mércores, 22 de abril de 2026

ANTA-DOLMEN LEIRA DA RAPADA. San Xoán de Vilatán, O Saviñao.

ANTA-DOLMEN LEIRA DA RAPADA

"Nadie está tan loco como para elegir la guerra mientras hay paz. Durante tiempos de paz, los hijos entierran a sus padres, pero en la guerra son los padres quienes envían a sus hijos a la tumba."
Heródoto


Debuxo de Moncho Boga, 2026.


ALGUNHAS NOTAS XERAIS

Nestes días oprobiosos, mirando si sae o místico sol, si sae a luz da verdade e da xustiza, estiven ollando por aquí e por aló, e volvín dar con ese enigmático megalito (para algúns de dubidosa adscrición neolítica) que é a anta de Leira da Rapada. E doúseme por debuxalo, por facer a miña particular interpretación ascética e tamén (non si?) estética, a miña estética persoal e intransferible. E, dicía, unha cousa levoume á outra: decidín voltar a describilo, decidín elaborar outra entrada. O Concello de O Saviñao, alfaia da Ribeira Sacra do Miño, ben o merece.



Un mapa de O Saviñao, en LVG.

Entre salientabeis paisaxes outonais, paisaxes autóctonos, entre os espectaculares meandros do río Miño, pai de todos os ríos galegos, entre a a mistura da paisaxe selvática coa paisaxe humanizada, aséntase este espectacular anaco da terra galega.



Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño.
Fotografía extraída da páx. web galiciamaxica.

Sen entrar en todos os inxentes recursos histórico-artísticos, naturais, paisaxísticos, é interesante incidir na conveniencia de visitar o Ecomuseo de Arxeriz onde, aparte de ensinar, dun ameno xeito, os costumes e modos de vida vencellados ao Miño e á vida cotiá dun pazo galego, nas súas propiedades aséntase un castro (escavado en parte) desde onde hai unhas marabillosas vistas do Cabo do Mundo.
 


Unha vista do Ecomuseo de Arxeriz.
Fotografía de:
 
http://www.ecomuseodearxeriz.org/

Este Ecomuseo amosa na súa páxina web un plano detallado das igrexas románicas do Miño e do Sil. Por destacar algunhas, dentro do término municipal de O Saviñao, son imprescindibles San Estevo de Ribas de Miño, San Martiño de Cova, San Paio de Diomondi, San Vitorio de Ribas de Miño, Santa María de Seteventos, San Lourenzo de Fión...


Captura do Mapa interactivo do Ecomuseo de Arxeriz onde se sitúan
todas as igrexas de orixe románico da Ribeira Sacra do Miño e do Sil.
http://www.ecomuseodearxeriz.org/

Voltando ao noso propio mundo debo subliñar que no sobranceiro concello de O Saviñao hai catalogadas 56 mámoas (destaca a Anta de Abuime) e, a indómita e defensora pertinaz Asociación Veciñal de O Saviñao, defensora acérrima dos valores que estamos a sinalar, xa hai anos que propuxo a creación dun necesario itinerario neolítico. Ignoro si estas lóxicas pretensións foron atendidas polas autoridades municipais. Tamén dicir que no ano 2024 o Concello estaba a estudar a posibilidade de acondicionar o camiño de acceso ao dolmen de Leira da Rapada... 



Anta de Abuíme. Fotografía de Leticia Couto, 2024.

A Asociación Veciñal ademais consideraba necesario implementar medidas para favorecer o aproveitamento turístico e achegar estes recursos a un tipo de visitante respetuoso cos valores medioambientais, arqueolóxicos e, en xeral, cos valores culturais. Pero semella que no ano 2022 as cousas pouco cambiaran, segundo fun indagando nas novas dos medios de comunicación: a Asociación Veciñal de O Saviñao nestas datas pedía actuar no contorno da anta de Leira da Rapada a saber, a sinalización, mantemento anual, limpeza do camiño de acceso á anta, colocación dun panel explicativo... En definitiva, non sei como andaran as cousas a día de hoxe.


SAN XOÁN DE VILATÁN

Para chegar á parroquia de Vilatán, si saímos de Escairón (capital municipal) debemos coller a estrada LU-617 con direción a Chantada e, no quilómetro catro, hai que coller o desvío á dereita que marca Vilatán: chegaremos logo duns catrocentos metros.



Casa do Penedo.
Foto da Asociación Veciñal de O Saviñao.

San Xoán de Vilatán é unha das parroquias mais cativas do Concello. A igrexa é do século XVIII e aséntase sobre un castro moi alterado. Malia esa desafortunada circunstancia, aínda se poden albiscar unha parte dun terraplén e tamén un anaco do foxo defensivo. 


Igrexa de San Xoán de Vilatán.
Foto de La Voz de Galicia.

En xeral, en Vilatán poderemos admirar uns nada desdeñables elementos de arquitectura civil-tradicional, etnográfica e arqueolóxica: a Casa do Penedo, a Casa do Fidalgo, a Casa de Branco, unha eira enteira para mallar, así coma os restos mencionados do castro e a igrexa.



Ruta en Vilatán, wilkiloc.

O Castro de Leira da Rapada atópase a uns cento cincoenta metros da anta do mesmo nome: conserva parte das súas murallas, varios terrapléns de ata quince metros de altura..., e pódense descubrir diversos vestixios das cabanas e das murallas. A Asociación Veciñal de O Saviñao contábame hai xa uns anos que atoparon nas cercanías unha especie de machada de granito (picuda e coa base mais ancha onde semella describir unha muesca para fixar un pao, un soporte) e tamén un biface de cuarcita gris. No castro poideron descubrir diversos elementos propios da cultura castrexa como restos de cerámica e pedras furadas, os típicos contrapesos para os teares.


Unha paisaxe no Saviñao. Foto Asociación Veciñal de O Saviñao.


ANTA-DOLMEN DE LEIRA DA RAPADA

Foi descuberta a primeiros do ano 2017, na parroquia de San Xoán de Vilatán e, ata ese momento, era un monumento megalítico inédito e único no sur da provincia de Lugo. Como sabemos, poucas antas se están a conservar íntegras polo que foi considerado un descubrimento excepcional. O seu descubridos foi o arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo: no medio dunha espléndida carballeira, consérvase enteiro, con varios esteos e a tampa ou pedra cobertora. Semella que non permanece practicamente nada da estrutura tumular ou mámoa.



Fotografía do blog fraga dos mouros.

Si a imos visitar, primeiro debemos chegar ao núcleo de Vilatán. Desde aí hai que ir pola estrada que leva a Felón, Vilameá e Marrube. Logo de percorrer ao redor de trescentos cincoenta metros, hai que desviarse á esquerda por un camiño sen asfaltar. Trátase dun ancho camiño que discorre por entre unha frondosa pantalla de árbores autóctonas (carballos e castiñeiros maiormente). Despois de catrocentos metros, o camiño-corredoira, descence suavemente bordeando o Castro de Leira Rapada. A uns cento cincoenta metros o camiño xira levemente á dereita e aí aparece un ramal á esquerda polo que hai que seguir uns cen metros ata chegar ao dolmen, inserido, emprazado, no medio dunha poderosa carballeira. E xa estamos diante da contundente e poderosa estrutura pétrea da nosa anta.



Fotografía da web Asociación Veciñal de O Saviñao.

Ubícase na aba que, desde o castro, descende cara ao río que discorre fondo e a separa das abas do Castro de Felón. Dentro da tipoloxía das antas galegas é unha das poucas excepcións (porque algunha mais hai) debido a que un dos esteos da posible cámara é un afloramento granítico natural reaprobeitado como soporte da tampa caso, como dicía, pouco común no amplo universo megalitíco galego. Este afloramento natural, un dos soportes da tampa, acada unha lonxitude de mais de catro metros e unha media duns oitenta centímetros de groso. Dous dos esteos que fan de soporte da tampa están labrados pola súa cara interna.



Fotografía do blog megaliticia.

Efectivamente, unha impresionante estrutura arquitectónica que se desenvolve a través dunha altura aproximada dun metro e oitenta centímetros e está cuberto por unha tampa ou pedra cobertora que mide mais de catro metros de longo e uns oitenta centímetros de grosor. A devandita pedra cobertora está asentada sobre outros dous esteos que miden na lonxitude, respectivamente, catro metros con sesenta centímetros e catro metros con corenta centímetros.



Fotografía do blog megaliticia.

O noso amigo megaliteiro Xabier Moure dubida de que se trate propiamente dunha anta, senon que lle parece un acubillo ou un "trilito" para o que se aproveitou un dos afloramentos rochosos da zona. Por outra banda, o arqueólogo Iván Álvarez puido documentar que a anta adoitábase empregar como refuxio para resgardarse das inclemencias metereolóxicas.


Calco dos petróglifos da Anta de Leira Rapada.
Autor, Diego Iglesias Barrilero. De Wilkipedia.

Pero un dos elementos que caracterizan esta anta son os petroglifos que aparacen gravados na parte superior da pedra cobertora: trátase dun conxunto de cinco insculturas tipolóxicamente semellantes: describen unha xeira de círculos concéntricos atravesados por unha liña. As gravuras ons moi difíciles de contemplar, debido aos desgaste pola erosión e pola proliferación do musgo: como case sempre, unha determinada luz solar permite a súa mellor visualización a tamén determinadas horas do día.



Un dos motivos concéntricos.
Foto avv veciñal de O Saviñao.

Sempre é e será un inmenso pracer mergullarse polas indómitas terras do Concello de Escairón, un territorio con suficientes elementos culturais para ilusionar os sentidos.



Outro dos motivos concéntricos.
Foto Asociación Veciñal de O Saviñao.

Estou seguro de que mais cedo que tarde chegarán a mín mais novas que me permitirán introducir novos datos ao redor da Anta da Leira da Rapada, unha indómita anta perdida no medio das máxicas carballeiras do Concello de O Saviñao.


EN SIGRÁS, A FINAIS DOS INTRANSIXENTES DÍAS DE ABRIL DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!



ENLACES SÚPER INTERESANTES E OBRIGATORIOS

https://asociacionlosdolmenes.blogspot.com/2014/02/galicia-el-dolmen-de-leira-da-rapada-un.html

https://gl.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmen-leira-da-rapada-1130927
4

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmen-leira-da-rapada.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/o-savinao/2014/07/31/visita-dolmen-recien-descubierto-leira-rapada/0003_201407M31C5991.htm

https://www.facebook.com/groups/1507289739330759/posts/24556933643939709/

https://xabean.blogspot.com/2014/08/dolmen-de-leira-da-rapadavilatano.html

https://www.elprogreso.es/articulo/ribeira-sacra/grupo-vecinal-pide-actuar-lugar-dolmen-leira-rapada/202209261859031603278.html

https://media.lavozdegalicia.es/scale.php?i=/default/2014/03/05/0012_201403M5C5F1jpg/Foto/M5C5F1.jpg&w=300px

https://aavvdosavinhao.org/nova/index.php/petroglifos-no-dolmen-ou-refuxio-da-leira-rapada/

https://afragadosmouros.blogspot.com/2014/03/dolmen-de-leira-de-rapada-achado-de.html

https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Petr%C3%B3glifos_da_Leira_da_Rapada.jpg

https://aavvdosavinhao.org/nova/index.php/visita-guiada-pola-area-da-leira-rapada/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://aavvdosavinhao.org/nova/index.php/o-dolmen-da-leira-rapada-debe-ser-posto-en-valor/

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/170525000684/pr-g-162-ruta-da-ribeira-sacra-do-mino?langId=es_ES&tp=6&ctre=23

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2017/05/09/mapa-turistico-mais-completo-das-igrexas-romanicas-do-mino-sil/0003_201705M9C4991.htm

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/lugo/comarca-da-terra-de-lemos/savinao/

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Anta-dolmen+de+Leira+de+Rapada

https://www.facebook.com/apatrigal/posts/vilat%C3%A1n-o-savi%C3%B1ao-e-o-seu-patrimoniocarlos-rueda-francisco-albo-san-xo%C3%A1n-de-vila/2069492533329277/

https://www.academia.edu/118851696/El_PRIORATO_DE_SAN_MART%C3%8DN_DE_A_COVA_Y_LA_IMPRONTA_DE_LOS_CAN%C3%93NIGOS_REGULARES_DE_S_AGUST%C3%8DN_EN_LA_TIERRA_DE_LEMOS_Y_ALEDA%C3%91OS_EN_EL_CONTEXTO_DEL_CAMINO_DE_SANTIAGO

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/16841/miradoiro-da-cova?langId=es_ES&tp=4&ctre=17

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/o-savinao/2018/04/08/viaje-prehistoria-vilatan/0003_201804M8C5991.htm

asociación veciñal do saviñao21 de agosto de 2015, 03:58

https://turismo.ribeirasacra.org/museo-etnografico-ecomuseo-de-arxeriz




Ningún comentario:

Publicar un comentario