domingo, 4 de novembro de 2012

CISTA DE A FORXA. Lugar Vilariño de Touzas, San Miguel de Progo, Riós.

CISTA DE A FORXA. 

Trátase dunha pequena cista escavada arqueolóxicamente por Fidel Méndez Fernández no ano 1995. Pódese considerar como un exemplo paradigmático de sepultura da Idade do Bronce Inicial en Galicia.

Atopábase, como dicía antes, na parrqouia de Vilariño de Touzas, pertencente ao Concello de Riós en Ourense, a uns oitocentos metros de altitude nunha zona bastante chan.


Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1995

Adoptaba unha forma rectangular orientada do Leste ao Oeste e estaba conformada mediante catro lousas de pizarra. Tamén estaba cuberta por dúas laxes de pizarra, polo menos. Foi atopada polo dono da leira mentres realizaba labouras agrícolas.

As medidas acadaban o metro e medio no eixe leste-oeste, noventa centímetros no eixe norte-sul e tiña sesenta centímetros de profundidade. Atopásase constrtuida sobre un foso escavado directamente no sustrato mineral.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1995

No interior había varios anacos de cerámica de perfil troncocónico. Noutros catro recipentes cerámicos apareceu bastante materia orgánica carbonizada, de xeito que puido ser datada con bastante precisión. Tamén se analizaron os restos doutros dos dous recipentes e os restos son intepretados como cervexa.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA


MÉNDEZ FERNÁNDEZ, F.  "Informe valorativo sobre la excavación en la Cista de A Forxa. Santiago de Compostela. Xunta de Galicia, inédito.

PRIETO MARTÍNEZ, M.P et al "Dos enterramientos de la Edad del Bronce de la provincia de Ourense. Congresso Transfoiteriço de Arqueologia. Un Património sem Fronteiras". Actas del Congreso.

PPEDRAFITA-MENHIR DE SANTA MARÍA DE MEZONZO. Vilasantar

PEDRAFITA-MENHIR DE SANTA MARÍA DE MEZONZO.

No Concello de Vilasantar, a un lado da prodixiosa igrexa románica de Santa María, á beira duns alpendres, eríxese esta pedrafita, solitaria e descoñecida. Ante a magnificencia da igrexa monacal, efectivamente, a pedra fincada pasa absolutamente desapercibida.

Trátase dunha pedra chantada con forma troncocónica cun pequeno rebaixe cara ao cumio, o que lle confire un lixeiro aspecto fálico. Sobresae máis dun metro e medio e, aínda que non está pulida, parece evidente que foi labrada pola man do home.


 

Lugar de cruzamento de vieiros se cadra prehistóricos, a pedrafita atópase perfectamente chantada ao norte da igrexa de Santa María, lugar umbrío, lugar dos difuntos, dos cemiterios. Aínda hoxe aséntase o cemiterio parroquial á beira, como recordando e testemuñando que ese é o seu lugar. A posible pedrafita parece sinalar o límite entre vivos e mortos, o límite de dous mundos absolutamente separados.

Estamos diante dun exemplo de cristianización, doutro dos moitos exemplos que xalonan a xeografía mítica galega? Foi este lugar unha necrópole megalítica ou algún tipo de santuario reutilizado polo cristianismo? É esta pedrafita o derradeiro testemuño dun lugar máxico? Estaba ese culto  atávico, tan arraigado que se senteu a necesidade de chantar un poderoso mosteiro neste remoto lugar? En definitiva, é esta unha pedrafita?

Preguntas, preguntas e máis preguntas...

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 31 de outubro de 2012

ANTAS-DÓLMENES DAS PEDREIRAS. San Mamede de Zamáns, Vigo

ANTAS-DÓLMENES DAS PEDREIRAS.

Tamén se coñece co nome de Necrópole das Xunqueiras. Trátase dunha necrópole megalítica composta por catro mámoas que están ubicadas no Campus Universitario das Pedrafitas/Marcosende. As catro mámoas atópanse en lugares altos, destacados  con moita visibilidade.


Anta-dolmen nº 2 das Pedreiras

Trátase dunha mámoa que acada os dezaseis metros no eixo N-S e outros dezaseis no eixe LÓ e apenas sobresae os setenta centímetros. É así que se amosa moi arrasada e chanzada. No medio debuxa o xa típico funil de violación onde se erixen tres esteos que miden uns oitenta centímetros de altura.





Mámoa nº 3 das Pedreiras

Acada os dezanove metros de diámetro no eixo N-S e dezaoito no eixe L-O. A mámoa acada unha altura duns dous metros e, ao estar nun lugar moi alto, popsibilita unha boa visibilidade.



Fotografías: xosecounhago.com


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTAS-DÓLMENES DO REBULLÓN. Vigo

ANTAS-DÓLMENES DO REBULLÓN.

As mámoas do Rebullón atópanse emprazadas nos lndeiros dos concellos de Vigo e Mos. Actualmente foron trasladados para o "Centro Cultural As Pedriñas" de Mos, onde aparecen dúas antas reconstruidas, o que denominan "restitución dos túmulos 3 e 4 do Rebullón.

A primeira anta (Dolmen nº 1) está conformada arquitectónicamente por sete esteos que se distribúen, en planta, de xeito circular.


  
Anta trasladada do Rebullón.
Fotografía de Ángel del Prado en xosecounhago.com

A segunda anta (Dolmen nº 2) confórmase a través de seis esteos e amosa un corredor corto. A nota característica é a descontextualización destes elementos, dos que non hai ningunha información in situ.


Anta trasladada do Rebullón.
 Fotografía de Ángel del Prado en xosecounhago.com






Anta destruida do Rebullón. Fotografía de xosecounhago.com


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 30 de outubro de 2012

ANTAS-DÓLMENES DE BEMBRIVE E VALADARES. Vigo

ANTAS-DÓLMENES DE BEMBRIVE E VALADARES

-Anta-dolmen da Mámoa de San Cosme

Para chegar. Unha vez pasadas as instalacións do Círculo Mercantil de Vigo, hai un camiño á dereita que rodea esas instalacións. Seguindo ese camiño, despois duns cen metros, aparece a Mámoa, logo dunha pronunciada curva á dereita.

A mámoa mide uns trinta metros de diámetro o sobresae cerca de dous metros e medio. No interior ahi un enorme burato de violación.





-Anta-dolmen das Pereiras

Para chegar. Hai que voltar á estrada e, a preto de trinta metros da anterior, entre a primeira e a segunda casa, á dereita da pista, aparece a mámoa.

Trátase dos restos dunha mámoa cortada pola metade debido á construción dunha pista, quedando á vista os restos da cámara. Tamén foi obxecto dunha escavación arqueolóxica. Quedan á vista varios esteos, entre os que destaca os restos da pedra cobertora ou tampa.





Debuxo de Ramón Boga Moscoso


-Anta-dolmen da Mámoa de Chan da Seca

Para chegar. Hai que voltar á estrada do Campus Universitario que está a uns seiscentos cincoenta metros. Aparece un cruzamento: de fronte vaise a Zamáns; pola esquerda, a Vigo. A uns cento cincoenta metros con dirección a Vigo, hai outro cruzamento e hai que seguir pola estrada da dereita, novamente cara a Vigo. A uns mil catrocentos metros aparece outro cruzamento cunha isleta ou pequena rotonda: as dúas estradas de fronte  diríxense a Vigo; a da esquerda vai a Beade e a da fronte vai a Valadares. Seguindo por esta, a uns dous mil seiscentos metros, aparec eo Colexio Público de Sobreira. Un pouco antes del hai outra isleta: débese rodeala e ir pola estrada da dereita. A uns trescentos metros, e logo corenta metros máis pola pista forestal de frotne, deixando esta estrada, chégase a unha zona onde a pista atópase cortada pola autoestrada. Á esquerda, un camiño e por él, a corenta metros, de novo á esquerda, nas leiras, pegada ao muro, aparece a mámoa.

A mámoa mide cerca de vintecinco metros de diámetro e ten unha altura de dous metros e medio.




-Anta-dolmen Megalito de Chan da Seca

Desde a fronte do Colexio Público de Sobreira, hai que coller á dereita: rodéase a rotonda fronte á estrada do Colexio e hai que ir pola estrada de Seoane. A uns quince metros aparece un camiño pola dereita e , a uns douscentos metros, despois de dúas entradas de leiras á dereita, hai que ir pola leira t amén da dereita: a anta está no interior desa leira a uns cincoenta metros.

Atópase nunha mámoa que acada uns vintecinco metros de diámetro e case dous metros de altura. Amosa un funil de violación salvaxe que chega ao xabre. Nese gran burato aparece ergueito un dos esteos da estrutura arquitectónica.





Tanto as fotografías como a información xeral foron extraidas do libro-guía de Hidalgo Cuñarro et al, titulado "Cultura Megalítica en terras de Candeán, Cabral, Bembrive e Valadares". Ed. Museo Municipal Quiñones de León, Concello de Vigo 1999.

ANTAS DESTRUÍDAS DE BEMBRIVE 




Fotografías: Hidalgo Cuñarro et al: "Cultura Megalítica en terras de Candeán, Cabral, Bembrive e Valadares". Ed. Concello de Vigo 1999

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 28 de outubro de 2012

ANTAS-DOLMENES DE COTOGRANDE. Santa Mariña de Cabral, Vigo.

 ANTAS-DÓLMENES DE COTOGRANDE.

Para chegar. Desde a estrada de Peinador (PO-322) hai que seguir cara ao aeroporto, despois de deixar a estrada que sube á Madroa. A un quilómetro aproximadamente hai á man dereita un hotel: despois deste establecemento, hai unha estrada que vai ao depósito de augas de Cabral. Por esta pista a uns 30 metros hai outra pista á dereita que leva á anta da mámoa nº 5 de Cotogrande.

Retornando novamente á estrada de Peinador, uns 900 ms máis adiante, á dereita da estrada hai unha subestación de Fenosa. A continuación hai un carreiro que leva cara o monte: despois de pasar sobre o gaseoducto, a mámoa nº 2 atópase nunha zona con moita vexetación á esquerda.

Para chegar á Anta nº 1, hai que seguir por ese carreiro uns douscentos metros ata que se chega a un cruzamento: a mámoa atópsas a uns 50 metros á esquerda.


-ANTA-DOLMEN DA MÁMOA Nº 1 DE COTOGRANDE

Foi escavada nos primeiros anos da década de 1990. Na devandita escavación descubriuse unha rara cámara megalítica que describe unha planta rectangular cunha gran lousa cuia función é servir de pedra lateral e tamén de pedra cobertora, á vez que estaba sostida por varios esteos de pequeno tamaño.




A mámoa na que se acocha esta anta acada uns vinte metros de diámetro e sobresae un metro e medio de altura. Estaba cuberta por unha potente e ben trabada coiraza de pedra.




Nas escavacións exhumouse un enxoval composto básicamente por láminas de sílex, puntas de frecha, machadas pulidas, aixolas, cerámica, etc.


-ANTA-DOLMEN DA MÁMOA Nº 2 DE COTOGRANDE.

Nas escavacións descubríronse os restos dunha cámara megalítica das do tipo poligonal simple. Só permanecía un dos esteos, de máis dun metro de altura, dos que posuía orixinalmente. A mámoa na que se acocha a anta mide uns vinte metros de diámetro e sobresae un metro e medio. Tamén hai restos dunha potente coiraza. 




De entre o enxoval destacan dúas puntas de frecha, un coitelo de sílex, dúas lascas de cuarcita e tamén varios restos cerámicos.





-ANTA-DOLMEN DA MÁMOA Nº 5  DE COTOGRANDE.

A cámara megalítica atopada durante as escavacións arqueolóxicas deixou á vista unha cámara das do tipo poligonal composta por sete esteos e unha pedra cobertora que mide dous metros de diámetro.




A mámoa acada os 25 ms de diámetro e sobresae uns dous metros. Tamén posúe restos da coiraza. En canto ao enxoval destacan dúas puntas de frecha, un cincel e varios anacos de cerámica.






Tanto as fotografías como a información xeral foron extraidas do libro-guía de Hidalgo Cuñarro et al, titulado "Cultura Megalítica en terras de Candeán, Cabral, Bembrive e Valadares". Ed. Museo Municipal Quiñones de León, Vigo 1999.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 25 de outubro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DA CAPELADA II.

PEDRAFITA-MENHIR DA CAPELADA II

Descuberta por Fidel Méndez, non se pode asegurar de momento a súa adscrición crono-cultural ao megalitismo. Por estar nunha zona de alta densidade de antas e pola súa forma claramente fálica, redondeada por case todo o contorno, excepto un lado que é plano, non cabe dúbida do seu carácter artificial. Aínda non a poidemos medir nin analizar o seu contexto inmediato. Semella estar profundamente fincada e parece tamén que a aproveitaron como fito demarcador, como marco.

Atópase no medio dun muro de mampostería, sinalando a súa clara función de reaprobeitamento para suxeitar o valo.





Fotografías de Fidel Méndez Fernández


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!