ANTA-DOLMEN MÁMOA 1 DA VEIGA DE MAUS DE SALAS
"Este mundo desnaturalizado se presenta como un bloque enteramente monolítico: en él todo es artificio, nada es naturaleza. Naturaleza y artificio designan, en efecto, más dos formas de observación que dos instantes existentes: dos formas de observación igualmente imperialistas e igualmente exclusivas".
Clément Rosset: "La anti naturaleza". Elementos para una filosofía trágica. Taurus Ediciones, 1974. Madrid.
Debuxo da Anta da Veiga de Maus de Salas. Moncho Boga, 2024. |
Pranta da M1 segundo Eguileta Franco. |
No ano 2011 constatábase a existencia de pedras de granito de mediano tamaño, pertencentes moi probablemente á coiraza. Conservaba sete esteos na posición orixinal, así como diversos anacos espallados pola contorna da mámoa. Ademais de describir unha anta poligonal con corredor do que se apreciaban eses sete esteos (un deles no lateral do Leste), tamén se documentaron dous posibles fragmentos da pedra cobertora da cámara.
Nestas mesmas datas foron atopados pola zona Sul e Sueste da mámoa diversos fragmentos de cerámica pertencentes a varios recipentes, entre os que destacan dous deles: un amosa decoración campaniforme e o outro consiste nun fragmento de panza dun cacharro que amosa o arrinque dunha asa horizontal.
Anta M1 antes dos traballos de escavación. Fotografía do blogue megaliticia. |
O túmulo megalítico no que se acocha a anta acada uns vinte metros de diámetro e un metro de altura, moi alterado nas zonas Sul e Leste onde falta boa parte da masa tumular. Os problemas aos que se tivo que enfrontar este espectacular especimen do megalitismo galego foron as actuacións incontroladas da construción do encoro, a erosión, as escavacións furtivas e o lavado da masa tumular.
Os problemas estruturais (que afectan a todo o que queda da cámara) proceden da época de construción do Encoro do Salas, no que unha retroescavadora esmendrellou todo un lateral e a cabeceira desta gran anta, na década de 1960. Os devanditos e minuciosos traballos de Eguileta na década de 1990 permitiron catalogar unha inxente cantidade de antas, tanto no Val do Salas como na Serra de Leboreiro e en toda a Baixa Limia. En total son 44 os vestixios do Neolítico inventariados no Catálogo de Xacementos Megalíticos do Planeamento Urbanístico do Concello de Muíños.
Anta M1 antes dos traballos de escavación. Fotografía do xornal La Región. |
Nas primeiras escavacións sistemáticas, do ano 2023, posibilitouse a visibilización dos restos que se atopaban debaixo da maleza e, dese xeito, poidéronse sentar os alicerces para a recuperación futura, promovendo a súa integración na fraga natural de ribeira que se estivo a recuperar tamén nesta campaña.
Traballos arqueolóxicos do ano 2023. Fotografía do blogue megaliticia. |
Estas actuacións foron posibles grazas á decidida política do Concello de Muíños, que posibilitaron a realización dunha campaña arqueolóxica moito mais ambiciosa e con solución de continuidade: esta campaña, realizada no Val de Salas, promovida polo Concello, financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, tivo como obxectivo iniciar os traballos arqueolóxicos para recuperar a M1 da Veiga de Maus de Salas.
Foto Roteiro Megalítico wilkiloc. |
Estas actuacións permitiron a documentación do proceso de alteración que estivo a sofrir durante os traballos de construción do Encoro. Tamén se constatou que se trata dunha anta que se desenvolve a través dun corredor desenvolvido co lateral e a cabeceira destruidas, como dicía mais enriba. A Mámoa 1 é unha das trece localizadas na necrópole da Veiga de Maus de Salas e a intervención tiña como obxectivo primordial frear o deterioro actual, recuperándoa para o distrute de todos os amantes do megalitismo.
Vista aérea. Foto: Xunta de Galicia |
Segundo o proxecto asinado por David Pérez e José María Eguileta, o monumento conta cunha cámara excepcional dentro do megalitismo galego, tanto polo seu tamaño como pola súa tipoloxía, aparentemente unha anta de corredor indifertenciado tanto na planta coma no alzado. Precisamente un dos obxectivos destes primeiros traballos (como subraiaba mais enriba) consistiu na definición da planta para a súa posterior consolidación de cara a plantexar na segunda fase a súa completa rehabilitación arqueolóxica.
Traballos arqueolóxicos do ano 2023. Fotografía do xornal La Voz de Galicia. |
No ano 2024 continuaronse as actuacións arqueolóxicas cunha nova campaña para levar a cabo a escavación e consolidación da M1 da Veiga de Maus de Salas. Nestes traballos, dirixidos polo arqueólogo David Ferrer, procedeuse ao acondicionamento de toda a contorna da anta e á escavación de varias áreas para comprobar e recabar información precisa co obaxectivo de restituir a cámara e as fallas volumétricas de tumulación provocadas pola agresión referida anteriormente. A actuación completouse coa consolidación da anta, recolocando os esteos desprazados e protexendo o monumento das enchentas e baixadas do encoro.
Fotos da escavación do ano 2024. |
A recuperación desta Anta vai permitir o incremento sustancial do valor do patrimonio megaítico do Val do Salas: pódese visitar de xeito doado seguindo as sinais-indicadores do roteiro megalítico deseñado desde o Centro BTT Serra do Xurés. Trátase dun percorrido circular ao redor do Encoro que atinxe unha lonxitude duns doce quilómetros e setecentos metros, podendo visitar a Necrópole do Outeiro de Cavaledre, a Casiña da Moura, a Casola do Foxo e a Anta de Munixeito.
Fotos da escavación do ano 1924. |
Para rematar, e para achegarse ao coñecemento polo miudo de todo este inxente conxunto megalítico, podemos visitar a "Aula Arqueolóxica do Megalitismo do Val de Salas e da Serra do Leboreiro", que se atopa nas instalacións da Porta do Parque, no complexo de O Corgo, en Mugueimes.
En Sigrás, nas postrimerías de novembro de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!!
PARA SABER UN POQUICHIÑO MAIS
López-Alonso e Cuevillas: "Dúas estacións dolménicas. As mamoiñas da Serra da Muá e as antas de Maus de Salas". NÓS 44. Santiago de Compostela, 1927.
Eguileta Franco: "As mámoas dos concellos da Baixa Limia: aportación ao catálogo de monumentos tumulares de la comarca" CEGA, T. XLI, Fasc. 106. Santiago de Compostela. 1993-94.
Eguileta Franco: "Mámoas y paisaje, muerte y vida en el val de Salas (Ourense). El fenómeno megalítico en un valle de montaña" Universidade de Vigo.
Libro-Guía. Eguileta Franco, J.M. e Cabo Rodríguez, C., "Muíños Arqueolóxico: os megalitos de Muíños", 27 pp. Ourense, 1994.
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-megalitica-as-maus-de-salas-muinos-13320025/photo-8218415
https://www.concellomuinos.com/aulaarqueol%C3%B3xicadomegalitismodo
https://www.xunta.gal/es/notas-de-prensa/-/nova/006159/xunta-pone-marcha-obras-consolidacion-yacimiento-arqueologico-mamoa-maus-salas
https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmen-de-corredor-del-embalse-de-maus.html
https://www.researchgate.net/publication/276223579_As_mamoas_dos_concellos_da_Baixa_Limia_Aportacion_al_catalogo_de_monumentos_tumulares_de_la_Comarca
https://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/view/274/278
https://www.laregion.es/articulo/ourense/val-da-morte-recupera-nueva-mamoa-junto-salas/202411031418141341220.html
https://www.laregion.es/articulo/baixa-limia/muinos-traza-salas-museo-megalitismo/202410230445111337820.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/muinos/2024/10/14/patrimonio-inician-consolidacion-mamoa-maus-salas/0003_202410O14C3995.htm
No hay comentarios:
Publicar un comentario