sábado, 26 de maio de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DE FONTE SALGUEIRAS. Carral (Tabeaio)-Cambre (Anceis)


PEDRAFITA-MENHIR DO MARCO DE FONTE SALGUEIRAS. 


Na parte superior pódese  observar unha "L" gravada.


Para chegar. Atópase detrás da empresa El Corte Inglés en Altamira (Anceis-Cambre) preto da estrada N-550, á beira dunha antiga corredoira hoxe en desuso. A primeira noticia que tiven deste pequeno marco de termo procede do meu amigo, ilustre coñecedor das cousas de Carral e de Culleredo, Xosé Lois Vilar Hermida.

O pequeno cipo que estou a ensinar atópase no lugar de Salgueiras, rodeado de monte e cerca dalgunhas novas pradeiras. O seu nome procede da cercanía da Fonte Salgueiras. Na parroquia de Sueiro (concello de Culleredo) coñécese, sen embargo, co nome de Marco da Fonte das Meigas, fonte máxica onde as haxa, segundo os veciños.

O marco fai de límite (marco de termo) entre tres concellos (Cambre, Carral e Culleredo) e tres parroquias: Anceis, Tabeaio, Castelo e Sueiro.

A pretendida pedrafita está labrada en pedra de esquisto pizarrosa, propia da zona, e acada unha lonxitude de un metro e quince centímetros.

A súa naturaleza megalítica vén dada non polas súas proporcións nin pola presenza de gravuras, senón pola súa situación contextual. Efectivamente, atópase ao final dunha penechaira onde rompe a vertente e onde a situación de visibilidade desde o norte é extraordinaria. A chaira onde se asenta contén unha necrópole megalítica da que aínda se conservan cando menos tres mámoas, seguindo unha orientación lineal N-S, desde o Marco. A última mámoa desta necrópole está situaca ao sul e coñécese co nome de Mámoa de Arteaga que conserva un poderoso chanto da cámara que mide 1,52 ms de lonxitude, 85 cmes de anchura máxima e 59 cms de grosor medio. Esta mámoa é de tipo medio cun diámetro de 22,6 ms no eixe N-S. O burato de violación acada unha lonxitude, no mesmo eixe, duns oito metros.



Esteo da Mámoa de Arteaga. Tabeaio, Carral.

En definitiva, a situación estratéxica do Marco na zona máis visible, puido actuar como xalón indicativo da presenza da necrópole en época megalítica, como ocorre con outras moitas pedrafitas. Ademais a súa ubicación á beira da corredoira, lugar moi transitado, seguramente unha variante do antigo Camiño Inglés ou de Faro, compre con outra das constantes típicas do vencellamento entre necrópoles megalíticas e rotas terrestres, testemuñada en outros moitos casos.



Fotografías realizadas
por Ramón Boga Moscoso, 2010.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 25 de maio de 2012

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA ALTA. Xinzo de Limia.

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA ALTA.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.

Como chegar: Para chegar, debemos partir de Xinzo de Limia con dirección a Allariz. Cando se levan ao redor de tres qms, hai que coller unha pista á esquerda á beira dunha fábrica areeira. Debemos coller despois a pista que está á esquerda da Cal Grande da Antela (antigo desaugadoiro romano) que queda entre a devandita pista e a areeira. Despois de percorrer cerca dos sete qms, hai que virar outra vez á esquerda e, a un qm aproximadamente, atópase ergueita a pedrafita.



Fotografía aérea dos anos 50 do século XX onde se aprecia o primitivo e orixinal emprazamento da pedrafita A Pedra Alta. Do libro "Antela. A memoria asolagada" d X. L. Martínez Caneiro. Edicións Xerais, 1997.

O mesmo que todas as "presuntas" pedrafitas galegas, é moi dificultosa a súa adscripción crono-cultural debido, sobre todo, a que non se atopa na súa ubicación orixinal e á falta doutros elementos arqueolóxicos asociados. Os habitantes da contorna da Lagoa Antela coñécena co nome de "anta" ou "antela". Tamén, o mesmo que con case todas as outras pedrafitas galegas, a Pedra Alta estivo a facer de marco de termo entre os concellos de Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sarreaus. 

En canto ás súas medidas, a altura máxima (tendo en conta que se atopa nun novo emprazamento) acada os tres metros e, no perímetro, os sesenta e cinco centímetros. A forma é tendente a circular aínda que da metade para abaixo tende a rectangular. Toda a superficie da pedrafita aparece perfectamente pulida e amosa un signo cruciforme.





Algunhas notas  histórico-arqueolóxicas e lexendarias.

É case imposible destacar algún dos elementos que xalonan esta comarca pola inxente cantidade e variedade de rotas, tanto artísticas e arqueolóxicas como ecolóxicas. Desde a Lagoa Antela, coas torres medievais de Sandiás e da Pena, o románico de Santo Estebo de Sandiás, a parroquial de Xinzo, Morgade ou a de Zos en Sarreaus, San Xoán de Vilar de Santos, importantes castros ata cuantiosos vestixios do paso dos romanos por estas vetustas terras: a vía XVIII de Antonino que unía Braga con Astorga, cos importantes restos de Aquis Querquennis na Baixa Limia ou a área dos Miliarios en Portela do Home...



Fotografías realizadas por Ramón Boga.

A Lagoa Antela, á parte de ser unha das lagoas senlleiras de Galicia, é famosa polos achados arqueolóxicos e polas lendas que perviven aínda hoxe no acervo popular. Dise que os cínifes que a poboan nos veráns calurosos son os enfeitizados cabaleiros do Rei Artús. A lenda clásica da Lagoa Estixia quizais influira no nome do "río do Olvido" que dan os xeógrafos romanos ao río Limia, que nace na Lagoa: segundo os antigos habitantes de Galicia, quen o cruzaba perdía a memoria. É interesante observar que a Lagoa está rodeada de castros e conserva escavado na terra o grandioso canle desaugadoiro que os romanos construiron para comezar a súa desecación.

A lenda máis extendida conta que na Lagoa permanece asolagada a cidade maravillosa de Antioquía, da que os altos torreóns aínda se poden ver cando o estío vén seco, sobre todo a través do Pozo da Meiga. A cidade foi asolagada por un castigo divino por non lle dar de xantar nin pousada a Cristo.Tamén se conta que puido ser por un castigo debido a que os seus habitantes adoraban ao galo. Tanto no San Xoán coma no Nadal pódense oir as campás das igrexas da cidade. Así mesmo, nos días con bo tempo albíscanse os galos e oese o seu canto para que os habitantes lembren os seus pecados.   Debaixo desta mítica cidade existe un pasadizo cheo de tesouros, comunicando os castelos da Pena e Sandiás.

Para concluir, é necesario reproducir as palabras de Martínez Carneiro extraidas do libro citado máis enriba. Poden server de recordatorio para moitos outros lugares da nosa xeografía:

"Na Veiga de Antela, a pesar da cristianización da mitoloxía da auga, a memoria colectiva estaba en pé. Sen embargo, foi ameazada de morte por aquelas institucións que secaron a Lagoa, e agoniza hoxe por causa destas que planifican e executan as concenracións parcelarias. Así, este progreso tecnocrático e desmedido, ó desruír os soportes simbólicos, ataca de raíz a identidade do pobo galego".



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1995.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTAS-DÓLMENES DA BAIXA LIMIA I. Anta Casiña da Moura, Anta Casota do Foxo, Anta de Munixeito

ANTAS-DÓLMENES DA BAIXA LIMIA I

ÍNDICE

1.-Anta-dolmen Casiña da Moura
2.-Anta-dolmen Casota do Foxo
3.-Anta-dolmen de Munixeito

ANTA-DOLMEN A CASIÑA DA MOURA


Debuxo de Ramón Boga Moscoso

Desde a preciosa aldea de Maus de Salas, seguindo en dirección da dereita, chégase ás comportas do encoro de Maus de Salas. A Casiña da Moura e a anta primeira que se atopa á beira da comporta do encoro.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1992

Estamos diante dun completo exemplar de anta con cámara poligonal conformada medieante sete esteos que soportan unha pedra cobertora ou tampa monolítica de gran tamaño. Os esteos da cámara están dispostos de xeito que se imbrican entres si debuxando unha cámara que acada os dous metros e sesenta centímetros. Esta completa anta, moi proporcionada e completa, foi posiblemente desprazada da súa posición orixinal con motivo da construción do encoro, de xeito que os ortostatos do que fora o corredor de entrada, están apoiados no interior da cámara, sendo imposible a súa reconstrución. 



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1992

O enxoval exhumado compoñíase por dúas machadas, das que unha amosa forma globular con fondo plano.




ANTA-DOLMEN CASOTA DO FOXO

Atópase ao outro lado da comporta do encoro, nun pequeno outeiro desde o que se divisan unhas espléndidas panorámicas da contorna.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1992


Trátase dunha cámara de tipo poligonal conformada por sete chantos. Nos eixes da cámara as medidas van desde os dous metros e corenta centímetros ata os dous metros e sesenta centímetros. O conxunto arquitectónico atópase coroado por unha poderosa pedra cobertora monolítica que é máis grosa a medida que se achega á entrada da anta. O mesmo que acontece coa Casiña da Moura, no amosa restos visibles do corredor e é probable que tamén fose desprazada do seu asentamento orixinal.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso

O enxoval exhumado nas escavacións arqueolóxicas componse de anacos de vaso campaniforme cunha decoración a xeito de liñas horizontais e puntilladas.


ANTA-DOLMEN DE MUNIXEITO

Restos dunha cámara megalítica que se empraza entre uns ríos afluentes do río Salas: atópase nun pequeno espolón ubicado na aba occidental do val do regato de Lobeira.



Fotografía de J.M. Eguileta Franco
.



Saúde,sorte e libros!!!
En Sigrás, un día calquera dun ano calquera.

ANTAS-DÓLMENES DA NECRÓPOLE DE MONTE PENIDE. Anta-dolmen Mámoa do Rei, San Vicenzo de Trasmañó, Redondela

ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE DE MONTE PENIDE. Vigo.


Anta Mámoa do Rei
segundo debuxo de Ramón Boga Moscoso

Como chegar. Unha das posibilidades para chegar á Mámoa do Rei, desde Vigo, consiste en coller a estrada de Redondela e, ao chegar a Chapela, no Alto da Encarnación, hai que coller a estrada á dereita que leva a San Vicente de Trasmañó salvando unha ponte que circula por enriba da Autoestrada do Atlántico. Unha vez pasada a igrexa parroquial de Trasmañó, debemos coller hacia o campo de fútbol. Despois de percorrer uns dous qums., atoparemos un cruzamente no que se atopa a anta á dereita.



Croquis elaborado por Ramón Boga

Outra alternativa consiste en partir desde o colexio de San Xoán de Cabeiro e coller dirección a San Vicente de Trasmañó: o complexo megalítico atópase a uns tres qms.

A necrópole de Monte Penide (tamén coñecida como Chan das Formigas, Chan da Cruz ou Chan da Pedra do Couto) aséntase nunha chaira de 394 ms de altitude. Hoxe en día quedan rexistradas 39 mámoas das 85 de que constaba. As numerosas obras debidas ao tendido eléctrico, ás labouras agrarias e incluso ás obras do Aeroporto de Peinador, foron a causa da destrucción dunha boa parte delas.



Plano de situación da necrópole.
Por Ramón Boga.

Dos investigadores que se ocuparon dest anecrópole (Filgueira Valverde, García Alén, Álvarez Limeses ou Pedro Díaz) talvez os que máis en detalle a estudaron foron Mergelina e Peña Santos. Segundo Peña Santos, o conxunto amosa uns límites perfectamente definidos, a saber, a elevación coñecida como Coto Darca e, cara ao poñente, o Castro Ferreiro, a partir do que se van erixindo as mámoas ata a penechaira que remata nas estribacións do Monte Penide. Como curiosidade dicir que as mámoas son coñedicas na zona co alcume de "Cortellos dos Mouros".




Debuxos versión de Ramón Boga.


Na figura podemos contemplar as plantas de catro cámaras estudadas por Mergelina. Na actualidade, segundo Peña Santos, tan só se pode contemplar a sinalada co número 1. As restantes non se conservan en bo estado.


ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO REI OU CHAN DA PEDRA DO COUTO.





Alzado e planta da Anta Mámoa do Rei.
Versión de Ramón Boga a partir das plantas de Mergelina.



Descrición da Mámoa do Rei:

A anta da Mámoa do Rei debuxo unha planta poligonal composta de seis esteos e corredor orientado ao leste. O esteo da cabeceira, o máis grande, estaba tirado hacia o interior da cámara, pero hai uns anos foi restituido ao seu lugar orixinal, como amosa a fotografía de Ángel del Castillo. Ao redor, enriba do túmulo, pódense ollar varios chantos tirados que, seguramente, forman parte da estrutura arquitectónica. Segundo algunhas informacións recollidas por Cuñarro, os máis vellos aínda recordan a anta coa pedra cobertora e co túmulo de terra que chegaba ata a parte superior dos ortostatos.


Dimensións do túmulo: 

Acada 15 ms para o diámetro e medio metro de altura. A masa tumular amósase cada vez máis disminuida. A esta situación lamentable contribúe o estar situada nun cruzamento. Tamén poidemos ollar numerosas tobas feitas polos conexos e, así mesmo, as plantacións de piñeiros e eucaliptos ou o asfaltado da pista que a circunda, feitos que contribúen ao seu paulatino esmorecemento.


Medidas da cámara: 

2,86 ms no eixe O-L e e ms no eixe N-S. O chanto máis grande da cámara acada 80 cms de ancho por 2,20 ms de alto.




Fotografía da Anta da Mámoa do Rei por don Ángel del Castillo en "Inventario Monumental y Artístico de Galicia", 1987. Nesta fotografía podemos observar o gran ortostato da cabeceira (onde está apoiada a nena) todavía en pé.


Tracicións e lendas: 

Interesante e significativa é a traidición,  hoxe perdida, de parar diante da Mámoa do Rei os séquitos mortuorios para rezar responsos. O significativo é que posiblemente os veciños xa non souberan que a mámoa era un túmulo funerario. Trátase sen dúbida dun bo síntoma  de respeto hacia os túmulos froito dunha tradición que se alonga  no lonxano pasado

Os Mouros son os habitantes perpétuos do Monte Penide: nin morreron, nin marcharon e viven nesta zona chea de restos arqueolóxicos que foron construidos por eles como o seu propio lugar de residencia perpetua. Pero tamén as covas e as casas dos mouros neste monte son o lugar onde esconden os seus grandes tesouros. Os mouros treman diante dun cristiano, pero en caso de doenza ou enfermidade non dubidan en pedirlles axuda. As mouras son extremadamente fermosas (os seus conxéneres masculinos son negros), loiras e lávanse e peiteanse continuamente.  A tarefa á que adican a maior parte da súa existencia é a de vixiar e protexer os seus cuantiosos tesouros que, como se dicía, gardan baixo terra, nas mámoas e nos castros ou nas minas, e deféndenos con velenos ou  con encantamentos tomando a forma dunha serpe.



A Anta da Mámoa do Rei no ano 1993. Pódese ver como o ortostato da cabeceira está tirado no interior da cámara. Fotografía de Ramón Boga Moscoso.



A Anta da Mámoa do Rei na actualidade, logo da restitución do ortostato da cabeceira ao seu lugar orixinal. Ano 2008.




Restos dunha anta situada a poucos metros da Mámoa do Rei. Trátase dunha gran mámoa cun espectacular funil de violación no que se conservan varios chantos da cámara. O que vemos aquí mide ao redor de 2 metros de lonxitude e algo máis dun metro de altura. Fotografía de Ramón Boga Moscoso feita no ano 1993.

A Anta Mámoa do Rei, finalmente, doi declarada Ben de Interese Cultural no ano 2014.


BIBLIOGRAFÍA

José Manuel Hidalgo Cuñarro e Fernando Javier Costas Goberna, “El gran conjunto megalítico de Monte Penide, Redondela-Pontevedra”. El Museo de Pontevedra, XXXIV, 1980
Cayetano Mergelina, “Notas sobre arqueología gallega. Las mámoas de Chan da Pedra do Couto y de San Colmado” Boletín del Seminario de Arte y Arqueología, Fasc , curso de 1935-36. Valladolid, 1936.

Filgueira Valverde y García Alén, “Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra”. El Museo de Pontevedra, XXXI. Pontevedra 1977
.
Ramón Boga Moscoso, “Guía de dólmenes de Galicia” Bahía 1997.

Baños Rodríguez et al, “Antas e pedraditas de Galicia”. Asociación de Amigos do Museu Arqueolóxico A Coruña, 1996.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!




xoves, 24 de maio de 2012

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA PENA VERDE E ANTA-DOLMEN DAS PALLAREGAS. Santo Estevo de Forneá, Trabada.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA PENA VERDE. Trabada, Lugo



Fotografía de Ramón Boga Moscoso, 1999.


Parroquia de San Estevo de Fórnea, Concello de Trabada, Lugo.

Trátase dunha pedrafita de cuarzo branco, de sección irregular. A forma xeral da pedra é a dun paralelepípedo rectangular e amosa unha clara inclinación hacia o norte. Probablemente se conservou ata hoxe porque foi sempre considerado coma o marco que divide os concellos de Ribadeo, Trabada e Barreiros e as parroquias de Fórnea, Vidal e Arante.

O lugar de emprazamento desta fermosa pedrafita é típicamente megalítico, posto que se atopa a moi poucos metros da necrópole de Paxaregas e nunha posición orográfica moi semellante, e dicir, na parte máis alta do cordal do macizo montañoso.

As medidas aproximadas son as que a continuación se sinalan: dous metros de altura e 50 por 30 cms de grosor.
 


Fotografía realizada por
Ramón Boga Moscoso, 1999

Os veciños da zona saben ben quen e como se construiu esta pedrafita: "dise que a trouxo unha vella na cabeza mentras comía castañas asadas".


ANTA-DOLMEN DAS PALLAREGAS

Anta moi preta á pedrafita da Pena Verde, forma parte dunha necrópole composta de varias mámoas. A pedrafita parece funcionar como fito anunciador da presenza da necrópole.

A mámoa na que se insire esta anta mide 21 ms no eixo N-S e 19,50 no eixo L-O. Sobresae un metro e medio.

Trátase dunha mámoa cuia masa tumular atópase moi arrasado. Este feito posibilitou que quedase ao descuberto a cámara megalítica que está composta por seis esteos. Deles, só un se atopa desprazado do lugar que ocupaba orixinariamente. Hoxe en día atópase caído sobre o lado leste da mámoa.

O resto dos esteos están destribuidos en forma semicircular e parece que están "in situ". Están feitos todos eles en esquisto, aínda que algún deles amosa vetas de cuarzo. 

 



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

NECRÓPOLE MEGALÍTICA DAS MÁMOAS DO MONTEIRÓN. Gándaras de Narla, Friol

MEDORRAS DO MONTEIRÓN. 

ÍNDICE

1.-MÁMOA  GA27020123.
2.-MÁMOA  GA2702128.
3.-MÁMOA GA27020134.

Esta necrópole está composta por 17 mámoas e hai uns anos fíxose unha ruta arqueolóxica perfectamente sinalada, para o que, ademáis, limpáronse e sinaláronse a meirande parte delas.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Nesta pequena información imos incluir só dúas das mámoas desta necrópole pola súas extraordinarias dimensións, talvez as máis grandes de Galicia. Engadimos unha terceira por que conserva uns poucos restos pétreos.


MÁMOA  GA27020123

Atópase nas Gándaras de Narla, na parroquia de San Pedro de Narla.

Ubícase nunha zona chaira e baixa próxima ao curso do río Narla, no comezo dunha dorsal que ascente cara á zona máis alta. 



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Trátase dunha mámoa de enormes dimensións na que non se aprecian elementos de cámara nin de coiraza. A mámoa amosa un bo estado de conservación en xeral. Hai uns anos que se lle fixo unha roza talvez vencellada ao roteiro arqueolóxico. Pola zona norte transcorre unha pista con dirección L-O que seguramente altera parte da mámoa. Na cima presenta dous funís de violación claramente diferenciados.

As dimensións son as seguintes: 55 ms de diámetro e unha altura duns catro ms. O cono de violación ten unha profundidade dun metro e douscentos cms aproximadamente.


MÁMOA GA2702128

Estamos diante doutra enorme mámoa cun diámetro N-S de 79 por 74 ms no eixe L-O. Tamén conserva unha boa altura, aínda que pola proporción parece bastante rebaixada. Non se aprecian restos nin de cámara nin da coiraza.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

A mámoa semella pouco alterada a pesar das intensas labouras agrícolas: hoxe atópase no medio dunha gran leira adicada a pradeira. Seguramente viuse moi reducida en diámetro e en altura por estas causas. O funil de violación atópase moi colmatado, de xeito que presenta unha apariencia chaira.


MÁMOA GA27020134

Atópase no lugar de Monte Queimado/Vilapedre, na parroquia de San Pedro de Narla.

Aínda que a mámoa é de pequenas dimensións en comparación coa maioría das desta necrópole, o interesante é que apareceron dúas  pezas que poden ser os restos da estrutura arquitectónica da cámara: un destes esteos amosa tres cazoletas e o outro un rebaixe continuado.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

UNHA LENDA SOBRE UNHA MEDORNA DE MONTEIRÓN.

Un veciño que vivía nos aledaños dunha das mámoas da necrópole de Monteirón, decatouse que unha das súas cochas sempre desaparecía durante o día e retornaba á corte coas últimas horas de luz. O bo home, intrigado, decidiu seguir ao animal para clarexar o misterio das desaparicións. Foi así que un día armouse de paciencia e cando a cocha saiu da corte o home procedeu a seguila: a súa paciencia tivo éxito posto que a cocha, ignorante de que a seguían, dirixiuse cara á medorna e introduciuse polo furado que tiña no máis alto cara ao interior. No último instante o perseguedor conseguiu agarrar ao animal polo rabo e tirou con todas as súas forzas para que o bicho non se perdese no interior da medorna. Estaba nesas cando oiu unha voz que saía do fondo da mámoa: a voz dicía que si deixaba quedar a cocha, sería moi ben recompensado. A enorme recompensa consistía, segundo a voz, en levar un saco cheo de carbóns para a súa casa. O noso paisano aceptou o trato e cargou co saco ao lombo. Sen embargo, o camiño que levaba á súa casa era costaneiro e o saco pesaba cada vez máis, de xeito que o noso protagonista, enfadado, decidiu tirar o saco e, como xa se estaba a facer de noite, seguiu ata a casa coa idea de voltar ao día seguinte a pola cocha, arrepentido de aceptar o trato. Ao deitarse na cama comprobou que un dos carbóns  coláraselle polo lombo abaixo: a súa sorpresa foi grande cando comprobou que o carbón transformárase en ouro. Voltou rápidamente ao lugar onde tirara o saco cheo de carbón, pero lamentablemente desaparecera. Da cocha, xa nin falamos.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ANTA-DOLMEN DE PEDRA COBERTOIRA. Santa Mariña de Vilouta, Becerreá.

ANTA-DOLMEN DE PEDRA COBERTORIA. 


                                   

Para chegar. 

Debemos coller a estrada de Becerreá-Sarria. Parroquia de Silvouta. Por unha corredoira no núcleo desta parroquia, a uns 150 ms xa se pode ver a anta.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

A ubicación desta anta é un valor engadido  á súa extraordinaria e fermosa factura. Efectivamente, o exemplar que estades contemplando, supoño que extasiados, atópase nun extremo dunha chaira na parte máis elevada destes montes ancareses, xusto antes de romper a chumbo a penechaira. Desde aí pódense contemplar impresionantes paisaxes de orografía crebada e abondosa vexetación autóctona.

Para chegar, na parroquia de Silvouta, atoparedes unha caseta ou parada dos autobuses: na outra beira da estrada, sube un camiño que se bifurca case inmediatamente de xeito que se debe coller á dereita, por unha corredoira que sube continuamente e que leva, polo medio dunha amena e bucólica paisaxe, ata os mesmos pés da Pena Cobertoira. 

Non é unha anta moi grande (de tipo medio pequeno), pero amosa unha sensación de fortaleza, de forza, de gravedade. A prarnta é rectangular sinxela e non se aprecian restos de corredor. A mámoa na que se insire é de tamaño tamén medio pequeno. Conserva tres esteos da cámara e a pedra cobertora ou tampa. A pedra da cabeceira é toda ela de cuarzo branxo, destacando poderosamente no conxunto. As demais son de granito de gran moi groso. 

Seguindo as agullas do reloxo, o primeiro esteo sobresae 63 cm da mámoa e mide 99 cm de lonxitude. A pedra da cabeceira acada 81 x 63 e a pedra da dereita ten de lonxitude 94,5 cm e de altura 85,5. O elemento máis sobresainte do conxunto, ademais da cor branca do esteo da cabeceira é, sen dúbida a tampa, polas súas colosais medidas: dous metros e sete cm na parte máis longa e un grosor de 99 cms. 



Fotografías realizadas por
Ramón Boga Moscoso no ano 2005

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!