xoves, 20 de febreiro de 2025

ANTA-DOLMEN DA GÁNDARA. Encoro da Fervenza. San Antoíño de Baíñas, Vimianzo.

ANTA-DOLMEN DA GÁNDARA


“Cada bloque de piedra tiene una estatua en su interior y es la tarea del escultor descubrirla.”

Miguel Ángel Buonarrotti.


Versión da Anta  segundo visión idealizada de 
Moncho Boga, 2024.

A parroquia de San Antoíño de Baíñas atópase ao sur do Concello de Vimianzo e limita ao norte coas parroquias de Castrelo, Cambeda e Serramo (Vimianzo), polo leste co Concello de Zas, polo sueste co de Mazaricos, polo suroeste co Concello de Dumbría e polo oeste coa parroquia de Berdoias.



Vista do Encoro da Fervenza, fotografía de Javier Pais.


Pertencente á Terra de Soneira, é unha das comarcas galegas con mais presenza de elementos megalíticos, non tanto en canto á densidade, como á conservación das cámaras ou dolmenes Baíñas amosa tamén unha forte presenza megalítica: a Pedra da Arca fai de marco de término co Concello de Dumbría, pero, ademais, forma parte da extensa necrópole megalítica situada na ribeira dereita do río Xallas e, como veremos, moitas das antas que a conformaban están hoxe baixo as augas do Encoro da Fervenza sobre o río Xallas.



Fotografía de Fidel Méndez.

O Encoro da Fervenza foi construido aló polo ano 1966 no cauce do río Xallas e está ubicado, ou abrangue, os concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Ocupa unha superficie de 1.250 hectáreas.

A presa ten unha altura de vintesete metros e centovintesete de lonxitude. O nome procede do Castelo da Fervenza (parroquia de Olveira) que estaba nun dos pequenos outeiros que forman a garganta onde se asentan os cimentos da presa, que se sitúa sobre os límites que separan os concellos de Mazaricos e Dumbría.




Fotografía do blogue megaliticiablogspot.com.

A construción deste encoro cambiou a vida dos habitantes para sempre: a inundación de grandes zonas adicadas tradicionalmente ao cultivo provocou o aumento da humidade, formando grandes bancos de néboa. Tamén quedaron asolagadas algunhas pequenas poboacións.



Fotografía de Fidel Méndez.

Precisamente debido a ese asolagamento e inundación brutal, tamén se anegou a necrópole megalítica que hoxe nos ocupa: baixo as augas deste enorme encoro atópase a Anta da Gándara de Baíñas e só se pode contemplar cando o nivel das augas baixa considerablemente.



Fotografía de patrimoniogalego.net

O movimento das augas foi erosionando tanto a terra que formaba a mámoa ou túmulo, como os esteos que conformaban a estrutura arquitectónica da cámara, que agora se está a conservar como un calco do que fora. Malia todo iso, aínda se pode contemplar nidiamente, cando a seca é extrema, a circunferencia da mámoa, coas pedras que formaban o anel peristalítico. No centro dese círculo resalta un gran esteo vertical moi puntiagudo, único resto  da estrutura arquitectónica da cámara que permanece no seu lugar orixinal: o resto dos esteos aparecen espallados, esnaquizados, e un deles partido pola metade. 



Fotografía de Fidel Méndez.

Como estaba a dicir mais enriba, a Terra de Soneira (e con ela toda a Costa da Morte), é unha das comarcas com maior presenza de dólmenes de Galicia: Pedra da Arca, Arca de Rabós, Casota de Freáns, Arquiña de Vilaseco, Mina de Recesindes, Pedra Cuberta, Pedra da Lebre ou Arca da Piosa, son algúns dos moitos mais dólmenes que salpican toda esta bisbarra. 


OUTRAS MÁMOAS NO ENCORO DA FERVENZA



Fotografía de Fidel Méndez.



Fotografía de Fidel Méndez.




Mapa do Encoro da Fervenza.



COUSAS QUE VISITAR E DISFRUTAR NA TERRA DE SONEIRA


Para non entrar noutros moitos recursos turísticos que abondan nestas terras, voume centrar nunha famosa ruta que desde hai xa anos mantense como un dos principais roteiros culturais desta terra a saber, a Ruta dos Dólmenes. Trátase dun itinerario circular que se pode realizar en automóbil, en motocicleta e/ou en bicicleta. Conecta uns poucos dos moitos exemplares megalíticos da Terra de Soneira.



Ruta dos dólmenes, Concello de Vimianzo




Centro Interpretación do Encoro Fervenza en Baíñas.



En Sigrás, nas previas do Entroido de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!

BREVE BIBLIOGRAFÍA


De Javier Pais from A Baña, España - Embalse da FervenzaUploaded by Igrexas, CC BY 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=22539926

http://patrimoniogalego.net/index.php/6649/2011/10/anta-na-gandara-de-bainas/

https://gl.wikipedia.org/wiki/Encoro_da_Fervenza

https://www.vimianzo.gal/turismo/info.php?sec=245&idioma=es

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/perimetral-encoro-da-fervenza-mazaricos-zas-vimianzo-y-dumbria-71781533

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/centro-de-interpretacion-encoro-da-fervenza-vimianzo-24837.html

https://www.turismo.gal/que-facer/birding-in-galicia/onde-ver-aves-en-galicia/aves-e-auga/encoro-de-fervenza-e-bainas?langId=gl_ES

https://www.vimianzo.gal/turismo/info.php?id=645&idioma=es&sec=219






martes, 18 de febreiro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DE MUIMENTA. Báscuas, Gondar e Romeáns, Lugo

PEDRAFITA-MENHIR DE MUIMENTA

"1.-Es notorio que ha existido, según se dice, un autómata construido de tal manera que resultaba capaz de replicar a cada jugada de un ajedrecista con otra jugada contraria que le aseguraba ganar la partida. Un muñeco trajeado a la turca, en la boca una pipa de narguile, se sentaba a tablero apoyado sobre una mesa espaciosa. Un sistema de espejos despertaba la ilusión de que esta mesa era transparente por todos sus lados. En realidad se sentaba dentro un enano jorobado que era un maestro en el juego del ajedrez y que guiaba mediante hilos la mano del muñeco. Podemos imaginarnos un equivalente de este aparato en la filosofía."

Walter Benjamin:  "Tesis de la Filosofía de la Historia"



Pedrafita de Muimenta segundo versión de 
Moncho Boga, 2024.



As parroquias que abranguen a situación-ubicación da Pedrafita de Muimenta están todas elas no Concello de Lugo: a de Santa María de Báscuas atópase a nove quilómetros, e por ela discorre o Camiño Primitivo. Nesta parroquia, como veremos, atópase unha canteira de tamaño medio da que se extrae granito a nivel industrial.



Outra vista da Pedrafita de Muimenta.
Debuxo de Moncho Boga, 2024.

As consideracións sobre esta curiosa pedrafita-menhir foron extraídas do blogue de Xabier Moure onosopatrimonio, incansable investigador e divulgador das "cousas" da nosa terra.



Mapa do Concello de Lugo coa situación de Báscuas 
e do Camiño Primitivo.

En primeiro lugar, das súas meticulosas pescudas, descubre un documento de 1783 no que se nomea a "peña de Mouimenta", que estaba chantada ao carón do devandito Camiño Primitivo a Santiago.

Moure descubriu que a veciñanza contaba que no sitio houbo unha pena cunha cruz gravada con toscos trazos e, a pesares dunha intensa búsqueda, ésta sempre resultou tan inútil como infructuosa. Sen embargo, as cousa trocaron cando xa hai algún tempo procedeuse a unha intensiva limpeza da vexetación que estaba a cubrir o afloramento rochoso onde a tradición popular situaba a cruz buscada: e aí apareceu unha curiosa pedra tumbada e medio cuberta pola espesa vexetación, de xeito que non deixaba albiscar as súas especiais características. Sen embargo, ao erixila do chan, as primeiras impresións mudaron radicalmente.



Fotografía de Xabier Moure.

Efectivamente, unha vez colocada verticalmente, puidose concluir que o esteo en cuestión aparecía moi ben traballado, labrado, sen dúbida por man humana. Tamén se puido constatar que nalgún intre estivo chantada, ben nese mesmo lugar, ben nas inmediacións. Ademais, puidose apreciar con certa claridade que o esteo fora cortado por unha das súas caras e que quixeron partilo por mais partes, feito deducido polas marcas para introducir a cuña que empregaban os canteiros para extraer a pedra. Sen embargo por algunha descoñecida razón, non chegaron a esnaquizala por completo.

O que a Moure lle parece evidente é que esta é a Pena de Muimenta, citada no documento de 1783. Hoxe en día no lugar hai unha tremenda canteira (desde os anos da década de 1950 polo menos) e Moure observou no voo americano de 1956-57 que, a pesares das alteracións provocadas pola canteira, o emprazamento do fito permaneceu inalterado no medio do caos destrutivo da canteira, talvez porque o afloramento rochoso que está ao lado atópase á beira da estrada comarcal que aí coincide co vello Camiño Primitivo xacobeo.

A posible pedrafita mide na parte mais ancha, na base, ao redor de cincoenta centímetros e vai estreitándose paseniñamente cara á croa; a altura non acada o metro e medio. En duás das súas caras aparecen cruces gravadas; noutra das caras aparece unha gravura que pode ser unha ferradura ou ben un óvalo. 



Fotografía de Xabier Moure


Segundo as deducións de Moure, a pedrafita, que foi utilizada como marco, funcionou sempre, desde épocas prehistóricas, como un lugar importante, recoñecido por todos, ben como sinalizador de camiño antigo, de necrópole megalítica, como demarcador espacial..., calquera destas funcións semella que se está a cumplir para este fermoso megálito. 

Pero ademais, Moure céntrase na análise do topónimo "Muimenta" e chegou á conclusión (seguindo a Cabeza Quiles e Navaza) que procede de "monumenta", plural de "monumentum" que identifica lugares de interese arqueolóxico e/ou arquitectónico. Tamén podería referirse a antiguos monumentos megalíticos, como sosteñén tanto Ares Vázquez como Cabeza Quiles.

Nese senso Moure sinala que no radio dun quilómetro atopamos a necrópole megalítica do Monte Agüierias; a Medorra de Brea; un círculo ou roda (henge?) duns cincuenta metros de diámetro, así como dous castros... Tamén é probable que a canteira destruise outros moitos restos arqueolóxicos na contorna inmediata.

Con respecto ás toscas cruces, coma sempre, poden interpretarse como un símbolo de cristianización dun lugar pagano, ou ben poden ser as comúns cruces dos marcos de término de época medieval ou moderna.



A pegada do oso ou ferradura?. Fotografía de Xabier Moure

É moi interesante a consideración que Moure fai sobre a ferradura ou o óvalo gravado, a partir dun texto agrimensor do século III d.XC. Pouco mais ou menos o texto relata que si unha pedra ou marco de término ten gravada unha ferradura, trátase dun trifinium a saber, o punto onde converxen tres xurisdiccións ou divisións territoriais. Ese é o caso da Pena de Muimenta, que fai de marco de término das parroquias lucenses de Báscuas, Gondar e Romeán. O texto tamén sinala que debe haber unha fonte: no noso caso, non moi lonxe hai dúas fontes, aínda que tamén é probable a existencia dalgunha outra mais preto da pedrafita, que se cadra foi destruida pola consabida canteira.

Para concluir, Moure pregúntase si en vez de ferradura, fose a pegada dun oso: "Se nun fito divisorio ou nunha pedra natural se representara a pegada dun oso, significa o comezo dun bosque sagrado" (Latinus Togatus). Tal vez por iso poidera ser que a Pena de Muimenta sinalase a porta de acceso a un bosque sagrado, o que ben a aportar unha sublime interpretación da Pedrafita-menhir de Muimenta como umbral de acceso a un nemeth, como un lucus.

En Sigrás, a finais de febreiro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA BREVE

onosopatrimonioblogspot.com

xoves, 13 de febreiro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO CAMÍN OU DAS XUNQUIÑAS. Cervantes-Navia de Suarna.

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO CAMÍN OU DAS XUNQUIÑAS

"¿Por qué el ojo ve las cosas más claras en los sueños que en la imaginación cuando nos levantamos?"

Leonardo da Vinci



O Marco Camín segundo versión de Moncho Boga, 2024.

As únicas e inestimables referencias de que dispoño ao redor deste singular marco-pedrafita, proceden do tremendo blogue de Xabier Moure onosopatrimonio.

Trátase dun marco de término, posiblemente unha pedrafita reaproveitada como tal, que divide ou limita os Concellos de Cervantes e Navia de Suarna, nos  grandiosos Ancares galegos.

A súa ubicación, poderosamente chantada, localízase xunto a unha estrada ou pista asfaltada que leva desde a Braña do Brandozo ata o límite coa provincia de León, xa no Bierzo.



Fotografía de Xabier Moure en patrimoniogalego.com

Conta Moure que, seguindo as súas metódicas investigacións, na cartografía figura co nome equivocado de Marco das Xunquiñas ou do Pozo. O topónimo Xunquiñas tamén nomina a un pequeno regato e a un monte, aledaños ou nas cercanías.

No seu meticuloso rastrexo buscando información, descubriu que os veciños de  Murias (Rao-Navia de Suarna), Poso (Pando-Cervantes) e os de Balouta e Suárbol no Bierzo o coñecen co nome de Marco de Camín ou de Xunquiñas: descubriu que os veciños de Poso tamén o denominan como Marco de Xunquiñas ou de Poso, de xeito que é probable que a denominación actual de Pozo sexa unha deturpación do nome deste pequeno núcleo rural galego.

A fermosa pedrafita Marco de Camín  acada unha altura á vista de pouco mais de metro e medio e, afondando na súa función de marco de término, non só separa dous concellos, senón que tamén está a delimitar  desde pretéritos tempos (posiblemente desde a prehistoria) o monte da Cospedosa en Cervantes e o Monte de  Murias en Navia de Suarna.



Nas súas pescudas, ademais de descubrir que o topónimo actual é errado, tanto a partir das testemuñas veciñais, tamén descubriu a orixe deste erro na documentación histórica. Un Veciño de Murias, José Fernández alias Vilarín, aportoulle documentación onde xa se fala do Marco de Xunquiñas, como tamén acontece nos interrogatorios do Catastro da Ensenada.

Moure subliña ademais que o Marco do Pozo era outro moxón situado non moi lonxe, que foi sustituido por un marco de cemento (alcumado así talvez polo lugar coñecido como Pozo do Tesouro) e que delimita hoxe en día as provincias de Lugo e León e ata non hai moito tempo limitaba ou  marcaba os lindeiros das aldeas de Pouso e Moreira no Concello de Cervantes, Murias de Navia de Suarna e Suárbol na provincia de León.



Fotografía de Xabier Moure en patrimoniogalego.com

Como corolario, o Marco de Xunquiñas ou do Pozo, leva hoxe como ostentoso ornato ou anuncio con letras gravadas do coto de caza a saber, "Coto N. de Caza" por unha cara e, pola outra, "Coto de Caza LU 1022...", a pesar de estar prohibido por Lei.

Sinalar, por último, como vimos mantendo ao longo dos anos, a persistencia da utilización das pedrafitas como marcos de término desde as profundidades da historia: os monumentos megalíticos en xeral, e as pedrafitas en particular, desempeñaron desde sempre, entre outras funcións, unha función espacial, como marcos delimitadores de territorio e dicir, un papel socio-territorial. Esa significativa función de estruturación da paisaxe (marcadores do territorio, de espacios habitables, de lugares de tránsito...) foron funcionando de forma recurrente como marcos identificadores en datas históricas. Polo tanto concluimos, seguindo os estudos de Martinón Torres, coa constatación do concepto de CONTINUIDADE como un feito consustancial á existencia do megálito. Dese xeito ábrese o reto de reconstruir a historia, unha histroia que abre unha ventá para comprender a nosa paisaxe e por ende a nosa cultura:

"Es una historia de la que son partícipes los constructores de megalitos, pero también los campesinos, las mouras encantadas, los buscadores de tesoros, los paseantes ilustrados, los canteros desvastadores, los propios prehistoriadores... Todos los que, a la largo de la vida de los monumentos, hemos tenido relación con ellos" (Martinón Torres).


Saúde, sorte e libros!!!
En Sigrás, un día gris de febreiro de 2025.

QUE VER NOS ANCARES?

TODO.


BIBLIOGRAFÍA

https://patrimoniogalego.net/wp-content/files_mf/cache/th_7f48715928dfe0c3d117a6df4d299302_Navia-de-Suarna-Marco-de-Xunqui%C3%B1as5.jpg

https://patrimoniogalego.net/index.php/60473/2014/05/marco-de-xunquinas/

http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com.es/2011/07/toponimia-do-concelo-de-navia-de-suarna.html

http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com.es/2011/01/toponimia-do-concello-de-cervantes_23.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/firmas/2014/07/13/mala-sorte-corren-os-marcos-historicos-ancares/0003_201407L13C10991.htm

Martinón Torres : "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los monumentos megalíticos a partir de las fuentes escritas". Trabajos de Prehistoria, Santiago 2021.

luns, 10 de febreiro de 2025

ANTA-DOLMEN DO OUTEIRO DAS AUGAS. Santiago de Calvos, Bande

ANTA-DOLMEN DO OUTEIRO DAS AUGAS

"La filosofía está escrita en este grandísimo libro que continuamente se abre ante nuestros ojos, el universo, pero no se puede entender si antes no se aprende a entender la lengua y a conocer los caracteres en que está escrito. Está escrito en lengua matemática, y sus caracteres son triángulos, círculos y otras figuras geométricas, sin las cuales es imposible humanamente entender una sola palabra de ella, sin la cual se deambula en vano por un oscuro laberinto."

Galileo Galilei



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

A Anta-dolmen do Outeiro das Augas atópase no territorio da parroquia de Santiago de Calvos, pertencente ao Concello de Bande, no lugar de Aldea de Arriba. Está a 1040 metros de altitude no monte denominado Alto do Outeiro das Augas: Calvos de Bande, nun dorso ocupando tres portelas consecutivas.



Mapa extraído do Bloque "Estar vivo bajo el cielo azul"

Desde Bande hai que ir en automóbil para a continuación camiñar uns douscentos metros ata a anta: o acceso é bastante complicado, por non dicir que perigoso. Será necesario levar o XPS. 



O Alto de Outeiro das Augas é un porto de montaña que fai de lindeiro entre os concellos de Bande e Verea, e ademais é unha das moitas portas de acceso á mítica e lexendaria Serra do Laboreiro.



Fotografía extraída de megaliticiablogspot.com

Como xa vin contando noutras entradas deste blogue, na Serra do Laboreiro, a raia seca, límite natural entre Galiza e Portugal, aparecen espalladas unhas extensas necrópoles megalíticas que xuntan entre todas mais de trescentas mámoas. A densidade destes monumentos na serra é de 4 por quilómetro cadrado. Segundo o xa tan nomeado e incansable profesor Eguileta Franco, a explicación desta enorme densidade pódese determinar pola na abundancia de auga: este feito permitiría o desenvolvemento da gandeiría, beneficiada polo uso do lume para renovar o solo, coa cinsa como abono para crear novos pastizais. Esto tivo que facilitar ou favorecer o asentamento de comunidades neolíticas que deixaron a súa pegada en forma de mámoas. Éstas ademais puideron funcionar como delimitadores espaciais e/ou tamén como marcos de referencia, de término, como aínda están a facer hoxe en día como marcos fronteirizos entre Galicia e Portugal.


F
Fotografía extraída de megaliticiablogspot.com

A necrópole do Outeiro das Augas, como estaba a dicir antes, atópase a uns 1040 metros sobre o nivel do mar e está conformada por once mámoas, moi preto da estrada que leva de Bande a Grou. Todas as mámoas son de cativas dimensións, agás dúas que acadan un tamaño medio.



Fotografía extraída de megaliticiablogspot.com

A Anta-dolmen que me ocupa nesta entrada é a número 4 da necrópole e a mámoa na que se acubilla acada uns quince metros de diámetro. Do funil de violación sobresae unha pequena cámara de estrutura poligonal formada por sete esteos e non está a conservar a pedra covertora. Na mámoa número seis tamén se están a conservar tres esteos, un deles tumbado, fóra do seu sitio.



Fotografía extraída do blogue onosopatrimonio.

O percorrido megalítico por esta excepcional serra, pódese iniciar no Outeiro das Augas, desde o vértice xeodésico e, pouco a pouco introducirse no increíble planalto da Serra do Laboreiro.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.


E COMO NON SÓ VIVIMOS DO MEGALITISMO...

Noutras entradas deste mesmo blogue incidín de xeito explícito (talvez perentorio) na necesidade vital de visitar estas terras do sul mais sul do país galego. Neste caso, Bande. Que se pode dicir mais destas asombrosas terras? Que visitar?

Non sei por onde empezar, porque calquera curruncho, calquera fraga, regato, encoro, fraga, monumento natural..., ou calquera lugar que se albisque desde as estradas que sucan o territorio, é susceptible de ser visitado, e non quedaremos defraudados.

Por ser un pouco tópico, hai que recomendar -por suposto- a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande e a aledaña de San Pedro. Aquis Querquennis, campamento romano, co seu centro de interpretación Aquae Querqennae-Vía Nova, unha das Portas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés; e por suposto as antigas Caldas e a Mansión Romana. Tanto dun lado da fronteira con Portugal coma do outro ides atopar lugares, espazos, currunchos, que desde logo non vos deixarán indiferentes.

Pero como estamos en Bande, debedes visitar e percorrer o Parque Arrqueolóxico do Monte Grande, nas aforas desta vila, preto do Alto do Vieiro.

En Sigrás, preto de incertos acontecementos, no inverno de 2025.
Saúde, sorte e libros!!! 



SOMERA BIBLIOGRAFÍA E ALGÚN ENLACE

J.M. Eguileta Franco: “El volumen de los monumentos megalíticos: aportación a los patrones de emplazamiento en la comarca de A Baixa Limia (Ourense, Galicia)”

http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/2013/11/mamoas-e-antas-de-galiza-ii.html

http://megalitos.arqueoloxico.com/fichasou/32006005.html

https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2017/12/vieiro-das-mamoas-outeiro-de-augas.html

https://photos.google.com/share/AF1QipNb9eOejciHUt11UsJGdgyvCvKYzJ4t40OUwHy_M9D0a4003MteJulAzabZ3a7sUw/photo/AF1QipNE0yVUCdHehv9S0hQKAgLusfj4bVZmMKNpmBUD?key=LU1zaHlVTldjTGRnUXZ5YWxqakswR3FKcG9ZZmxB

https://megaliticia.blogspot.com/2022/12/Mamoas-Outeiro-Agua.html

https://concellobande.com/es_es/museos/

https://concellobande.com/gl/lugares-para-descubrir/

https://outermal.depourense.es/concello-de-bande/

https://patrimonionatural.xunta.gal/gl/baixa-limia-serra-xures

https://patrimonionatural.xunta.gal/gl/node/133

venres, 7 de febreiro de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA PEDRA POUSADEIRA- San Miguel de Cequeliños, Arbo.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA PEDRA POUSADEIRA

"El sentido del conocimiento, y, por tanto, también la medida de su autonomía, no se puede explicar de ningún modo si no es mediante el recurso a su relación con el interés."

Jürgen Habermas: "Conocimiento e interés". Ed. Taurus.



Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.
                                                                                                                                                  
                
Hoxe vou retornar á Terra da Paradanta, ao Concello de Arbo, territorio vagoroso, entre montañas e grandes vales encaixonados ao redor do río Miño, do noso río, do Río por antonomasia.




Fotografía de megaliticiablogspot.com

O Concello de Arbo atópase, no entanto, entre os Montes da Paradanta e a ribeira do Miño, que fai de fronteira natural e administrativa entre Portugal e España. Trátase do curso baixo do Miño, entre Salvaterra e Crecente, ao redor de vintecinco quilómetros, no sureste da Provincia de Pontevedra. Os outros lindeiros do Concello de Arbo son os concellos de As Neves, A Cañiza e Crecente.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Os restos maltratados da Anta Mámoa da Pousadeira atópanse nunha zona  montesía e a eles accédese por unha pista sen asfaltar, polo que chegar a ela é moi dificultoso. Para non perderse, o mellor é dispoñer dun XPS. Aínda así, malia complicación  para atopala, o último tramo hai que facelo andando: desde a estrada PO-400 hai que desviarse cara á estrada E-5204 á esquerda. Pouco mais ou menos ubícase entre os lugares de A Fenteira ao norte e A Muraña ao oeste; a Cigarreira cara ao leste. En definitiva, aínda que pertence á parroquia de San Miguel de Cequeliños, ben puido funcionar, noutrora, como fito demarcatorio entre a devandita parroquia e San Cristrovo de Mourentán.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

A Anta atópase moi esnaquizada e chea de silvas e vexetación invasiva e está circundada por un valo de madeira para protexela. O estado de conservación é extremadamente malo. Polas fotografías de que dispoño pódese inferir que se están a conservar cinco esteos descolocados nun gran funil de violación que debe afectar a toda a estrutura tumular e arquitectónica. Toda esta área atópase ben representada a nivel toponímico con términos como Mourentán ou A Moura, que se aplica a unha parroquia, a camiños, a montes e a petróglifos.

O topónimo pousadoira ou pousadeira fai xeralmente referencia a terrenos especialmente preparados, algo así como unha plataforma, unha pequena chaira. Pola situación orográfica considero que neste caso pode facer referencia a lugares de pasto, asentamentos de verán, cuxo significado sería equivalente ao de "brañas". Tamén pode aludir a un lugar de descanso, como adoitaba acontecer nas vías transitadas, onde había lugares onde descansar, onde "pousar" as mercadurías.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

                  
En toda esta área hai unha boa representación de petróglifos, unha mámoa mais e, no Concello, a necrópole megalítica de Chan do Rei. O camiño-pista que serpentea preto da anta denomínase Sendeiro da Moura e, non moi lonxe, atópase o Couto da Moura.  Petróglifos como os de Fentiño Verde, Couto da Moura, Fanacabritos ou Pousadeira falan elocuentemente da potencia arqueolóxica desta zona. Desde o Coto da Moura unhas extraordinarias panorámicas permiten vislumbrar boa parte do Val do Río Deva e un extenso horizonte das paisaxes da beira portuguesa.



Ruta da Moura. Concello de Arbo.

Precisamente, polos lugares aledaños serpentea a Ruta da Moura: trátase dun sendeiro circular de dificultade media. Entre os nove quilómetros e medio e os once, si se sigue a derivación que leva  ás ribeiras do río Deva, tributario do Miño. Aldeas abandonadas, muíños, fragas de ribeira... Comenza e finaliza na Ponte de Mourentán. Nun dos tramos mais maltratados paisaxísticamente, atópase o Couto da moura, plagado de petróglifos, así como a Mámoa da Pousadoira, que non se inclúe no percorrido. 



Sendeiro da Moura, pdf do Concello de Arbo.



Museo Arabo. Foto Concello de Arbo.

Arbo, un concello talvez sublime, talvez fermoso, espléndido sen dúbida, amosa certamente valores incontestables e, nos últimos anos, está loitando denodadamente por recuperar poboación e por poñer en valor os múltiples valores e recursos dos que dispón con profusión, a través do patrimonio histórico-artístico, natural, arqueolóxico, paisaxístico, antropolóxico... Entre os roteiros para coñecer este excelente patrimonio, destacamos os seguintes: Ruta dos Pescadores, Ruta das Pesqueiras, Paseo Fluvial do río Miño-Deva e o xa sinalado Sendeiro da Moura. 



Petróglifo de Fanacabritos.
Fotografía de megaliticiablogspot.com


Terra de Albariños e Condados e, sobre todo, capital mundial da Lamprea. O Museo Arabo está adicado precisamente a amosar o mundo do viño e da lamprea, ensinando un variado universo enogastronómico vencellado a unha milenaria cultura. É así que o río Miño e a Lamprea seguen a ocupar un lugar central: as Pesqueiras ou Pescos, que aínda se están a conservar e a utilizar, son o prototipo de construción como síntesis perfecta entre arquitectura e enxeñería, un modo de vida para a economía local. Séguese, hoxendía, a empregar na pesca da lamprea esa técnica ancestral.



Unha Pesqueira no río Miño en Arbo. 
Foto, Concello de Arbo


Sempre merece a pena voltar ás profundas terras da Paradanta, ás terras do Miño, ao Concello de Arbo.

En Sigrás, nos turbulentos tempos de febreiro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



ONDE CONSULTAR ALGO MAIS

pousadeira.htmlhttps://megaliticia.blogspot.com/2015/11/mamoa-da-pedra-pousadeira.html
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=110
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=6
https://es.wikipedia.org/wiki/Arbo
https://concellodearbo.es/eportal/portal/?id_seccion=114
https://www.queverengalicia.com/2012/08/que-ver-en-arbo.html
file:///C:/Users/monchoboga/Downloads/Sendeiro%20da%20Moura%20Exterior%20(1).pdf
https://concellodearbo.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=143
https://concellodearbo.es/eportal/portal/index.php?id_seccion=114
Planeamento urbanístico Arbo

luns, 27 de xaneiro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DO COUTO MIXTO II. San Xoán de Randín, Calvos de Randin

PEDRAFITA-MENHIR DO COUTO MIXTO II


"Aí, vindo de Randín para aquí, hai un montiño ao que lle chaman A Picoña, onde houbo un castelo. Nese lugar era onde dicía a xente que estivera exiliado o rei que había aquí, ou o xefe. Que enriba, mesmo no alto, hai coma se fose unha pía ou bañeira feita na pedra, da que contan que era onde se lavaba o rei."

RODRÍGUEZ CRUZ, José (2006). «O Couto Mixto: Lendas de tradición oral», en Lethes: Cadernos Culturais do Limia, nº. 7



Pedrafita-menhir do Couto Mixto,
segundo versión de Moncho Boga, 2024.

Como relataba na entrada anterior, o Camiño Privilexiado constituía unha auténtica autopista libre de peaxes, por onde circulaban mercadurías exentas de impostos para os habitantes do Couto Mixto, nos actuais concellos de Calvos de Randín e Baltar.

O Camiño Privilexiado  cruzaba as tres aldeas do Couto Mixto, sulcaba o territorio de Randín, bordeaba o Castelo da Piconha, introducíase  sinuoso nas terras portuguesas e remataba na vila lusa de Tourém. Como xa dixera, o Camiño estaba marcado con diversas sinais, como a pedrafita I, que ten unha gran cruz gravada nunha das súas caras.



Unha das parroquias do Couto Mixto.
Fotografía galeguizargalicia.

Como curiosidade hai que contar que os documentos do Couto Mixto recollíanse e gardábanse nunha gran Arca que tiña tres pechaduras: para abrila realizábase unha cerimonia na que tiñan que estar o xuíz e os tres posuidores das chaves, a saber os Homes do Acordo.



Mapa do Couto Mixto e do Camiño Privilexiado.
De: https://es.slideshare.net/slideshow/a-historia-do-couto-mixto/57970413

Finalmento o Couto Mixto foi abolido tras longas e supoño que árduas negociacións entre Portugal e España: a súa mesma existencia era coma un gran molesto para ambos os dous países. Como resultado das negociacións, os tres pobos do Couto Mixto pasaron a pertencer a España, e Portugal quedaríase cos tres pobos promiscuos de Cambedo, Souteliño e Lama de Arcos. Con este acordo en 1864 (Convenio de Lisboa) desapareceu  o Couto Mixto para sempre, e con él todos os seus privilexios: desapareceu ata na memoria e os seus habitantes nin siquiera foron consultados.



Fotografía: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/couto-mixto-camino-privilexiado-y-regreso-por-paradela-126226818/photo-80625695

Hoxe en día, desde finais do século XX, recuperouse o arcón (a documentación perdeuse) e toda a memoria que se ven recuperando gárdase nel, como se fixera sempre. Os tres "Homes do Acordo" posúen as tres chaves e o primeiro sábado de xullo, todos os anos, celébrase un acto cerimonial na igrexa de Santiago de Rubiás onde se elixen diversas personalidades como Xuíces Honorarios do Couto Mixto.



Fotografía de Elixio Vieites

A Pedrafita-Menhir Marco II do Camiño Privilexiado preséntase con forma xeral tirando ao cilindro, algo abombada por veces, sobre todo na parte central; insinua certa forma cadrangular na base e vai diminuindo paseniñamente ata chegar á croa. Trátase dunha poderosa pedrafita-menhir feita de granito e atópase chantada nunha suave pendente, á beira do Camiño, non moi lonxe do Río Salas.



A Pedrafita-Menhir Marco II.
Foto de: https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/calvos-de-randin-comarca-da-limia-ourense-camino-privilexiado-63522178/photo-42182201

Entre microtoponimia da zona podemos destacar O torgal, As Míllaras, As Filgueiras, A Cruz, A Lama Grande, A Rocha...

En definitiva, e para rematar, é recomendable e necesaria unha visita a estas recónditas terras, cuxos poucos habitantes están a loitar denodadamente por recuperar un sono cercenado e unha historia que os identificou durante séculos cunha propia idiosincrasia sen paralelismos en ningunha outra das terras de Europa.



Unha vista do Camiño Privilexiado.
Fotografía: http://www.calvosderandin.com/gl/content/o-couto-mixto


En Sigrás, nos últimos días dunha imaxinaria e gran costa, 2025.
Saúde, sorte e libros!!!



Coordenadas da Pedrafita-Menhir marco II
Latitude: 41.9110562877
Lonxitude: -7.83956989646

865 m.s.n.m.




POR SI QUEREDES PROFUNDIZAR


Barros, Carlos (1994). " O Couto Mixto. Unha república esquecida". Medievalismo.

Cairo, Heriberto; Godinho, Paula (2013). «El tratado de Lisboa de 1864: la demarcación de la frontera y las identificaciones nacionales». Historia y política: Ideas, procesos y movimientos sociales (30).

Brandón, Delfín Modesto (1907)."Interesante Historieta del Coto Mixto: con una digresión político-social-religiosa". A Coruña: Tierra Gallega. 

García Mañá, L. M. (2005) Couto Mixto, unha república esquecida. Ed. Xerais.

López Mira, A. X. (2008) O Couto Mixto: Autogoberno, fronteiras e soberanías distantes. U. Vigo, Madrygal.

Rodríguez Cruz, José (2006). «O Couto Mixto: Lendas de tradición oral», en Lethes: Cadernos Culturais do Limia, nº. 7

https://proxectopiconha.wordpress.com/
https://vialethes.es/picona-fortaleza-couto-mixto
https://patrimoniogalego.net/index.php/74493/2015/04/marco-no-camino-privilexiado-do-couto-mixto-ii/
https://patrimoniogalego.net/index.php/74493/2015/04/marco-no-camino-privilexiado-do-couto-mixto-ii/
https://patrimoniogalego.net/index.php/74484/2015/04/marco-no-camino-privilexiado-do-couto-mixto/
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/05/pedrafitas-do-medievo.html
http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/es/coutomixtoesp/historia2
http://www.calvosderandin.com/gl/content/o-couto-mixto
https://www.talesofawanderer.com/blog/2015/02/08/couto-mixto/
http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/es/turismoesp/rutas-senderismo
https://patrimoniogalego.net/index.php/67469/2015/01/camino-privilexiado/
http://www.calvosderandin.com/webjoomla/index.php/es/coutomixtoesp/historia2
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/calvos-de-randin-comarca-da-limia-ourense-camino-privilexiado-63522178/photo-42182201
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/couto-mixto-camino-privilexiado-y-regreso-por-paradela-126226818/photo-80625687
https://www.talesofawanderer.com/blog/2015/02/08/couto-mixto/
https://fronteiraesquecida.eu/fichas/couto-mixto-meaus/
https://galeguizargalicia.gal/espana-fascinante-couto-mixto-el-estado-gallego-que-fue-independiente-700-anos/

Documental de Isabel Martínez “A República dos Soños” (O Couto Mixto), 2007 http://canletv.agadic.info/curta/a-republica-dos-sonos/
DGMP 1085 La Raya Seca (Desde Galicia para el Mundo) https://youtu.be/-VmRjHO4F50
O Couto Misto/O Couto Mixto-(Galicia, Cruce de Miradas) TVG) https://youtu.be/DZ-ScGjMc7k