venres, 9 de maio de 2025

ANTA-DOLMEN PICO DAS PALLAS. San Cibrao de Aspai, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN PICO DAS PALLAS

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO V

"La vanidad nos persigue hasta en el lecho de la muerte. La soportamos con entereza porque deseamos superar su terrible grandeza y cautivar la admiración de los espectadores."

Santiago Ramón y Cajal

 


Debuxo de Moncho Boga, 2024.

E sigo coa miña ruta particular, ruta dos sonos, dos megalitos que me levan a épocas ignotas perdidas nas brumas dos tempos, pouco coñecidas, das que non facemos mais que imaxinar, que construir un mundo que seguramente non se acerca nin de lexos á mais remota realidade. Pero atrae coma un imán, atrae sen compasión, sen deixar acougo, estimulando unha imaxinación que talvez non sexa lexítima, pero que sen dúbida constitúe todo un placer.



Fotografía de Núñez Jato.

A Anta-dolmen do Pico das Mallas atópase encravada no Coto de Province, na parroquia de Aspai, nun alto con amplo dominio visual sobre toda a contorna. Foi documentado na memoria de prospección realizada por Núñez Jato no ano 1990, onde aclaraba que o seu emprazamento estaba moi próximo á Anta Forno dos Mouros, na cima dun outeiro moi próximo. Tamén clarexaba que o Pico das Mallas facía de marco de termo entre os concellos de Friol e Outeiro de Rei.



Foto Ruta Arqueolóxica do Acevedo. 
Concello de Outeiro de Rei.

Segundo o ubicuo e incansable investigador Xabier Moure, foi documentada por el mesmo en outubro de 2016. Sen embargo Núñez Jato no ano 1990, como dicía antes, xa definia e documentaba esta cámara megalítica do seguinte xeito, pouco mais ou menos: conserva catro esteos da cámara, e na parte superior dun deles aparecía gravado un cadrado, aínda que o debuxo estaba moi erosionado. No lado oeste da mámoa aparece escavado un dos muros que antiguamente empregábanse para separar os terreos particulares.



Fotogarafía do blogue megaliticia.

Sexa como sexa, a anta-dolmen Pico das Mallas atópase a case quinientos cincoenta metros de altitude e está inserida nunha mámoa que mide ao redor de catorce metros de diámetro por uns dous metros de altura. 



Planta da anta Pico das Mallas.

En calquera caso e en definitiva, o conxunto componse a través dun túmulo de forma hemiésferica  apreciándose en toda a súa superficie abondosas pedras que, con seguridade, formaban a coiraza pétrea. Na parte superior ou croa destaca o funil de violación que está a acubillar a cámara que conserva tres ou catro chantos da súa estrutura arquitectónica. A mámoa  acada nos eixos meirandes ao redor de dezaseis metros e a altura non chega aos dous metros.



Foto Ruta Arqueolóxica do Acevedo. 
Concello de Outeiro de Rei.

Parece ser que non se aprecian alteracións significativas con respecto á descrición de Núñez Jato nin do informe realizado no ano 2016 por G. Meijide e J. Senín.



Foto Ruta Arqueolóxica do Acevedo. 
Concello de Outeiro de Rei.

Moure cóntanos que  non moi lonxe da anta do Pico das Mallás aparecen ao redor dunha ducia de túmulos e algúns petroglifos que él mesmo localizou o mesmo día do ano 2016.



Fotografía do blogue megaliticia.

Semella que no ano 2016, segundo Moure, non estaba catalogada; sen embargo, a día de hoxe a anta   denominada Pico das Mallas I, está catalogada en Patrimonio da Xunta de Galicia co códico GA27039087, despois da comunicación de  Moure a Patrimonio.


En Sigrás, nos mes dos maios e das frores, 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


INFORMACIÓN MOI ÚTIL

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo
https://patrimoniogalego.net/index.php/90099/2016/11/mamoa-do-pico-das-mallas/
https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/mamoa-do-pico-das-mallas.html
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883#lb-embed
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html



luns, 5 de maio de 2025

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA GÁNDARA. San Salvador de Neiras, Sober.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA GÁNDARA.


"Que una ambición sagrada invada nuestras almas, para que, insatisfechos con la mediocridad, deseemos con entusiasmo las cosas más elevadas y nos esforcemos con todas nuestras fuerzas para obtenerlas, ya que podemos hacerlo, si lo deseamos."

Giovanni Pico della Mirandola



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

A Pedrafita-marco-menhir de A Gándara atópase insertada, sólidamente clavada,  no sitio do mesmo nome, lugar de Roxos, parroquia de Neiras. A ubicación repite algunhas das constantes propias das pedrafitas galegas, neste caso a situación nunha ampla e extensa chaira e ademais ao carón dunha antiga ruta de comunicación, talvez prehistórica, un camiño tradicional e ancestral. A pedrafita-marco, cunha omnipresente presenza na chaira, fai de marco de termo entre as parroquias de San Salvador de Neiras e Santo Estevo de Refoxo. O río Neiras serpentea non moi lonxe en dirección norte-sur, preto do lugar de O Roxo.



Fotografía de Xabier Moure en onosopatrimonioblogspot.com

Este pequeno pero poderoso esteo amosa os típicos rasgos que permiten a súa adscrición ás pedrafitas da tipoloxía fálica. A feitura e a presenza de dúas coviñas confírenlle un claro aspecto de pedrafita neolítica, como atestigua Alberte Alonso, que a constextualiza no ámbito das pedrafitas de tipo fálico.

As principais novas encol desta pedrafita-marco de termo proceden en case toda a súa totalidade dos interesantísimos apuntamentos de Xabier Moure no seu blogue onosopatrimonio.



Fotografía de Xabier Moure en onosopatrimonioblogspot.com

A pedrafita, malia que semella, e é, de reducidas dimensións, o que sobresae do chan acada unha altura dun metro aproximadamente e unha anchura máxima, na base, de sesenta e cinco centímetros. O mais interesante e significativo (como apuntaba antes) desta pedrafita, probablemente reutilizada como marco de termo, son as gravuras que aínda se poden apreciar: na cara do norte aparece a gravura  do que presumiblemente é a letra "N" invertida (Neiras) e unha coviña ou cazoliña; na cara do sur sobresae unha "R" (Refoxo) así como outra pequena cazoliña. Nas outras dúas caras destacan, como adoita ser habitual nos fitos demarcatorios, dúas cruces latinas tamén gravadas. Segundo Moure este era o marco lindeiro que separaba os territorios das parroquias de Neiras e Refoxo. Pero ademais, noutrora, marcou os lindeiros entre os concellos de Monforte (ao que pertencía a parroquia de Neiras) e Sober.

Sabemos tamén, a partir das pescudas de Moure, que o marco da Gándara cítase no Catastro do Marqués da Ensenada como límite das dúas parroquias. Nelas exercían o seu poder xurisdicional o conde de Amarante (Refoxo) e o conde de Lemos (Neiras). 



Fotografía de Xabier Moure en onosopatrimonioblogspot.com

Atopámonos sen dúbida noutro caso claro da funcionalidade da pedrafita como marco de termo. Segundo as concienzudas investigacións de Martinón Torres, pola súa monumentalidade  destacando na paisaxe, os magalitos (e entre eles as pedrafitas) exercían desde a súa orixe un papel determinante para marcar o espazo no que se chantaban: este valor territorial como marcador de límites, de rutas de tránsito, de sinalización de necrópoles, son criterios fundamentales para a adscrición ao neolítico.


Fotografía de Xabier Moure en onosopatrimonioblogspot.com

As andanzas de Moure por terras galegas sempre son fecundas e os seus descubrimentos aportan un caudal infinito ao acervo da nosa cultura arqueolóxica, histórica e, neste caso, tamén á nosa cultura tradicional. Porque a pedrafita  ten lenda, tamén é, por iso, e un elemento que sempre foi apreciado por algunha característica especial: cambiaron os tempos, as épocas e ata os milenios..., pero a pedrafita sempre estivo a cumplir unha misión de referente para centos de xeneracións. A lenda é un conto universal, das lendas de onde beberon os clásicos, desde a tradición oral, como Romeo e Xulieta, don Juan e dona Inés, Calixto e Melibea... A Moure contoulla un veciño e eu vouna contar ao meu xeito.


Fotografía de Xabier Moure en onosopatrimonioblogspot.com

Efectivamente, mentres Moure escudriñaba os interminables recunchos das entrañables terras de Sober no ano 2016, atopouse cun veciño que o informou de que as cruces gravadas na pedrafita da Gándara indicaban a presenza de de dúas tumbas, de dous sepulcros. Un deles pertencía á sobriña do Conde de Lemos e a outra a un xoven pastor: cada un foi enterrado no lado contrario da pedrafita. A historia é como sigue: supoñemos que un espléndido día de primavera, cando o pastor levaba o gando cara ao lugar da Gándara a pacer, atopouse cunha fermosa muller que acababa de caer do seu cabalo. O intrépido rapaz, raudo e veloz, acudiu na axuda da moza, que podería estar ferida, logo de tan penoso lance. Como unha cousa acostuma levar á outra, a partires de aquí os dous rapaces comenzaron a verse a miudo, unhas veces como por casualidade e as outras a mantenta.



Castelo de Maside, Ferreira de Pantón.
Fotografía: turismodegalicia.com

E pasou o que tiña que pasar: acabaron irremediablemente namorados. Desgrazadamente o que barruntamos malévolo Conde de Lemos non tardou moito en enterarse destes prohibidos encontros e conminou á súa fermosa sobriña a que deixase de ver ao pastor. A moza, nun acto de heroica valentía, ese valor que só posibilita o amor, negouse taxativamente e continuou xuntándose co mozo á beira da nosa pedrafita. Pero o conde, astuto e cruel, enviou aos seus secuaces ao lugar de encontro dos xóvenes namorados. Cando chegaron, asasinaron ao mozo sen compasión: a sobriña do conde, horrorizada, púxose diante do pastor para defendelo, provocando que tamén fose ferida mortalmente. O conde, finalmente, para nada arrepentido, ordenou que os enterraran ao carón do marco: un mirando cara ao leste e o outro cara ao oeste, de xeito que non se poideran nin ver nin tocar incluso despois de mortos. A crueldade do conde, para rematar, retrata sempre o poder case omnipotente dos nobles medievais galegos.

En Sigrás, nunha primavera diferente do ano 2025.

Saúde, sorte e libros!!!




ALGÚNS ENLACES NECESARIOS E ALGO DE BIBLIOGRAFÍA

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/sober/2017/03/08/span-langgl-posible-menhir-antigo-marco-divisorio-spanspan-langgl-monforte-sober-span/0003_201703M8C2991.htm

MARCOS MARTINON-TORRES "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los monumentos megalíticos a partir de las fuentes escritas." Rev. Trabajos de prehistoria,58, n.° 1,2001, pp. 95 a 108.





 

sábado, 26 de abril de 2025

ANTA-DOLMEN MEDORRA VIII DE ACEVEDO. San Pedro de Martul, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN MEDORRA VIII DE ACEVEDO.

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO IV.

"Las que conducen y arrastran al mundo no son las máquinas, sino las ideas."

Victor Hugo



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

Redundando no que escribía nunha entrada anterior sobre a Ruta Arqueolóxica de O Acevedo, as medorras en cuestión emprázanse xeneralmente en zonas penechairas con suaves ondulacións, na cume dos montes, en espolóns suavemente achairados ou incluso en abas moi suaves ou rebaixadas. A medorra VIII de O Acevedo atópase nunha destas suaves abas, nun rechán a un costado de Trala Seara, na divisoria do Cordal. Atópase nun monte Comunal pertencente á parroquia de Martul.



Planta da Medorra VIII, versión de Moncho Boga a 
partir do orixinal de Núñez Jato.

O enclave no monte acada uns catrocentos oitenta e cinco metros de altitude e a mámoa-túmulo, na que se acubilla a anta, é bastante pequena. Tamén se pode ollar unha violación central presumiblemente antiga, pouco profunda e escasamente perceptible sobre o terreno.



Fotografía: rutasdesendeirismoblogspot.com

Núñez Jato xa a menciona no ano 1990 como un interesante túmulo coa cámara prácticamente visible na súa totalidade. Na croa ou cima da mámoa aínda está a conservar unha apreciable altura e unha boa parte da masa tumular é orixinal. Tamén, un pouco separada, aparece unha grande lousa que ben puido formar parte da tampa ou pedra cobertora: amosa as sinais das típicas cuñas feitas polos canteiros para proceder a partila. Sen embargo, por razóns inexcrutables, desistiron de proceder ao esnaquizamento da gran pedra.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

A un lado da mámoa aproveitouse para construir un muro tradicional de pedra para separar a parcela adxacente. Por outra banda, espalladas pola mámoa, pódense ollar unha boa xeira de pedras de diversos tamaños que seguramente forman parte da coiraza pétrea.



Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com

Hoxe en día, en canto á estrutura arquitectónica ou anta, estanse a conservar nove esteos, sen que poida concluir cales pertencen á cámara e cales ao corredor, a teor dos debuxos e fotografías de que dispoño. Aínda así, podo colexir que se trata dunha cámara pertencente á tipoloxía de cámaras poligonais con corredor corto ou pouco desenvolvido.



Fotografía: rutasdesendeirismoblogspot.com

As medidas da medorra, pouco mais ou menos, son as seguintes: no eixo N-S acada os 16,50 metros e no eixo L-O os 17. A Altura mámima da mámoa-medorra é de un metro e noventa centímetros.

En definitiva, e se queremos chegar sen maiores contratempos, será tan necesario como convinte levar o XPS.


En Sigrás, nun día calquera da primavera de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



UNHA POUCA MAIS INFORMACIÓN

Páxina Web do Concello de Outeiro de Rei

https://megaliticia.blogspot.com/2021/04/Medorra-de-Acevedo-8.html


https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html

Juan F. Núñez Jato, Laura Rodríguez Varela: "Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos". BOLETÍN CROA Nº 5. 1995 páx. 16. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga.


venres, 25 de abril de 2025

ANTA-DOLMEN MEDORRA III DE ACEVEDO

ANTA-DOLMEN MEDORRA III DE ACEVEDO

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO 3.

"La filosofía es una lucha contra el embrujamiento de nuestra inteligencia mediante el uso del lenguaje."

Ludwig Wittgenstein



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

E sigo no Cordal de Acevedo, na Ruta Arqueolóxica de O Acevedo, itinerario creado polo Concello de Outeiro de Rei, que mistura elementos paisaxísticos, arqueolóxicos e históricos.


Planta da anta da Medorra de Acevedo III segundo versioón de 
Moncho Boga a partir da planta de F. Pérez Losada e J. Cano Pan.

O punto de partida, como non me canso de repetir, atópase na parroquia de Martul e está perfectamente sinalizado. Aínda así, creo que é necesario ou convinte ir co XPS, porque un nunca sabe...


Planta da anta da Medorra de Acevedo III segundo versioón de 
Moncho Boga a partir da planta de Núñez Jato.

Atópase encravada preto da Medorra dos Carrís 5 e tamén moi preto da Medorra de Acevedo 2.  A medorra de Acevedo III foi prospectada e catalogada por Fermín Pérez Losada e Juan Cano Pan no ano 1988: o túmulo-mámoa amosaba a cámara case totalmente á vista e debuxaba unha planta das da tipoloxía poligonal e un corredor pouco desenvolvido. Tamén se podía observar un cono de violación bastante profundo. 


Medorra do Cordal de Acevedo III.
Fotografía de megaliticiablogspot.com

Como dicía na primeria entrada da ruta, trátase dun importantísimo conxunto de mámoas-medorras megalíticas que se espallan sen formar unha necrópole propiamente debido á distancia, por unha ampla área dos montes de Acevedo. Como xa sabemos, a medorra III é un túmulo de considerables dimensións, con posible coiraza pétrea  e posiblemente cinco esteos para a cámara e outros cinco para o corredor.



Medorra do Cordal de Acevedo III.
Fotografía de megaliticiablogspot.com

Estamos, sen a menor dúbida, diante dunha anta senlleira dentro do megalitismo do Concello de Outeiro de Rei.



Medorra do Cordal de Acevedo III.
Fotografía de megaliticiablogspot.com

Un pequeno excursus sobre o topónimo Outeiro de Rei. Diante dos topónimos "rei", sempre tiven a sospeita de que non todas as veces fan referencia a unha persoa que exerce poder "real", a un monarca, a un Rei. Con respecto, pola contra, ao topónimo "outeiro" semella transparente e dicir, do latino "altarius": sitio mais ou menos alto, ondeado, altar, solar posiblemente de rituais paganos. 



O río Miño ao seu paso por Outeiro de Rei.
Fotografía extraida de: minube.net

Pero voltemos ao topónimo "rei", que é extremadamente interesante. Eu, particularmente, estou convencido de que non fai referencia a unha persoa da realeza (na historia de Outeiro de Rei non atopo xurisdicións reais, senón nobiliares), a un monarca. Raramente este topónimo nomea polo tanto a persoas reais que exerzan algún tipo de poder, de xurisdición. Paréceme mais fecundo acudir á forma céltica "ricka" (surco, rego, regueiro) que explica as nosas formas "rego" e "rega". Deste xeito, si consideramos as formas célticas "ricka", "reku/reka" como arroio, canle, curso de auga..., de aí talvez derivou en "rei" ou en "raíña". A forma latina "regi", "rege" (río, regueiro) confundiuse moi pronto con rex-regis, polo que Outeiro de Rei podería significar "Altar do Río", o solar do Ladra, do pai Miño..., e doutros moitos regatos cativos que debuxan a xeografía hidrográfica deste singular concello.



En Sigrás, no primoroso mes de abril de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ALGUNHA INFORMACIÓN MAIS

Páxina Web do Concello de Outeiro de Rei

https://es.wilkiloc.com/rutas-sendeirismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo

https://megaliticia.blogspot.com/2021/04/Medorra-de-Acevedo-8.html

https://photo980x880.mnstatic.com/96b7efaf1f1a5859c94df99b6a677721/area-recreativa-santa-isabel-7632340.jpg

xoves, 24 de abril de 2025

ANTA-DOLMEN MEDORRA II DE ACEVEDO. San Pedro de Martul, Outeiro de Rei.

ANTA-DOLMEN MEDORRA II DE ACEVEDO

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO II

"Nuestras convicciones más arraigadas, más indubitables, son las más sospechosas. Ellas constituyen nuestro límite, nuestros confines, nuestra prisión."

José Ortega y Gasset

 


Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.

Cordal de Acevedo, Pascuais, onde se asentan as pedrafitas sospeitosas habituais de Pascuais, precisamente. Nesta zona do montesío cordal, nunha zona penechaira moi ondeada con pequenos outeiriños, no límite entre San Xoán de Parada e San Pedro de Martul, a unha altitude que apenas sobrepasa os quinientos metros..., atopamos unha sorpresa agradable en forma de antas-dolmenes.



Mámoa e Anta de Acevedo II.
Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com

Para chegar, malia que recomendo o XPS, sígueme a gustar a descrición do xeito de chegar, aínda que normalmente non se chega con estas indicacións... Pois ben, como son terco, aí vai: collemos a estrada N-VI e, pasado o fito quilométrico 516, temos que coller a estrada comarcal que leva a Friol pola ponte de Hombreiro. Unha vez cruzada a ponte devandita, no quilómetro catro, collerremos unha pista asfaltada que sae á dereita e que leva a Aspai: pouco logo de pasar o cruzamento cunha pista que vai á parroquia de Martul, atópanse asentadas e maxestuosas as cinco medorras numeradas dese xeito: trátase dun monte que queda á dereita da pista ao que se pode chegar por varias corredoiras.




Planta da Medorra de Acevedo II versión de Moncho Boga
a partir de Núñez Jato.

Deixando atrás esta pequena digresión a xeito de itinerario ficción, o mellor, o mais axeitado e o do sentido común e, polo tanto, comenzar na Parroquia de Martul e seguir as estupendas sinais da Ruta Arqueolóxica de O Acevedo. Será moito mais práctico e sinxelo.

A Medorra de Acevedo II, noutro orde de cousas, xa fora prospectada e documentada polo tantas veces nomeado Núñez Jato  no ano 1990. Describe a típica forma hemiesférica (mammula) e, na croa ou parte superior, sobresaen dous esteos que acadan cadanseu ao redor de corenta e trinta e seis centímetros, mais ou menos.



Mámoa e Anta de Acevedo II.
Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com

Como en case todas as mámoas galegas, aparece, primoroso, o cono de violación salvaxe, de onde arrincan os esteos que formaron a estrutura arquitectónica ou anta-dolmen: un ataque furtivo antigo que case non chega aos corenta centímetros de profundidade, constata ese feito luctuoso. 

Xa contei algo na entrada anterior, pero debo incidir, insistir, que paga a pena percorrer esta Ruta Arqueolóxica baixo todos os puntos de vista: desde a igrexa de San Xoán de Martul a ruta atravesa unha contorna natural espléndida e amosa uns cantos e variados vestixios arqueolóxicos que xalonan case todo o percorrido: antas, castros, petróglifos, vestixios romanos, necrópole medieval, igrexas románicas...



Mámoa e Anta de Acevedo II.

Fotografía extraída do blogue megaliticiablogspot.com

Non me canso de repetir que o concello de Outeiro de Rei alberga unha das densidades de elementos megalíticos mais alta de Galicia: están catalogadas mais de 180 mámoas e seguro que irán aparecendo mais co tempo. A pesares diso, e da estupenda ruta que veño comentando que contribúe ao seu bo estado de conservación, a meirande parte delas atópanse semiolvidadas, abandonadas, con riscos serios de desaparición.



Fotografía de: rutasdesendeirismo.blogspot.com

En Sigrás, nun  primoroso e primaveral día do ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


PARA SABER ALGO MAIS

https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/mamoas-do-cordal-de-acevedo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-69241883

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/

https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2022/11/ruta-arqueoloxica-do-acevedo-outeiro-de.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/outeiro-de-rei/2018/01/02/span-langgldanos-conxunto-mamoas-outeiro-reispan/00031514929984453602107.htm

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/castros-de-galizagalicia-provincia-de.html


ANTA-DOLMEN MEDORRA I DE ACEVEDO. San Pedro de Martul e San Xoán de Parada. Outeiro de Rei.

ANTA- DOLMEN MEDORRA DE ACEVEDO I.

RUTA ARQUEOLÓXICA DE O ACEVEDO I

"Según la definición de los estoicos, si la sabiduría no es sino guiarse por la razón y, por el contrario, la estulticia dejarse llevar por el arbitrio de las pasiones, Júpiter, para que la vida humana no fuese irremediablemente triste y severa, nos dio más inclinación a las pasiones que a la razón."

Erasmo de Rotterdam: "Elogio de la locura."



Debuxo versión de Moncho Boga, 2025.


Vou a iniciar nesta entrada unha xeira de tres antas integradas nunha case necrópole das frondosas terras de Outeiro de Rei. Son unha serie de medorras (empregando a terminoloxía da zona) ubicadas entre as parroquias de Martul, Aspai e Parada, no lugar de Acebedo, cordal montesío que singulariza orográficamente a bisbarra. Atópanse a unha altitude que oscila entre os 475 e os 507 metros. 



Fotografía: Concello de Outeiro de Rei.

O emprazamento xeral describe unha área penechaira moi ondeada a saber, algunhas atópanse enclavadas na cima do monte, outras en espolóns achairados e as demais en suaves pendentes. Foi e é zona de monte baixo onde tradicionalmente predominou sempre o toxo. En xeral, as oito medorras que conforman o conxunto amosan violacións centrais bastante profundas. Algunhas recentes e outras xa moi antigás.

Dicía antes que este interesante conxunto de medorras megalíticas atópanse espalladas polos montes de Acebedo, desde onde contan cun impresionante dominio visual sobre as terras baixas da contorna. Das oito medorras que conforman este conxunto, sete amosan vestixios da estrutura arquitectónica ou cámara, definindo unha variada tipoloxía: cámaras de corredor, tipo cista...



Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com.

Os túmulos son de considerable tamaño, están bastante ben conservados e a maioría deles contan con vestixios da coiraza pétrea.


 
Fotografía: Concello de Outeiro de Rei.

A Medorra do Cordal de Acevedo I xa foi prospectada por Nuñez Jato na publicación tantas veces nomeada neste blogue, no ano 1990. En xuño de 2012, nunha entrada neste mesmo blogue, dubidaba entre si este esteo era unha pedrafita ou o único resto dunha anta: Baños a consideraba unha pedrafita; Juan Núñez e Laura Rodríguez mantiñan que probablemente se tratase dun esteo dun dolmen reempregado como marco de término. Actualmente sabemos sen lugar a dúbidas que se trata do resto dunha anta encravada nun túmulo de grandes proporcións: a mámoa na que se insire tiña un profundo cráter de violación e unha canle cara ao leste. Entre os despoxos atopáronse algúns anacos de cerámica.



Fotografía extraída da revista: 
"Arqueoloxía en Outeiro de Rei: mámoas e outros restos" de Juan F Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela

Os restos arquitectónicos que se están a conservar aparecen chantados no funil de violación dun túmulo de grandes dimensións, acadando no eixo máis longo case os 25 metros. Tamén conserva numerosos vestixios da coiraza pétrea, malia que algunha das pedras que a conforman, polo seu tamaño, podería ser un chanto mais da cámara, desprazado. 



Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com.

Á vista aparecen tres non moi grandes esteos de granito que non sobresaen da masa tumular máis de noventa centímetros. O esteo meirande chama a atención porque amosa unha gravura que, logo de moitas cavilacións e interpretacións, hoxe sabemos (grazas ás pescudas de Xabier Moure) que é moderna e está vencellada aos marcos de término. É por iso mais que  probable que os gravados sexan sinais ou marcas de termo que indican a separación entre parroquias. 

O curioso deste peza é que conserva o que semellaba  un gravado antropomorfo: unha figura de 30 cms de longo, formada por un círculo superior de 16 cms debaixo dunha raia vertical de 14 cms, así como unha circunferencia que a cruza.



Hoxe, grazas ás árduas  e teimudas investigacións de Xabier Moure, sabemos sen lugar a dúbidas que se trata dunha marca de término: as gravuras representan a "insignia del Santisimo Sacramento", segundo o expedente de deslinde das parroquias de Aspai, Martul e Parada en 1856. Trátase da representación dunha custodia ou viril onde se coloca a hostia logo de ser consagrada. Outro  dato extraordinario recollido por Moure dun pleito sobre lindes, dise que a custodia gravouse para protexer un lugar pagano e dicir, para continuar coa cristianización dos lugares paganos iniciada por San Martiño de Dumio.


En Sigrás, na primavera de 2025.
Saúde, sorte e libros!!! 


O MEGALÍTICO CONCELLO DE OUTEIRO DE REI

Xa viñemos aportando recursos culturais para visitar en Outeiro de Rei noutras entradas deste mesmo blogue. E o momento de recomendar un roteiro extraordinario que visita algunha das antas-dólmenes mais interesantes deste término municipal do interior de Lugo. Trátase da Ruta Arqueolóxica de O Acevedo.



Fotografía: Concello de Outeiro de Rei.

Estamos diante dunha ruta circular que discorre polas parroquias de Martul, Aspai e Parada, cunha lonxitude de 10 quilómetros, dificultade media e duración de mais de tres horas.



Fotografía: Concello de Outeiro de Rei.

O punto de partida é a parroquia de Martul, fermosa aldea de pedra bastante ben conservada: pasaremos pola anta de Pena Dereita, os túmulos de Roza das Presas e as medorras de Acevedo VI e VII, a medorra de Acevedo VIII..., ata chegar á fermosísima aldea de Province, onde poderemos contemplar os seguintes elementos: anta de Pico das Mallas, Medorras de Province, Gravado de Galva, Anta de Pena Serrada, Medorras de Acevedo I e II, Medorra de Acevedo III e o túmulo dos Carrís, coa súa anta correspondente.



Fotografía: Concello de Outeiro de Rei.

Desde Os Carrís a ruta comenza a baixar ata a Ponte Colgante de Parada sobre o río Miño. Logo, xa pola estrada, voltaremos ao punto de partida: a parroquia de Martul.



PARA ENRIQUECER O NOSO COÑECEMENTO MOITO MAIS

https://outeiroderei.gal/turismo/natureza/rutas/ruta-arqueoloxica-de-o-acevedo/

https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/mamoas-do-cordal-de-acevedo.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmenes-cordal-de-acevedo-y-pico-das-mallas-20828475

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=outeiro+de+Rei



luns, 14 de abril de 2025

ANTA-DOLMEN DA VEIGA DE REQUIÁS. San Salvador de Requiás, Muíños.

ANTA-DOLMEN DA VEIGA DE REQUIÁS


"El sentido del conocimiento, y, por tanto, también la medida de su autonomía, no se puede explicar de ningún modo si no es mediante el recurso a su relación con el interés."

Jürgen Habermas: "Conocimiento e interés." Ed. Taurus.


Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Unha vez mais no Encoro do río Salas, nesas terras increibles que debuxan a Baixa Limia, onde se creou o parque natural Baixa Limia-Xurés, transfonteirizo. Unhas terras indómitas, abraiantes, malia a poderosa intevención humana. Terras ás veces ásperas, terras de contrastes pero ben caracterizadas, individualizadas, conservando unha especie de áurea que invita a perderse por todos os seus recónditos e remotos recunchos.



Fotografía do blogue megaliticia.

Terra de antas-dólmenes, como vimos repetindo nunha morea de entradas, terra de mámoas, de megalitismo. Por iso o encoro de Maus de Salas é unha fonte continua de elementos descoñecidos para a vista a maior parte do ano e, ás veces, durante moitos anos. Son cámaras que pouco a pouco van esmorecendo, asolagadas, axfisiadas polo inmenso peso das augas. Esas augas que lles van conferindo, cando as podemos contemplar, un aspecto irreal, un aspecto limpo, sen vexetación:  van limpando pouco a pouco toda a súa contorna e erosionando os seus milenarios esteos.



Fotografía do blogue megaliticia.

Aquí, na Veiga de Requiás, podemos admirar os restos fantasmagóricos doutra destas fermosas antas-dólmenes que durmen afogadas o sono de milenios: trátase dunha cámara megalítica que semella conservar cinco esteos probablemente xa moi remexidos e algún fora do seu lugar orixinal. Cinco esteos e aínda podemos vislumbrar a feitura abombada da mámoa e, ciscallados pola súa superficie limpa e lavada, diversas pedras que ben poderían formar parte do anel peristalítico ou ben da probable coiraza pétrea.


En Sigrás, nun día marcado para sempre do ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



BIBLIOGRAFÍA E ENLACES DE INTERESE

https://megaliticia.blogspot.com/2021/10/Dolmenes-sumergidos-Embalse-Salas.html

https://www.facebook.com/xavierperdiz/posts/pfbid02Wa77shf34WpAbodctKpmkose6hLfZYk8as5k2kzeRc6ffYVEwmCcCWmaFvdBBPtQl