venres, 18 de outubro de 2024

ANTA-DOLMEN CASA DOS MOUROS. San Cristovo de Budián, O Valadouro.

ANTA-DOLMEN CASA DOS MOUROS


"Una descripción global apiña todos los fenómenos en torno de un centro único: principio, significación, espíritu,  visión del mundo, forma de conjunto. Una historia general desplegaría, por el contrario, el espacio de una dispersión".

"Lo propio del saber no es ni ver ni demostrar, sino interpretar".

Michael Foucault: "La arqueología del saber", 9ª edición. Siglo XXI editores, 1983



A Casa dos Mouros despois da súa reconstrución,
segundo versión idealizada de Moncho Boga.

O Valadouro, terra do val de ouro (ou non?) val do río... Terra histórica fermosísima, de castelos, pazos, do Mariscal, de lendas vivas, de mouros, Terra da Mariña interior, espaciosa, de amplos paisaxes e variadas perspectivas, feraz, de altas cumes, de terras baixas tamén, de primorosos ríos, de escandalosas fragas.



A Casa dos Mouros a principios do século XXI, sobre o 2004.
Fotografía de Xesús Pisón.

Para chegar o mellor xeito é partir de Ferreira pola estrada que leva á igrexa de Alaxe. A uns quinientos metros,  un desvío á esquerda polo que hai que seguir ata chegar ao  terceiro desvío:  hai que coller á dereita con dirección a Sara de Riba. Desde aí cóllese unha pista asfaltada á dereita. A mámoa emprázase nas cercanías nunha penechaira case en ladeira. Toda a contorna está repoboada de eucaliptos.



O esteo atopado polo SEPRONA no chalet de Foz.
Foto: Garda Civil.

O 26 de xaneiro toda a prensa, tanto local como nacional, fixéronse eco dunha nova que xa se viña cocendo desde un tempo atrás, unha nova que, por desgraza, é xa case habitual, e que nos deixou atónitos e indignados: a desfeita dunha mámoa con maquinaria pesada, e a ruptura dun dos esteos da cámara da anta.



A Casa dos Mouros despois da súa restauración.
Foto: El Progreso de Lugo.

Todos estes acontecementos comezan coa denuncia dos colectivos ADEGA e Mariña Patrimonio que presentan unha denuncia diante da Xunda de Galicia polo escandaloso atentado contra unha mámoa coñecida como Casa dos Mouros ou Anta de Budián, no Concello do Valadouro. A investigación subseguinte correu a cargo do SEPRONA que actuou rápidamente e conseguiu a recuperación do esteo desaparecido.



Destrozos dos esteos da anta.
Foto: Mariña Patrimonio.

Para este case impune atentado os madereiros aproveitaron a maquinaria pesada para extraer os esteos e trasladar un deles a  un xardín dun chalet a uns 25 quilómetros no veciño Concello de Foz. O outro esteo quedou no sitio porque, ao intentar desencravalo, partiu pola metade. O que se deduce é que os donos do chalet coñecían perfectamente que era un dólmen e que se trataba de esteos dun dólmen, dunha área arqueolóxica protexida.  



A plantación de eucaliptos en plena mámoa.
Foto: Mariña Patrimonio.

Segundo algunhas informacións que me chegaron por canles inopinados, poiden saber que a contorna da mámoa noutras épocas estaba adicada a leiras de cultivo e a anta estaba a conservar a tampa ou pedra cobertora. Despois da conversión nun eucaliptal, desapareceu a pedra cobertora e só permaneceron fincadas as dúas pedras que coñecemos actualmente.



Os buratos das máquinas dos madereiros.
Foto: Mariña Patrimonio.


A mámoa na que se insería a anta quedou tamén totalmente desfeita, perforada, de maneira que os danos foron moito maiores, case irreparables, coa conseguinte descontextualización dos restos que sen dúbida acocharía a mámoa.



Destrozos na estrutura tumular.
Foto: Mariña Patrimonio.

Segundo as informacións recollidas, incluso na páxina web do Concello de O Valadouro, non só se ofertaba como recurso turístico, senón que se facía unha somera descrición: "Se localiza nun eucaliptal, a uns catrocentos metros do lugar de San Cristovo, parroquia de Budián. Moi mal conservada, invadida pola vexetación, mantén dous ortostatos verticais. Outra pedra trasladouse desde a arca ata a parte mais baixa do terreo, onde se atopa fincada".



Destrozos na estrutura tumular.
Foto: Mariña Patrimonio.

Tanto ADEGA como Mariña Patrimonio consideran  que a destrución indiscriminada pola industria madereira (sobre todo a do eucalipto) é un persistente e gravísimo problema que ou ben a Consellería correspondente non quere solucionar ou ben a presión é demasiado  grande, ou senon por falta de medios, de capacidade loxística. Eu inclínome por esta última consideración, sabendo a imposibilidade manifesta de controlar absolutamente toda a inxente cantidade de xacementos arqueolóxicos que temos no territorio galego e da endémica falta de persoal.



Destrozos na estrutura tumular.
Foto: Mariña Patrimonio.

Esta situación de abandono dos bens patrimoniais de tod@s os galeg@s tórnase dunha gravidade tremenda na Mariña Luguesa: no ano 2016 Mariña Patrimonio localizou mais de 40 sitios arqueolóxicos, no norte de Lugo, arrasados polas talas masivas e a reforestación subsiguiente de eucaliptos. Ademais constataron que a metade dos xacementos  arqueolóxicos catalogados na comarca están hoxe en día repoboados precisamente con eucaliptos. 



Destrozos na estrutura tumular.
Foto: Mariña Patrimonio.


En calquera caso, a rápida e contundente actuación do SEPRONA (malia que a destrución foi case irreparable), fixo posible a localización dos responsables deste tan insidioso como inxustificado atentado contra o patrimonio, podendo recuperar tamén o esteo que xa ocultaban no xardín da súa "preciosa" casa: que mellor cousa que ter unha anta no xardin...



Destrozos na estrutura tumular.
Foto: Mariña Patrimonio.
 
Finalmente, grazas á teimuda terquedade de ADEGA e Mariña Patrimonio sobre todo, conseguiuse coa inestimable, rápida e definitiva actuación do SEPRONA e a subsiguente intervención de Patrimonio da Xunta de Galicia, non só recuperar o esteo viaxeiro, senón tamén a reconstrución da Anta. 



Os traballos de reconstitución case rematados.
Foto: megaliticia.blog.

Efectivamente, en abril de 2020 os xornais fixéronse eco dos traballos de reconstrución da Anta-dolmen Casa dos Mouros de Budián. Eso sí, ocupando moitas menos páxinas. Pouco mais ou menos viñase a informar de que a nosa anta estaba  a recuperar "algo" do seu aspecto orixinal antes do tremendo expolio a que foi infamemente sometida. 



Os traballos de reconstitución case rematados.
Foto: megaliticia.blog.


Neses intres os traballos para recuperar a anta incidían en que se estaba a repoñer o esteo que viaxara ao mencionado xardín do chalet de Foz. Ao mesmo tempo, Patrimonio obrigou a retirar a plantación de eucaliptos do perímetro do que quedaba da mámoa. O esteo esnaquizado ao tentar extraelo foi restaurado e recolocado no seu probable lugar orixinal. A anta está agora reconstruida... 



Os traballos de reconstitución case rematados.
Foto: megaliticia.blog.


Por raro que pareza, estamos diante dun caso de expolio do patrimonio que rematou con final feliz, ao que non estamos acostumados.

En Sigrás, nun chuvioso outono de 2024.



SI VOS ACERCADES AO VALADOURO, SEMPRE HABERÁ ALGO QUE VER, QUE VISITAR E QUE DISFRUTAR.


En febreiro de 2024 pubicaba neste blog unha entrada adicada á Pedrafita-menhir O Marco da Pena Verde e, falando das espléndidas terras da Mariña Lucense, escribía a seguinte apoloxía: 

"Terra feraz, a veces abrupta, por veces suave, por veces bucólica. Terra de grandes historias, de fermosas lendas: o Mariscal Pardo de Cela, a lenda do reparto de moscas, o Rei Charlo de Lourenzá, o Rei Cintolo, o Conde Santo e o seu sartego... Terra de escritores, terra de Cunqueiro. E terra de camiños de ferradura, de aventura, de fronteira, de historias con naturaleza de seu".

Sigo a subliñar toda e cada unha desas verbas e, para coñecer un pouco mais polo miudo, recomendo a visita aos seguintes lugares, que poderían ser moitisimos mais,  sin ter en conta o turismo Megalítico que o podedes rastrexar neste blog.


RUTA DO PATRIMONIO RELIXIOSO. Discorre por todo o Concello e recálase en todas as igrexas parroquiais. Nós destacamos aquí a pequena igrexa-ermida de Santa Filomena do Cadramón: planta rectangular con ábsida, presbiterio e restos da nave. Conserva uns fermosos canzorriños e, no interior, unhas interesantes pinturas murais. A orixe remóntase aos séculos IX ou X.




Santa Filomena do Cadramón.
Foto: Galicia-Cantábrica.



RUTA DOS POZOS. Fermosa ruta que leva á fervenza do Pozo da Onza. As paisaxes son extraordinarias.



Fervenza do Pozo da Onza.
Foto: páxinas galegas.



RUTA DA FERVENZA DO TOREZ. Parte de Ferreira e remata en Santo Tomé. Esta ruta realizouse froito do traballo duns rapaces que abriron o carreiro ata a cascada mesma.


Foto: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/

RUTA DO MONTE CASTELO. Ruta circular que parte de Ferreira e lévate ata o Pozo da Onza ou á pedrafita-menhir antropomorfa O Pau da Vella.



O Pau da Vella.
Foto: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pau-da-vella-11219452


NOVAS XORNALÍATICAS E PAXINAS WEB

https://turismo.valadouro.gal/gl/patrimonio-cultural/

https://mrpatrimonio.blogspot.com/search?q=Casa+dos+Mouros+Budi%C3%A1n

Fotos:https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/albums/72157681763955390

https://www.elprogreso.es/articulo/a-marina/reconstruyen-dolmen-expoliado-casa-mouros-valadouro/202004291434521435879.html

https://elpais.com/ccaa/2017/05/26/galicia/1495807432_167237.html

https://www.noticiasdenavarra.com/que-mundo/2017/05/27/arrasan-dolmen-utilizar-lastras-adorno-2641935.html

https://www.antena3.com/noticias/sociedad/arrasan-dolmen-ubicado-yacimiento-lugo-utilizar-sus-lastras-como-adorno-jardin_20170526592805f80cf205e8f700f483.html

https://culturagalega.gal/nova/noticia.php?id=27518

https://www.noticiasgalicia.com/articulo/lugo/recuperada-una-roca-megalitica-de-un-yacimiento-arqueologico-de-o-valadouro/20170519142953095199.html

https://adega.gal/novas.php?id=621&idioma=gl&sec=209

https://historiadegalicia.gal/2017/05/esnaquizan-un-dolmen-e-levan-duas-das-suas-laxes-para-adornar-nun-xardin/

https://megaliticia.blogspot.com/2020/06/dolmen-casa-dos-mouros-valadouro.html

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmen-casa-dos-mouros-51598436

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html


https://farm7.staticflickr.com/6070/6075979626_b8f8907a95_c.jpg

https://www.galiciacantabrica.com/o-valadouro-rutas

https://rutamundos.com/ruta-o-monte-do-castelo-o-valadouro-lugo/

https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/04/ruta-dos-pozos-o-valadouro.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2a-ruta-do-castelo-1429367

https://www.galiciacantabrica.com/single-post/capilla-de-santa-filomena

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/fervenza-do-pozo-da-onza-o-valadouro-33545.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/cascada-de-torez-o-valadouro-lugo-29044001

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pau-da-vella-11219452

venres, 11 de outubro de 2024

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DAS PÍAS. San Miguel de Codesoso. Sobrado dos Monxes

PEDRAFITA-MENHIR  MARCO DAS PÍAS. Ermida de Santa Columba das Pías.

SOSPEITOSOS HABITUAIS III


“Cuando se afirma y se subraya tal cosa sin que tal diferencia resulte de las palabras mismas, y cuando en lugar de ello, las palabras se refieren precisamente a lo que niegan tales afirmaciones, surge la sospecha de que en tales palabras se esconde precisamente lo negado. Por lo tanto, no hay que creer demasiado en esas afirmaciones.”

Theodor W. Adorno: "Terminología filosófica". Ed. Taurus.



Debuxo, versión idealizada de Moncho Boga, 2024.


Un día calquera de agosto de 2024, na súa primeira metade, achegámonos ata a curiosa, misteriosa e fermosa ermida de Santa Columba das Pías (Santa Comba), paraxe da parroquia de Codesoso, pertencente ao Concello de Sobrado dos Monxes. Non fun por casualidade. Fun con diurnidade e alevosía. Fun de excursión, as excursións que siguen a ser unha das miñas actividades favoritas de lecer.



No claustro do Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
Foto, Moncho Boga.


O lugar no que se encrava o santuario das Pías atópase (como dicía antes) na parroquia de Codesoso a oito quilómetros da capital municipal, cuxo término municipal asdcríbese á Comarca Terra de Melide.  



Carballeira e camiño de acceso á ermida de Santa
Columba. Foto de Moncho Boga.

Para chegar hai que coller a estrada que leva de Sobrado a Friol  (LC-233) e,  a uns sete quilómetros, coller o desvío cara a Toques-Melide. A nosa sospeitosa pedrafita atópase ubicada, chantada, como marco de entrada á carballeira da ermida: a miña sorpresa foi estupefacción cando  en vez dunha pedrafita, atopei dúas... 

Carballos e castiñeiros fan de perfecta escenografía para a ermida e para as pedrafitas de Santa Comba-Columba. Escenografía que enmarca un auténtico libro fosilizado de etnografía que talvez procede da prehistoria.
O


Pedrafita-Menhir Marco das Pías.
Foto: Moncho Boga.

O contexto destas dúas posibles pedrafitas pódese por en relación directa coa máxica sacralidade do nacemento do río Mandeo, acompañadas da subsiguente fonte, como é o caso, e como mantén Dolores González de la Peña no seu blog arqueotoponimia. Segundo Dolores, en Galicia está ben documentada a sacralidade do culto ás fontes, pero non só eso, senon aínda mais, o "nacemento dos ríos como lugar sacro por excelencia". 



Pedrafita-Menhir Marco das Pías.
Foto: Moncho Boga.

Non é un simple culto ás fontes (que tamén) senon que os ríos e o seu nacemento artellaron tanto os hábitats prehistóricos como as vías de comunicación. Por iso Dolores González mantén e sospeita que este é o lugar onde nacía o río Mandeo antes de que se formara o que hoxe se considera o seu nacemento oficial: isa é a razón pola que a Fonte das Tres Pías é sagrada e, pola contra, non o é o nacemento actual ou oficial. Por todo iso considera que non é unha fonte calquera senon que é a fonte matriz dun río, do río Mandeo, a fonte por antonomasia.



 A segunda Pedrafita-Menhir Marco das Pías.
Foto: Moncho Boga.

O Marco, acompañado por outro mais cativo, con forma fusiforme, lixeiramente abombado por unha das súas caras (está ao outro lado do camiño de entrada ao santuario), semella un fito anunciador do nacemento do río, como outras pedrafitas galegas anuncian a presenza dunha necrópole megalítica, a xeito de estelas sinalizadoras. Neste intrigante e misterioso santuario aparecen moi preto topónimos como Portela da Abeleira, o lugar de Marco das Pías, o Camiño Real de Arzúa a Lugo ou o Camiño do Norte a Santiago.



En primeiro plano a Pedrafita das Pías; ao fondo, a segunda.
Foto: Moncho Boga.

O sospeitoso Marco-Pedrafita das Pías acada unha altura de algo mais de dous metros e a súa sección é casi rectangular, moi desgastada polo paso do tempo. Como dicía, ao outro lado do camiño, eríxese o outro marco que, para min,  tamén é sospeitoso de pertencer ao proceloso universo das pedrafitas megalíticas galegas,  e que parece estar en relación directa co anterior. 


Pedrafita Marco das Pías co cruceiro ao fondo.
Foto: Moncho Boga.

Poideran ser o resto dun aliñamento ou ben estarían dispostas ao chou? Tamén poidera ser un normal marco de sinalización de terras, de demarcación do lindeiro dunha propiedade, un marco de termo... En calquera caso semella moi grande para ser  simplemente un marco de termo. A miña hipótese é que forma un conxunto co Marco das Pías.



 Segunda Pedrafita do Marco das Pías.
Foto: Moncho Boga.


SANTA COLUMBA DAS PÍAS: UN LUGAR MÁXICO CON PERSONALIDADE DE SEU.

Por que aquí, por que  se ergue un santuario con propiedades milagreiras poderosísimas precisamente neste emprazamento? Por que este santuario non está epecializado nunha soa enfermidade ou no poder de cumplir desexos, como a meirande parte dos santuarios galegos? 



A ermida de Santa Columba das Pías.
Foto: Moncho Boga.

Como se dun gran complexo hospitalario se tratase, non só se curan de xeito milagreiro e contundente  enfermidades coma os males de cabeza, pés, gorxa, vista, pel, dor de dentes e moas, reuma, artrosis, "cabalos do pescozo", das costas, das xuntas..., senon que por algunha razón que se me escapa, todo aquel que veña de romaría ten concedidas indulxencias plenarias, a Bula do Perpetuo Xubileo, outorgada polo Papa Inocencio XII no ano 1696... E dicir, un macro-conxunto que non só cura ou sana os males do corpo, senon tamén os males da alma. Para sempre.



Santa Columba rodeada de cirios.
Foto: Moncho Boga.

Estamos pois diante dun complexo que non naceu da nada, que se desenvolveu e medrou ao redor do nacemento dun río, dun manancial, dunha fonte con tres pías e dun marco-pedrafita que se alcuma das Pías. Son demasiadas coincidencias e eu non creo nas coincidencias: por iso é un dos meus "sospeitosos habituais". Non estamos preto dunha necrópole megalítica (excepto  o cordal do Bocelo), pero sí de roteiros-vías de tránsito desde a prehistoria.



O cruceiro da entrada coa pedrafita ao fondo.
Foto: Moncho Boga.

Nesta preciosa carballeira ubícase unha ermida, dous cruceiros, a Fonte Santa ou das Tres Pías e un Carballo centenario... A ermida edificouse a finais do século XVII e inmediatamente se constituiu unha confraría adicada ás Ánimas do Purgatorio, esas ánimas que desde a prehistoria pululan polos camiños e polos cruzamentos, aquelas que hai que amparar, que axudar a cruzar ao alén. Talvez a pedrafita cumpla tamén unha función psicopompa ("o guía que conduce ao alén") e por iso a creación da confraría.



Á esquerda, o carballo milagreiro e centenario.
Foto: Moncho Boga.

Pois ben, diante de tantos elementos con poderes extraordinarios, semella que a Santa pouco ten que facer... Santa Comba, unha bruxa-meiga, asasina, que logo se converteu ao cristianismo e por enriba foi considerada santa. Se cadra esta doble natureza é o que lle conferiu un status de  poder sobrenatural e dicir, a mestura entre o poder máxico do paganismo e o poder santo dos santos: unha transferencia que deixa as cousas como estaban.



Camiño de acceso á ermida de Santa Columba 
Foto: Moncho Boga.

Non me podo sustraer a amosar o texto de San Martiño de Dumio, bispo de Braga cando aló polo século VI, tentando cristianizar un territorio case absolutamente pagano, escribiu o texto "De correctione rusticorum" para tentar solucionar ese problema e atraer aos galegos ao cristianismo. Eu creo que non o conseguiu e para exemplo o Santuario de Santa Columba das Pías:


"Porque encender velas junto a las piedras y a los árboles y a las fuentes y en las encrucijadas, ¿qué otra cosa es sino culto al diablo? Observar la adivinación y los agüeros, así como los días de los ídolos, ¿qué otra cosa es sino el culto del diablo?. (...) observar el pie, derramar en el fogón sobre la leña alimentos y vino, echar pan en la fuente..."


Temos neste breve fragmento un compendio do que se estaba a facer con respecto á sacralidade en todo o territorio galego e que aínda se conserva baixo as capas de cebola do cristianismo, casi sen cambios, ata hoxe en día. En vez de Xúpiter, Minerva, Hermes ou os deuses aos que sustitúen..., atópase Santa Columba neste caso.



Outra vista da segunda pedrafita das Pías.
Foto: Moncho Boga.

Dicíamos mais enriba que, ademais do santuario, hai tres elementos fundamentais nos rituais que aínda se están a celebrar neste paradigmático emprazamento a saber, o carballo coa pía e a cruz, a campá da ermida e a Fonte das Tres Pías.



O Carballo das Pías coa cruz e a pía.
Foto Moncho Boga.

O carballo centenario, que está moi preto da ermida, ten aos seus pés unha pía rectangular de granito e, no poderoso tronco, aparece unha gran cruz gravada. Neste lugar prodúcese un dos ritos da romaría: primeiro hai que encher a pía de auga bendecida da fonte. Despois o fiel (ofrecido) ten que dar nove voltas ao carballo e, en cadansúa delas, darlle un bico á cruz gravada, rezar un pai noso e facer o sinal da cruz. Débense completar as nove voltas para que a sanación e protección pedidas ou a concesión dalgún favor sexan efectivos, concedidos.



Outra vista do Carballo e da Pía.
Foto: Moncho Boga.

Doutro lado está a campá da ermida. Este ritual ten que ver coa sanación da dor de moas ou dos dentes. O que se ofrece ou pide a sanación, ten que coller cos dentes a cadea que move o badaxo para facer tañer a campá. É a penitencia requerida para que o impertinente dor de moas ou de dentes cure definitivamente.


Pequena espadaña da que colga a campá odontolóxica.
Foto: Lugares Mágicos de Galicia.

Por último temos a Fonte das Tres Pías ou Fonte Santa. Trátase da fonte-manancial, hipotética orixe do río Mandeo. Como a meirande parte das fontes das ermidas, a nosa fonte tamén ten propiedades curativas extraordinarias: recoméndase mollar cun pano a zona enferma ou ben beber a auga da fonte. Deste xeito curaranse as enfermidades que teñen que ver coa vista, a cabeza, a garganta, espullas e males da pel, dores de extremidades e das costas, artrite, osteoartrite, reumas e "cabalos do pescozo". Os panos deixanse a secar: unha vez secos, considérase que a doenza remitirá totalmente. Cóntase tamén que cando se colle auga desta fonte nunca sufre putrefacción.



A Fonte das Tres Pías.
Foto: Moncho Boga.

Tanto o oratorio onde se acubilla Santa Columba, o lateral da ermida e o cruceiro da entrada están sempre cheos de cirios e flores, se cadra como intercesión da Santa a hora de curar algún mal que se lle pedira con anterioridade.



Outra vista das dúas Pedrafitas das Pías.
Foto: Moncho Boga.

En definitiva A Pedrafita-Menhir Marco das Tres Pías, xunto á súa compañeira mais cativa, parecen estar a cumplir a misión de anunciar un santuario sagrado prehistórico. Por iso tampouco se pode desbotar a hipótese de pedrafita dos camiños, aquilas hermae das que fala Dolores González e que axudan ás almas perdidas a cruzar ao alén. Tamén é probable unha función apotropaica, de protección do que camiña, de protección contra todo tipo de espíritus malignos que deambulan polos camiños e polos cruzamentos.

Por todas estas consideracións e debido a elas, manteño que estes dous fermosos exemplares, fincados á entrada do santuario das Pías, como lugar e bosque máxico-sagrado, deben ser incluidos nun imaxinario catálogo das Pedrafitas Galegas.


LUGARES QUE VISITAR, VER E SABOREAR EN SOBRADO DOS MONXES.


Visitar Sobrado dos Monxes sempre é un pracer para os sentidos e o intelecto. A min gústame perderme pola morea de currunchos con encanto que se acochan por alí por onde te introduzas. Aínda así, hai varios recursos que, como ben expresa o tópico, son de inexcusable visita, a saber:

MOSTEIRO DE SOBRADO DOS MONXES. Por suposto, é moito mais que unha obriga visitar este mosteiro de orixe cisterciense, o primeiro nas Hespañas da orde monacal devandita. Aínda que a orixe é medieval, a imaxe xeral que vemos hoxe é a da restauración ou reforma do século XVII, co auxe da arte barroca.




Á dereita, Sala Capitular do Mosteiro de Sobrado.
Foto: Moncho Boga

LAGOA DE SOBRADO. Pertencente á Rede Natura 2000, amosa unha morea de valores naturais e unhas estampas inolvidables. Trátase dun encoro artificial construido no século XVI polos monxes de Sobrado para abastecer as necesidades do mosteiro.



Lagoa de Sobrado.
Foto: Moncho Boga, 2024.


CAMPAMENTO ROMANO DE CIADELLA. Chégase desde a parroquia de Cruces. Trátase dun dos poucos campamentos romanos que aínda resisten en Galicia o paso do tempo. Desde os anos oitenta estanse a realizar diversas campañas arqueolóxicas que contribúen á súa posta en valor.



Campamento romano de Ciadella.
Foto: gal.galiciapress.es


RUTA DA CARBALLEIRA. Roteiro duns seis quilómetros de lonxitude que atravesa a finca da Casa do Gado a través do Camiño Real. Destaca un gran carballo que ronda os tres séculos de idade. En sí mesma a Carballeira é un valor engadido.



Ruta da Carballeira.
Foto: deambulandoconartabria.com


ROTEIRO DA PENA MOURA (PR-G 235). Rota circular que parte da Lagoa de Sobrado e ascende ás altas e montesías cumes dos montes do Bocelo. Entre brumosas paraxes e pequenos núcleos de poboación, hai que destacar a Anta Forno dos Mouros ou da Moruxosa (en Toques) coas súas famosas pinturas murais. Tamén, moi preto, a pedrafita natural Pena da Moura, pedrafita repleta de lendas da mourindade. A rota acada unha lonxitude duns once quilómetros.



A Pena da Moura.
Foto: Moncho Boga.


En Sigrás, nos revoltos días de outubro.

Saúde, libros e sorte!!!


BIBLIOGRAFÍA CASE IMPRESCINDIBLE

R. Otero Pedrayo: "A Terra de Melide". Seminario de Estudos Galegos. Santiago de Compostela. Nós, 1933.

Cabanas López, F.: "Historia de Sobrado dos Monxes", 2001.

https://www.abeancos.gal/elemento/santuario-de-santa-columba-das-p%C3%ADas

https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=13&id=2561

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2021/06/nacemento-do-rio-mandeo-santa-columba.html

https://lugaresmagicosdegalicia.blogspot.com/2020/08/111-santa-comba-de-pias-contra-todos.html

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2017/11/santuario-de-santa-columba-das-pias.html

https://www.sobrado.es/rotas-sendeirismo@1177.html

https://i.pinimg.com/originals/9f/af/0d/9faf0d30aeb1689e196f399dcb1d7a37.jpg

https://gal.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1965302/ciadella-campamento-militar-romano-rexorde-sobrado-monxes

https://deambulandoconartabria.com/wp-content/uploads/2020/10/ruta-da-carballeira-sobrado-dos-monxes-14.jpg

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/mamoas-da-pena-da-moura-sobrado-5578.html

martes, 8 de outubro de 2024

ANTA-DOLMEN DE MUNIXEITO. Santa Baia de Maus de Salas, Muíños.

ANTA-DOLMEN DE MUNIXEITO. ENCORO DE MAUS DE SALAS. 

"Hicieron un túmulo en memoria de Gunnar y lo enterraron a él sentado dentro del túmulo. Rannaveig no quiso que metieran la alabarda en el túmulo, dijo que sólo podría cogerla quien deseara vengar a Gunnar."

"Saga de Nial". Prólogo, traducción y notas Enrique Bernárdez. Ediciones Alfaguara, 1986. Madrid.



Debuxo idealizado da Anta de Munixeito. Moncho Boga, 2024.
Ao fondo, a Casola do Foxo.


LIMIAR

Si algún lugar na nosa terra, entre os moitos que hai, merece o calificativo de ruta sagrada, máxica ou lugar de mortos, ese é  o mítico Val de Maus de Salas, no concello limiano de Muíños. Hoxe o Val do Salas está anegado por un encoro, pero, en época de grandes secas, queda a vista o que realmente é: un auténtico VAL DA MORTE. Val da Morte pola inxente cantidade de enterramentos megalíticos que aínda se están a conservar. Pero ademais as antigas tradicións da bisbarra, a arquitectura, as construcións adxetivas, a etnografía, a natureza, os relatos lexendarios..., contribúen de maneira contundente a debuxar un microuniverso de características case únicas. 



Vista Xeral de Maus de Salas e do Encoro do mesmo nome.
Foto de Quincemil, "vivir escapadas".


O Val do Salas é por iso unha das estacións megalíticas mais impresionantes da xeografía mítica e real da Terra Galega. Só nesta área hai catalogadas mais de 50 mámoas e, a mais grande das que permanecen boa parte do ano asolagadas, coñécese co nome de   Anta de Veiga de Maus de Salas.



Santa Baia de Maus de Salas.
Fotografía Fronteira Esquecida Limia-Lima.

Sen entrar en detalles, os estudos ao redor do megalitismo nesta extraordinaria comarca foron comenzados por Florentino Cuevillas, pero o pulo e o salto en cantidade e calidade na prospección, catalogación e escavacións arqueolóxicas, prodúxose sobre todo polos traballos de José María Eguileta Franco nos anos oitenta e noventa do século XX. A partires de aí, as cousas comezaron a rodar, tanto nos estudos científicos e arqueolóxicos como no auxe turístico. A formacíon do Parque Natural Reserva da Biosfera (transfonteirizo) Gerês-Xurés foi un paso fundamental para este feito.



Vista do Encoro de Mau de Salas
desde a riveira de Requiás.
Fotografía de Moncho Boga.


A Baixa Limia é unha comarca ben definida e debuxada polo val e polo percorrido serpenteante do río Limia, río mítico onde os haia, río do Olvido. Conforma un dos grandes vales independentes da Galicia interior e ocupa os concellos de Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira, Bande e Calvos de Randín.


A ANTA-DOLMEN DE MUNIXEITO (M1)

Nun pequeno espolón, emprazado na aba occidental do val do regato de Lobeira (debedor do río Salas), atópanse os restos dunha fermosa cámara megalítica coñecida pola nome de Dolmen de Munixeito.



Anta-dolmen de Munixeito.
Fotografía de Cándido Rico en http://megalitos.arqueoloxico.com/

Xa hai moitos anos que coñezo esta especial comarca, e este epecial lugar dominado polo Encoro do río Salas. Sempre  que me acheguei por eses lares, onde o mundo se chama fronteira (de vivos e de mortos), digo sempre como curiosidade, atopei unha familia de perdices campando á beira da Anta Casola do Foxo.



Anta-dolmen de Munixeito.
Fotografía extraida do blog megaliticia

Para chegar, despois do Foxo do Lobo e da Casola do Foxo, hai que seguir a estrada asfaltada ata o primeiro desvío á dereita: a Mámoa atópase sinalizada pero é necesario o XPS , posto que está un pouco alonxada da devandita pista.



Anta-dolmen de Munixeito.
Fotografía extraida do blog Xoán Arco da Vella.

Estruturalmente pódese asdcribir ás cámaras de tipo alongado e talvez tamén abertas, como as describe Eguileta Franco. Está a conservar sete esteos que posiblemente estean no seu lugar orixinal, malia que bastante removidos. Aínda así pódese apreciar a colocación dos esteos imbricados para soster a súa estrutura orixinalmente. 



Planta da Anta de Munixeito.
Versión propia a partir de Eguileta Franco.



UNS POUCOS DOS MOITOS RECURSOS RECOMENDABLES NA BAIXA LIMIA

Que recomendar para unha visita a esta histórica comarca? Talvez o itinerario megalítico sinalizado como ruta? Ou ben os numerosos restos romanos espallados por todo o territorio: Aquis Querquennis, Portela do Home, Aquis Originis, Itinerario XIX de Antonino, o Conxunto de miliarios? Ou senon Santa Comba de Bande?



Igrexa prerrománica de Santa Comba de Bande.
Fotografía de: https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/5282/igrexa-monacal-de-santa-comba-de-bande?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

Os Baños de Bande, os Baños do Río Caldo, os restos de castelos, de foxos de lobos, os roteiros naturais, os conxuntos etnográficos, as construcións adxetivas... A verdade, non sabería por onde empezar.



Aquis Originis
https://patrimonionatural.xunta.gal/es/baixa-limia-serra-xures

Pero si que vos podo recomendar o edificio da Porta Parque, que amosa unha exposición adicada á auga e oferta un percorrido polos variados emprazamentos do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés, no que a auga é o fío condutor. Dentro deste edificio atópase a Aula de Arqueoloxía do Megalitismo do Val do Salas e da Serra do Leboreiro. Como curiosidade, en toda a comarca hai catalogados mais de 200 monumentos megalíticos.



Aquis Querquennis
https://patrimonionatural.xunta.gal/es/baixa-limia-serra-xures


É interesante subliñar o salto en calidade do Parque Natural, creando nos últimos anos seis centros de interpretación baixo a denominación de "Portas" da reserva. Son as seguintes:


-Porta de Bande: Centro de Interpretación de Aquis Querquennis, Porto Quintela.


Centro de Interpretación Porta do Xurés, Bande.
https://www.portasxures.es/bande/


-Porta de Muíños: Centro de Interpretación da Auga e do megalitismo.


Centro de Interpretación Porta de Muíños.
Fotogrrafía: https://www.portasxures.es/muinos/



-Porta de Calvos de Randín, Santiago de Rubiás: O Couto Mixto.


Centro de Interpretación do Couto Mixto.
Fotografía: https://www.portasxures.es/calvos-de-randin/


-Porta de Lobios: Centro de Interpretación da Flora.


Porta de Lobios.
Fotografía:
https: //www.portasxures.es/muinos/


-Porta de Entrimo: Centro de Interpretación da Xeoloxía e da Paisaxe.


Porta de Entrimo.
Fotografía: https://www.portasxures.es/muinos/


-Porta de Lobeira: Centro de Interpretación da Etnografía.


Porta de Lobeira.
Fotografía: https://www.portasxures.es/muinos/




En Sigrás, nun día borrascoso do outono de 2024.

Saúde, libros e moita sorte!!!!!


BIBLIOGRAFÍA FUNDAMENTAL

J. Mª Eguileta Franco: "As mámoas dos Concellos da Baixa Limia". Aportación al Catálogo de monumentos tumulares de la Comarca. CUADERNOS DE ESTUDIOS GALLEGOS, Tomo XLI, Fascículo 106, Santiago 1993-94 CSIC.

Libro-Guía. Eguileta Franco,
 J.M. e Cabo Rodríguez, C., "Muíños Arqueolóxico: os megalitos de Muíños", 27 pp. Ourense, 1994.

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/mamoa-de-munixeito.html

http://www.xoanarcodavella.com/2018/04/dolmen-casina-da-moura-maus-de-salas.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-megalitica-as-maus-de-salas-muinos-13320025/photo-8218415

https://www.concellomuinos.com/aulaarqueol%C3%B3xicadomegalitismodo

https://www.elespanol.com/quincemil/vivir/escapadas/20211004/as-maus-salas-aldea-pintoresca-baixa-limia-ourense/616939580_0.html

https://www.reservabiosferageresxures.eu/sites/default/files/2022-12/folletorutas.pdf

https://unviajecreativo.com/serra-do-xures-que-ver-parque-natural-baixa-limia/

https://gl.wikiloc.com/rutas/sendeirismo/espana/galicia/maus-de-salas

https://www.blogger.com/u/1/blog/post/edit/8441542851340460340/7667455884200591204

https://fronteiraesquecida.eu/fichas/maus-de-salas-centro-de-actividades-de-montana/

https://patrimonionatural.xunta.gal/es/baixa-limia-serra-xures

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/9607/baixa-limia-serra-do-xures?langId=es_ES&tp=1&ctre=2

https://i.pinimg.com/originals/77/86/e1/7786e16d0f8064cd8564130f5ceb1f6b.jpg

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/5282/igrexa-monacal-de-santa-comba-de-bande?langId=es_ES&tp=8&ctre=31

https://concellobande.com/es_es/lugares-para-descubrir/

https://www.concelloentrimo.es/que-ver/

http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/es/turismoesp/que-ver

https://www.lobios.org/ga/turismo/

http://www.lobeira.es/es