L. Vilaseco, estúda as cinco mámoas do illote, dando conta das súas caracteristicas, dos materiais atopados ata entón e do grao en que estaban e están sendo afectadas polas mareas. 



Muro de contención e mámoa.
Fot: xoán Arco da Vella.

No ano 2015 levouse a cabo unha intervención arqueolóxica, sondaxes valorativas e labouras de conservación (nos últimoas 25 anos realizáronse catro campañas arqueolóxicas). Como estaba a expor antes, a acción do mar segue deparando novos achádegos (dúas cistas pequenas) e, a Asociación Pendulleiros" (activo colectivo  que entre os seus obxectivos están a preservación de todos os valores da Illa), descubriu restos óseos e alertou sobre a fraxilidade deste cativo territorio insular e da necesidade de protección, tanto da acción natural como da acción antrópica. 

Outro feito importante que se debe subliñar, é que debido á súa ubicación insular, só se pode acceder en lancha, feito que probablemente posibilitou que estas mámoas non fosen expoliadas en datas históricas, o que fai que sexa un dos xacementos megalíticos mais importantes de Galicia.



A Anta nº 4 antes da escavación arqueolóxica.
co muro de proteción de 2011.
Foto: https://lamagiadelaspiedras.blogspot.com/2013/08/guidoiro-areoso-pontevedra.html


Durante a escavación sistemática da mámoa nº 4, que se iniciou no ano 2017, contabilizáronse cinco mámoas (unha delas desaparecida pola acción do mar) e atopáronse restos de diversas épocas. A mámoa nº 5 era un túmulo duns nove metros de diámetro recuberto con coiraza pétrea e a súa estrutura arquitectónica compoñíase con seis esteos, feito que tamén a singulariza con respecto ao resto do megalitismo galego, que adoita posuir entre 5 e 7.



Foto aérea da M4 durante a intervención arqueolóxica.
Fotografía:  https://guidoirodixital.wordpress.com/: .


A mámoa nº 4, catalogada nos anos oitenta, conservaba toda a súa estrutura tumular, enteira, e puidose documentar unha parte da coiraza que a estaba a recubrir. Foi no ano 2011 cando se comprobou que a acción marítima estaba a destruir  boa parte da mámoa que ata entón estaba completa: esta acción provocou un corte transversal no perfil do norte, o que deixou á vista a anta que hoxe podemos contemplar escavada, consolidada e reconstruida. 



Foto da escavación extraida da publicación "Lo que nos
cuenta la marea" (Ver bibliografía)

A análise da estrutura que quedou á vista foi o seguinte:  a planta da cámara megalítica semellaba alongada, tendendo ao rectángulo e mide dous metros e sesenta centímetros  de longo por un metro e cincoenta centímetros de alto; o largo non se coñecía porque estaba acochado no interior mámoa. Esta, pequena, acadaba uns dez metros de diámetro por un metro e vinte centímetros de altura: probablemente a cámara afroraría en altura. A composición da mámoa era de terra negra recuberta por unha coiraza de pedras de granito. Foi así, diante destas conclusións, e logo da análise correspondente, que  o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, acometeu as obras de construción dun gran muro de contención para protexer a anta da acción das mareas.



Foto da escavación extraida da publicación "Lo que nos
cuenta la marea" (Ver bibliografía)

E chegammos ás escavacións do ano 2017. Unha vez rematada esa escavación comprobouse que a cámara megalítica estaba conformada por oito esteos de granito, cun espazo interior de dous metros e vintecinco centímetros por dous metros con 60 centímetros. Debuxa unha planta lixeiramente alongada e aberta ao leste-suleste. Un par de lousas, nesa mesma orientación, delimitan o corredor dun só tramo, que non supera o metro de anchura. A cámara estaba cuberta por unha tampa, aínda que unha soa lousa estaba en posición similar á orixinal. Segundo as evidencias, outra lousa cubriría o corredor, e dúas lousas a cámara.


Fotografía José Blanco do Colectivo A Rula.
Extraída do blog megaliticia.

O feito de que non fose expoliada en datas históricas posibilitou o achado de significativos restos arqueolóxicos in situ: pezas líticas, machados, esferas de granito, esferas circulares de xisto..., en total case 3000 fragmentos cerámicos, ao redor de 650 líticos e 7 pezas metálicas. Por iso o interior da cámara é de extraordinario valor debido a que poucas veces en Galicia foi posible realizar unha escavación arqueolóxica nun xacemento non alterado desde épocas prehistóricas. Neses estratos arqueolóxicos sen alterar atopáronse obxectos en posición primaria e dicir, na mesma posición e colocación na que foron postas aí, destacando, como dicía, varias machadas de pedra e algunha cerámica, coma unha cunca enteira completamente decorada. A todo isto hai que engadir mais de 70 mostras, malacofauna, carbóns...



Fotografía de: https://historiadegalicia.gal/.

Especialmente salientable foi a aparición dun cuncheiro na marxe surleste, na zona do corredor de acceso. Este cuncheiro probablemente foi formado durante a Idade do Bronce. Grandes bloques graníticos e alongados desprazados á esquerda da entrada da cámara indican que posiblemente nesas datas prodúxose o primeiro expolio: alterouse parte da estrutura central e da coiraza, descolocando todas as grandes pedras, algunhas do sistema de peche da cámara. Neste cuncheiro apareceron sobre todo restos de lapas, mexilóns e ostras. Tamén restos de dourada e farro, ósos de gando vacún, de ovella e de cabra. Así mesmo a prospección sistemática do illote permiiu rexistrar tres novas cistas (escaváronse dúas), unha mandíbula humana e unha fíbula: a mandíbula é o único resto humano da Idade do Ferro achado en Galicia. 



Fotografía da páxina: https://guidoirodixital.wordpress.com/.

Outro dos aspectos que se estudou durante a escavación foi a orientación da cámara. En xeral, en Galicia a orientación sempre é ao surleste, orientación que adoita coincidir coa saída do sol nos meses do outono-inverno, momento nos que as raiolas do noso astro iluminarían a maior superficie do interior da cámara. Sen embargo, a orientación da M4 é leste-surleste: non está precisamente orientada ao solsticio de inverno, senón a uns meses antes e despois desas datas. Polo tanto a súa orientación é singular posto que a iluminación do interior non está centrada no solsticio do inverno como é habitual nas cámaras megalíticas galegas.



Fotografía do blog Galicia Máxica.

A empresa TOMOS, S.L. foi a encargada da escavación, consolidación e restauración da Anta da Mámoa nº 4 do Guidoiro, traballos que combinaron coa colaboración de diversos expertos nas mais diversas disciplinas, o que converteu a escavación nun auténtico traballo interdisciplinar: edafólogos e xeomorfólogos (Ramón Blanco e Manuela Costa), especialistas en metalurxia (Beatriz Comendador), bioloxía (Teresa Rivas), canteiros, zooarqueoloxía (Carlos Fernández), xeocronoloxía (Elías López e Jorge Sanjurjo), fotogrametría Dixital Xeorreferenciada, especialistas en pintura parietal (Fernando Carrera), arqueosatronomía (César González-García). A directora da escavación foi a arqueóloga Patricia Mañana Borrazás.



Foto José Blanco-Colectivo a Rula. Extraído do blog megaliticia.

Para rematar, vou a introducir unha sempre interesante e produtiva consideración toponímica resumida dos estupendos estudos de Dolores González de la Peña. Segundo argumenta no seu blogue arqueotoponimia, a etimoloxía de Moralejo Laso da forma Guidoiros (Ghidoiros, con gheada), se explica polo gótico "wida: guía". Desde esta posición explicativa, serían ou servirían de auténticos faros, guías ou  guidoiros e dicir, referencias de navegación para ubicar elementos de singular importancia. Sen embargo,  Dolores inclínase por un caso de castelanización, sendo Xidoiro  o topónimo orixinario, talvez do latín "adjutorium" (protección, amparo, auxilio).  Por iso vencella o topónimo coa necrópole: atopa o étimo galaico-romano  "sciterium" ou "scitorium" que procede do latino "asciterium", homólogo de "monasterium", término que en moitos lugares da Europa Atlántica  se asocia con megalitos, se aplica aos lugares con antas. Serían, os dólmenes, considerados monasterios ou asciterios, templos pequenos, lugares de contemplación habitados por ascetas.



Mámoa 4 despois da escavación e reconstrución.
Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Un dos aspectos mais interesantes e posiblemente fructíferos do equipo que acometeu a intervención arqueolóxica no Guidoiro, atañe á vulnerabilidade dos xacementos costeiros diante do cambio climático, sobre todo con respecto ao nivel do mar: estes efectos están sendo dramáticos, senon desastrosos, no Guidoiro Areoso. A diagnose do equipo de investigación corrobora e asegura que a erosión continuará nos vindeiros anos, especialmente baixo as condicións de ascenso actual do nivel do mar que afectará lamentablemente ao rexistro arqueolóxico do illote.



A  M4 na hoxe en día.
Foto: file:///E:/A%20ILLA/Outros/PHOTO-2022-08-09-14-13-01-scaled.jpg.webp

O patrimonio cultural e natural do  Illote do Guidoiro e/ou Xidoiro, así como todo o patrimonio da Illa de Arousa, debe ser estrictamente protexido, respetado e preservado, posto que non só é un singular espazo, senon que tamén é perigosamente vulnerable.


En Sigrás, no mes do magosto e do San Martiño de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!!


PÓDESE VISITAR ALGO MELLOR QUE A ILLA?

A Illa de Arousa (A Illa) é un concello ao que sempre hai que voltar: non ten nada sobresaínte e, sen embargo, todo é sobresaínte: é un TODO HARMÓNICO. Calquera rúa, calquera recuncho, cabo, golfo, reviravolta, praia, cala ou monte, ofrecen unhas estampas panorámicas difíciles de superar. O seu illamento milenario fixo que estas xentes e estas paisaxes adquirisen unha forte concencia de seu, unha forte raigame e unha sabiduría propia das xentes con identidade propia. 


ONDE MIRAR E APRENDER MAIS

Patricia Mañana-Borrazás, Ramón blanco-Chao, Mª José Bóveda Frenández, Daniel Cajade-Pascual, Manuela Costa-Casais, Alejandro Güimil-Fariña, Elías López-Romero, Santiago Vázquez Collazo e Xosé L. Vilaseco-Vázquez: "Lo que nos cuenta la marea. Prehistoria en el islote de Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa, Galicia) a la luz de las últimas intervenciones" 2020. En "Actualidad de la Investigación Arqueológica en España I. (2018-2019)" Conferencias impartidas en el Museo Arqueológico Nacional. (PDF)

María Guadalupe Castro González: "La cerámica del Bronce Antiguo en la Mámoa 4 de Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa, Pontevedra). 2020 (PDF).

"Arqueoloxía/Informes". Xunta de Galicia, 1991, 1995.

Elías López-Romero, María Pilar Prieto Martínez, Alejandro Guimil-Fariña, José M. Rey García, Patricia Mañana-Borrazás, X. Ignacio Vilaseco Vázquez, Carlos Otero Vilariña:  "Ocupación humana y monumentalidad durante la Prehistoria Reciente en el islote de Guidoiro Areoso (Ría de Arousa, Pontevedra): investigaciones en el marco de las dinámicas litorales atlánticas actuales".  Na Revista Trabajos de Prehistoria. CSIC,  2015.

https://guidoirodixital.wordpress.com/los-yacimientos-arqueologicos/

http://apedradoencanto.blogspot.com, de Beatriz Comendador Rey.

https://www.manuelgago.org/blog/2012/01/14/unha-viaxe-a-illa-dos-mortos/

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2013/02/xidoiros.html?m=1

https://www.raidoviajeros.com/visitar-la-isla-de-areoso/

https://www.isloteareoso.com/tesoros-ocultos-del-islote-de-areoso/

https://www.nobbot.com/entrevista-arqueologa-patricia-manana/

http://patrimoniogalego.net/index.php/78211/2015/09/ghidoiro-areoso/

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmenes-guidoiro-areoso.html

https://historiadegalicia.gal/2019/02/xa-podes-conecer-todos-os-segredos-dos-dolmenes-na-conecida-como-illa-dos-mortos-na-ria-de-arousa/

https://gazeta.gal/web/a-illa-guidoiro-areoso-a-illa-das-mamoas-parte-2-ria-arousa-pontevedra/

https://estonoesloquepareze.com/visitar-islote-areoso-ria-arousa/

https://lamagiadelaspiedras.blogspot.com/2013/08/guidoiro-areoso-pontevedra.html

http://www.xoanarcodavella.com/2012/10/mamoa-do-guidoiro.html

https://x.com/SabiasGalicia/status/1575206289092886545
    
https://www.bing.com/images/search?

view=detailV2&ccid=CB8%2Bhc39&id=7E8836CAEB49B0EF27988B87D4223AF79E847E36&thid=OIP.CB8-

 hc39tUUsECBVgVKJSwHaFz&mediaurl=https%3A%2F%2Fpbs.twimg.com%2Fmedia%2FFdxBxFOX0AAoHC5.jpg&exph=533&expw=680&q=Fotos+a%C3%A9reas+do+Guidoiro+Areoso&simid=6080167