xoves, 31 de xaneiro de 2013

ANTA-DOLMEN DE REBORDONDO. San Martiño de Rebordondo, Cualedro

ANTA-DOLMEN DE REBORDONDO

Trátase dunha anta posiblemente esnaquizada, posto que todos cantos esforzos realizamos para a súa localización foron absolutamente infructuosos ata esta data, o que constitúe ou ben un claro exemplo do expolio do noso patrimonio ou ben un claro exemplo da súa inexistencia.

Sexa como sexa parece ser que estaba situada ao sul do Rebordondo, a uns cen metros ao sueste do enlace da estrada de Cualedro coa xeral de Vilacastín-Vigo. Parece ser, sigue sendo sexa como sexa,  que se emprazaba na aba dun outeiro que a estrada pasaba bordeando, a setecentos trinta e dous metros de altitude.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso a partir dunha fotografía
de Rodríguez Colmenero.

A presunta estrutura arquitectónica, posto que non había restos da estrutura tumular, estaba conformada por medio dunha gran pedra cobertora horizontal que medía dous metros de largo e un metro de ancho. No lado oposto apoiábase nunha especie de piar feito de pedras toscas de tamaño decrecetne. Na parte posteiror había outra gran pedra colocada a xeito de peche, como un esteo de cabeceira.Esta posuía unha función de sostén. Oriéntabase cara ao oeste e a altura máxima na parte anterior acadaba un metro. O conxunto arquitectónico permanecía asentado na rocha viva.

Información recollida do artigo de Rodríguez Colmeneiro, A., "La cultura megalítica en el Alto Bubal". Boletín Auriense 2, 1970.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTA-DOLMEN DA MEDORRA DE FANEGAS. Santa María de Ciadella, Sobrado dos Monxes

ANTA-DOLMEN DA MEDORRA DE FANEGAS.

Atópase na parroquia de Sta. Mª de Cidadela a un quilómetro e medio aproximadamente do campamento romano de Cidadela. A escavación arqueolóxica foi levada a cabo por Caamaño Gesto e Criado Boado no ano 1983.

Debuxo de Ramón boga Moscoso. Esteo da anta


Froito desa escavación descubríronse todos os elementos característicos das construcións deste tipo: baixo a ocupación romana (posto que a mámoa foi reutilizada como garita de vixilancia) atopouse o monumento orixinal que estaba formado por unha mámoa de terra rodeada dun anel perimetral e unha coiraza de pétrea que cubría toda a parte superior. No interior atopouse una pequena anta totalmente esnaquizada por unha violación anterior á ocupación romana. Da anta conservábanse dous esteos e uns poucos calzos que se conservaban in situ. 


Fotografía da excavación de 1983. Ver bibliografía


Non é posible reconstruir a forma e, pola tanto, tampouco a tipoloxía da cámara. Non se atopou enxoval pertencente ao período neolítico, pero si abondoso material relativo á ocupación romana.



Fotografía da escavación de 1983.


BIBLIOGRAFÍA

CAAMAÑO GESTO, J.M., CRIADO BOADO, F.: La medorra de Fanegas (Sobrado dos Monxes, Coruña) Un monumento megalítico reutilizado en época romana. Brigantium, Vol. 7, 1991-1992

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

PEDRA DA SERPE. Gondomil, Santo Adrián de Corme Aldea. Ponteceso

PEDRA DA SERPE

Este impresionante monumento, de controvertidas e contrapostas interpretacións, atópase emprazado nunha encrucillada de tres camiños. Trátase dun gran penedo que amosa esculpida nunha das caras unha enorme serpe con ás que acada unha lonxitude aproximada dun metro e vintecinco centímetros. Está feito en case bulto redondo e no ancho acada unhas medidas de entre quince e vinte centímetros. O conxunto aparece doroado cunha cruz de pedra, acostumado intento de cristianización do monumento.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso
¡
Estamos diante dun caso á parte dentro do megalitismo e, aínda que se coincide en que este relevo pode ser de tradición prehistórica, no estilo parece ser "provincial romano" ou posterior. Maila que o tema sexa prerromano, tanto tema coma estilo puideron transmitírense ata a Idade Media, pero conservando un estilo artístico e unha tradición relixiosa anterior, vencellada se cadra ao culto ofiolátrico, corrente aínda hoxe en día en toda a terra de Bergantiños.

Interpretacións lexendarias e míticas falan dunha gran serpe mitolóxica, deidade das tribos ártabras, relacionada coa non menos mítica Ophiusa, aludindo a unha terra poboada de serpes na que vivían as tribos que a consideraban o símbolo da súa estirpe, da súa raza. San Adrián, santo de estendida devoción e advocación na bisbarra, foi o causante do estado pétreo da nosa serpe: cando estaba a predicar por terras bergantiñáns, soubo da invasión das serpes polo que, dando un forte golpe co pé no chan, as serpes ficaron enfeitizadas debaixo ou dentro do penedo.



Fotografía de Ramón Boga.


Cuevillas e Bouza Brey, por último, coinciden naquila interpretación ao afirmar que o significado está máis preto da prehistoria que dos tempos históricos, aínda que se pode encadrar dentro da arte provincial romana, cun tema e estilo transmitidos ata a Idade Media.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

CISTA DE GANDÓN. San Cibrán de Aldán, Cangas do Morrazo

CISTA DE GANDÓN. Aldán, Cangas do Morrazo

Trátase de dúas cistas atopadas ao realizar unha escavación no soto dunha vivenda particular. O Arqueólogo Peña Santos desenvolveu unha escavación de urxencia e sairon á luz as dúas devanditas cistas que non tiñan tipo algún de estrutura tumular. A primeira cista tiña planta trapezoidal con cincoenta e cinco centímetros de lonxitude mámima; non mantiña pedra cobertora nin unha das pedras cabeceiras. As dimensións eran de trinta centímetros na base menor e cincuenta e tres centímetros na maior. A orientación era norte-sur. No seu interior apareceron restos dunha incineración.







Plantas das Cistas de Gandón 1 e 2 segundo versión
de Ramón Boga Moscoso



A segunda cista atopábase cuberta cunha lousa grande de superficie e formas irregulares cunha dimensións máximas  de cento oitenta e cinco metros de lonxitude, cento sesenta metros de ancho e trinta e cinco centímetros de fondo. Nunha das pedras do sudoeste apareceron gravadas cinco cazoletas. Todo o conxunto estaba rodeado dunha especie de anel lítico perimetral. Sobre o xabre apareceu un brazal de arqueiro e unha placa de cobre.


BIBLIOGRAFÍA

Beatriz Comendador Rey:
Los inicios de la metalurgia en el Noroeste de la Península Ibérica 

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 30 de xaneiro de 2013

CISTA DE PEDRAMARRADA. Santa Comba de Carnota, Carnota

CISTA DE PEDRAMARRADA

Formaba parte dunha necrópole composta por tres cistas e atopábase nunha plataforma litoral. As tres cistas estaban orientadas do norte ao sul e distantes entre si de seis a sete metros. Dúas das cistas foran violadas, unha estaba totalmente destruida e da outra quedaba só unha laxe lateral.A máis completa conformaba unha cista rectangular na que cada lado estaba formada por unha lousa e a pedra cobertora por outra, que estaba rota. As dimensións desta tampa excedían a planta da cámara en todo o perímetro (entre 10 e 15 centímetros). Formaba así unha especie de caixa rectangular coas laxes moi pulidas pola parte interior. As medidas ían desde 0s 106 centímetros de longo, setenta de ancho e setenta de fondo. Atopábase calzada nos seus extremos por grandes cantos rodados. O enxovar exhumado desta cista case intacta cifrouse nun puñas de espigo, un brazal de arqueiro así como restos de ósos.







Puñal e planta da Cista de Pedra Marrada,
segundo versión de Ramón Boga Moscoso



BIBLIOGRAFÍA


Beatriz Comendador Rey:
Los inicios de la metalurgia en el Noroeste de la Península Ibérica

En Sigrás, saúde, sorte e libros 

CISTA DE ATIOS. Porriño

CISTA DE ATIOS

Foi atopada no lugar de Tanés, pertencente á parroquia de Atios, no concello de O Porriño. Quedou ao descuberto debido aos traballos dunha explotación mineira.

Estruturalmente amosa unha forma rectangular con medidas que van desde un mero e cincoenta e nove centímetros ata un metro e trinta centímetros, aproximadamente. Confórmase mediante catro lousas de granito e outra máis cativa que fai de peche da xunta SO, que non axustaba tan exactamente como as outras. 



Planta da Cista de Atios,
segundo versión de Ramón Boga Moscoso


Posuía unha pedra cobertora que sobresaía do conxunto en planta. No enxoval exhumado había dous puñais de espigo, ambos os dous con dobre fío de bisel e dous cilindros de ouro decorados con gallóns nun arame de forma espiral e sección romboidal de prata.


Enxoval da Cista de Atios.
Museo Municipal Quiñones de León, Vigo


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


CISTA DO BICO DA LAGOA. Muros

CISTA DO BICO DA LAGOA. Muros

Esta pequena cista adscrita á Idade do Bronce atópase nun pequeno outeiro na liña de costa que se eleva sobre o mar formando unha lixeira dorsal ubicada entre dúas pequenas calas. Atopouse no perfil dun camiño que percorre o outeiro na ladeira norte, próximo ao cumio e emprázase de costas ao mar e orientada cara a unha pequena braña. Non se coñecen materiais procedentes dela. 

Foi atopada e catalogada pola profesora Josefa Rey Castiñeira.









Fotografía e debuxos extraidos da publicación "Lugares para grabar, lugares para morrer, petroglifos e cistas na Idade do Bronce do NW da Península Ibérica". Bóveda Fernández, M.J., Cañizo Fraga, A., Vilaseco Vázquez, J.I.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!