viernes, 23 de agosto de 2013

Pedrafita-menhir Pedra de San Lourenzo. San Lourenzo de Nogueira, Meis.

Pedrafita-Menhir Pedra de San Lourenzo. San Lourenzo de Nogueira, Meis.


Atópase ubicada a un lado do camiño de terra que leva a unhas veigas, a uns cen metros do cemiterio, lindando coa igrexa.

Trátase dunha curiosa e chamativa pedra que, como case todos os elementos semellantes da nosa terra, amosa "carnet de indentidade" propio: bautizada polos nosos devanceiros como Pedra de San Lourenzo, esta é unha razón de suficiente enxundia como para engadila á nosa xa longa lista de elementos megalíticos.

Tanto a fotografía coma o texto envioumos, -como non- o entrañable compañeiro de preocupacións megaliteiras Xabier Moure, que os recolleu da páxina de Reigosa Galicia Encantada, fermosa publicación que recomendo encarecidamente.

Segundo contan os verdadeiros relatos lexendarios, parece ser que noutrora o mar oceano chegaba ata este lugar e foi precisamente neste emprazamento onde San Lourenzo (o santo que morreu asado na parrilla) arribou na súa embarcación e amarrouna na Pedra. Foi así que, segundo o devandito relato, o día de San Lourenzo, que ven cadrando o dez de agosto, antes de sair o sol aparecen as brasas ou rescoldos ao redor da Pedra, restos sen dúbida (e esto é un engadido meu) dos carbóns con que foi martirizado o Santo na parrilla.




Dise tamén que cando uns veciños quixeron mover a Pedra do seu lugar orixinal, posto que estorbaba na realización das labouras agrícolas, todos os que o intentaron enfermaron misteriosamente.

Segundo Moure, esta rara e inclasificable pedrafita, amosa na parte superior nove cazoliñas. Engade, ademais, que pode ser estudada e definida como un idoliforme (antropomorfo?) posto que pola metade amosa unha fendedura ou escotadura que percorre todo o permímetro, como se pode apreciar na fotografía.

Por último, débese resaltar que no estudo do Impacto Arqueolóxico realizado antes da construción da autoestrada entre Curro e Vilagarcía, elaborado no ano 2008, recollíase a corrección do devandito impacto para salvar a Pedra de San Lourenzo. 


Fotografía e texto enviado por Xabier Moure e recollido da páxina Galicia Encantada de Antonio Reigosa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario