martes, 14 de maio de 2013

CISTA DO XACEMENTO DE TARAIS. Riasón, A Illa de Arousa

CISTA DO XACEMENTO DE TARAIS. Riasón, A Illa de Arousa

Unha das tres cistas das que se compón a necrópole do xacemento de Tarais é a que podemos ver nesta fotografía. Son, efectivamente, tres cistas que quedaron á vista debido á poderosa erosión que está a afectar esta zona. A cista que podemos contemplar na devandita fotografía conserva polo menos tres dos catro esteos que a conformaban. Non conserva sen embargo  a tampa ou pedra cobertora; a planta é rectangular.

Como se pode deducir pola fotografía, estas cistas corren un grave risco de desaparición, non só debido aos temporais e ás mareas, senon temén debido a que esta é unha área de forte explotación marisqueira.



Fotografía e texto extraídos de patrimoniogalego.net. Autor pandulleiros.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN Nº 5 DA CRUZ DE MÉNDEZ. Mourelos de Riba, San Xoán de Touro, Touro.

ANTA-DOLMEN Nº 5 DA CRUZ DE MÉNDEZ

Estamos diante dos restos da estrutura arquitectónica dunha anta inserida no contexto dunha necrópole megalítica composta por cinco mámoas.

Conserva "in situ" dous esteos da anta, polo que non se pode deducir nin definir a forma da planta. A mámoa na que se ubican eses dous esteos acada unha medidas aproximadas que van desde os dezanove metros e medio do eixo leste-oeste, ata os vinteun no eixo norte-sul. Sobresae cerca dun metro e medio.



Fotografía e textos extraídos
 do blogue onosopatrimonio de Xabier Moure




Fotografía da páxina web do Concello de touro


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

sábado, 11 de maio de 2013

ESTEOS DA CANTEIRA MEGALÍTICA DA NECRÓPOLE DE NENOS. Montiños da Moura, Santo Estevo de Sedes, Narón.

ESTEOS DA CANTEIRA MEGALÍTICA DA NECRÓPOLE DE NENOS.  

Estamos diante de dous esteos, dados a coeñecer por André Pena  Graña, perfectamente labrados pero que aínda están sin extraer do seu estrato rochoso nunha canteira megalítica. Son dous esteos que permenecen "in situ" e que, por algunha razón que non se pode coñecer, non foron extraidos do seu lugar orixinal.

Estamos, por tanto, diante dun exemplo perfecto e paradigmático que nos permite saber como extraían os esteos para construir as antas os homes do Neolítico.

Moi preto aséntase a Necrópole de Nenos, composta por varias mámoas.



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 9 de maio de 2013

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MATO. Santiago de Rabeda, Taboadela

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MATO. 


Trátase dun posible marco de termo, pero que se atopa desplazado uns cen metros do lugar do límite actual co concello de San Cibrao das Viñas. 




Defínese como unha pedra de base tendente a cadrangular cuns 25 centímetros de ancho e uns 70 de altura. Na croa aparece gravada unha cruz,  moi semellante a todas as de termo e, na cara do oeste aparecen unhas gravuras que tamén poden ser os restos doutra cruz de termo, aínda que aparece moi erosionada para poder determinalo. O mais interesante cífrase nunhas cantas coviñas tamén moi erosionadas que poden certificar a adscrición desta pedra a época prehistórica.





Tanto a información como as fotografías son do incansable investigador José Antonio Gavilanes, do que continuamente recibimos noticia dos seus interesantes achádegos por terras ourensás. Grazas, José Antonio.










Fotografías e texto de José Antonio Gavilanes

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 24 de abril de 2013

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO MONTE DAS SOUTEIRAS. Santa María de Fisteus, Curtis

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO MONTE DAS SOUTEIRAS. 

Atópase no lugar de As Souteiras e constitúe un fermoso exemplo de túmulo megalítico, moi ben conservado en apariencia e cuberto cunha mesta capa de matogueira.




Acada, no diámetro ao redor de 24 metros e sobresae en altura uns dous metros e corenta centímetros.

No centro da mámoa ábrese o sempiterno funil de violación e nel conserva os restos do que foi a cámara megalítica cifrados en dous esteos ben alineados e outro mais desprazado na mámoa. Debían formar parte dunha cámara con pranta poligonal.

Coordenadas:
X: 572.606
Y:4.777.009

(Tanto a información como as fotografías fóronme proporcionadas polo amigo Tito Concheiro)


                                                                  

                            
                                                          


Fotografías de Tito Concheiro

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DE SAN CRISTOBO 1. Santa María de Foxado, Curtis.

ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DE SAN CRISTOBO 1.

Estamos diante dos restos dunha anta pertencentes a unha mámoa que tamén se atopa moi esmorecida. Cumple a función de marco de termo entre dúas propiedades.

Cando se formou o pastizal ou pradeira rebaixouse considerablemente o volume da mámoa e tamén se colmatou o funil de violación.

As medidas da mámoa ou estrutura tumular acadan os catorce metros de diámetro e non sobresae mais de oitenta centímetros. Conserva, como dicía antes, restos da estrutura arquitectónica da cámara que se cifran nun esteo fincado no chan (seguramente "in situ") e outro mais extraido durante o desmantelamento ca cámara. Atópase tirado na parte alta da mámoa apoiado no esteo anterior.

Coordenadas:
X: 581.125
Y:4.775.616

Tanto a información como as fotografías fóronme proporcionadas polo arqueólogo Tito Concheiro, a que agradezo a súa desinteresada e presta axuda nestes menesteres.





Fotografías de Tito Concheiro

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 26 de marzo de 2013

PEDRAFITA-MENHIR DA NECRÓPOLE DAS CAXADAS. San Xoán de Cambeda, Vimianzo.

PEDRAFITA-MENHIR DA NECRÓPOLE DAS CAXADAS. 

Trátase dunha posible pedrafita ubicada na necrópole das Caxadas, en Vimianzo, a uns metros da Anta das Caxadas, a única que conserva grandes esteos da súa estrutura arquitectónica. Ubícase nun muro de mapostería que delimita unha leira.

Efectivamente, lindando coa necrópole das Caxadas, nun lugar prominente e visible, onde cambia a vertente, atópase semioculta esta posible pedrafita.

Atópase, como dicía, enfoscada no devandito muro de mampostería e fai de xamba para o enfurruxado portal de ferro. Sexa pedrafita ou non, para nós está a comprir un dos criterios para a consideración de pedrafitas: o do cambio de rasante e por tanto o de fito sinalizador da necrópole.

Cabe a posibilidade de que este esteo sexa un reaproveitamento que proceda dun dos esteos da cámara que está a uns poucos metros.



Foto de Moncho Boga



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!