sábado, 10 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DE PADRIÑÁN. San Xinés de Padriñán, Sanxenxo

PEDRAFITA-MENHIR DE PADRIÑÁN.

Tamén se coñece co nome de Pedra do Santo ou Pedra de San Xinés. Como lles ocurre a tantas outras posibles pedrafitas galegas, fai de marco de termo entre as parroquias de Padriñán e Sanxenxo.

Atópase nun xardín e ao acometer deversas obras, respectaron o seu lugar de orixe, caso raro onde os haxa. Amosa na superficie diversas gravuras así como cazoliñas, ferraduras e algún cruciforme. Acada unha altura de ao redor dun metro. Segundo Alberte Alonso esta pequena pedrafita está relacionada con cultos á fertilidade.



Fotografía de Rafael Quintía,
blog: a sombra de bouza panda



Fotografía de Xabier Moure, o noso patrimonio


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DAS TRES CRUCES. San Miguel de Marcón, Pontevedra

PEDRAFITA-MENHIR DO MONTE LOURADO.


Atópase entre as parroquias de A Canicouva, Marcón e Ponte Sampaio.

Extraña pedrafita cun lado cóncavo e outro convexo, non parece moi grande. A sección na planta semella triangular. Segundo Alberte Alonso esta pedrafita debe ser considerada como das do tipo de observación astronómica, posto que confirma os equinoccios de primavera e outono (21 de marzo e 22 de setembro) ao mencer e solpor. O potente esteo amosa a importantísima particularidade de que se atopa no seu lugar orixinal, in situ.



Cara Norte. Fotografía de Alberte Alonso.



Cara Oeste. Fotografía de Alberte Alonso



Fotografía de Rafael Quintía en a sombra de bouza panda.


Esta impresionante pedrafita atópase no Monte Lourado (Serra da Fracha) e a súa función é de marco de termo entre as parroquias de San Miguel de Marcón, Santo Estevo de A Canicouva do Concello de Pontevedra, e San Mariño de Xustáns do Concello de Ponte Caldelas.

Ubícase ao carón dun camiño primistivo que serpentea con direción N-S e, moi preto, atópase un manancial que se emprega como bebedoiro para os animais ceibos na serra. Pois ben, nun pequeno outeiro, no extremo dunha chaira e á beira do manancial, atópase chantada a nosa pedrafita.


ENLACES

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
https://asombradebouzapanda.wordpress.com/category/02-arqueoloxia-e-historia/

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR CHAN DA PARAFITA. San Miguel de Marcón, Pontevedra.

PEDRAFITA-MENHIR CHAN DA PARAFITA.


"La verdad no se encuentra ni en la tesis ni en la antítesis, sino en una síntesis emergente que reconcilia las dos."

Hegel




Debuxo de Moncho Boga, 2025

Tamén alcumada Pena Longa de Pintos, atópase no alto do Monte da Fracha, nunha extensa charia da aba que descende con dirección W desde a cume da Pena Longa de Pintos, a 498 ms de altitude. Moi cerca atópase o cauce do río do Pobo e a Área Recreativa da Fracha.



Fotografía de Alberte Alonso.
Blog catalogaciondepedrafitasdegaliciablogspot.com

Aínda que non podo dicir moito máis deste en apariencia bonita pedrafita, podo colexir que se trata dun elemento con sección rectangular e forma tamén xeral rectangular. Semella que se erixe nun pequeno outeiro e a base está calzada cunha morea de pequenas pedras.



Fotografía de Alberte Alonso.
Blog catalogaciondepedrafitasdegaliciablogspot.com

Trátase dun gran esteo-bloque granítico natural que está enriba dun pequeno outeiro. Segundo Alberte Alonso, probablemente foi retocado na prehistoria con algunha finalidade indeterminada. Na base aínda podemos ollar os restos de diversas pedras e cascallos procedentes da manipulación do fabuloso fito. 



Fotografía de Alberte Alonso.
Blog catalogaciondepedrafitasdegaliciablogspot.com

Segundo información recollida de Xabier Moure, Martiño Sarmiento relatou algunhas lendas como a que conta que neste lugar realizábanse diversas xuntanzas ou reunións, aínda que non sabemos quenes nin para que. Para Alonso, estas xuntanzas e reunións que se realizaban a carón da pedrafita, é a proba de que se considerase como un posible Ónfalo: un símbolo e unha función relacionada co culto ou ritual da fecundidade, da fertilidade. Para fundamentar esta hipótese, Alberte Alonso argumenta que a pedrafita amosa varias caras con características fálicas. Sería pois algo así como unha "aclamación central do mundo, un saúdo asembleario comunitario..." Estaríamos diante dun lugar de reunión para o desenvolvemento dalgún tipo de actividade máxico-relixiosa de especial relevancia para a comunidade.



Fotografía de Rafael Quintía do blog
 a sombra de bouza panda.

Na mesma área, non lonxe desta espectacular pedrafita, aparecen outras dúas pedrafitas xa publicadas neste blogue a saber, a Pedrafita Marco das Tres Cruces e a Pena Longa de Valadares. Subliñar que as tres pedrafitas atópanse na parroquia pontevedresa de San Miguel de Marcón.



ENLACES 

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/onfalo-pedrafitas_9.html
https://asombradebouzapanda.wordpress.com/category/02-arqueoloxia-e-historia/


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!




venres, 9 de novembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DE CERPOZÓNS. San Vicenzo de Cerpozóns, Pontevedra.

PEDRAFITA-MENHIR DE CERPOZÓNS.

Atópase ergueita no xardín dunha propiedade privada, posto que foi reaproveitada e reubicada por un canteiro que esculpiu nunha das caras un busto. Na outra cara, que non foi "tocada" polo devandito canteiro, aparece gravada unha gran serpe que ocupa toda a superficie. Trátase sen dúbida dunha gravura prehistórica.



Fotografía realizada por Calros Solla.

Probablemente o lugar de ubicación foi A Cachada Vella, atopada soterrada no cumio do Monte Curuto en Cerpozóns. Posteriormente foi trasladada a unha propiedade privada e, como vimos antes, aproveitouse unha das caras para labrar os trazos do sogro do canteiro afeccionado. Sen embargo, na outra cara respectou a serpe de grandes proporcións que se debuxa ao longo de toda esa cara. Segundo apunta Alberte Alonso, esta gravura talvez permita deducir de onde procede o topónimo Cerpozóns a saber, do antigo Serpentiones, lembrando así a presenza das pedras con serpentiformes.



Fotografía realizada por Calr
os Solla.



ENLACES

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR DO MONTE DAS CROAS. Birrete, San Martiño de Salcedo. Pontevedra

PEDRAFITA-MENHIR DO MONTE DAS CROAS.

Espectacular pedrafita descuberta polo investigador Alberte Alonso. Alberte catalogou a pedrafita e puxo en coñecemento de Patrimonio o perigo en que se atopaba para que as autoridades competentes solucionasen o seu abandono. Despois de moitos anos lamentablemente a pedrafita segue a estar nas mesmas condicións.

Tampouco sabemos moito máis desta pedrafita que das que a precederon. Só podemos intuir que talvez fose un marco de termo con sección cadrangular con algunha das súas caras moi plana e coroa redondeada.



Fotografía de Alberte Alonso Fernández,
do blog onosopatrimonio de Xabier Moure


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR PÉ DA MÚA OU PEDRA AFIADOIRA. Santa Baia de Ponte Caldelas, Ponte Caldelas

PEDRAFITA-MENHIR  PÉ DA MÚA.


Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Espectacular pedrafita extraída do blog de Xabier Moure onosopatrimonio. Lamentablemente só podemos dicir desta gran pedra que foi descuberta polo ubícuo Alberte Alonso. Atópase lixeiramente ladeada, ten forma cilíndrica en apariencia coa coroa redondeada e na cara que se pode observar na fotografía aparecen unha letras así como unha gran cruz, sen dúbida elementos moi modernos.



Fotografía de Alberte Alonso Fernández,
do blog catalogaciondepedrafitasblogspot.com


Segundo Alberte Alonso, esta pedrafita confirma os equinoccios de primavera e outono ao mencer e ao solpor. A pedrata atópase na súa situación orixinal, o que singulariza sen dúbida este elemento megalítico.



Fotografía de Alberte Alonso Fernández.

Sitúase á beira dun camiño antigo que se reconverteu na estrada PO-0204, e ubícase nunha pequena chaira da aba do Monte Campo de Cuñas. Como colofón, Alonso conta que antes do duro traballo diario no monte, os labregos da contorna paraban na pedrafita e afiaban as fouciñas na pedrafita, por iso se denomina tamén "Pedra Afiadoira".


ENLACES

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRAFITA-MENHIR DOS MARCOS OU PEDRA DA GRIFA. San Bartolomeu de Xesta, A Lama

PEDRAFITA-MENHIR DOS MARCOS OU PEDRA DA GRIFA.


Trátase dunha tremenda pedrafita moi ben traballada, de sección cadrangular polo que se pode ver na fotografía. Algunha das caras é plana e a coroa moi redondeada.

Ata que non poda ir a visitala só podo dicir o que me comunicou Alberte Alonso, o seu descubridor, a saber, que case con toda seguridade trátase dunha pedrafita adscrita á tipoloxía de observación astronómica.


Fotografía de Alberte A. Fernández

Segundo os rigurosos estudos e observacións de Alberte Alonso, a Pedrafita da Grifa confirma os equinoccios de primavera e de outono (21 de marzo e 22 de setembro) ao mencer e ao solpol. A pedrafita atópase no seu lugar de emprazamento orixinal.

Atópase no lugar dos Marcos nunha aba que descende con dirección ao oeste, cara ao rio da Xesta. Tamén é importante sinalar que tamén á súa beira discorre un camiño primitivo, se cadra prehistórico, empregado polos arrieiros para o transporte do viño desde a terra do Ribeiro cara a Compostela.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!