xoves, 27 de marzo de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA CHAIRA. San Salvador da Xironda, Cualedro.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA CHAIRA


"Tales decía que no existía diferencia entre la vida y la muerte. «¿Por qué no mueres entonces?», le preguntaron. «Porque no hay diferencia alguna», repuso." 

Diógenes Laercio



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.



Fotografía do blogue megaliticia.


Atópase moi preto do núcleo da Xironda e é recomendable tanto ir en automóbil como empregar o XPS, malia que se atopa á beira da estrada. O estado de conservación é bastante malo: tan só se están a conservar dous esteos e, no ano 2015, foi obxecto dunha brutal repoboación forestal que removeu estes esteos e plantou algunha  árbore nos restos da mámoa completamente remexida. 



Mapa contextual da Mámoa da Chaira.

Todo elo autorizado polas competentes autoridades que non vixiaron un xacemento catalogado e, todo elo, dentro dos traballos realizados para a replantación de piñeiros e así revitalizar a zona completamente queimada noutros anos, como se pode ver nas fotografías de Bruno Rúa.



Fotografía do blogue megaliticia.

A mámoa onde se insería a anta da que só se están a conservar dous chantos, mide ao redor dos doce metros de diámetro e acada unha altura máxima dun metro e medio. Segundo Rúa, a chaira onde se asenta a Mámoa da Chaira, fai que sexa un monumento visible a longa distancia, de feito que está mesmamente a idéntica altitude que a Mámoa do Grou, a unha distancia dun quilómetro e medio aproximadamente.



Fotografía de Bruno Rúa.

Bruno Rúa tamén fai especial fincapé en que toda esta ampla chaira, todo este espectacular asentamento, atópase "inzado de petróglifos" o que permite a deducir a importancia do lugar na prehistoria debido sobre todo á gran cantidade de achados que se están a realizar nos derradeiros anos.



Fotografía de Bruno Rúa.

Como estaba a dicir mais enriba e como subliña Bruno rúa, a mámoa foi parcialmente destruida polas obras de reforestación que se acometeron no ano 2014..., obras nas que se empregou maquinaria pesada que deixou profundas pegadas a xeito de enormes buratos para a plantación dos piñeiros. Algúns destes buratos foron furados na propia mámoa, esnaquizando boa parte da súa estrutura tumular.



Fotografía do blogue megaliticia.

Sen embargo o meirande destrozo que se fixo non consistiu nos devanditos buratos, senon que as grandes máquinas removeron do seu lugar orixinal polo menos un dos esteos e "...literalmente, sacalo ao aire, deixándoo encima do alto do túmulo."



Fotografía de Bruno Rúa.


En Sigrás, nos días finais de marzo de 2025.

Saúde, sorte e libros!!!



PARA SABER ALGUNHAS COUSIÑAS MAIS

Bruno Rúa: Guía Arqueolóxica do Alto Támega.

https://patrimoniogalego.net/index.php/102115/2019/03/mamoa-da-chaira/

https://megaliticia.blogspot.com/2021/03/Mamoa-da-Cheira.html

https://historiadegalicia.gal/2016/10/removen-mamoas-en-cualedro-para-plantar-pineiros/


mércores, 26 de marzo de 2025

ANTA-DOLMEN MEDORNA DAS PALLOTAS. San Xiao de Ousá, Friol.

ANTA-DOLMEN MEDORNA DAS PALLOTAS


"Ahora bien, si hay algo en la vida humana que conviene afrontar con vacilación y que incluso se debe evitar, conjurar y mantener lejos por todos los medios, es sin duda la guerra."

Erasmo de Rotterdam



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Malia que xa en xuño de 2013 publiquei unha entrada para esta fermosa anta, considero un momento oportuno para voltar sobre ela, e sobre o interesante e impresionante megalitismo de Friol. E, sobre todo, aproveitando as fermosas fotografías publicadas por Alex Negreira no seu poderoso blogue, megaliticiablogspot.com.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Para chegar, hai que sair desde o barrio de Quintá, na parroquia de Ousá, de onde sae un camiño cara ao norte que leva ao caserío de Pedra do Couto. Ao longo dese camiño e, na contorna do devandito lugar ou caserío, existen varias mámoas máis. Non semella necesario dicir que o acceso é moi complicado, posto que os últimos oitocentos metros hai que facelos camiñando.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

A que nos ocupa, ubicada no Monte do Carballiño, conserva boa parte da súa estrutura arquitectónica, que se cifra nuns sete esteos, imbricados entre sí. Falta a pedra cobertora. A medida da mámoa na que se acubilla a anta é das de tipo medio e dicir, mide entre vinte e trinta metros de diámetro.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

A anta, coñecida co nome de Medorna das Pallotas, foi violada en numerosas ocasións (supoñemos que buscando os inexistentes tesouros) e cóntase que, se cadra nesta medorna, apareceu un pucheiro cheo de carbóns.




En Sigrás, despois da Sevilla de Manuel, marzo de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES INTERESANTES


Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela: "Prospeccións no Concello de Friol (I): Mámoas e folclore arqueolóxico". Revista Croa. Boletín da Asociación de amigos do Castro de Viladonga. Ano 1996.

https://megaliticia.blogspot.com/2018/03/medorra-das-pallotas.html

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Medorna+das+Pallotas

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

xoves, 13 de marzo de 2025

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE OUTEIRO DE CAVALEDRE Nº 13. Requiás, Muíños.

ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE OUTEIRO DE CAVALEDRE,  Nº 13. 


"Ne laudet dignos, laudat Callistratus omnes.
Cui malus est nemo, quis bonus esse potest?"

"Para no alabar a los que lo merecen, Calístrato alaba a todos.
Para quien nadie es malo, ¿quién puede ser bueno?"

Marcial: "Epigramas."




Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Unha vez mais, e non será a derradeira, volto ás formidables terras da Baixa-Limia, da Serra do Xurés, terras de val e de escarpadas cumes, de espesas fragas, terras de tránsito, de épicas historias imposibles, de clima sorprendente, de fauna e flora únicas, terra de prehistoria, terra de inxente patrimonio... Volto polas intrincadas vías internetianas, camiños obtusos e, por suposto, moi prácticos. 

E volto ao Concello de Muíños, ao Encoro de Maus de Salas. E volto sabendo que non será a última vez: aínda me quedan moitos elementos megalíticos que amosar, moito que ver e que estudar.



Fotografía do blogue megaliticia.

Esta vez estou novamente no Outeiro de Cavaledre, nunha área do Encoro que está a meirande parte do ano asolaga pola auga estancada, onde poucas veces se poden contemplar as antas que quedaron ocultas durmindo o sono dos afogados. 



Fotografía do blogue megaliticia.

Esta vez, estou diante da Anta núnemro 13: trátase dunha anta da que non se conserva practicamente nada da mámoa ou túmulo debido a que foi completamente lavada polas augas represadas. Tan só podemos contemplar, da estrutura arquitectónica, dous ou tres esteos que posiblemente estean na súa posición orixinal, así como os restos do anel peristalítico que podería ter a función de suxeitar a terra que conformaba a mámoa.



Fotografía do blogue megaliticia.


Dentro, ou a partir da tipoloxía das plantas das cámaras megalíticas efectuada por Eguileta Franco para as antas da Baixa Limia, a anta número 13 de Outeiro de Cavaledre, forma parte das cistas con cámaras rectangulares simples. 

Como se pode ollar na planta de Eguileta e na fotografía anterior, a erosión semella que está a seguir afectando a esta cámara, de xeito que é probable que desapareza en pouco tempo: dos cinco esteos que debuxou Eguileta, agora tan só fican en pé tres deles.



Planta da Anta Outeiro de Cavaledre 13, a partir do orixinal de
Eguileta Franco, 1993-1994.


En Sigrás, no mes de marzo de 2025
Saúde, sorte e libros!!!


PARA DISFRUTAR AS TERRAS DA BAIXA LIMIA, QUE HAI QUE VER?

Absolutamente todo.

https://www.concellomuinos.com/
https://patrimonionatural.xunta.gal/es/baixa-limia-serra-xures
https://www.komoot.com/es-es/guide/506926/rutas-de-senderismo-en-baixa-limia


ENLACES NECESARIOS

https://megaliticia.blogspot.com/2021/10/Dolmenes-sumergidos-Embalse-Salas.html

https://una-universitaria-mas.blogspot.com/2014/06/epigramas-de-marcial-seleccion.html

https://www.facebook.com/xavierperdiz/posts/pfbid02Wa77shf34WpAbodctKpmkose6hLfZYk8as5k2kzeRc6ffYVEwmCcCWmaFvdBBPtQl

Eguileta Franco: "As mámoas dos concellos da Baixa Limia. Aportación al catálogo de monumentos tumulares de la comarca". Cuadernos de Estudios Gallegos, Tomo XI. Fascículo 106. Santiago de Compostela 1993-94.

mércores, 12 de marzo de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DO ALTO DO VIEIRO. Santiago de Calvos, Bande.

PEDRAFITA-MENHIR DO ALTO DO VIEIRO

SOSPEITOSOS HABITUAIS VIII. 

"De todos los infortunios que afligen a la humanidad el más amargo es que hemos de tener conciencia de mucho y control de nada."

HERÓDOTO



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Trátase dun tremendo esteo fincado de proporcións colosais, e como hipótese, considero que ben pode pasar a formar parte do cada vez mais extenso catálogo das pedrafitas galegas, adscritas á época neolítica e ao movimento denominado megalitismo. Por tando, unha pedrafita-menhir con historia de seu.



Fotografía de Alberte Alonso


Atópase, erecta e maxestuosa, no Alto do Vieiro, ao carón da estrada OU-540, no quilómetro 36. Moi preto tamén se atopa o lindeiro-fronteira entre os Concellos de Verea e Bande, polo que non pode esbotar a posibilidade de que noutrora fixese de marco de termo entre estes dous concellos. 




O emprazamento é unha extensa área chaira. Talvez o mais interesante, á parte do propio elemento en sí  mesmo, sexa que se atopa moi preto de varias necrópoles megalíticas, fontes, nacemento de ríos..., e é unha rota de tránsito ancestral (como ben indica o topónimo) que comunica con moitos outros camiños que posiblemente fundan a súa existencia na noite dos tempos e das horas, de clara orixe prehistórica.



Fotografía de Alberte Alonso

Ao bon xuizo e criterio do incansable amigo Alberte Alonxo, a pedrafita do Alto do Vieiro débese adscribir á tipoloxía das pedrafitas de tipo fálico.



Fotografía extraida de Google Maps.




Fotografía extraida de Google Maps.


ALGUNHAS COUSAS INTERESANTES DO CONCELLO DE BANDE


Entre os inxentes recursos arqueolóxicos e histórico-artísticos do Concello de Bande (que xa resaltamos nalgunha outra entrada), hoxe voume centrar no Parque Arqueolóxico do Monte Grande, situado preto da Fonte do Vieiro e da Pedrafita do Alto do Vieiro. Atópase nos lindeiros da Terra de Celanova e da Terra da Baixa-Limia Xurés. Trátase dun cordal montañoso que forma a divisoria entre o Val do río Limia e o curso medio do Río Arnoia, e coñécese cos nomes de Serra de Bande, Monte Grande e Arnelo.



Mapa do Parque Arqueolóxico  do Monte Grande. 
Fonte: nosdiario.

Atópase a menos de dous quilómetros da Vila de Bande e neste lugar creouse un gran espazo que mistura arte, naturaleza e arqueoloxía.

Os restos arqueolóxicos (vencellados directamente coa Pedrafita do Alto do Vieiro) cífranse sobre todo na época neolítica, destacando as necrópoles das Terras Brancas, as Mámoas do Arándano, a Mámoa do Camiño e a Mámoa da Fonte Santa.


En Sigrás, nos días centrais do mes de Marzo de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


OS ENLACES NECESARIOS

https://concellobande.com/es_es/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://www.nosdiario.gal/articulo/social/eolicos-que-ameazan-mellor-monte-forestal-da-galiza-portas-do-xures/20210531133957122536.html

martes, 11 de marzo de 2025

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SACEDA. Santa María de Lucenza, Cualedro.

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DE SACEDA.



Trayendo yo muchas veces a la memoria los tiempos antiguos, siempre me han parecido muy felices, oh hermano Quinto, aquellos hombres que habiendo florecido en la mejor edad de la república, insignes por sus honores y por la gloria de sus hechos, lograron pasar la vida sin peligro en los negocios o con dignidad en el retiro. Ha llegado el tiempo en que a todos parecería justo (y sin dificultad me lo concederían) que yo comenzase a descansar y aplicar el ánimo a nuestros estudios predilectos, cesando ya en mi vejez el inmenso trabajo de los negocios forenses y la asidua pretensión de los honores.

Marco Tulio Cicerón: "Diálogos del Orador". Ed. Verbum, S.L., 2023




Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.


Volto ás fronteirizas terras de Cualedro, ás terras tamaguenses, ás terras de Verín-Monterrei: pero non volto físicamente, volto co corazón, volto coa mente, coa ensoñación, con ilusión. E volto por eses tan misteriosos medios coma este que estou empregando. Volto polas vías da imaxinación que me permite internet. Tempos procelosos, tempos de inquedanza: Oh tempora, oh mores, como diría Cicerón. Sen embargo, estoulle agradecido a internet: podo acceder a elementos aos que antes non podería acceder, a terras ás que talvez nunca viaxe, a mundos extraordinarios, a universos como Cualedro que é un mundo en si mesmo, un mundo de homes neolíticos, de celtas, de romanos... Un pequeno universo (valga a contradición) no que están representadas as miñas inquedanzas e os meus amores, os meus gustos e as miñas querencias. Terras de Monterrei-Verín, unha das poucas reservas espirituais e máxicas do País Galego.



Fotografía de Miguel Losada.


Continuando coa chaira onde se asentan a mámoa e a pedrafita do Madorriño, neste lugar atópase tamén a posible Pedrafita-Menhir Marco de Saceda. Outro elemento se cadra megalítico reaproveitado ao lonto dos tempos e das historias, dos máxicos amenceres, das mesmas ou semellantes inquedanzas, como lugar pensado desde sempre como un ámbito especial, referencia espacial paras as xentes de todas as épocas.

Situado nunha extensa chaira, rodeado de necrópoles megalíticas, de petróglifos, de castros, de rutas ancestrais: outro elemento megalítico que ben pode pasar a formar parte dese necesario catálogo de pedrafitas-menhires de Galicia.

Atópase no Lugar de A Costa en A Saceda, á beira da estrada OU-1060, nunha gran chaira, rodeado de mámoas e, na súa base, unha gran rocha-panel de petróglifos. Podemos constatar que o pedrafita está a cumprir toda unha xeira de criterios para considerala unha pedrafita-menhir: a presenza de mámoas, camiños primitivos, petróglifos... Puido funcionar como estela anunciadora da necrópole megalítica.



Coordenadas: Lat 41º 56´09,98´´ N Lon 7º 37´20,06´´ O

767 m.s.n.m.


CUALEDRO, UN CONCELLO DE FRONTEIRA


Unha terra tamén de castros: o Castro de San Millao e o Castro de Saceda constitúen dous dos xacementos castrexos mais impresionantes, importantes e diferenciados do suleste galego. Terra de fronteira, de circulación de xente, mercadurías e ideas. Fronteira coa antiga Lusitania, terra da Serra do Larouco, do deus indíxena Larouco, terra de, ás veces inquietantes, ás veces sorprendentes, grandes formacións pétreas forxadas polo devir do tempo, da erosión e dos movimentos tectónicos: a Pena da Muller, a 950 m.s.n.m, talvez reflicta, como ningunha outra, este carácter máxico das insondables terras de Cualedro. Trátase dunha formación antropomorfa, de granito e de espectaculares resonacias.



Fotografía de https://www.cualedro.es/patrimonio/pena-muller.html

         
O Concello de Cualedro, en suma, da Terra de Verín-Monterrei, desenvólvese aos pés da devandita Serra do larouco, considerada toda ela un impresionante monumento natural. Fai falla ir a Cualedro, é necesario, coma o aire que un respira.


En Sigrás, en días intermedios do inverno do ano 2025.

Saúde, sorte e libros!!!




ENLACES QUE TEÑEN INTERESE

https://www.cualedro.es/pena-muller/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

httphttps://www.cualedro.es › patrimonio › es

https://patrimoniogalego.net/index.php/category/comarcas/verin/cualedro/

https://www.cualedro.es/patrimonio/pena-muller.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

luns, 10 de marzo de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO MADORRIÑO. A Saceda-Lucenza, Cualedro.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO MADORRIÑO


"La falsedad de un juicio no es para nosotros ya una objeción contra él; acaso sea en esto en lo que más extraño suene nuestro nuevo lenguaje. La cuestión está en saber hasta qué punto ese juicio favorece la vida, conserva la vida, conserva la especie, quizá incluso selecciona la especie; y nosotros estarnos inclinados por principio a afirmar que los juicios más falsos (de ellos forman parte los juicios sintéticos a priori) son los más imprescindibles para nosotros, que el hombre no podría vivir si no admitiese las ficciones lógicas, si no midiese la realidad con el metro del mundo puramente inventado de lo incondicionado, idéntico-a-símismo, si no falsease permanentemente el mundo mediante el número, - que renunciar a los juicios falsos sería renunciar a la vida, negar la vida. Admitir que la no-verdad es condición de la vida: esto significa, desde luego, enfrentarse de modo peligroso a los sentimientos de valor habituales; y una filosofía que osa hacer esto se coloca, ya sólo con ello, más allá del bien y del mal."

Fiedrich Nietzsche: "Mas allá del bien y del mal".



Debuxo da Anta-Dolmen do Madorriño segundo
versión de Moncho Boga, 2025


Para chegar podemos ir desde a estrada OU-1020 e dirixirnos directamente á anta-dolmen, ou senon parar na Saceda para visitar primeiro o Castro do mesmo nome. Pódese ir en choche, aínda que se adoita recomendar o XPS. Atópase a uns tres quilómetros da estrada provincial, nunha área achairada a unha altitude duns setecentos sesenta e cinco metros.




Dúas opcións: ou ben achegarse directamente á mámoa do Madorriño,
ou ben sair de A Saceda e pasar antes polo Castro da Saceda, que 
é mais recomendable.


A nosa anta, veciña da Pedrafita-Menhir do Madorriño e da Pedrafita-Menhir O Marco de Saceda, insírese nunha gran mámoa (talvez de tamaño medio-grande) ou túmulo de terra de forma hemiesférica, como un cono truncado, e podería adscribirse aos dómenes de tipoloxía poligonal con corredor de acceso, atendendo ao tamaño da mámoa. Só se están a conservar tres esteos ou chantos que asoman do profundo funil de violación.



Fotografía do blogue Megaliticia

Amosa, como ben sendo habitual e como dicía antes, un profundo burato de violación e dicir, abondosos indicios de que foi salvaxemente expoliada: non está a conservar a tampa ou pedra cobertora nin a meirande parte dos esteos que conformarían a súa estrutura arquitectónica. Aínda así, como podemos ver na fotografía, a mámoa conserva unha boa parte do seu volume.



Fotografía do blogue Megaliticia

O topónimo "madorriño" é un dos moitos nomes que conservamos en Galicia para referirmonos aos túmulos megalíticos. Neste caso trátase do diminutivo de medorra ou madorra.

A Anta-Dolmen do Madorriño, illada na extensa chaira, fai aínda hoxe de marco divisorio, de marco de término, entre Lucenza e A Saceda. 


Fotografía do blogue Megaliticia


Como vimos contando noutros moitos elementos megalíticos de Galicia, esta mámoa tamén conserva unha lenda transmitida oralmente de xeneración en xeneración: contan os relatos lexendarios que os Mouros, os extraordinarios antepasados míticos dos galegos, auténticos elfos máxicos, lanzaban, desde a Igrexiña dos Mouros (un outeiro sito na Serra do Larouco),  un martelo ata o Castro da Cidá de Saceda; desde aí, os seus habitantes o enviaban á súa vez, cara á Mámoa do Madorriño, onde era recollido polos Mouros que vivían nela. Pero a cousa non queda aí: eles, do mesmo xeito, tiraban o martelo con dirección ao Castro da Cidá de San Millao. Supoñemos que este rito repetíase e repetirase eternamente, coma un eterno retorno.


ALGUNHAS OUTRAS POUCAS COUSAS DAS INFINITAS  MOITAS COUSAS QUE HAI QUE VER EN CUALEDRO

Para empezar a coñecer o Concello de Cualedro, é recomendable a Ruta dos Castros, unha ruta que mestura historia, arte e natureza. Acada uns 15 quilómetros e trátase dunha ruta amena que transita por entre diversos sitios arqueolóxico-patrimoniais do Concello. Entroutros: o cruceiro de Lucenza, a capela de Santa Marta, a mámoa do Madorriño, o Castro de Saceda, a Fonte da Ola e o Castro de San Millao.



https://www.flickr.com/photos/26358598@N07/23782035656/




En Sigrás, no post Entroido de 2025.

Saúde, sorte e libros!!!


ALGÚNS POUCOS ENLACES

ttps://www.cualedro.es/patrimonio/es/madorrino.html

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/mamoa-do-madorrino.html

https://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/cualedro-acolle-septima-edicion-da-ruta-castros_1_20160520-2838945.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/66705/2015/01/castro-de-san-millao/

https://www.cualedro.es/guia-cualedro/

https://www.flickr.com/photos/26358598@N07/23782035656/

https://www.google.es/maps/place/A+Saceda,+32688+Cualedro,+Ourense

xoves, 6 de marzo de 2025

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MADORRIÑO. Santa María de Lucenza, Cualedro.

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MADORRIÑO



"En los sepulcros donde habitan los muertos, se aprenden muchas verdades."

José Zorrilla.


Pedrafita-Menhir do Madorriño,segundo versión de Moncho Boga, 2024.

Esta posible nova pedrafita, descuberta por Bruno Rúa,  incansable investigador das terras do Támega, atópase na parroquia de Lucenza nunha extensa chaira, moi preto da estrada OU-1060, a pouco mais de 760 m.s.n.m. A ubicación, entre A Aciñeira e O Rozo: moi preto da chaira devandita serpentea o Regato de Lucenza e, ao carón da pedrafita-menhir, aparece unha gran pena ou afloramento rochoso que amosa en toda a súa superficie mais de vinte cazoliñas e algunhas outras gravuras cruciformes. Tamén moi preto da pena e da pedrafita, atópase a Mámoa do Madorriño. A uns poucos centos de metros atopamos outra pedrafita: a Pedrafita de Saceda. 



Pedrafita-Menhir do Madorriño. Foto de Bruno Rúa.

Tanto a existencia da necrópole megalítica na contorna inmediata, a insculturas rupestres, a ubicación nunha chaira, o regato cercano e, posiblemente algunha ruta de tránsito prehistórica, son elementos suficientemente elocuentes para ter en conta a merecida consideración da pedrafita do Madorriño como un elemento indispensable na catalogación das pedrafitas galegas. Si a esto engadimos o propio topónimo "Madorriño" que fai alusión a enterramentos megalíticos ou mámoas, temos unha morea de datos que nos fan incidir na adscrición megalítica desta curiosa pedrafita.

Terra de megálitos, terra de prehistoria, de castros, terra de poderosos restos arqueolóxicos..., os continuos descubrimentos, como imos ollando pouco a pouco, fan deste espectacular territorio unha das estacións prehistóricas mais impresionantes do país galego.

En Sigrás, na víspera do Entroido pequeno mais grande do mundo, 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html