martes, 3 de septiembre de 2013

Antas-dolmens do Chan da Besada e do Coto da Mina. Cotobade

ANTAS-DÓMENES DO CHAN DE BESADA E DO COTO DA MINA. Cotobade.

As mámoas do Coto da Mina e do Chan da Besada foron localizadas por Ángel Concheiro no transcurso da prospección realizada no ano 2008 no Concello de Cotobade.

Atópanse, segundo Concheiro, nunha paraxe moi fermosa, moi preto tamén do "foxo do lobo do Monte Castelo" e dos gravados rupestres dos Carreiros e o Campiño das Pías, que describe combinacións circulares.

A Mámoa do Chan da Besada atópase mesmo enriba da braña do mesmo nome; as mámoas do Coto da Mina atópanse no alto do outeiro. Pola súa beira serpenteaba a corredoira ou camiño tradicional que levaba á feira de Cuspedriños, roteiro ignoto de arrieiros e feirantes.


ANTA-DOLMEN DO CHAN DE BESADA. Paraños, Carballedo. Cotobade

Trátase dunha mámoa bastante alterada debido ao total abandono e aos traballos agrícolas e forestais. A mámoa atópase ubicada sobre un cativo outeiro que se sitúa na braña da Chan da Besada. As súas dimensións apenas sobrepasan os nove metros nos eixos máis longos e para a altura non sobresae máis dos oitenta centímetros.





ANTA-DOLMEN DO COTO DA MINA 1. Paraños, Carballedo. Cotobade.

Estamos diante dunha mámoa en bastante bo estado de conservación, aínda que tamén lle afectan negativamente os traballos agrícolas e forestais.

Trátase dunha espléndida mámoa con características monumentais.  Amosa unha extraordinaria visivilidade sobre a contorna inmediata, a saber, sobre a Chan da Besada, pero tamén a longa distancia: pódese albiscar desde aí a ría de Pontevedra. As dimensións nos seus eixos son de vinte por vinte metros e a altura máxima é dun metro e oitenta centímetros. No interior ábrese un gran funil de violación con forma ovalada. Obsérvanse restos da coiraza pétrea de recubrimento.





ANTA-DOLMEN DO COTO DA MINA 2. Paraños, Carballedo. Cotobade.

Trátase dunha mámoa moi alterada debido sobre todo aos traballos agrícolas e forestais. Amosa unha medidas de oito metros e medio por oito con dez  e uns corenta centímetros de altura máxima. Tamén amosa restos da coiraza pétrea do recubrimento e no funil de violación central sobresaen dous esteos. A masa tumular atópase en moi mal estado.





Tanto a información sobre estas mámoas como as fotografías fóronme proporcionadas polo arqueólogo Ángel Concheiro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario