martes, 8 de abril de 2025

ANTA-DOLMEN DE OUTEIRO DE CAVALEDRE 10. Santa Baia de Maus de Salas, Muíños.

ANTA-DOLMEN DE OUTEIRO DE CAVALEDRE, 10

"Cual la generación de las hojas, así la de los hombres. Esparce el viento las hojas por el suelo, y la selva, reverdeciendo, produce otras al llegar la primavera: de igual suerte, una generación humana nace y otra perece".

Homero: "La Odisea".



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Outra visita virtual, outra viaxe polos siderais universos das contornas internetianas, unha nova raza que ven a poboar e a programar as nosas mentes. Unha viaxe que nestes casos sustitúe aos libros: a mellor viaxe é aquila que se fai coa lectura, coa imaxinación que permite a lectura.

Retorno a paisaxes benqueridas, admiradas, espectaculares no seu esplendor de séculos, de milenios. Retorno á Baixa Limia coa mesma ilusión de sempre, cos mesmos alicientes, coas mesmas pretensións de coñecer mellor algo que ás veces é inaccesible, inaprensible. Volto ao sur de Galicia, ao sur mais sur de todos os sures galegos, alí onde se xuntan dous países que deberían ser o mesmo, alí onde as fronteiras mentais e físicas son ilusorias, onde a naturaleza, a arte e a prehistoria se misturan sen contemplacións. Son as paisaxes dunha vida.

Volto a Maus de Salas, ao Concello de Muíños, ao Encoro do Salas, alí onde unha inmensa necrópole megalítica só deixa ver os seus impresionantes e cada vez mais consumidos dólmenes cando a seca é extrema, cando a auga baixa ata os mínimos extremos, históricos.



Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com

E esta vez o debuxo representa a Anta-dolmen número 10 dunha das necrópoles do Salas: a necrópole de Outeiro de Cavaledre. É unha mais e non será a derradeira. 

Desta desnuda estrutura arquitectónica case non se aprecia a mámoa, pero sí uns cantos esteos da anta e algunhas pedras que poderían formar parte ben do anel peristalítico, ben da coiraza pétrea. Segundo as fotografías que fun xuntando ao longo dos anos, podemos vislumbrar seis chantos da cámara: cinco na súa posible posición orixinal e un mais espaiado á beira, desencravado.

Unha viaxe cativa, breve, de cinco ou seis minutos, casi fugaz: un pracer voltar, brevemente, voltar coa imaxinación, pero voltar.


En Sigrás, no mes de abril de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



NECESARIOS ENLACES


Facebook - Publicación de Francisco Xavier Perdiz Álvarez

https://megaliticia.blogspot.com/2021/10/Dolmenes-sumergidos-Embalse-Salas.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/dolmenes-sumergidos-embalse-de-salas-2




luns, 7 de abril de 2025

ANTA-DOLMEN DE PENACOVA II. San Pedro de Navallos, Ribeira de Piquín.

ANTA-DOLMEN DE PENACOVA II.


"Callando es como se aprende a oír; oyendo es como se aprende a hablar; y luego, hablando se aprende a callar."

Diógenes Laercio.




Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Terras recónditas, terras abruptas, terras cheas de lendas, terras que están a conservar o sabor telúrico, o poder atemporal da fermosura, terras inscritas na pedra e de pedra, con carácter, coa dureza ctónica dos nosos antepasados.

Aí, nunha serra, nun cordal mentesío, entre Meira e Ribeira de Piquín, empázase unha necrópole atemporal composta por, polo menos,  dúas mámoas con cámara megalítica mais ou menos conservada.



Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com

Para chegar, pódese acceder desde o Alto do Couso (LU-751) vindo desde Meira, onde unha estrada á dereita, seguindo a pista dos muíños do Parque Eólico,  levaranos ata as antas. Outro xeito é camiñando desde a aldea de Penacova, sendo un acceso dabondo complicado. Polo tanto, dun xeito ou doutro, será necesario ir equipado con XPS.

Como dicía a anta está moi cuberta de toxo e outras herbas sendo o seu estado de conservación moi malo, a pesares de conservar uns cantos esteos da estrutura arquitectónica. A preto duns cen metros atópase a anta de Penacova I.



Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com

Segundo as imaxes correspondentes, a anta-dolmen de Penacova II pode corresponder á tipoloxía de cámaras de planta poligonal con corredor desenvolvido. Algún dos esteos poden acadar os dous metros de altura. Parece conservar cinco ou seis esteos da estrutura arquitectónica.

Na suculenta información recollida do blogue de Xabier Moure (tantas veces consultado), destaca con personalidade de seu unha lenda recollida na zona  que relata que na bisbarra sábese de certo que nunha das mámoas de Vilacova habia enterrado un coiro de boi que contiña no seu interior unha morea de ouro. Parece ser que ese ouro, segundo as verídicas informacións dos veciños, foi atopado sen lugar a dúbidas por uns veciños da contorna.


En Sigrás, nas augas de abril de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


OUTRAS COUSAS QUE SABOREAR

O humilde Concello de Ribeira de Piquín pertence ou está adscrito á Reserva da Biosfera "Río Eo, Oscos e Terras de Bourón", de xeito que é moi recomendable contemplar esta zona desde a perspectiva que ofrece esta calificación. No territorio pódense identificar corenta e un tipos de hábitat de interese comunitario, dos que once son considerados prioritarios. Peixes, londras, rato ibérico, aves, tartaruga careta...

Dicía que, aproveitando esta denominación, é poisble visitar unha boa xeita de antas e menhires, espallados por todo o territorio, así como outra boa cantidade de xacementos castrexos. Pero sen dúbida destaca a natureza, que se pode contemplar atendendo a unha boa cantidade de roteiros perfectamente sinalados. As rutas xacobeas da Costa e o Camiño Primitivo, transcorren por estas terras.



Mapa extraído de https://es.slideshare.net/


ENLACES DE INTERESE


https://www.megalithic.co.uk/article.php?sid=41068

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/dolmenes-lugo.html


http://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=11293064

https://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/presentacion_23.html

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Anta-dolmen+de+Penacoba

https://es.images.search.yahoo.com/yhs/search?p=Mapa+da+Reserva+da+biosfera+R%C3%ADo+Eo%2C+Osdcos+e+terras+de+Bour%C3%B3n&fr=yhs-sz-002&type=type80260-732117

https://es.images.search.yahoo.com/yhs/search?p=Mapa+da+Reserva+da+biosfera+R%C3%ADo+Eo%2C+Osdcos+e+terras+de+Bour%C3%B3n&fr=yhs-sz-002&type=type80260-732117153&hspart=sz&hsimp=yhs-002&imgurl=https%3A%2F%2Fi0.wp.com%2Fhistoriadegalicia.gal%2Fwp-content%2Fuploads%2F2017%2F05%2FTerritorio-Eo-Oscos-Terras-de-Bur%25C3%25B3n.jpg%3Ffit%3D1600%252C890%26ssl%3D1#id=9&iurl=https%3A%2F%2Felecoturista.com%2Fwp-content%2Fuploads%2F2021%2F07%2F3-3.jpg&action=click

https://es.slideshare.net/slideshow/reserva-da-biosfera-ro-eo-os-oscos-e-terras-de-burn/65179913

mércores, 2 de abril de 2025

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SANTA MARIÑA DO MONTE I. Ourense

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SANTA MARIÑA DO MONTE

"Pero, para cumplir tal designio, no será necesario probar que son todas falsas, lo que quizá nunca conseguiría; sino que, del mismo modo que la razón me persuade ya de que debo impedirme dar crédito a las cosas que no son enteramente ciertas e indudables, con el mismo empeño que pondría ante aquellas que nos parecen manifiestamente falsas, el menor motivo para dudar que encontrara en ellas serviría para hacérmelas rechazar todas. Y por eso no es necesario que las examine particularmente una a una, lo que sería un trabajo infinito; sino que, ya que la ruina de los cimientos entraña necesariamente la de todo el edificio, me concentraré primero en los principios sobre los que todas mis antiguas opiniones se habían fundado."

Descartes: "Meditaciones Metafísicas". E. Alfaguara.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.


Trátase dunha estupenda e curiosa pedrafita descuberta por Antonio Gavilanes, incansable escudriñador dos elementos prehistóricos das Terras de Ourense. Gavilanes bautizouna tamén con ese nome e confirmou o solsticio de verán (no solpor do 21 de xuño). Debo destacar que a pedrafita atópase no seu emprazamento orixinal.

Atópase á beira da estrada OU-101 que leva de Ourense a Maceda, no quilómetro catro. Sita no mais alto dun pequeno outeiro, é probable (segundo Alberte Alonso) que funcionase de marco de término para amillorar as parroquias de O Monte, Santa Mariña e Ourense: esta consideración pódese deducir a partir da prominente situación de visibilidade. Na cara do leste aprécianse os trazos de varios chanzos e, na croa, atópanse diversas gravuras: unha cruz e varias coviñas, das que falarei mais abaixo.



Fotografía de José Antonio Gavilanes.


A pouca distancia atópase o nacemento dun pequeno regato que verque as súa augas no Rego de Zaín. Orográficamente a situación e configuración confórmase por varias abas e zonas chairosas que descenden do alto de Montealegre, a catrocentos setenta e un metro de altitude. No contexto arqueolóxico aparecen diversos elementos como os petróglifos da Pedra da Lagoa, a Pedrafita do Cepo de Seixalboe a Pedrafita do Marco de Monterrei en Pereiro de Aguiar.



Fotografía de José Antonio Gavilanes.


Segundo a descrición de Gavilanes e súa suposición de adscrición crono-cultural ás época baixomedieval, a posible pedrafita é un penedo reaproveitado como marco de término. Describe unha forma peculiar co que semellan dous brazos erguidos, destacando as raras marcas deixadas pola erosión nos laterais. Os veciños atribúen estas poderosas marcas á corrosiva acción do abesouros que adoitan construir os seus niños nesas caprichosas oquedades. Conta Gavilanes que nun dos laterais hai varios chanzos labrados no propio terreno-penedo para facer mais fácil o ascenso. No mais alto aparece a gravura dunha gran cruz de termo, deseñada no brazo mais alto. Sinala tamén a existencia dalgunha coviña ou cazoliña en ambos os dous brazos, aínda que nos desbota a posibilidade de que sexan de factura natural.



En Sigrás, preto da primavera de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES SUSTANCIAIS

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/21975/2012/07/marco-de-termo-en-santa-marina-do-monte-i/


PEDRAFITA-MENHIR DO AGRO DO CASTRO. Santiago de Trasmonte, Friol.

PEDRAFITA-MENHIR DO AGRO DO CASTRO

"Tritogenia: sabiduría; y es que son tres las consecuencias que se derivan de tener buen juicio: calcular bien, hablar bien y actuar como es debido."

Demócrito de Abdera



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Moi preto do Castro de Trasmonte, en terras de Friol, localizou Xabier Moure (no ano 2016) esta fermosa pedra chantada no medio dunha pradeira e/ou dun prado. A altura desde a base acada o metro e dez centímetros e, para o ancho, unha media de corenta e cinco centímetros. Segundo Moure, non funciona como marco demarcatorio e os propietarios onde se asenta, impertérrita, a conservan porque "sempre estivo aí e non molesta".

A pedrafita atópase a pouca distancia do camiño que comunica Trasmonte e Vilariño, a área é achairada e nas cercanías serpentean os Regos do Fondal e da Ponte Castro. Unha área, en suma, con abondosa presenza de petróglifos e xacementos castrexos.

Segundo as excepcionais observacións de Alberte Alonso, trátase dunha pedrafita que se pode adscribir á tipoloxía das pedrafitas zoomorfas. Para Alonso este é un descubrimento extraordinario debido a que se ven sumar a outras pedrafitas coas mesmas características, coas mesmas regularidades: Toco das Cabras en Verín que pertence tamén á tipoloxía de observación astronómica e amosan na súa cima ou croa os trazos zoomórficos dun oso e dunha cabra, respectivamente. 



Fotografía de Xabier Moure.

Neste caso a croa amosa inserida unha clara  apariencia dunha cabra: na zona do ángulo superior dereito pódese albiscar a faciana e o fuciño da cabra, engadindo unha destacable prominencia que simula o corno. Na zona central, o lombo do cáprido, con forma cóncava, caso típico dos axexadoiros de concavidade central. E dicir, conclúe Alonso, unha reprodución xeral prehistórica dunha cabra (fuciño, corpo e traseiro), unha representación zoomorfa "da divindade da abundancia das colleitas do agro, a pedrafita como espírito personificado en pedra que xera vida."

Alonso encadra esta pedrafita na modalidade de "observación astronomo-zoomorfica", vencellando o ciclo astral co ciclo agrícola. As formas típicas da cabra (neste caso) e do oso sobre todo, son casos paradigmáticos. Esa aseveración fundaméntase na consideración de que as sociedades primitivas (prehistóricas) personifican nestes animais un poder divino: "a relación coas estrelas e o ceo, define a veneración-proteción do animal, este é elevado, divinizado".



Fotografía de Xabier Moure.

A cabra, segundo o clarificador estudo de Alonso, foi un dos primeiros animais en ser domesticados xa no epipaleolítico: nese proceso foi xenerando unha convivencia co hábitat, creando toda unha xeira de mitos e lendas a saber, a cabra como símbolo de fertilidade, de riqueza, de abundancia, que ao final foi representado coa cornucopia, representación da abundancia por antonomasia.

En relación coa arqueoastronomía, coa función de observación astronómica, vencella todas estas conclusións ao ciclo da morte, rexeneración, co descenso aos submundos e co posterior renacemento. Por iso a analoxía co ciclo agrícola, tan importante para as sociedades prehistóricas: da morte da colleita e da volta a medrar, da sementeira. A importancia de coñecer cando sementar, sobre todo. Trataríase pois dunha imaxe agrícola empregada para transmitir unha potente mensaxe espiritual.


En Sigrás, no abril de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES FUNDAMENTAIS

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.blogger.com/blog/post/edit/8441542851340460340/5394103594376542467

martes, 1 de abril de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DE PAZOS. San Salvador de Serantes, Ferrol

PEDRAFITA-MENHIR DE PAZOS


"Mala cosa es tener cogido un lobo de las orejas, pues no sabes cómo soltarlo ni cómo continuar aguantándolo."

TERENCIO



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

Esta improbable pedrafita atópase encravada na Aldea de Pazos da parroquia de San Salvador de Pazos, pertecente ao Concello de Ferrol.

Pouco sei desta fermosa pedrafita ou marco de término, fito sinalizador ou limitador dun couto medieval probablemente. Tampouco sei nada das súas medidas e que función está a cumplir hoxe en día.

Polo tanto só pode imaxinar que talvez fose unha pedrafita reaproveitada en datas medievais, sendo consciente da improbable veracidade desta aseveración. 

Pero por facer unha pouca de arqueoloxía-ficción, poderíamos imaxinar a relación coa antiga ermida de Chamorro: a ermida teríase erixido coa intención de cristianizar un lugar de cultos paganos (neolíticos), ao aveiro do programa evanxelizador iniciado por Martiño Dumiense e que se mantería nas datas de construción da ermida.



Fotografía de Papigil.

A parroquia de San Salvador de Serantes foi a capital do Concello de Serantes, que desapareceu como tal e que hoxe forma parte do Concello de Ferrol a raíz da anexión que se produxo o 21 de xaneiro de 1940.



Fotografía de Papigil.

A Ermida de Chamorro foi edificada no século XVI e emprázase nun lugar impresionante na aba do monte Chamorro a cento setenta e cinco metros de latitude. Nese máxico emprazamento podemos atopar paneis de petróglifos así como rochas oscilantes: as coñecidas como Penas de Embade.



Fotografía de Papigil.

A Ermida, encaramada nunha auténtica atalaia, conserva unha talla románica da Virxe sedente co neno. Segundo se conta, o neno podería ser un raparigo salvado do afogamento grazas á divina intervención mariana, cando berraba "xa morro".  A iso débese tamén o topónimo "Chamorro".

A Virxe, a imaxe da Virxe, apareceu entre as rochas, nun burato situado na base dunha das penedas  da abaladoira  Pena de Embade, onde estaba esculpida a súa cara. Esto aconteceu cando dous nenos pastores, ao buscar acubillo contra a choiva, introducíronse nunha pequena cova onde atoparon a imaxe da Virxe. Procederon a levala para a súa casa pero a Virxe voltaba sempre ao lugar onde aparecera, sinalando dese xeito que ese era o seu lugar, o emprazamento onde quería que lle construiran a ermida.


Fotografía de Papigil.

Segundo contan no blogue galiciaencantada, non se pode desbotar a posibilidade de que a pena sexa a anta-dolmen que describiu Leandro Saralegui no ano 1867: conservábanse dous poderosos esteos, un deles de case tres metros e o outro de tres metro e medio de altura.

A famosa romaría celébrase o luns de Pascua desde o ano 1628: foi debido ao agradecemento á Virxe pola súa intercesión durante un terrorífico temporal.  A Ermida foi construida a finais do século XV.



Fotografía de:https: //blogger.googleusercontent.com/i 


En Sigrás, nos primeiros días do mes de Abril de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

https://www.elespanol.com/quincemil/cultura/conoce-ferrol/20201015/chamorro-humilde-ermita-alberga-patrona-ferrol/528449257_0.html

https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=14&id=1841

https://blogger.googleusercontent.com/i


PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO COUTO. San Cristovo de Camposancos, A Guarda.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO COUTO

"Lo sabio es la meta del alma humana y, a medida que se avanza en sus conocimientos, va alejando a su vez el horizonte de lo desconocido."

Heráclito de Éfeso



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

Aló onde as augas do gran río Miño abrazan as ribeiras de dous países que antes foron un, aló por onde o gran esteiro do río Miño se mistura coa inmensidade das augas do Mar Océano, aló por onde os grandes outeiros agochan restos de poboados ancestrais, aló por onde os camiños seguen a estela do mar e do río, aló por onde os guerreiros celtas celebraban as súas festas e as súas guerras, as súas romarías, as súas liturxias... Alí, no Concello da Guarda, na parroquia de Camposancos, escóndese este pequeno fito medieval fóra do seu emprazamento orixinal, amosando como o paso do tempo segue a manter os sinais que foron importantes ou polo menos significativos, referentes visuais durante xeneracións.

Localízase no Barrio do Couto, no comezo do Camiño Portugués da Costa e, como dicía antes, non está chantada no seu lugar orixinal. Este marco sinalou, desde o século XII, os lindeiros do primitivo couto de Camposancos, que pertenceu ao mosteiro de Barrantes en Tomiño. No século XV pasou a pertencer ao cabido da Catedral de Tui.



Fotografía do Concello de A Guarda.

Probablemente, na medida en que non manexo a documentación medieval sobre este fermoso marco de término, o Marco do Couto sexa precisamente iso: un marco de linde, un acoutamento medieval..., a non ser que a documentación posibilite a interpretación de un esteo vello, antiguo, reaproveitado, e non chantado de novo.


En Sigrás, a primeiros de Abril de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES INTERESANTES

https://www.blogger.com/blog/post/edit/8441542851340460340/4367380295918940957

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/05/pedrafitas-do-medievo.html

https://www.turismoaguarda.es/patrimonio/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/


luns, 31 de marzo de 2025

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DA PALLOTA. San Salvador de Vilar de Donas, Palas de Rei.

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DA PALLOTA

"Todos los seres derivan de otros seres más antiguos por transformaciones sucesivas."

Anaximandro de Mileto



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

É controvertido afirmar que se trata dunha pedrafita prehistórica reaproveitada como marco territorial. Desde a Baixa Idade Media existen os "Coutos" en Galicia que se refiren a espazos acoutados, delimitados, pertencentes a señoríos laicos ou eclesiásticos (mosteiros, nobleza...). Cumplen unha función de delimitación territorial e adoitábanse empregar pedrafitas reaproveitadas, marcos novos, fitos, padróns... Ás veces tamén servía unha mámoa, unha anta, un castro ou unha rocha marcada con cazoliñas ou cruces.

Por iso moitas veces sabemos que as pedrafitas foron reaproveitadas pola súa consideración espacial como fito importante desde xeneracións pretéritas: un enclave espacial, visible a longa distancia, que servía de referente e que tivo diferentes funcións ao longo dos tempos. Pero sempre considerado como un excepcional enclave importante e con diversas funcións, como dicía.

A Pedrafita-Menhir Marco da Pallota fai de marco de término no Couto medieval de Vilar de Donas e atópase a uns setenta metros da mámoa do Monte Cubelo e, ata recentemente, marcou o lindeiro de varias leiras. Atópase a unha altitude de uns 681 metros sobre o nivel do mar.



Fotografía do bloge onosopatrimonio,
de Xabier Moure

O Marco da Pallota amosa labrada, en baixorrelevo, nunha das súas caras, unha Cruz de Santiago. Forma parte dun conxunto de tres fitos emprazados no perímetro do couto medieval de Vilar de Donas. Este Couto, segundo Xabier Moure, estaba conformado polas terras explotadas directamente polo Mosteiro de Vilar de Donas, froito dunha doazón de 1194. O Couto, sempre seguindo a Moure, forma un polígono trapezoidal situándose os marcos no centro dos lados norte, leste e sur, coas cruces mirando cara ao interior do terreo acoutado. Os outros dous marcos son o Marco do Rosedo e o Marco da Lama Grande.



Fotografía Concello de Palas de Rei.


Malia que deixamos o xuizo en suspenso para a consideración de pedrafita megalítica, non podemos desbotar a posibilidade de que este fermoso esteo fose un deses tantos marcos reaproveitados, importantes e referentes para a xente de todas as épocas: diferentes funcións, usos novos, utilidades diversas, imaxinario diferente...

Finalmente e para rematar, consignar que no ano 2013 a Xunta de Galicia iniciou o proceso de incoación do expediente de inclusión no inventario dos tres marcos históricos como Bens de Interese Cultural (BIC) de Galicia, achados na contorna do mosteiro de Vilar de Donas. A catalogación fundaméntase na necesidade de preservalos no seu lugar, ao entender que tan só a casualidade e o seu emprego como marcos de término nos montes veciñais, posibilitaron a súa conservación ata os temos actuais.


En Sigrás, pouco despois dos Idus de Marzo de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ENLACES MOI INTERESANTES

Novo Cazón: "El Priorato Santiaguista de Vilar de Donas"

https://www.blogger.com/blog/post/edit/8441542851340460340/8303724635194935871

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/05/pedrafitas-do-medievo.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2012/11/25/inventarian-tres-marcos-historicos-vilar-donas/00031353849276977749830.htm

http://www.concellopalasderei.es/node/544

https://asturgalicia.net/2012/11/27/calificados-como-bienes-de-interes-cultural-los-marcos-del-coto-medieval-de-vilar-de-donas/