xoves, 7 de marzo de 2013

PEDRAFITA-MENHIR "A PEDRA DO ACORDO". Baiona-Oia.

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA DO ACORDO.

Na páx. web www.galiciamaxica.eu, atopei unha pequena reseña ou artigo-reflexión ao redor dunha estrutura pétrea tan intrigante como misteriosa. É dificultosa a súa adscrición tanto tipolóxica como crono-cultural. Sen embargo paréceme un elemento de singular importancia no acervo do noso patrimonio etnográfico ou incluso cultural. Aínda que non podo -nin pretendo- a súa adscrición ao meglitismo, si que podo catalogalo como un elemento atípico que, pola contra, participa nas tradición lexendarias e etnográficas propias da nosa terra e vencelladas con elementos megalíticos, a saber, marco de término, lugar de encontro...




Atópase na Serra da Groba, nun outeiro a unha altitude duns trescentos metros e serve de marco de término entre os concellos de Baiona e Oia. O autor do artigo conta que a fronteira entre os dous concellos márcase con pequenos moxóns aínda visibles (moitos deles, ao seu xuizo, marcos reaproveitados máis antigos), en toda a súa lonxitude, excepto neste lugar, onde a liña recta imaxinaria que separa os dous concellos desvíase abruptamente  adentrándose no concello de Oia. Efectivamente, si ata ese lugar a liña era recta, rachase neste lugar e logo segue outra vez rectilínea.




Trátase dunha rara estrutura rectangular feita de pedras moi toscamente talladas que, debido á súa irregularidade, non parecen que fosen a base dunha cabana. Tamén aparecen dúas pedrafitas que non acadan un metro de altura. 

É probable que estas pedrafitas fosen un lugar de reunión onde se xuntaban os parroquianos para chegar a algún tipo de acordo. Tanto en Galicia coma no norte de Portugal, existen emprazamentos con esa denominación pero de distintas características formais.




Parece ser que as "pedras do acordo" eran importantes instalacións de sabiduría popular, unha especie de tribunal formado polos individuos mais vellos do lugar, adicados a solucionar todo tipo de conflitos.

No Monte Aloia ou no Monte Tetón existen enclaves con esta espléndida denominación.



Tanto a información como as fotografía foron extraidas da páx. web www.galiciamaxica.es


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DOS COTARELES. Gondomar

ANTA-DOLMEN DOS COTARELES

Atópase no Chan do Cereixo ao que se pode chegar seguindo unha pista de terra que se inicia nunha caseta ubicada no chan que divide ambas as dúas vertentes da serra. 

Aínda que a mámoa foi cortada por un camiño, todavía se poden contemplar dous esteos da máis dun metro de longo tirados no centro do funil de violación.



Fotografía e documentación extraida da páx. web www.megalitos.es

ENLACE

https://www.megalitos.es/textos/pontevedramamoadoscotareles.htm


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DE MALVAS. Tui

ANTA-DOLMEN DE MALVAS

Atópase na parroquia de Malvas, pertencente ao Concello de Tui. Trátase duns poucos restos arquitectónicos meglaíticos que se atopan no centro dunha mámoa de pequeno tamaño. Nun lugar absolutamente cuberto de eucaliptos, no interior dunha mámoa de pequeno tamaño. E único esteo que se conserva está rodeado de outras moitas pequenas pedras que probablemente formen parte ben da coiraza pétrea, ben dos calzos dos esteos que conformaban a cámara.




En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ESTELA-MENHIR DAS ROZAS. Campo Lameiro.

ESTELA-MENHIR DAS ROZAS.

Pedrafita atopada durante as escavacións realizadas na necrópole das Rozas en Campo Lameiro, hoxe custodiada na Universidade de Santiago de Compostela.

Forma parte das pequenas pedrafitas atopadas en Galicia e que adoitan definirse como estelas-menhires.

Pódese considerar a xeito de hipótese que as estelas-menires como precursoras das estatuas dos templos históricos -toscas pedras con apariencia humana-, ou ben como indicadores da tumba, posto que se atopan xeralmente preto das necrópoles megalíticas.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 6 de marzo de 2013

PEDRAFITA-ESTELA-MENHIR "O CRISTO DA LAGOA". San Miguel de Negradas, O Vicedo.

PEDRAFITA-ESTELA-MENHIR "O CRISTO DA LAGOA"

Pequena e tosca cruz chantada nun valado dunha corredoira. Tamén se observa unha desproporción entre os brazos e a parte alta polo que semella unha cruz latina volta do revés. Na interseción dos brazos do cruceiro, aparece unha cruz gravada sinxela. 

A tosquedade na forma fai pensar nunha estela menhir, cos brazos cortos e a cabeza moi estilizada. O pé, pola contra, é mais achaparrado en consonancia cos brazos.

Neste lugar, segundo Xabier Moure, paraban as comitivas dos enterros e tamén contan os veciños que aquí enterrábanse aos nonnatos: como en outras moitas parroquias de Galicia, nestes lugares contan que se enterraban os cativos que non daba tempo a bautizar.



Fotografía e información extraida do blog de
Xabier Moure, patrimonio do concello do Vicedo
.
En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


venres, 22 de febreiro de 2013

PEDRAFITA-MENHIR DA PICOTA. Portosín, Porto do Son

PEDRAFITA-MENHIR DA PICOTA.

Atópase á saída de Portosín si vamos con dirección a Noia. Para chegar á pedrafita desde o petróglifo (parece ser que está sinalado), hai que coller unha pista feita polas máquinas madereiras.

Como tantas outras veces, viaxando de calquera maneira, sen método, ao chou..., polas intempestivas augas do universo internet, atopei unha curiosa fotografía (joesluisyela.wordpress.com).

Trátase de dúas posibles pedrafitas ubicadas no Concello de Porto do Son. Para min trátase dun descubrimento importante no que atinxe á investigación "pedrafiteira". Efectivamente, despois de moitos anos escudriñando a nosa xeografía na busca destes senlleiros e olvidados elementos, tan só poidera rastrexar e tiña documentados dous casos de dúas pedrafitas xuntas, hoxe lamentablemente destruidas. O primeito foi con respecto á Pedrafita de Cristal, en Ribeira: cando a atoparon, os seus descubridores relataron que á súa beira habia outra pequena pedrafita. O segundo caso foi un debuxo de unha referencia de Antonio de la Iglesia González no século XIX, que daba conta de dúas pedrafitas situadas no Camiño de peregrinación a Pastoriza, na Coruña, que foron destruidas pouco despois polos traballos dunha canteira ou dos canteiros.



Pedrafita da Picota

Por iso o achádego desta fotografía supuxo para mín algo así coma un "shock". Desde logo, no podo afirmar que se trate de dous elementos megalíticos, pero sen dúbida son dúas pedrafitas que se sitúan moi preto dunha zona arqueolóxica, a saber, o petróglifo da Picota. Por isa cercanía decidín chamarlle á pedrafita tamén "da Picota". O que si é certo e que, segundo se pode ollar na fotografía, ambas as dúas son de factura claramente artificial.

A pedrafita mais grande acada unha altura dun metro e oitenta centímetros e semella ter unha planta cadrangular. A aresta da dereita é recta e a da esquerda é ondeada; a coroa é plana e recta.  A media altural aparecen dous buratos rectangulares.A pedrafita da esquerda é mais pequena e ten forma troncocónica cun rebaixe lonxitudenal a xeito de mediacana na cara á vista. A cima é redondeada e parece que amosa unha especie de ranura que a divide en dúas partes.



Petróglifo da Picota



Fotografías e algunha información de joseluisyela.wordpress.com

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 20 de febreiro de 2013

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DA ANTA. San Miguel de Carballedo, Cotobade.

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DA ANTA.

Típico marco de termo que fai de linde entre as parroquias de Santa María de Sacos e San Miguel de Carballedo, ambas as dúas pertencentes ao concello pontevedrés de Cotobade. O lugar onde se asenta coñécese co nome de Trabazo.

Ubícase a vinte metros dunha mámoa coñecida co nome de "Portela da Anta". Atópase inserida nunha necrópole megalítica e, un pouco máis arriba, tamén se conserva o topónimo "arcela". A posible pedrafita amosa planta cadrangular e ten gravadas dúas cruces. Mide ao redor dun metro e media e, á súa beira, aparece un gran bloque granítico con forma tamén cadrangular cun burato no que se debía inserir un cruceiro. Desde este lugar pódese divisar un castro asdcrito á primeira Idade do Ferro, a saber, A Eira dos Mouros.




O lugar de ubicación forma parte dun paso natural que comunica o Val do Lérez co Val de Almofren, tratándose dun camiño tradicional moi transitado.

Segundo Tito Concheiro -que me proporcionou toda esta información- posiblemente se trate dun chanto dunha cámara megalítica moi retocado.

O Marco da Anta foi catalogado por Tito Concheiro como "marco epigrafiado". O estado de conservación é malo tendo como principais enimigos as obras incontroladas, a circulación de maquinaria pesada... e en xeral, a acción antrópica.








Nesta fotografía pódese observar de fronte a pequena mámoa Portela da Anta, cortada pola estrada.

Fotografías, debuxo e información proporcionadas por Tito Concheiro


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!