domingo, 16 de decembro de 2012

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MONTE MEDELA. Santaia de Probaos, Cesuras

PEDRAFITA-MENHIR MARCO DO MONTE MEDELA.

Para chegar: desde Santaia, onde hai dúas tabernas, ao pasalas, hai que coller un desvío á esquerda que baixa costaneiro. A menos dun quilómetro, hai que coller outro desvío á dereita no que hai unha sinal indicadora da ermida de San Xoán do Couto. A catrocentos metros atopamos á ermida.

O Pico da Medela atópase a 468 ms de altitude e, no lugar onde está asentado o Marco, eríxese unha pequena ermida adicada a San Xoán Bautista. Moi cerca emprazábase unha mámoa da que asomaban dous esteos da cámara. Segundo Vales Villamarín, un destes esteos salvouse porque fai de marco de termo entre as parroquias de Loureda e Paderne. Tamén conta que a tampa ou pedra cobertora do devandito monumento megalítico atópase no chan do palco da música.

O humilde Marco do Monte da Medela destaca, máis que polas súas características formais, pola cantidade de relatos lexendarios de que está rodeado. Por suposto, o número nove, número máxico onde os haia, aparece impertérrito e inconmovible nas lendas vencelladas ás tradicións máxico-curativas deste mínimo elemento que se engrandece cunha soberbia pátina de propiedades extraordinarias.

É unha visita recomendable desde moitos puntos de vista, tanto polos elementos reseñados como polas extraordinarias vistas: amplos horizontes recordan á inmensidade do universo...



Fotografía extraída do artigo, 
VALES VILLAMARÍN, F.: "Estudio de un marco dolménico en Cesuras (Coruña) y las leyendas que generó."
 Anuario Brigantino, nº 22. 1999


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


sábado, 15 de decembro de 2012

ESTEOS DA MÁMOA DE FONTE TOURÓN. San Miguel de Goiás, Lalín

ESTEOS DA MÁMOA DE FONTE TOURÓN.

Trátase duns interesantes esteos descubertos con motivo da execución dunha liña de Media Tensión no ano 2005 por Elena Cabrejas Domínguez, Alberto Rodríguez Costas e Marta Tabarés Domínguez, do Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe da USC. 

A área na que foron descubertos é unha zona de alta densidade megalitica e tanto o chamadao marco-lousa como os outros dous esteos aparecidos seguramente proceden da cámara megalítica da mámoa de Fonte Tourón.  Outras dúas mámoas eríxense nas proximidades. 



Fotografía de Elixio Vieites.

Son esteos con gravados megalíticos que se atopan non lindeiros das leiras nas que foron atopados. Probablemente, segundo os seus descubridores, formaron parte da estrutura megalítica da mámoa devandita.

Destaca o que chamaron Marco-lousa de Fonte Tourón, que foi reutilizado como marco das leiras: amosa unha boa feitura e ten debuxadaos diversos gravados singulares.


-Marco-Lousa de Fonte Tourón

Consiste nunha gran laxe de grantio que está chantada facendo de marco divisorio: sobresae un metro e catorce centímetros cun ancho que vai de entre os cincuenta e catro centímetros e os oitenta, así como un grosor medio de trinta centímetros. Amosa forma de bloque rectangular con varios gravados na sú superficie: motivos xeométricos en forma de liñas en "V" paralelas na parte superior, así como un serpentiforme máis abaixo.










-Esteo de granito

Estamos diante dun esteo de granito que mide dous metros e medio de lonxitude, cun ancho de entre setenta e oito e cuarenta e cinco centímetros. O grosor oscila entre os trinta e os corenta centímetros. A parte visible, pois está tirado no chan, amosa varios gravados entre os que destacan os ondulados ou serpentiformes: dous deles superan os trinta centímetros e os outros tres miden ao redor de cuarenta.









-Esteo chantado

Outro esteo, máis cercano ao Marco-lousa, facendo tamén de marco,  amosa así mesmo gravados e seguramente procede tamén da mámoa de Fonte Tourón.






En definitiva, nestes esteos aparecen os motivos máis característicos da arte megalítica galega, moi presente en numerosos elementos megalíticos e especialmente densa na comarca do Deza.

Segundo os seus descubridores, a organización decorativa é semellante á dos "ídolos" con forma antropomorfa atopados en varias antas galegas nos que as escotaduras superiores definen os ombreiros de figuras humanas. Este esquema tamén se repite no sul da Península Ibérica. Nas antas dos Campiños, Marco Pedroso ou na Estela de Poio..., repítense estes esquemas figurativos en esteos que forman parte da cámara megalítica.

Precisamente os esteos con decoración antropomorfa poden ter un uso igual ao dun menhir ou ao dunha estatua-menhir.


Conclusións, croquis e fotografías extraídas do artigo:

CABREJAS DOMÍNGUEZ, ELENA; MAÑANA-BORRAZÁS, PATRICIA; SEOANE VEIGA, YOLANDA: "Achado dunhas lousas con arte megalítico en Fonte Tourón" (Lalín, Pontevedra) Cuaderno de Estudios Gallegos, LV. Nº 122 enero-diciembre (2009), pp.: 9-31


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 14 de decembro de 2012

ANTA-DOLMEN DE PENACOBA. San Pedro de Navallos, Ribeira de Piquín.

ANTA-DOLMEN DE PENACOBA


Segundo a fotografía de que dispoñemos, a anta de Penacoba componse mediante uns esteos que poden acadar os dous metros de altura. Seguramente se adscribe á tipoloxía das cámaras de tipo poligonal con corredor desenvolvido, como corresponde as antas desas dimensións case de xeito xeral no noso país. Atendendo á devandita fotografía, pódense contar ata sete esteos que sobresaen de entre unha poderosa floresta de toxos.

Na información recollida do blog de Xabier Moure, chama a atención a lenda que relata que na bisbarra cóntase que nunha das mámoas de Vilacoba había enterrado un coiro de boi que contiña ouro no seu interior. Parece ser que ese ouro, segundo as verídicas informacións da veciñanza, foi atopado felizmente (e sin que sirva de precedente) por uns veciños da contorna.



Para máis información: blog onosopatrimonio.blogspot.com

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTAS-DOLMENES DA MOURA. Lugar As Cabanas, San Xoán de Moura. Nogueira de Ramuín

NECRÓPOLE MEGALÍTICA DA MOURA.

Estamos diante dunha fermosa necrópole megalítica que, cousa rara, atópase perfectamente sinalada. Para chegar, desde a estrada que leva de Luintra a Parada de Sil, atoparemos un desvío que nos levará directamente á A Moura: pouco despois dese desvío chegaremos a unha chaira denominada As Cabanas, desde onde se pode contemplar a necrópole.

Efectivamente, a necrópole componse  de sete mámoas de tamaño medio que amosan os omnipresentes funís de violación así como diversos restos das súas cámaras megalíticas en catro delas. Tamén poderemos observar diversas pedras espalladas que seguramente forman parte da coiraza pétrea.

A mámoa sinalada co número 4 é a meirande da necrópole e conserva varios restos dos esteos da estrutura arquitectónica megalítica.














Fotografías do blogue dolmentierraviva.blogspot.com


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!





xoves, 13 de decembro de 2012

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO FORGOSELO. As Pontes de García Rodríguez

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO FORGOSELO.

Trátase dunha anta con cámara adscrita as da tipoloxía circular con corredor corto. Foi escavada no ano 1993 por Vaquero Lastres.


Fotografía extraída da páx. web megalitos.arqueoloxico.com



https://www.clubmontanaferrol.gal/wp-content/uploads/2010/12/forgoselo.jpg

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-circular-serra-de-forgoselo-comarca-ferrolterra-a-coruna-55440553/photo-37064753

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ANTA-DOLMEN DE ZARRAMACEDO. Bando, Santiago de Compostela

ANTA-DOLMEN DE ZARRAMACEDO OU DAS DERRAMADAS. Bando, Santiago de Compostela.

Tamén se denomina Dolmen das Derramadas e atópase nunha zona de monte baixo adicada a labouras agrarias.



Fotografía da
páx. web megalitos.arqueoloxico.com


Trátase dunha cámara megalítica que perdeu todo o recubrimento tumular, polo que hoxe só se pode ollar o que queda da estrutura arquitectónica devandita. Conserva oito dos nove esteos que a estaban a conformar e debuxa unha cámara adscrita as do tipo poligonal con tendencia lixeiramente circular.


Planta da Anta de Zarramacedo


O eixo lonxitudinal L-O, acada  un metro e oitenta e cinco metros de lonxitude, e o eixo transversal atinxe unha lonxitude dun metro e cincoenta e cinco centímetros. A altura da cámara na parte visible vai de entre os setenta centímetros ata un metro e vinte. Todos os esteos amosan unha clara inclinación cara ao interior.


Información extraída do 
Plan Xeral de Ordenación Urbana
de Santiago. Ver Bibliografía


ANTAL-DOLMENES DA SERRA DO ÉDRAMO. O Incio, Lugo

ANTAS-DOLMENES DA SERRA DO ÉDRAMO.


Anta da Serra do Édramo 3

Trátase dunha mámoa de pequeno tamaño na que se insiren os restos de varios esteos que conformarían a cámara megalítica.

A mámoa acada, nos eixos meirandes, entre 12 e 13 metros aproximadamente. De altura non sobresae os dous metros.


Fotografía de Cándido Rico. Pax. web 
megalitos.arqueoloxico.com
                                 

Anta da Serra do Édramo 4

Estamos diante dunha mámoa un pouco máis pequena que a anterior que acada nos eixes uns dez metros por doce ms con setenta cms aproximadamente. A altura tampouco chega aos dous metros. Tamén está a conservar algún dos esteos que conformaban a estrutura arquitectónica megalítica.



Fotografía de Cándido Rico,
na páx. web megalitos.arqueoloxico.com

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!