luns, 10 de setembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SEIXO. San Xurxo de Torres, Vilarmaior.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO SEIXO.

Catalogada  no ano 1998. GA15091005

Esta mañá lenvanteime ás 09:30  e prepareime para unha pequena excursión megalítica. Entre unhas cousas e outras non din saído ata as 10:30. Collín a autorestrada do Atlántico, cousa que non recomendo, e, en Guísamo, tomei dirección cara a Ferrol. Pouco despois collín a saída de Miño, onde principiaron unhas interesantes peripecias matutinas.




O destino foi, ou era, un marco de termo que xa visitei hai uns cantos anos e unhas cantas veces. Sen embargo, debido a diversos avatares, sempre misteriosos e inexplicables, acabei perdendo tanto as imaxes fotográficas como os datos técnicos obtidos despois desas visitas. O destino era o Marco do Seixo, sito entre os concellos de Vilarmaior e Monfero.




Para chegar. Desde o centro de Miño hai que coller a estrada que vai a Bemantes e Vilarmaior (AC-1160). Logo de pasar Bemantes, chégase á Feira do Tres: uns trescentos ms máis adiante hai que coller un desvío á esquerda (DP-5004). Despois de percorrer uns catro quilómetros, aparece un cruzamento  (parroquia de Torres) onde ubícase  á dereita o Café Bar Casa Menguxo. Hai que deixar atrás este cruzamento e o bar e, sen desviarse, pasamos cerca da Casa do Concello, do Campo de fútbol municipal e despois á beira doutro campo de fútbol. Un pouco despois (unha vez percorridos uns tres quilómetros desde o bar) aparece unha caseta do autobús á dereita nunha suave baixada: inmediatamente despois, sae unha pista estreita e asfaltada á dereita. Desde aí ata a pedrafita aínda non hai un quilómetro.




A pedrafíta atópase no medio dun cruzamento e fai de marco de termo separador entre dous concellos (Vilarmaior e Monfero) e tres parroquias (Torres, Vilachá e Monfero). Ubícase xusto no cambio de vertente, onde a aba do monte cae a chumbo. Moi preto, nunha aliñación orientada de leste a oeste, atópase unha necrópole megalítica composta por tres ou catro mámoas. Si esta é unha pedrafita, está a comprir algunhas das constantes en canto ao emprazamento que se poden ollar en moitas outras pedrafitas galegas.




Por ese cruzamento serpenteaba o antigo Camiño Real que transitaban os veciños para trasladarse co gando e con todo tipo de mercadurías á Feira da Viña no Concello de Irixoa. Do mesmo xeito, era o lugar de tránsito axeitado que levaba á Feira do Tres en Vilarmaior.
Temos diante un bloque monolítico que acada unha altura máxima de un metro e vinte centímetros, sen contar a parte que queda enterrada. A súa forma xeral é triangular apuntada, sendo a súa superficie traballada e alisada para conferirlle a forma. O lado norte é recto, mentras que o asimétrico ofrece unha certa forma convexa.. No chan, no lado do norte, descansa unha lousa plana e irregular duns cincuenta centímetros de lado: semella facer de calzo da pedrafita.  A forma é tendente ao cilindro, aínda que tamén se pode interpretar con certa tendencia, na planta, ao triángulo. Segundo os seus "catalogadores" a pedrafita foise enterrando co paso do tempo, pois antes de arranxar o Camiño Rela, acadaba unha altura de máis de 1,80 metroe.

En todo caso pódense distinguir catro caras. A cara norte, cuberta de diversos líquens, é lixeiramente abonbada e nela aparecen unha serie de oquedades que ben puideran ser cazoliñas. Na cara do sur aparecen dous cruciformes; na cara do leste debúxanse unha "M" e unha "F" que poden aludir ao concello de Monfero, para sinalar os lí9mites. Por último, a cara do oeste é a máis basta e nela non localicei ningunha gravura de interese. O perímetro da base é de cento doce centímetros e no alto, máis estreito, posto que vai diminuíndo en grosor adoptando unha forma cónica, acada uns noventa centímetros.


Posiblemente boa parte das inscricións que se atopan por todas as súas caras sexan marcas do Couto de Monfero. López Sangil, a partir da documentación medieval, fala do Marco das Lobeiras que posiblemente se refira a esta pedrafita posto que o monte que a rodea chámase Monte das Lobeiras.

Na cara do sur é onde se atopan o maior número de motivos con representacións gráficas como cazoletas, cruces e unhas gravuras lineales que percorren toda a pedrafita. Todos estes motivos posiblemente sexan de adscrición prehistórica. 




Unha vez feitas as medicións que considerei apropiadas, dada a premura de tempo, retrocedín cara ao cruzamento de Torres, onde está a Casa Menguxo. A intención era tomar un café e dapartir cos posibles parroquianos. Tiven sorte.

Efectivamente, no establecemento estaban dous veciños e o dono do bar: dous homes e unha muller. Pouco a pouco fun entrando en conversa e tamén pouco a pouco funos levando cara aos meus intereses megalíticos. Esto foi o que conseguín sacar á luz:

En primeiro lugar contáronme que antes o camiño era unha profunda corredoira. Cando iniciaron o asfaltado a intención era a de eliminar o Marco pero que grazas á teimuda resolución e terquedade dun veciño do lugar do Seixo, en Monfero, decidiuse finalmente que o Marco permanecería no seu lugar de sempre.

A señora (Julia González Sanjurjo) que estaba tomando un café e unha madalena, resultou a máis fecunda relatora ou informadora debido a que se acordaba moi ben dos contos que lle contaba a súa nai xa falecida. Era tamén a máis xoven dos tres contertulios fortuitos.




Contoume, xaquelogo, que  os veciños da bisbarra utilizaban o Marco para curar diversas enfermidades tradicionais, tanto para o gando como para as persoas. O proceso era o seguinte: había que dar nove voltas ao Marco para espantar calquera mal ou meigallo. En cada volta tamén había que tirar  unha moeda de costas á pedrafita. Tamén se tiraban, sempre para atrás, pedras de seixo ou de cuarzo. Si alguien collía as moedas, o meigallo ou a enfermidade podíase volver contra el. Dicir que, aínda así, os cartos sempre desaparecían.
Pero hai máis: Julia conta que nin hai trinta anos aparecían ao redor do Marco moitas follas de diversas árbores que estaban traspasadas por afinetes e/ou agullas, moitas veces dobladas. Sen dúbida eras conxuros de diverso tipo.

Para as enfermidades do gando, por exemplo, si tiñas unha vaca enferma, debías levar un pucheiro con leite de catro tetos e calquera que pasara por alí tíñao que romper para que o rito curativo dira o resultado apetecido.



Tamén se deixaban frascos que contiñan azufre, posiblemente un prodixioso remedio contra o mal de ollo ou contra outras moitas enfermidades humáns ou animais de carácter tradicional.

Era normal que a xente que ía co gando cara a calquera das feiras, procedese a dar as devanditas nove voltas ao redor da  pedrafita coa intención de influir na sorte á hora dos intercambios feirais.

En fin, logo destas suculentas informacións despedínme dos meus inopinados contertulios sobre as 12:30, levando comigo unha agradable sensación de felicidade.

Un último apuntamento refírese á apariencia fálica obtida a través dalgunhas destas instantáneas, aínda que nas informacións anteriores non saira nin unha soa vez alusión algunha acerca dos ritos de fertilidade.

Para rematar, só me queda agradecer senceiramente a Julia González Sanjurjo, a Andrés García e a Jesús García (Suso), a súa paciencia para responder ás miñas teimudas, recalcitrantes e, ás veces, inxenuas  preguntas.










Fotografías realiadas por
Ramón Boga o 10 de setembro de 2012















Fotografías realizadas por
Ramón Boga Moscoso o 16 de setembro de 2008.


martes, 4 de setembro de 2012

ANTAS-DÓLMENES DO MONTE PICOTO E NECRÓPOLE DE BEXO. Dodro-Rianxo

Estas tan importantes como olvidadas e abandonadas necrópoles megalíticas atópanse entre os concellos de Dodro e Rianxo, nas parroquias de Bexo e Laíño, na divisoria fronteiriza entre ambos os dous concellos. Foron obxecto de intervencións arqueolóxicas  no ano 1970 (en Paradegua, as sinaladas cos números 3 e 5). 


-Necrópole de Bexo ou de Paradegua

Lugar: Bexo. Parroquia: San Xoán de Laíño. Concello: Dodro.

Para chegar. Atópanse no Alto de Paradegua: desde a estrada C-550 de Boiro a Padrón, no lugar máis alto (entre Bexo e Burés), xusto no límite dos concellos de Dodro e Rianxo, hai que apartar á man dereita onde comeza unha pista forestal. Nada mais entrar nesta pista, á man esquerda aparecen cinco mámoas e, á man dereita, uns 250 ms máis abaixo, aparecen outras tres.
 


Fotografía de Refoxeiro.
patrimoniogalego.net


Non sei si a necrópole de Bexo ou Paradegua está composta por oito ou seis mámoas. Do que si teño noticias é de que no ano 1970 leváronse a cabo escavacións  arqueolóxicas das que aínda hoxe non están publicadas as súas memorias de escavación. 

Cos poucos datos que manexo, podo concluir, sin embargo, que as antas tipolóxicamente son simples e os enxovais eshumados tamén foron moi arcaicos.


Debuxo hipotético dunha
das antas da necrópole de Bexo,
 segundo Ramón Boga, 1996


Hoxe en día, das mámoas que se conservan, en tres delas aínda se poden ollar os restos da cámara, pero nun lamentable estado de conservación.

Destaca unha das antas inserida nunha mámoa de tamaño medio que parece conservar toda a estrutura arquitectónica: presenta unha produndidade dun metro e medio aproximadamente. É posible que conserve todos os esteos da cámara, pero o xeito no que se distribuía na década de 1990, impedía calquera reconstrución. 



Debuxo hipotético dunha das
 mámoas de Bexo, 
segundo Ramón Boga, 1996.


No enxoval eshumado das antas escavadas só se atoparon varios microlitos, algunhas puntas de frecha e un seixo cristalizado.



Debuxo hipotético dunha
das antas de Bexo segundo versión de Ramón Boga, 1996.


-Necrópole do Monte Picoto

Lugar: Burés. Parroquia: Santa María de Asados. Concello: Rianxo.

Esta necrópole está composta por dez mámoas e sitúase a case trescentos metros ao oeste  da necrópole de Bexo ou Paradegua.

Non tiven oportunidade de visitar esta necrópole, pero, segundo as fotografías que puiden conseguir, as antas á vista permanecen en bastante bo estado de conservación.


Fotografía de Refoxeiro,
patrimoniogalego.net





En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

sábado, 1 de setembro de 2012

ANTA-DOLMEN DE AIAZO (Frades), MEDORRA DO COTO DO LOBO (Marzoa-Oroso) E MÁMOA DO COTO DE SAN NICOLAO (Frades)

ANTA-DOLMEN DE AIAZO E MEDORRA DO COTO DO LOBO.

-Anta de Aiazo. Frades

Trátase dun exemplo estupendo (non por elo menos dramático) de expoliación do noso patrimonio. Grazas aos esforzos de Manolo Pazos e á Asociación Obradoiro da Historia de Ordes, puiden coñecer o que queda desta que fora grandiosa anta.




A historia é ben simple: despois da nova organización espacial feita na zona pola Parcelaria (destrución de corredoiras, tala de bosques centenarios...) unha máquina escavadora achanzou a zona destruindo a gran mámoa na que se acochaban seis enormes esteos que constituían a cámara megalítica.

A denuncia da Asociación Obradoiro da Historia non puido conseguir máis que os grandes esteos permanecesen tirados no arredor dos terrenos nos que se asentaba.




Por iso hoxe en día podemos imaxinar unha anta de enormes dimensións que fora coñecida co nome de Peneda de Guntín: seis esteos atópanse espallados á beira da pista. O máis grande deles acada case cinco metros de longo, co que se pode comparar en dimensións aos grandes esteos que compoñen Dombate.



Fotografías realizadas por Ramón Boga Moscoso no ano 1996
.


-Medorra do Coto do Lobo. 

Atópase no lugar de Recouso, parroquia de San Martiño de Marzoa, concello de Oroso.

Aínda que non conserva restos de cámara megalítica á vista,  non puiden evitar a tentación de engadir esta mámoa polo que supón  de carar á conservación do Patrimonio, sendo un exemplo do interese dalgunhas entidades veciñais a favor da defensa do devandito patrimonio.


Fotografía do Xornal La Voz de Galicia

Efectivamente, a Asociación de Veciños da parroquia de Marzoa, en colaboración con Manolo Pazos, acondicionou e puxo en valor a mámoa. Trátase sen dúbida dunha iniciativa de extraordinaria importancia para a conservación do patrimonio a partir do ámbito humano inmediato. O acondicionamento realizouse baixo a supervisión de técnicos de Patrimonio da Xunta de Galicia: procedeuse á delimitación, limpeza e desbroce dos terrenos onde se ubica a mámoa. Sobre a superficie tumular sementouse herba.

A Asociación veciñas de Marzoa solicitou que no proceso da concentración parcelaria os terrenos da Mámoa do Coto do Lobo sexan calificados como masa común, protexida e aberta ao disfrute público.


-Mámoa do Coto de San Nicolao. Frades

Noticia e fotografía extraída do Xornal La Voz de Galicia sobre a destrución do patrimonio no Concello de Frades. En concreto trátase da destrución por maquinaria pesada de gran parte dunha mámoa coñecida co nome de Coto de San Nicolao.

Outra vez os membros da Asociación Obradoiro da Historia denunciaron publicamente este enésimo atentado contra o patrimonio arqueolóxio.



Fotografía do Xornal La Voz de Galicia



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!



mércores, 29 de agosto de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DO AGRO DE NAIA. Santa María de Cruces, Padrón

PEDRAFITA-MENHIR DO AGRO DE NAIA.



Fotografía de Guitián Rivera.
Ver bibliografía abaixo. 2001
.


O artigo publicado na revista Brigantium nº 24 do ano 2001 titulado "Un acoutamento medieval na comarca compostelá" firmado por J. Guitián Castromil e X. Guitián Rivera, así como as indicacións de Alberte Alonso, puxéronme na pista desta tan ilustre e interesante como descoñecida pedrafita, testemuño de diversas épocas e costumes, testemuño do paso do tempo cambiante e caprichoso. Diversos avatares e tamén diversas casualidades permitiron que chegase ata hoxe: a actividade dunha canteira en todo o seu perímetro e incluso o roubo. Un bo día a pedrafita desapareceu e despois de diversas denuncias voltou ao seu lugar orixinal pero lamentablemente non sabemos si a súa situación é a primitiva...




Ademais do seu valor prehistórico, para min fundamental, a pedrafita funcionou na Idade Media como marco de termo: trátase dun dos tres fitos que aínda perviven dun acoutamento medieval. O máis interesante, ademais da epigrafía medieval, é que tamén se está a conservar a documentación referida ao acoutamento no Arquivo da Catedral de Santiago. Esta documentación permitirame afondar no carácter prehistórico do referido marco.




Para chegar. Partindo da estrada N-550 e pasando o Santuario de Escravitude cara a Padrón, a poucos metros hai un desvío á esquerda que leva a Pedroso. Despois da próxima aldea de Queiruga, pásase por debaixo da autoestrada A-9 e, a uns 300 ms á esquerda, no medio dunha gran canteira abandonada, eríxese a pedrafita desafiando a gravidade, como unha orgullosa illa no medio da nada.




Descrición formal. A pedrafita acada unha altura aproximada de 2,10 ms, sin contar a parte que está enterrada. A anchura das catro caras varía entre os 40 e os 50 centímetros.

A cara que mira ao sul non amosa gravuras, aínda que na parte inferior sobresaen varias cazoliñas que seguramente son artificiais. Na cara do oeste, na parte superior, hai gravada unha cruz latina con tres brazos rematados en "T". O trazo vertical está cortado por un arco e cruzado por un trazo horizontal. A cruz mide ao redor de 38 por 24 centímetros. Nos espazos delimitados polos brazos hai catro cazoliñas moi pequenas e na cara norte aparece unha típica inscrición medieval en latín: está organizada en cinco rexistros horizontais.




O estado de conservación da pedrafita é lamentable e, á parte dunha fendedura que vemos na foto superior que amenaza con romper, a súa situación no curuto dun outeiro que quedou da canteira fai que o monumento corra un serio risco de desaparición.



Fotografías realizadas por
 Ramón Boga Moscoso en agosto de 2012

Outras consideracións. Na Idade Media, para facer os acoutamentos dos Cotos Xurisdicionais, en xeral aproveitábanse os elementos xa preexistentes que moitas veces tamén marcaban o territorio con outros fins. Así, para os novos acoutamentos aproveitábanse as mámoas e as pedrafitas: cando unha demarcación era nova, colocábanse pedras novas, marcos novos; pero cando era antiga, como é o caso ("...seus termos antigos", "...terminos antiquos", etc) aproveitábanse os marcos-pedrafitas que perviviron ao longo dos tempos e das horas: facían unha cruz, marcaban e elaboraban o texto que permanece petrificado ata hoxe.

Así a partir da documentación medieval e da análise morfolóxica, pódese demostrar a antigüidade da pedrafita.



Afondando nestas consideracións acerca da adscrición prehistórica, e sabendo que posiblemente a pedrafita non estea no seu emprazamento orixinal, non hai que esquecer a hipótese de Alberte Alonso ao manter que foi  observatorio astronómico: a fendedeura ou escotadura da croa parece ser unha boa razón para a verificación desa consideración máis que plausible.

Por iso este pode ser un digno exemplo da pervivencia dos lindeiros territoriais desde tempos prehistóricos, precisamente isa utilización permitiu a súa conservación. É iste outro valor engadido a este precioso e grandioso monumento: como observatorio astronómico e como marco de termo desde a prehistoria. O que permite un mellor coñecemento da evolución do lindeiros territoriais no país galego.



 Fotografías: Ramón Boga Moscoso, agosto 2012

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 5 de agosto de 2012

PEDRAFITAS-MENHIRES de Andabao. San Martiño de Andabao, Boimorto.

PEDRAFITAS-MENHIRES DE ANDABAO

Atópanse na parroquia de Andabao, moi pretas do lugar de Torre, onde se asenta a igrexa parroquial, nunha extensa chaira entre vales.

Os veciños non recordan que estes fermosos monolitos estivesen en pé algunha vez: unha veciña díxome que foron reposicionados cando fixeron as explanacións da parcelaria. Tampouco recorda nada de antas, dólmens, mámoas ou mouros...

Eu atopeinas cando facía traballos de xeoreferenciación para a Universidade de Santiago de Compostela: en plena efervescencia megalítica, cando cheguei a esa zona, atopeime de bruces con estas espectaculares pedrafitas.

Vou poñer simplemente as fotografías, noutra ocasión falarei un pouco máis delas.









Fotografías de Ramón Boga Moscoso,
realizadas no ano 1995
.










Fotografías de Ramón Boga Moscoso,
realizadas no ano 2007
.












Fotografías realizadas por
Ramón Boga Moscoso no ano 1994








Fotografías realizadas
por Ramón Boga Moscoso no ano 2007
.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!