mércores, 30 de xaneiro de 2013

CISTA DE ATIOS. Porriño

CISTA DE ATIOS

Foi atopada no lugar de Tanés, pertencente á parroquia de Atios, no concello de O Porriño. Quedou ao descuberto debido aos traballos dunha explotación mineira.

Estruturalmente amosa unha forma rectangular con medidas que van desde un mero e cincoenta e nove centímetros ata un metro e trinta centímetros, aproximadamente. Confórmase mediante catro lousas de granito e outra máis cativa que fai de peche da xunta SO, que non axustaba tan exactamente como as outras. 



Planta da Cista de Atios,
segundo versión de Ramón Boga Moscoso


Posuía unha pedra cobertora que sobresaía do conxunto en planta. No enxoval exhumado había dous puñais de espigo, ambos os dous con dobre fío de bisel e dous cilindros de ouro decorados con gallóns nun arame de forma espiral e sección romboidal de prata.


Enxoval da Cista de Atios.
Museo Municipal Quiñones de León, Vigo


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


CISTA DO BICO DA LAGOA. Muros

CISTA DO BICO DA LAGOA. Muros

Esta pequena cista adscrita á Idade do Bronce atópase nun pequeno outeiro na liña de costa que se eleva sobre o mar formando unha lixeira dorsal ubicada entre dúas pequenas calas. Atopouse no perfil dun camiño que percorre o outeiro na ladeira norte, próximo ao cumio e emprázase de costas ao mar e orientada cara a unha pequena braña. Non se coñecen materiais procedentes dela. 

Foi atopada e catalogada pola profesora Josefa Rey Castiñeira.









Fotografía e debuxos extraidos da publicación "Lugares para grabar, lugares para morrer, petroglifos e cistas na Idade do Bronce do NW da Península Ibérica". Bóveda Fernández, M.J., Cañizo Fraga, A., Vilaseco Vázquez, J.I.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 29 de xaneiro de 2013

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO FORNO DAS ARCAS. Santa María de Cela, Bueu

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO FORNO DAS ARCAS. 

Para chegar. Pódese seguir a ruta ofertada polo concello de Bueu denominada "Ruta dos Abades I". Desde Bueu, hai que dirixirse cara As Meáns e logo cara a Cela. Desde a igrexa de Santa María, débese chegar á área recreativa de Chans. Na fraga de árbores autóctonos que hai nas inmediacións atópase inserida a mámoa de Forno das Arcas. Está sinalada.

Esta fermosa anta atópase ubicada nunha mámoa tendente a circular que acada os trinta metros de diámetro. Non se albiscan mais restos da estrutura arquitectónica que uns cantos esteos da cámara. Efectivamente, os restos da anta aparecen ao descuberto aínda que os esteos que a conforman aparecen desprazados do seu lugar orixinal, froito de continuas expoliacións. Incluso nalgún dos esteos pódense ver os restos da acción dos canteiros da bisbarra. Das fotografías de que dispoñemos pódese inferir a existencia aínda duns seis esteos da cámara. Pola disposición dos esteos conservados tamén se pode deducir unha anta con cámara poligonal con corredor pouco desenvolvido. 



Fotografía extraida de motivosdaldea.wordpress.com


Na páxina motivosdaldea.worpress.com relatan unha lenda ao redor deste esplédido exemplar do megalitismo galaico: "As leiras que rodean o lugar do Forno das Arcas eran veigas dos mouros, onde estes sementaban o millo miudo. As casetas restantes que por alí había desapareceron co paso do tempo por seren ruíns, só queda unha en pé por ser feita de pedra, o dolmen de Forno das Arcas".


Fotografía realizada por David V.A.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR DO CAMPO DA ARCA. Santiago de Barallobre, Fene.

PEDRAFITA-MENHIR DO CAMPO DA ARCA.

Esta posible pedrafita atópase a 187 metros de altidude, á beira do cemiterio municipal de Fene. Para chegar, no quilómetro 2 da estrada DP-3503. 

Como en moitos outros lugares da xeografía galega, parece que actualmente buscamos os mesmos emprazamentos que xa utilizaban os homes do neolítico para enterrar aos nosos mortos: o cemiterio actual ubícase e parece que destruiu un campo de mámoas denominado Campo da Arca.



 
Fotografías de Xabier Moure, abril de 2014


Pola parte de atrás do cemiterio, existe unha ruta de sendeirismo e unha pista de trial: entre as escombreiras e un depósito de auga, atópase esta posible pedrafita que sobresae máis de tres metros e medio de altura.

A única referencia que temos deste porbable elemento megalítico é precisamente a súa ubicación está  nunha necrópole megalítica.

A información así como o permiso para publicar as fotografías foron recollidas da páxina web Http.//www.estadepinga.es.



Fotografía de Pablo Herrera Coira


Segundo Xabier Moure Salgado, logo da súa amable comunicación, a pedrafita atópase ergueita a uns 150 metros no novo cemiterio municipal de Fene, á beira dun camiño que sube ata unha penechaira. As súas investigacións levárono a entablar conversación cun veciño da zona que lle contou que a pedrafita estaba no lugar que actualmente ocupa o depósito de auga. A pedrafita ía ser utilizada como cimentación na obra, pero a intervención dun veciño (un "madrileño") permitiu que a gran pedra fose levantada no lugar onde a podemos ver hoxe, de feito que xa non ocupa o seu lugar orixinal. Ao trasladala de lugar perdeu gran parte da súa masa.

A pedrafita atinxe uns tres metros e medio de alto e máis de tres metros de perímetro no lugar máis ancho. Nas súas caras anchas amosa unha serie de gravuras que tenden ao óvalo. 

Nalgunha das mámoas que conformaban esta necrópole (das cales parece ser, segundo Xabier, que só queda unha) todavía se atopaban restos das cámaras megalíticas antes de ser destruidas.


Información proporcionada por Xabier Moure. O seu blogue: onosopatrimonio.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!
 

PEDRAFITA-MENHIR DE CATAROU. Santa María de Galdo,Viveiro

PEDRAFITA-MENHIR DE CATAROU.

Atópase no lugar de Catarou, pertencente á parroquia de Galdo. Estamos diante dunha pequena pedrafita que non sobresae máis que un metro e quince centímetros. Segundo a fotografía de Xabier Moure, semella e é probable que a súa planta sexa tendente ao triángulo e o remate moi redondeado. Tamén parece que as súas caras atópanse moi puídas.

Non sabemos máis do contexto tumular e xeográfico, aínda que semella que se atopa nunha chaira. Segundo Moure, esta pedrafita foi citada por Federico Maciñeira.



Fotografía realizada por Xabier Moure Salgado, 
no blogue onosopatrimonio



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 25 de xaneiro de 2013

PEDRAFITA-MENHIR DA CRUZ DO CAMPO. Santa María de Cabanas, O Vicedo

PEDRAFITA-MENHIR DA CRUZ DO CAMPO.

Curioso exemplar dado a coñecer por Xabier Moure despois dos seus meticulosos traballos de catalogación de cruceiros no concello de O Vicedo, en Lugo. Digo curiosa pedrafita porque semella un caso extraordinario e paradigmático para o tema que nos ocupa: trátase, efectivamente, dun máis que probable menhir ao que se lle engadiu en época histórica unha cruz latina. Segundo as investigacións de Moure, a pedrafita atopábase ubicada no camiño antigo que levaba á igrexa de Santa María de Cabanas, e logo foi trasladada a este novo lugar, onde o amigo Xabier colocouna  en posición ergueita.

Segundo nos relata Moure, a cruz fora gravada por un home da bisbarra, reaproveitando o esteo granítico. Ademais a pedrafita tamén servía como fito sanador de diversas doenzas do gando.


 
Fotografía de Xabier Moure

Estamos pois diante dun caso evidente de reaproveitamento ou reconversión dunha pedrafita en cruceiro, sendo un dos pouquísimos casos que se poden testemuñar en Galicia. Por iso, aquila antiga hipótese (Castelao) que mantiña que a inexistencia de pedrafitas en Galicia debíase á sustitución daquilas por cruceiros, veríficase neste caso. Sen embargo, como podemos comprobar nos últimos anos, en Galicia debemos consideralos como feitos totalmente distintos, e dicir, o cruceiro non foi quen de eliminar ás pedrafitas. E dicir, ante a gran cantidade de pedrafitas que se foron descubrindo nos últimos anos, podemos considerar que tanto estas como os cruceiros tiveron case sempre vidas separadas.

Segundo a foto de Moure, parece que se trata dun bloque case cilíndrico que remata dunha forma curiosa: debúxanse unha especie de hombreiros e algo así como a cabeza. Se esto é así, non estaríamos lonxe de poder considerala unha especie de estatua-menhir, como ocorre noutros moitos casos en Galicia.

Información obtida do blog onosopatrimonio de Xabier Moure Salgado

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

sábado, 12 de xaneiro de 2013

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DO MARCO PEDROSO. Santa María de Oroso, A Cañiza

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DO MARCO PEDROSO.

Para chegar. Hai que partir de A Cañiza pola estrada nacional con dirección a Ourense. Ao chegar ao lugar do Burgo, debemos coller a estrada asfaltada da dereita e, ao cabo dun quilómetro aproximadamente, hai que introducirse por unha pista de terra á esquerda pola que, logo de percorrer uns oitocentos metros, chegamos á necrópole, situada a máis de seiscentos metros de altitude.

Pertence á comarca de Paradanta, ubicada ao sudoeste da provincia de Pontevedra e a necrópole atópase emprazada nunha depresión na cume do outeiro, polo que as mámoas que a conforman non son visibles desde longa distancia, caso atípico -segundo Fidel Méndez Fernández- no universo do fenómeno tumular galego. Hai novas na zona da destrución dun marco de grandes dimensións (¿pedrafita, marco de termo?) a causa da construción dun cortalumes realizada na década de 1990.


Debuxo dun dos esteos conservados
nunha mámoa da necrópole de Marco Pedroso.
 Autor Ramón Boga Moscoso, 1996.


A mámoa na que se insire a estrutura arquitectónica, formada por dous únicos esteos, posúe un tamaño medio acadando nos seus eixos meirandes dazasete por quince metros. Na estrutura tumular aínda se poden apreciar os restos da coiraza pétrea a pesar do lamentable estado de conservación no que se atopa.

No funil de violación sobresaen dous únicos esteos, últimos restos do que fora a estrutura arquitectónica da cámara. Os devanditos esteos son de gran tamaño e están moi remexidos, polo que resulta imposible a reconstrución hipotética da planta do monumento. Un dos esteos, desprazados da súa posición orixinal, amosa dous regos gravados no sentido horizontal e acada de longo un metro e corenta centímetros, con dezaoito centímetros para o grosor.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!