viernes, 11 de octubre de 2024

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DAS PÍAS. San Miguel de Codesoso. Sobrado dos Monxes

PEDRAFITA-MENHIR  MARCO DAS PÍAS. Ermida de Santa Columba das Pías.

SOSPEITOSOS HABITUAIS III


“Cuando se afirma y se subraya tal cosa sin que tal diferencia resulte de las palabras mismas, y cuando en lugar de ello, las palabras se refieren precisamente a lo que niegan tales afirmaciones, surge la sospecha de que en tales palabras se esconde precisamente lo negado. Por lo tanto, no hay que creer demasiado en esas afirmaciones.”

Theodor W. Adorno: "Terminología filosófica". Ed. Taurus.



Debuxo, versión idealizada de Moncho Boga, 2024.


Un día calquera de agosto de 2024, na súa primeira metade, achegámonos ata a curiosa, misteriosa e fermosa ermida de Santa Columba das Pías (Santa Comba), paraxe da parroquia de Codesoso, pertencente ao Concello de Sobrado dos Monxes. Non fun por casualidade. Fun con diurnidade e alevosía. Fun de excursión, as excursións que siguen a ser unha das miñas actividades favoritas de lecer.



No claustro do Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
Foto, Moncho Boga.


O lugar no que se encrava o santuario das Pías atópase (como dicía antes) na parroquia de Codesoso a oito quilómetros da capital municipal, cuxo término municipal asdcríbese á Comarca Terra de Melide.  



Carballeira e camiño de acceso á ermida de Santa
Columba. Foto de Moncho Boga.

Para chegar hai que coller a estrada que leva de Sobrado a Friol  (LC-233) e,  a uns sete quilómetros, coller o desvío cara a Toques-Melide. A nosa sospeitosa pedrafita atópase ubicada, chantada, como marco de entrada á carballeira da ermida: a miña sorpresa foi estupefacción cando  en vez dunha pedrafita, atopei dúas... 

Carballos e castiñeiros fan de perfecta escenografía para a ermida e para as pedrafitas de Santa Comba-Columba. Escenografía que enmarca un auténtico libro fosilizado de etnografía que talvez procede da prehistoria.
O


Pedrafita-Menhir Marco das Pías.
Foto: Moncho Boga.

O contexto destas dúas posibles pedrafitas pódese por en relación directa coa máxica sacralidade do nacemento do río Mandeo, acompañadas da subsiguente fonte, como é o caso, e como mantén Dolores González de la Peña no seu blog arqueotoponimia. Segundo Dolores, en Galicia está ben documentada a sacralidade do culto ás fontes, pero non só eso, senon aínda mais, o "nacemento dos ríos como lugar sacro por excelencia". 



Pedrafita-Menhir Marco das Pías.
Foto: Moncho Boga.

Non é un simple culto ás fontes (que tamén) senon que os ríos e o seu nacemento artellaron tanto os hábitats prehistóricos como as vías de comunicación. Por iso Dolores González mantén e sospeita que este é o lugar onde nacía o río Mandeo antes de que se formara o que hoxe se considera o seu nacemento oficial: isa é a razón pola que a Fonte das Tres Pías é sagrada e, pola contra, non o é o nacemento actual ou oficial. Por todo iso considera que non é unha fonte calquera senon que é a fonte matriz dun río, do río Mandeo, a fonte por antonomasia.



 A segunda Pedrafita-Menhir Marco das Pías.
Foto: Moncho Boga.

O Marco, acompañado por outro mais cativo, con forma fusiforme, lixeiramente abombado por unha das súas caras (está ao outro lado do camiño de entrada ao santuario), semella un fito anunciador do nacemento do río, como outras pedrafitas galegas anuncian a presenza dunha necrópole megalítica, a xeito de estelas sinalizadoras. Neste intrigante e misterioso santuario aparecen moi preto topónimos como Portela da Abeleira, o lugar de Marco das Pías, o Camiño Real de Arzúa a Lugo ou o Camiño do Norte a Santiago.



En primeiro plano a Pedrafita das Pías; ao fondo, a segunda.
Foto: Moncho Boga.

O sospeitoso Marco-Pedrafita das Pías acada unha altura de algo mais de dous metros e a súa sección é casi rectangular, moi desgastada polo paso do tempo. Como dicía, ao outro lado do camiño, eríxese o outro marco que, para min,  tamén é sospeitoso de pertencer ao proceloso universo das pedrafitas megalíticas galegas,  e que parece estar en relación directa co anterior. 


Pedrafita Marco das Pías co cruceiro ao fondo.
Foto: Moncho Boga.

Poideran ser o resto dun aliñamento ou ben estarían dispostas ao chou? Tamén poidera ser un normal marco de sinalización de terras, de demarcación do lindeiro dunha propiedade, un marco de termo... En calquera caso semella moi grande para ser  simplemente un marco de termo. A miña hipótese é que forma un conxunto co Marco das Pías.



 Segunda Pedrafita do Marco das Pías.
Foto: Moncho Boga.


SANTA COLUMBA DAS PÍAS: UN LUGAR MÁXICO CON PERSONALIDADE DE SEU.

Por que aquí, por que  se ergue un santuario con propiedades milagreiras poderosísimas precisamente neste emprazamento? Por que este santuario non está epecializado nunha soa enfermidade ou no poder de cumplir desexos, como a meirande parte dos santuarios galegos? 



A ermida de Santa Columba das Pías.
Foto: Moncho Boga.

Como se dun gran complexo hospitalario se tratase, non só se curan de xeito milagreiro e contundente  enfermidades coma os males de cabeza, pés, gorxa, vista, pel, dor de dentes e moas, reuma, artrosis, "cabalos do pescozo", das costas, das xuntas..., senon que por algunha razón que se me escapa, todo aquel que veña de romaría ten concedidas indulxencias plenarias, a Bula do Perpetuo Xubileo, outorgada polo Papa Inocencio XII no ano 1696... E dicir, un macro-conxunto que non só cura ou sana os males do corpo, senon tamén os males da alma. Para sempre.



Santa Columba rodeada de cirios.
Foto: Moncho Boga.

Estamos pois diante dun complexo que non naceu da nada, que se desenvolveu e medrou ao redor do nacemento dun río, dun manancial, dunha fonte con tres pías e dun marco-pedrafita que se alcuma das Pías. Son demasiadas coincidencias e eu non creo nas coincidencias: por iso é un dos meus "sospeitosos habituais". Non estamos preto dunha necrópole megalítica (excepto  o cordal do Bocelo), pero sí de roteiros-vías de tránsito desde a prehistoria.



O cruceiro da entrada coa pedrafita ao fondo.
Foto: Moncho Boga.

Nesta preciosa carballeira ubícase unha ermida, dous cruceiros, a Fonte Santa ou das Tres Pías e un Carballo centenario... A ermida edificouse a finais do século XVII e inmediatamente se constituiu unha confraría adicada ás Ánimas do Purgatorio, esas ánimas que desde a prehistoria pululan polos camiños e polos cruzamentos, aquelas que hai que amparar, que axudar a cruzar ao alén. Talvez a pedrafita cumpla tamén unha función psicopompa ("o guía que conduce ao alén") e por iso a creación da confraría.



Á esquerda, o carballo milagreiro e centenario.
Foto: Moncho Boga.

Pois ben, diante de tantos elementos con poderes extraordinarios, semella que a Santa pouco ten que facer... Santa Comba, unha bruxa-meiga, asasina, que logo se converteu ao cristianismo e por enriba foi considerada santa. Se cadra esta doble natureza é o que lle conferiu un status de  poder sobrenatural e dicir, a mestura entre o poder máxico do paganismo e o poder santo dos santos: unha transferencia que deixa as cousas como estaban.



Camiño de acceso á ermida de Santa Columba 
Foto: Moncho Boga.

Non me podo sustraer a amosar o texto de San Martiño de Dumio, bispo de Braga cando aló polo século VI, tentando cristianizar un territorio case absolutamente pagano, escribiu o texto "De correctione rusticorum" para tentar solucionar ese problema e atraer aos galegos ao cristianismo. Eu creo que non o conseguiu e para exemplo o Santuario de Santa Columba das Pías:


"Porque encender velas junto a las piedras y a los árboles y a las fuentes y en las encrucijadas, ¿qué otra cosa es sino culto al diablo? Observar la adivinación y los agüeros, así como los días de los ídolos, ¿qué otra cosa es sino el culto del diablo?. (...) observar el pie, derramar en el fogón sobre la leña alimentos y vino, echar pan en la fuente..."


Temos neste breve fragmento un compendio do que se estaba a facer con respecto á sacralidade en todo o territorio galego e que aínda se conserva baixo as capas de cebola do cristianismo, casi sen cambios, ata hoxe en día. En vez de Xúpiter, Minerva, Hermes ou os deuses aos que sustitúen..., atópase Santa Columba neste caso.



Outra vista da segunda pedrafita das Pías.
Foto: Moncho Boga.

Dicíamos mais enriba que, ademais do santuario, hai tres elementos fundamentais nos rituais que aínda se están a celebrar neste paradigmático emprazamento a saber, o carballo coa pía e a cruz, a campá da ermida e a Fonte das Tres Pías.



O Carballo das Pías coa cruz e a pía.
Foto Moncho Boga.

O carballo centenario, que está moi preto da ermida, ten aos seus pés unha pía rectangular de granito e, no poderoso tronco, aparece unha gran cruz gravada. Neste lugar prodúcese un dos ritos da romaría: primeiro hai que encher a pía de auga bendecida da fonte. Despois o fiel (ofrecido) ten que dar nove voltas ao carballo e, en cadansúa delas, darlle un bico á cruz gravada, rezar un pai noso e facer o sinal da cruz. Débense completar as nove voltas para que a sanación e protección pedidas ou a concesión dalgún favor sexan efectivos, concedidos.



Outra vista do Carballo e da Pía.
Foto: Moncho Boga.

Doutro lado está a campá da ermida. Este ritual ten que ver coa sanación da dor de moas ou dos dentes. O que se ofrece ou pide a sanación, ten que coller cos dentes a cadea que move o badaxo para facer tañer a campá. É a penitencia requerida para que o impertinente dor de moas ou de dentes cure definitivamente.


Pequena espadaña da que colga a campá odontolóxica.
Foto: Lugares Mágicos de Galicia.

Por último temos a Fonte das Tres Pías ou Fonte Santa. Trátase da fonte-manancial, hipotética orixe do río Mandeo. Como a meirande parte das fontes das ermidas, a nosa fonte tamén ten propiedades curativas extraordinarias: recoméndase mollar cun pano a zona enferma ou ben beber a auga da fonte. Deste xeito curaranse as enfermidades que teñen que ver coa vista, a cabeza, a garganta, espullas e males da pel, dores de extremidades e das costas, artrite, osteoartrite, reumas e "cabalos do pescozo". Os panos deixanse a secar: unha vez secos, considérase que a doenza remitirá totalmente. Cóntase tamén que cando se colle auga desta fonte nunca sufre putrefacción.



A Fonte das Tres Pías.
Foto: Moncho Boga.

Tanto o oratorio onde se acubilla Santa Columba, o lateral da ermida e o cruceiro da entrada están sempre cheos de cirios e flores, se cadra como intercesión da Santa a hora de curar algún mal que se lle pedira con anterioridade.



Outra vista das dúas Pedrafitas das Pías.
Foto: Moncho Boga.

En definitiva A Pedrafita-Menhir Marco das Tres Pías, xunto á súa compañeira mais cativa, parecen estar a cumplir a misión de anunciar un santuario sagrado prehistórico. Por iso tampouco se pode desbotar a hipótese de pedrafita dos camiños, aquilas hermae das que fala Dolores González e que axudan ás almas perdidas a cruzar ao alén. Tamén é probable unha función apotropaica, de protección do que camiña, de protección contra todo tipo de espíritus malignos que deambulan polos camiños e polos cruzamentos.

Por todas estas consideracións e debido a elas, manteño que estes dous fermosos exemplares, fincados á entrada do santuario das Pías, como lugar e bosque máxico-sagrado, deben ser incluidos nun imaxinario catálogo das Pedrafitas Galegas.


LUGARES QUE VISITAR, VER E SABOREAR EN SOBRADO DOS MONXES.


Visitar Sobrado dos Monxes sempre é un pracer para os sentidos e o intelecto. A min gústame perderme pola morea de currunchos con encanto que se acochan por alí por onde te introduzas. Aínda así, hai varios recursos que, como ben expresa o tópico, son de inexcusable visita, a saber:

MOSTEIRO DE SOBRADO DOS MONXES. Por suposto, é moito mais que unha obriga visitar este mosteiro de orixe cisterciense, o primeiro nas Hespañas da orde monacal devandita. Aínda que a orixe é medieval, a imaxe xeral que vemos hoxe é a da restauración ou reforma do século XVII, co auxe da arte barroca.




Á dereita, Sala Capitular do Mosteiro de Sobrado.
Foto: Moncho Boga

LAGOA DE SOBRADO. Pertencente á Rede Natura 2000, amosa unha morea de valores naturais e unhas estampas inolvidables. Trátase dun encoro artificial construido no século XVI polos monxes de Sobrado para abastecer as necesidades do mosteiro.



Lagoa de Sobrado.
Foto: Moncho Boga, 2024.


CAMPAMENTO ROMANO DE CIADELLA. Chégase desde a parroquia de Cruces. Trátase dun dos poucos campamentos romanos que aínda resisten en Galicia o paso do tempo. Desde os anos oitenta estanse a realizar diversas campañas arqueolóxicas que contribúen á súa posta en valor.



Campamento romano de Ciadella.
Foto: gal.galiciapress.es


RUTA DA CARBALLEIRA. Roteiro duns seis quilómetros de lonxitude que atravesa a finca da Casa do Gado a través do Camiño Real. Destaca un gran carballo que ronda os tres séculos de idade. En sí mesma a Carballeira é un valor engadido.



Ruta da Carballeira.
Foto: deambulandoconartabria.com


ROTEIRO DA PENA MOURA (PR-G 235). Rota circular que parte da Lagoa de Sobrado e ascende ás altas e montesías cumes dos montes do Bocelo. Entre brumosas paraxes e pequenos núcleos de poboación, hai que destacar a Anta Forno dos Mouros ou da Moruxosa (en Toques) coas súas famosas pinturas murais. Tamén, moi preto, a pedrafita natural Pena da Moura, pedrafita repleta de lendas da mourindade. A rota acada unha lonxitude duns once quilómetros.



A Pena da Moura.
Foto: Moncho Boga.


En Sigrás, nos revoltos días de outubro.

Saúde, libros e sorte!!!


BIBLIOGRAFÍA CASE IMPRESCINDIBLE

R. Otero Pedrayo: "A Terra de Melide". Seminario de Estudos Galegos. Santiago de Compostela. Nós, 1933.

Cabanas López, F.: "Historia de Sobrado dos Monxes", 2001.

https://www.abeancos.gal/elemento/santuario-de-santa-columba-das-p%C3%ADas

https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=13&id=2561

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2021/06/nacemento-do-rio-mandeo-santa-columba.html

https://lugaresmagicosdegalicia.blogspot.com/2020/08/111-santa-comba-de-pias-contra-todos.html

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2017/11/santuario-de-santa-columba-das-pias.html

https://www.sobrado.es/rotas-sendeirismo@1177.html

https://i.pinimg.com/originals/9f/af/0d/9faf0d30aeb1689e196f399dcb1d7a37.jpg

https://gal.galiciapress.es/texto-diario/mostrar/1965302/ciadella-campamento-militar-romano-rexorde-sobrado-monxes

https://deambulandoconartabria.com/wp-content/uploads/2020/10/ruta-da-carballeira-sobrado-dos-monxes-14.jpg

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/mamoas-da-pena-da-moura-sobrado-5578.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario