Dolmen-Anta da Mámoa do Forno das Arcas. Ardán, Bueu
Para chegar. Pódese seguir a ruta ofertada polo concello de Bueu denominada "Ruta dos Abades I". Desde Bueu, hai que dirixirse cara As Meáns e logo cara a Cela. Desde a igrexa de Santa María, débese chegar á área recreativa de Chans. Na fraga de árbores autóctonos que hai nas inmediacións atópase inserida a mámoa de Forno das Arcas. Está sinalada.
Esta fermosa anta atópase ubicada nunha mámoa tendente a circular que acada os trinta metros de diámetro. Non se albiscan mais restos da estrutura arquitectónica que uns cantos esteos da cámara. Efectivamente, os restos da anta aparecen ao descuberto aínda que os esteos que a conforman aparecen desprazados do seu lugar orixinal, froito de continuas expoliacións. Incluso nalgún dos esteos pódense ver os restos da acción dos canteiros da bisbarra. Das fotografías de que dispoñemos pódese inferir a existencia aínda duns seis esteos da cámara. Pola disposición dos esteos conservados tamén se pode deducir unha anta con cámara poligonal con corredor pouco desenvolvido.
Fotografía extraida de motivosdaldea.wordpress.com |
Na páxina motivosdaldea.worpress.com relatan unha lenda ao redor deste esplédido exemplar do megalitismo galaico: "As leiras que rodean o lugar do Forno das Arcas eran veigas dos mouros, onde estes sementaban o millo miudo. As casetas restantes que por alí había desapareceron co paso do tempo por seren ruíns, só queda unha en pé por ser feita de pedra, o dolmen de Forno das Arcas".
Fotografía realizada por David V.A. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario