domingo, 4 de noviembre de 2012

Pedrafita-menhir de Santa María de Mezonzo. Vilasantar

Pedrafita-menhir de Santa María de Mezonzo

No Concello de Vilasantar, a un lado da prodixiosa igrexa románica de Santa María, á beira duns alpendres, eríxese esta pedrafita, solitaria e descoñecida. Ante a magnificencia da igrexa monacal, efectivamente, a pedra fincada pasa absolutamente desapercibida.

Trátase dunha pedra chantada con forma troncocónica cun pequeno rebaixe cara ao cumio, o que lle confire un lixeiro aspecto fálico. Sobresae máis dun metro e medio e, aínda que non está pulida, parece evidente que foi labrada pola man do home.


 

Lugar de cruzamento de vieiros se cadra prehistóricos, a pedrafita atópase perfectamente chantada ao norte da igrexa de Santa María, lugar umbrío, lugar dos difuntos, dos cemiterios. Aínda hoxe aséntase o cemiterio parroquial á beira, como recordando e testemuñando que ese é o seu lugar. A posible pedrafita parece sinalar o límite entre vivos e mortos, o límite de dous mundos absolutamente separados.

Estamos diante dun exemplo de cristianización, doutro dos moitos exemplos que xalonan a xeografía mítica galega? Foi este lugar unha necrópole megalítica ou algún tipo de santuario reutilizado polo cristianismo? É esta pedrafita o derradeiro testemuño dun lugar máxico? Estaba ese culto  atávico, tan arraigado que se senteu a necesidade de chantar un poderoso mosteiro neste remoto lugar? En definitiva, é esta unha pedrafita?

Preguntas, preguntas e máis preguntas...

No hay comentarios:

Publicar un comentario