sábado, 9 de xuño de 2012

ANTAS-DÓLMENES DOS CHANS DO IROITE. Serra do Barbanza. Anta Casota do Páramo, Anta do Armadoiro 1 e 2, Anta Pedra da Xesta 1 e 2, Antas da Cavada 1 e 2, Anta Arca do Barbanza, Anta de Outeiro Redondo, Anta Casota do Fusiño

ÍNDICE

1.-Anta-dolmen Casota do Páramo
2.-Anta-dolmen do Armadoiro nº 1
3.-Anta-dolmen do Armadoiro nº 2
4.-Anta-dolmen Pedra da Xesta nº 1
5-Anta-dolmen Pedra da Xesta nº 2
6.-Anta-dolmen da Cavada nº 1
7.-Anta-dolmen da Cavada nº 2
8.-Anta-dolmen Arca do Barbanza
9.-Anta-dolmen Outeiro Redondo da Braña de Prados
10.-Anta-dolmen Casota do Fusiño


ANTAS-DOLMENES DOS CHANS DO IROITE. Serra do Barbanza

O horizonte tumular na Serra da Barbanza foi estudado desde hai xa moitos anos. A primeira catalogación de mámoas foi realizada por Florentino Cuevillas e Fermín bouza Brey  no libro conxunto "Prehistoria e Folclore do Barbanza" no ano 1927, aínda que hai estudos parciais anteriores. Coñécense máis de setenta mámoas, atopándose a concentración máis importante no alto da Serra do Barbanza, ocupando unha gran penechaira coñecida como Chans do Iroite. Nesta comarca existen megalitos considerados, tanto polas súas proporcións como polo seu estado de conservación, os mellores exemplares da arquitectura megalítica galega.

Para chegar aos Chans do Iroite. A gran necrópole magalítica dos Chans do Iroite está emprazada na penechaira do Barbanza e, para chegar, hai que coller a estrada de oito quilómetros que, virando á dereita en Moimenta (estrada de Noia a Boiro), leva ata a Base Aérea. Desde aí parte unha pista que leva ás aldeas de Balteiro e Noceda.

ANTA-DOLMEN CASOTA DO PÁRAMO

Para chegar. Seguindo a dirección Balteiro-Noceda, a dous quilómetros, atopamos unha encrucillada: á esquerda está a anta.

A cámara está moi derrubada. É un sepulcro poligonal con porta e corredor curto. Mide, no interior, tres metros e trinta e nove centímetros por tres metros e cincoenta centímetros i está formada por sete esteios, unha cabeceira, catro intermedias e dúas na entrada, que están orientadas ao Suleste.



Anta Casota do Páramo
no ano 1994. Foto Ramón Boga.

Nun esteio do corredor hai unhas gravuras a xeito de inscultura soliforme: un círculo con catro radios do que, das bandas laterais e da parte superior, saen outros diverxentes. A figura da parte superior é unha representación antropomorfa de problemático siñificado.



  Gravuras antropomorfas da Casota do Páramo segundo Agrafoxo.



Anta Casota do Páramo
no ano 1994. Foto Ramón Boga.

No ano 1983 Felipe Criado realizou unhas catas por medio das que se descubriron varios elementos importantes para completaren o estudo da estructura arquitectónica: existencia da lousa meridional do corredor, muro de mampostería para alongar o corredor e a aparición dun rego para asenta‑las lousas de suxección. Recentemente descubríronse restos de pintura.


Anta Casota do Páramo
no ano 1994. Foto Ramón Boga.



Planta segundo versión de Ramón Boga.


ANTA-DOLMEN DO ARMADOIRO nº 1

Para chegar. Atópase asentada nun penichán a trescentos metros ao Suleste da Casota do Páramo.



Planta segundo versión de Ramón Boga.



Vista da Anta do Armadoiro nº 1.
 Fotografía do ano 1994, Ramón Boga.

Está formado por catro esteios dos que o meirande mide un metro de cincoenta e seis centímetros na altura. É doado dicir que probablemente non tería porta de acceso e que quizáis non sobresaíse da mámoa. Pertence ao tipo de moimentos de cámara poligonal pechada.



Fotografía do ano 1994, Ramón Boga.


ANTA-DOLMEN DO ARMADOIRO nº 2

Atópase nunha mámoa de tamaño medio que acada unha altura máxima de 90 cms.  O aspecto exterior caracterízase pola presenza dunha espesa vexetación de toxo baixo. Espalladas pola aba da mámoa hai abundantes esteos graníticos de tamaño mediano nos tramos inferiores do túmolo o que posiblemente sexa indicio da presenza dunha coiraza pétres de recubrimento.





A camara: do túmulo sobresae a cabeceira de dous esteos que forman ángulo recto entre sí. Debido a esto é moi dificultoso deducir unha tipoloxía da anta de xeito que podemos estar diante dunha cámara cun acceso de atípica orientación.



Planta segundo versión de Ramón Boga.


ANTA-DOLMEN PEDRA DA XESTA nº 1

Atópase na parte meridional do penechán, nunha pequena depresión. Desde o Armadoiro hai que seguire camiñando cara ao tendido eléctrico.



Planta da Anta Pedra da Xesta nº 1 segundo Agrafoxo,
versión de  Ramón Boga.


Amosa cinco esteos pousados de canto, e unha lousa da cámara. Pertence ao grupo de megalitos rectángulares tipo cistas. Segundo Criado Boado, as lousas da periferia da mámoa non teñen función práctica. Entre as características máis salientabeis cabe destacar a coiraza exterior en torno á cámara a xeito de contraforte.





Anta Pedra da Xesta nº 1 na década de 1980.
 Fotografía de Agrafoxo.
 


Fotografía da Anta Pedra da Xesta nº 1. Méndez, 2010.

A mámoa está bastante destruida; sen embargo, como se dicía, conserva restos que parecen formar parte tanto da coiraza como do anel pétreo perimetral.


ANTA-DOLMEN PEDRA DA XESTA nº 2


Pedra da Xesta nº 2 no ano 2010.
Fidel Méndez Fernández.

Estamos diante dunha mámoa de pequenas dimensións cunha altura mámxima de 50 cms que acocha no interior unha cista de lousas de granito de mediano tamaño. O aspecto externo caracterízase por estar cuberta por unha espesa vexetación de monte baixo o que dificulta a apreciación das características arquitectónicas primitivas.



Planta segundo versión de Ramón Boga

A cámara megalítica do tipo cista consta posiblemente de seis esteos dos que tan só se conservan dous. Ao redor e parellas a un dos esteos hai unha serie de pedras que talvez formarían parte do sistema de contraforte do conxunto arquitectónico.





ANTAS-DOLMENES DE A CAVADA: nº 1 e nº 2

Son dúas pequenas antas emprazadas nun chan ao que se chega po‑lo camiño que pasa a carón da Casota do Páramo, a unhos quinientos metros.

A anta da Cavada nº 2 atópase á dereita do camiño.



Planta da Anta da Cavada nº 2 segundo Agrafoxo.
 

A estructura tumular está composta por moitas pedras miudas, contendo unha cámara de tipo irregular con corredor de acceso que se diferencia no alzado. 



A Anta da Cavada nº 2 no ano 1994.
Foto de Ramón Boga

A  cámara posúe unha profundidade de un metro e corenta e oito centímetros, tendo unha anchura máxima no senso Oeste-Leste de cincuenta e oito centímetros. Tódos os esteos sobresaen por enriba de masa tumular. Está en bastante bo estado de conservación.

A cámara é das do tipo poligonal irregular con corredor mal conservado do que só se deixa ver un esteo. O interior da cámara é de escasas dimensións e o seu chan está cuberto por unha densa capa de musgo, baixo o que se acumulan depósitos de terra e pedras. O número de esteos aparente é de oito.



A Anta da Cavada nº 2 no ano 1993.

O corredor de aceso está perfectamente diferenciado no alzado, pero non tanto na planta. Só conserva o esteo septentrional que está desprazado lixeiramente da súa ubicación orixinal. Descoñécese o tamaño do corredor, pero é posible que segundo as dimensións da cámara, trátese dun corredor cun só tramo.

A Anta da Cavada nº 1. Coñecese polo nome de Mámoa do Carcaixal e atópase a cen ms en dirección suleste da anterior. 



Planta segundo Agrafoxo (ver bibliografía).
 Debuxo de Ramón Boga.

Só amosa catro esteios, faltando os da cara Sul, polo que é moi difícil recoñecer a forma da cámara megalítica. O esteo que aquí se sinala co número cinco, seguindo as agullas do reloxo, do que se pode aventurar que probablemente formase a cabeceira da cámara tendo en conta a orientación, acada un máximo de un metro e corenta e dous centímetros, e sobresae noventa e catro centímetros.

 
A Anta da Cavada nº 2 no ano 1993. Ramón Boga

O esteo número catro, situado a continuación do anterior, superponse con aquel no senso lonxitudinal, e sobresae cento dous centímetros. No ancho mide ao redor de noventa e nove centímetros.



A Anta da Cavada nº 1 no ano 1994.
Ramón Boga 


ANTA-DOLMEN ARCA DO BARBANZA

Atópase un quilómetro cara ao Sul, seguendo o leito do río Barbanza, no fondo dun val estreito.



Planta da Arca do Barbanza segundo Agrafoxo.
Debuxo de Ramón Boga.
  
A estrutura da cámara é poligonal regular con corredor de entrada. A planta ten forma triangular diferenciándose no alzado e na planta a cámara do corredor. Mide cáseque oito metros de lonxitude, dos que tres metros e corenta centímetros pertencen á cámara.



A Arca do Barbanza, fotografía de Ramón Boga

Aparte das pedras cobertoras, conserva trece esteios e unha coiraza de pedra que serve para suxeita‑las pedras do megalito. O esteio meirande da cámara sobresae un metro e oitenta e sete centímetros, e no ancho posúe un metro e oitenta e nove centímetros aproximadamente. Falta o esteio da cabeceira. Recentemente descubríronse restos de pintura.



A Arca do Barbanza, fotografía de Ramón Boga



A Arca do Barbanza, fotografía de Ramón Boga



Fotografías realizadas no ano 1993
por Ramón Boga Moscoso. 



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.


ANTA-DOLMEN DO OUTEIRO REDONDO DA BRAÑA DE PRADOS

Atópase a unhos seiscentos metros en liña recta da Arca. Hai que subir en dirección Leste ata unha meseta na que hai unha gran rocha oval: a corenta metros emprázase a mámoa.




Está formada por sete esteos e atópase bastante esnaquiza­da. Conserva restos da coiraza de pedra compactada e existe un contraforte sobre o que se apoian os esteos da cámara. Ista anta posúe dimensións máis ben pequenas: o primeiro chanto acada no alto os corenta centímetros e no ancho cerca de oitenta e cinco. O esteo meirande acada para a altura os oitenta e catro metros e na anchura cerca de oitenta e cinco centímetros A mámoa, que acada unha dimensións máis grandes que a media, cubriría o megalito cuia clasificación tipolóxica é dificultosa debido ao grado de alteración no que se atopa.


 
Fotografías realizadas no ano 1994 por Ramón Boga Moscoso.



Planta da Anta Outeiro Redondo das
Brañas de Prado, segundo Agrafoxo.


ANTA-DOLMEN CASOTA DO FUSIÑO

Unha vez na Portela, hai que pasar a ponte con dirección ao parque eólico, e ir por unha corredoira á dereita: a pouco menos de medio quilómetro vese o Outeiro e os esteios da Anta.



Fotografías do ano 1994 por Ramón Boga.

Sitúase a dous quilómetros e medio da Arca, seguendo o curso do río Barbanza. Pódese chegar tamén po‑lo camiño que vai de Noceda a Montañó. Sen embargo é máis doado coller a pista que atravesa o penechán desde o Cruceiro de Moldes ata a estrada xeral de A Póboa‑Boiro.



Fotografías do ano 1994 por Ramón Boga.

A estrutura tumular é de forma ovalada composta de terra e pedras pequenas. Está formada por once esteos e a forma é poligonal na cámara e no corredor. Os esteios non sobresaen, en xeral, máis dun metro e cincoenta centímetros. Aquila mide catro metros e cinco centímetros por tres metros e dez centímetros, tendo a entrada polo Noroeste. No eixo cámara‑corredor mide sete metros e corenta e catro centímetros po‑o que é, despóis da Arca, o megalito meirande do Barbanza.



Planta da Anta Casota do Fusiño,
segundo Agrafoxo. Debuxo de Ramón  Boga



ETNOGRAFÍA DOS CHANS DO IROITE.

Seguindo a Agrafoxo Pérez, vou a sinalar un dos fitos que contribúe a caracterizar a semblanza arqueolóxica-lexendaria-etnográfica da extraordinaria necrópole megalítica dos Chans do Iroite. Agrafoxo, á parte de recoller as lendas dos propios veciños da zona, tivo en conta tamén os traballos de recolleita elaborados por Cuevillas e Bouza Brey no ano 1927. Como veremos, os relatos anotados non fan máis que afondar na inmensa riqueza de seres mitolóxicos que poboan todo o noso universo imaxinario. 

Por un lado, Agrafoxo organiza toda a bagaxe mitolóxica seguindo os criterios de "quenes son os moradores",  " os tesouros",  "a galiña dos pitos de ouro" e a "orientación das cámaras megalíticas". 

Elaborando un pequeno resumo sabemos, a través da sabia cultura tradicional, que os mouros vivían nas mámoas, que os mouros votounos de aquí Santiago Apósto e choraban polos seus tesouros que quedaron aquí.  Os haberes de sete reinados (riquezas, tesouros) están entre Brañiñas e Brañas de Prados ou: de Mazaricos a Braña de Prados hai os haberes de sete reinados. Ou ben: "Debaixo do Outeiro Redondo da Braña de Prados hai tres cabalos de ouro".  Unha ola de ouro na Braña do Carcaixal ou os tesouros que gradan as mámoas postos alí polos románs ou polos mouros, son outras das características das enormes riquezas que se gardan debaixo das nosas mámoas segundo os nosos maiores.

A Galiña dos pitos de ouro: na mámoa da Cavada había unha galiña con quince pitos de ouro, pero aínda que se intentase, non se podían coller (aparecían sempre na primaveira).

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


 



 

 

venres, 8 de xuño de 2012

ANTAS-DOLMENES DE VIMIANZO, CEE E MAZARICOS.Anta Pedra Cuberta, Anta Pena da Lebre, Anta das Caxadas, Anta Casa das Mouras, Antas Encoro da Fervenza, Anta Pedra da Arca, Anta Arquiña de Vilaseco, Anta Pedra da Moura, Anta Casota de Berdoias, Anta Mina de Recesindes, Anta Chao de Rabós, Anta MIna de Folías, Anta de Prado Garrido, Anta Pedra Vixía, Anta Mina Parxubeira, Anta Arca da Piosa.

ÍNDICE

1.-Anta-dolmen Pedra Cuberta
2.-Anta-dolmen Pedrra da Lebre
3.-Anta-dolmen das Caxadas
4.-Anta-dolmen Casa das Mouras
5.-Antas-dólmenes do Encoro da Fervenza
6.-Anta-dolmen Pedra da Arca, Casa dos Mouros ou
7.-Anta-dolmen Arquiña de Vilaseco
8.-Anta-dolmen Pedra da Moura de Monte Cárneo
9.-Anta-dolmen Casota de Berdoias
10.-Anta-dolmen Mina de Recesindes
11.-Anta-dolmen Chao de Rabós
12.-Anta-dolmen Mina de Folías
13.-Anta-dolmen Prado Garrido
14.-Anta-dolmen Pedra Vixía
15.-Anta-dolmen Mina Parxubeira
16.-Anta-dolmen Arca da Piosa


ANTA-DOLMEN DE PEDRA CUBERTA. San Miguel de Treos, Vimianzo.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso

Para chegar. Saíndo de Baio, en Treos, cóllese a estrada da dereita, á beira da igrexa parroquial. Logo de cruzar unha ponte, séguese pola dereita ata chegar á anta, que tamén está á dereita, no extremo dun monte de piñeiros.

A mámoa na que se acocha esta famosa anta acada un  diámetro de 25 ms e sobresae 1,5 ms de altura. Conserva, no centro, os restos dunha cámara de grandes dimensións.



Fotografía de Ramón Boga, 1991.

A planta da anta de Pedra Cuberta é das do tipo poligonal con corredor desenvolvido, con ambas as dúas partes ben diferenciadas, tanto na planta coma no alzado. Conserva sete ortostatos na cámara: cinco deles en moi mal estado de conservación. Só conserva a pedra cobertora do corredor. Na cámara faltan varios esteos e a tampa, que foi destruida na década de 1920.



Planta segundo versión de Ramón Boga.



Croquis da pinturas dun dos esteos de
Pedra Cuberta según G. Leisner. 1934.


Trátase dun dos megalitos máis coñecidos de Galicia debido aos estudos que George e Vera Leisner realizaron nos anos 30 do século XX: na súa escavación arqueolóxica (1934) Georg Leisner localizou restos de pinturas en case todos os esteos da cámara e do corredor. Hoxe consérvanse pinturas en todos os esteos excepto nun deles. O estado de conservación é moi malo, debido a presenza de liquens e de musgos.



Fotografía de Ramón Boga, 1991.

A mámoa atópase en bo estado con cantos espallados que seguramente proceden da coraza de pedra. Amosa diversas alteracións froito das violacións e, sobre todo, do traballo forestal que aparentemente rebaixou o seu volume orixinal. 

As pinturas descritas por Leisner na década de 1930 aparecen debuxos de cor negro  e vermello sobre fondo branco empregado a xeito de immprimación con motivos serpentiformes, ondulados, idoliños e círculos concéntricos.


Fotografía de Ramón Boga, 1993.

Nas escavacións dos Leisner eran as únicas pinturas nas antas de Galicia e das poucas de Europa. As pinturas remiten ao pouco coñecido mundo das crenzas neolíticas: as ondulacións poden referirse ao culto ás augas; os círculos pódense vencellar aos astros; os idoliformes con posibles deidades e a cor vermella coa sangue e a vida.


ANTA-DOLMEN PENA DA LEBRE. San Sebastián de Serramo.

Para chegar. Pola estrada que une as localidades de Baio e Baíñas, a uns 500 ms ao norte, antes de chegar a Serramo, a anta sitúase a uns 50 ms da devandita estrada á dereita. Atópase nun monte onde predominan os eucaliptos.

A mámoa na que se insire esta anta foi destruida na meirande parte do seu volume orixinal debido á intensa actividade forestal que se desenvolveu no lugar. Por iso resulta imposible precisar tanto as súas dimensións como a súa altura.

Tipolóxicamente estamos diante dunha cámara poligonal composta por sete ortostatos e un corredor corto orientado ao suleste. No comezo do corredor pódese apreciar a parte superior dun esteo que é posible sexa a pedra do peche da anta.



Fotografías de 1993, Ramón Boga.

A tampa da cámara aparece caída e hai varios ortostatos tamén caídos que amosan unha forte inclinación. Os dous que formaban o lado esquerdo do corredor aparecen desprazados cara ao NO da cámara para ser empregados como marcos de división das propiedades colindantes.

Polos arredores pódense albiscar varios esteos que probablemente procedan da cámara. Segundo Manuel Lestón e Fidel Méndez, esta pedras fan pensar noutra estrutura ademais da gran cámara. Outra posibilidade serían diversas reformas ao longo do seu período de uso.

Na década de 1990 localizáronse restos de pintura no interior da cámara. Recentemente descubríronse restos de pintura.



Fotografías de 1993, Ramón Boga.



ANTA-DOLMEN nº 2 DAS CAXADAS. San Xoán de Cambeda.

Para chegar. Circulando pola estrada C-552 (Vimianzo-Berdoias) á altura do cruzamento de Caxadas, hai que coller a pista de terra que se dirixe ao NO e, a uns 400 ms, atoparemos un campo de deportes. A mámoa sitúase a uns 40 ms ao NE dese campo.



Fotografía de Fidel Méndez Fernández.

Ubícase nun lugar chairo, na cume do monte que está repoboado de piñeiros e cuberto de toxos. Forma parte da necrópole magalítica das Caxadas, composta por catro mámoas. Todas estas mámoas amosan as pegadas das profundas feridas feitas polos buscadores de tesouros, de xeito que a avaliación sobre o seu estado de conservación non pode ser senon profundamente negativa e non deixa lugar a dúbidas: polo menos tres das mámoas posuían cámara, posto que aínda perdura algún resto, pero só no caso da nº 2 é posible  deducir o tipo de cámara, das outras a reconstrución  é imposible.

A mámoa desta anta atópase moi esmorecida por mor da intensa actividade forestal que aquí desenvolveuse e amosa un funil de violación central moi extenso (3 ms por 5 ms, aproximadamente). As dimensións, tamén aproximadas, do túmulo van desde os 22,40 ms para o eixo NO-SE, ata os 16 ms para o eixo NE-SO. Non se aprecian, pola colmatación vexetal, restos de pedras que permitan aventurar a existencia dunha coiraza de pedra.



Fotografía de Fidel Méndez Fernández.

No interior do gran burato de violación insírense tres esteos que forman parte da cámara. No ano 1991, con motivo da primeira catalogación realizada por María Luisa Pérez Rodríguez e Manuel Lestón Gómez, conservaba outros dous esteos: eran os chantos que formaban parte do lado esquerdo do corredor. 

Así a cámara, maila atoparse moi alterada, grazas aos elementos que aínda persisten, pódese imaxinar a súa posible configuración de modo que sería das do tipo de planta poligonal e corredor corto. Pódense observar os dous primeiros tramos da parte esquerda do corredor e varios esteos da cámara, un dos cales semella conservar a súa altura orixinal. A diferencia de altura entre a cámara e o corredor sería de aproximadamente un metro, de xeito que habería unha diferenciación clara entre a cámara e o corredor tanto na planta coma no alzado.

O número de esteos aparente que constituirían a cámara sería de sete, dos que só se están a conservar tres, como viamos máis arriba. O largo da cámara acada uns 3,20 ms. O ancho e a apertura non se poden mensurar.



Fotografía de Fidel Méndez Fernández.

O corredor tería unha lonxitude de 2,30 ms co que a suma da lonxitude da cámara e do corredor arroxaría os 6, 60 ms. O acceso está orientado e, a pesares de todo, a cohesión estrutural é bastante boa. O esteo ou chanto máis alto sobresae case dous metros, por outros dous de ancho e un espesor medio de 34 cms.


ANTA-DOLMEN CASA DAS MOURAS e antas do Encoro de Fervenza. A Gándara, San Antolín de Baíñas, Vimianzo.

Para chegar. Hai que coller a estrada AC-441 (entre Baíñas e Brandomil) e, a uns 500 ms ao leste do cruzamento de Baíñas, hai que coller unha pista asfaltada que sae con dirección ao sul cara á aldea da Gándara e máis ao Encoro da Fervenza. A anta atópase precisamente ubicada entre dúas casas no lugar de Gándara. Para visitala hai que pedir permisa aos donos da casa.



Planta da Casa das Mouras segundo Manuel Lestón.


Seguindo aos arqueólogos Manuel Lestón e Fidel Méndez, a Casa das Mouras atópase a un qm escaso da Casa dos Mouros e moi preto da necrópole asolagada polo Encoro da Fervenza. Deste xeito, a anta ten relación directa con tres grandes agrupacións de mámoas ou necrópoles pola súa proximidade.



Fotografía Méndez-Lestón.

Esta anta atópase ubicada entre dúas casas e fai de marco ou límite de propiedades de ambas as dúas. Para sinalar isa separación ou límite hai plantados, no eixo NO-SE, unha ringleira de loureiros a xeito de silveira. Tamén hai un pequeno balado ou muro de pedra. Cara so leste e ao sul da anta os terrenos están adicados na súa meirande parte ás tarefas agrícolas; no resto da contorna abondan sobre todo o monte baixo e as repoboacións de piñeiros.



Fotografía de Méndez-Lestón.

A mámoa na que se insere a Casa das Mouras acada entre os 22  e 25 ms de diámetro e non sobresae máis dun metro e medio. Algunhas pedras na superficie, remexidas polas actividades agrarias própias do lugar, parecen formar parte da coiraza de pedra. As devanditas actividades agícolas tamén provacaron a perda de volumen da mámoa, moi rebaixada pola cara do leste e moito mellor conservada pola do oeste.

A cámara está situada no centro da mámoa e probablemente forma parte das do grupo de planta poligonal con corredor curto. Hoxe en día está a conservar tres dos seus esteos e é imposible realizar as medidas da súa estrutura arquitectónica. A un lado está tirada a pedra cobertora (apoidada sobre un esteo) que mide 1,20 ms de lonxitude, 2,25 ms de ancho e un grosor medio de 30 cms. Os ortostatos non sobresaen do chan máis de 1,25 ms, o máis alto.

Tamén é coñecida como "Anta do Alterio". 



Fotografía de Méndez-Lestón.


ANTAS-DOLMENES DO Encoro da Fervenza

As fotografías fóronme proporcionadas polos arqueólogos Fidel Méndez e Manuel Lestón que fotografiaron estas antan cando a seca de fai uns anos. A brutal baixada da auga deixou ao descuberto as antas desta necrópole, desgrazadamente asolagada a meirande parte do ano.

Aínda que sexa un tópico, unha imaxe vale "polo menos tanto ou" máis que mil palabras:








ANTA-DOLMEN PEDRA DA ARCA, CASA DOS MOUROS OU DE REGOELLE. San Antolín de Baíñas.

Para chegar. Seguindo a estrada Baíñas-Olveiroa, aproximadamente a 2 qm ao sul de Baíñas, unha pista de terra sae cara ao leste. Atravesando o río das Touzas (onde hai dous pequenos muíños) séguese desde este punto subindo aproximadamente uns 600 ms en dirección lesta ata chegar á zona máis alta e chaira onde, a uns 50 ms, atópase a anta ao nordés da pista, no medio dunhas pradeiras.



Planta da Casa dos Mouros segundo debuxo de Ramón Boga.


Atópase nunha zona chaira, tradicionalmente de monte baixo, onde hoxe predominan os bosques de pinos e eucaliptos, as pradeiras artificiais e as terras de cultivo.

Este xacemento megalítico é a clave dunha necrópole moi estensa que se artella en tres liñas que converxen precisamente neste enclave: dúas liñas que descenden cara ao encoro das Fervenzas e a parroquia de Os Baos (hoxe anegada polo encoro); e unha terceira liña que, paralela ao río Olveiroa, leva cara ao sul. Estas direccións reúnen 27 túmulos catalogados (Lestón-Méndez).


A Casa dos Mouros no ano 1956,
foto de Leisner. Apréciase a contorna adicada a monte baixo.


Os únicos materiais dos que temos noticia consisten nun microlito xeométrico de sílex recollido no ano 1989 no interior da cámara en superficie. Hoxe está custodiado no Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón da Coruña.

A mámoa na que se insire a anta acada as dimensións seguintes: no eixo SE-NO mide uns 30 ms; no eixo NNE-SSO acada os 33,40 ms. Sobresae en altura os dous metros. A mámoa está bastante afectada polas labouras agrarias de xeito que amosa algúns restos moi remexidos da coiraza pétrea. Fai algúns anos a estrutura da coiraza era claramente visible. As afeccións máis fortes atópanse nas bandas oriental e occidental, quedanto a parte central (SE-NO) moito mellor conservada.


Fotografía da Anta
Casa dos Mouros no ano 1993, Ramón Boga Moscoso.

En canto á cámara megalítica, adscríbese ao conxunto de monumentos con forma poligonal e corredor desenvolvido. O número aparente de esteos que conforman a cámara é de sete, aínda que se conservan en perfecto estado só cinco, faltando o esteo da cabeceira. O corredor é curto e consta de dous tramos visibles coas respectivas pedras cobertoras. Cámara e corredor diferéncianse tanto na planta coma no alzado.

Con respecto á pedra da cabeceira, aínda que actualmente non é visible, dada a configuración do funil de violación nese punto e as dimensións orixinais que debía ter a pedra, semella probable que fose cortada e que só levaran a parte superior, quedando enterrado o resto.



Fotografía da Anta
Casa dos Mouros no ano 1993, Ramón Boga Moscoso.

A cámara acada unhas dimensións que varían desde os 3,10 ms de longo ata os 3,65 de ancho e, para a apertura, arroxa unhas medidas de 1,55 ms. No segundo esteo, seguindo a orientación das agullas do reloxo (1,60x1,50x37) aparecen restos de pintura de cor roxa e dous motivos de gravuras.

A tampa ou pedra cobertora mide 4,60 ms de longo (NE-SO), e,20 ms de ancho (NO-SE) e un espesor medio de 40 cms. Na parte exterior aparece gravada unha cruz que sinala a delimitación dos concellos de Vimianzo e de Dumbría.

O corredor componse de dous tramos visibles e ambos os dous conservan tanto os esteos como as respectivas pedras cobertoras. A súa lonxitude é de tres ms, a primeira apertura acada 1,83 ms e a segunda os 95 cms. A lonxitude total, sumando cámara e corredor é de 6,10 ms.



Fotografía da Anta
Casa dos Mouros no ano 1993, Ramón Boga Moscoso.

En xeral a cámara atópase en moi bo estado de conservación, exceptuando as pedras da cabeceira e gran parte dun dos ortostatos. As principais agresións débense a gravuras recentes.A mámoa atópase tamén nun aceptable estado de conservación. Amosa restos de pintura.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso


ANTA-DOLMEN ARQUIÑA DE VILASECO.

Debo toda a información desta senlleira anta a Fidel Méndez e Manuel Lestón

Para chegar. Desde a aldea de Vilaseco (km 75 da estrada C-552), unha vez dentro do casco antiguo, hai que circular por unha pista asfaltada con dirección á aldea de Bouza do Frade. Percorridos uns 600 ms, despois de cruzar o rego Calvelo, a mámoa atópase a uns 100 ms ao norte da estrada. Como referencia, un muro de pedra atravesa polo medio da mámoa con dirección NNE-SSW facendo de separación das fincas.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Emprázase nun descampado alto a uns 60 ms do cauce do río Castro. Os terrenos están repoboados de eucaliptos, monte baixo e algúns pastizais. O muro que separa as fincas separa tamén a braña do eucaliptal. 

Á anta fáltalle a cobertora da cámara así como outros distintos esteos que probablemente están reutilizados no muro devandito. Luis Monteagudo García atopou unha machada metálica plana, pero non precisa o contexto do achado.

A mámoa da Arquiña acada nun dos eixes case 37 ms e no outro máis de 32. Na construción da mámoa aproveitouse unha pequena aelevación do terreno de xeito que adquire  unha importante monumentalidade cara ao O e ao N, onde se levanta uns 3 ou 4 ms. Na base da mámoa, na zona do NO, hai pequenas pedras fincadas que seguramente pertencen ao anel lítico perimetral. Algunhas outras pedras soltas na superficie poden proceder da coiraza.

No centro da mámoa consérvanse os restos dunha cámara poligonal da que son visibles catro esteos. Do corredor aparece á vista un esteo e a tampa ou cobertora. A cámara e o corredor diferencianse en planta, pero non no alzado.



Nesta fotografía podemos albiscar o afloramento dos esteos da cámara. Fotografía de Ramón Boga

Malia que non se está a conservar a pedra cobertora da cámara, nin algúns outros esteos (seguramente reaproveitados no muro separador) pódese dicir que amosa un bo estado de conservación posto que aparentemente a cámara non foi vaciada e o funil de violación é pouco profundo.

A cámara, estruturalmente, está a conservar cinco esteos á vista, aínda que debía ter entre nove e once. De ancho aproximadamente mide 3,30 cms. En canto á apretura, acada os 70 cms. NIo corredor a cobertora é o único elemento visible. Por medio dos tobos fietos por diversos bichos, pódense albiscar dous esteos. A tampa do corredor acada os 2,05 ms (SO-NE) e 1,60 ms no eixe NW-SE. O grosor medio é de case 40 cms.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Como se dicía antes, o estado de conservación tanto da cámara coma do corredor é bo: da cámara só se aprecia a parte superior dos esteos, o resto semella intacto; o túmulo, a pesar da repoboación de pinos e eucaliptos, tamén se está a conservar bastante ben.



ANTA-DOLMEN PEDRA MOURA DE MONTE CÁRNEO. San Antolín de Treos

Para chegar. Pola estrada que vai de Baio a Baíñas, pouco despois de pasar Tis, en Cárnio (logo de percorridos catro kms), hai que coller a pista de terra e pedra da dereita. Pouco antes de chegar ao cume, unha corredoria á dereita leva ata a anta, que se atopa no medio dunha pradeira a uns 100 ms.



Fotografía da Pedra Moura no ano 1993, por Ramón Boga.
 
O túmulo megalítico ou mámoa na que se insire a Pedra Moura, acada uns 14 ms de diámetro e un metro escaso para a altura. No ano 1989 a mámoa sufríu unha tremenda destrución que afectou sobre todo á parte superior: esta acción produxo a desaparición de gran parte da coiraza pétrea que estaba a recubrila. O motivo da destrución foi a conversión da parcela, adicada a monte baixo, en pradeira. Aínda que é a parte máis deteriorada do conxunto megalítico, todavía se está a conservar un volume da mámoa apreciable. Con motivo da construción da pradeira, atopouse, en setembro de 1989, un fragmento de cerámica campaniforme diante da entrada do corredor que hoxe se atopa no Museo Arqueolóxico de San Antón na Coruña.

A estrutura arquitectónica ou cámara defínese como poligonal composta por seis esteos: cinco deles atópanse in situ e un está caído cara ao interior da cámara. Posúe tamén un corredor curto de dous tramos visibles. Tanto a cámara coma o corredor diferéncianse en planta e alzado.



Fotografía da Pedra Moura no ano 1993, por Ramón Boga.

Posúe tamén dúas tampas ou pedras cobertoras, unha pertencente á cámara e a outra ao corredor. A tampa da cámara atópase caída cara ao interior. A tampa do corredor amosa un burato de barreno cara ao exterior.

Na década dos anos 90 do século XX localizáronse restos de pintura nos chantos da cámara. Realizouse sobre estas pinturas unha datación radiocarbónica que arroxou unha idade que nos retrotrae a principios do terceiro milenio antes a.X., logo da  pertinente calibración.

Recentemente aopáronse restos de pintura.



ANTA-DOLMEN CASOTA DE BERDOIAS OU DE FREÁNS. San Pedro de Berdoias

Esta é unha das primeiras antas que coñecín, aló polos anos finais da década de 1980. A primeira vez que fun na súa busca, sendo como era novo nestes asuntos, estiven todo o día dando voltas e non fun quen de atopala. Posteriormente, máis documentado, volvín e atopeina máis fácilmente, decatándome que a vez anterior anduvera dando voltas ao seu redor. Pouco a pouco un vaise acostumando a recoñecer os lugares típicos nos que se erixían estes elementos. Algún día falarei do apaixoante tema dos emprazamentos megalíticos.

Para chegar, na aldea de Berdoias, hai que coller unha pista que sae cara ao sul (desde Vimianzo, ao chegar a Berdoias, a pista está á esquerda). Despois de percorrer un km aproximadamente, atopamos a anta á dereita da pista hoxe asfaltada.

Anta Casota de Freáns no ano 1956. Foto Leisner.

Trátase dunha construción moi especial no contexto do megalitismo de Galicia. Confórmase por medio dunha gran cámara rectangular que consta de tres esteos moi ben traballados, verticais e que sustentan unha enorme pedra cobertora. Non hai corredor e a entrada está orientada ao leste.

O interior da cámara foi violado en repetidas ocasións polos afanosos buscadores de tesouros. Sen embargo, a construción da pista de terra,  que pasa ao carón da entrada, fixo que aparecese unha gran fenda no ortostato lateral situado ao oeste. A cámara, en liñas xerais, atópase en bó estado de conservación. Fogueiras no interior ou a presenza de fungos na superficie dos esteos, son as afeccións máis importantes. A boa visibilidade das cazoliñas é un indicio das poucas alteracións estruturais que estivo a sofrir.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.

Con respecto á masa tumular, aínda que non se observa ningún resto da mámoa, non se debe esbotar a posibilidade de que a pista destruise unha boa parte dela e ademais, o terreo situado no oeste (parte de atrás), que está conformado por unha terraza máis elevada que a cuberta, pode estar ocultándoa. A construción do bancal ou aterrazamento para o cultivo posiblemente oculte o que queda da presumible estrutura tumular.


 
Planta da Anta Casota de Berdoias. Versión de Ramón Boga.

Os esteos ou ortostatos que conforman a cámara teñen gravados numerosas cazoliñas de pequeno tamaño, probablemente de época megalítica. Precisamente eses gravados, algunhas outras marcas así como a curiosa configuración da cámara coa súa planta rectangular, son os elementos que singularizan e caracterizan esta anta.

As dimensións da cámara, aproximadas, son as seguintes: de longo acada os dous ms e medio; para o ancho unha media dun metro e sesenta e cinco cms e na aparetura acada o metro e corenta e sete cms. No esteo da esquerda aparecen catro cazoliñas de catro cms de diámetro, alineadas, así como outra na parte central cara abaixo. No esteo do fondo (a pedra cabeceira) aparecen 18 cazoliñas  e, no esteo da dereita, hai unhas once cazoliñas e varias cruces. A tampa está prácticamente completa.



Fotografía de Ramón Boga, 1993.


Segundo informacións de Lestón e Méndez, cara ao NNE, a uns 250 ms, hai uns anos apareceu unha mámoa que está bastante arrasada. Nas inmediacións, a uns 500 ms, hai dous paneis de petróglifos que están orientados cara ao W, polo que non hai intervisibilidade entre eles e a Casota.

Hai restos de pintura e de gravados de adscrición indeterminada.



ANTA-DOLMEN MINA DE RECESINDES. San Xoán de Carantoña



Ao fondo pódese vislumbrar a silueta da Mámoa de Recesindes.
 Fotografía realizada desde a estrada.
 
Como podedes ver, o túmulo atópase completamente cuberto por un pinar e algúns eucaliptos. A contorna inmediata está constituida por terreonos de cultivo. A propiedade é particular constituindo a mámoa unha única parcela.

Según informacións de Lestón e Méndez, parece que se atoparon, nunha escavación furtiva realizada no ano 1936, dous machados de pedra pulida e unha "cazola con pó amarelo". Tamén cóntase que a mámoa foi violada por unha familia nun intento desesperado de escapar da miseria e da emigración: a búsqueda do tesouro foi infructuosa polo que non lles quedou máis saída que a segunda alternativa.

A mámoa na que se acoha a anta acada ao redor de 30 ms de diámetro. Contituía o túmulo máis grande dos tres, que ademais dispoñíanse en línea recta cara ao oeste, moi pretas unhas das outras.



Fotografía de Ramón Boga, 1993.

A cámara megalítica atópase no centro da mámoa. Os ortostatos que se conservan atópanse elaborados moi concienzudamente. Pódese definir a Mina como unha anta de cámara poligonal tendente ao círuclo e composta por 11 ortostatos, dos que conserva 6. Tamén podemos falar dun corredor corto do que só se conserva un chanto caído no chan. Dous dos esteos consérvanse enteiros e amosan a súa parte superior moi traballada, para apoiar sobre eles a tampa, que non se conserva. Desde a parte superior dos esteos ata a parte superior da mámoa, aínda hai uns 90 cms, do que se deduce que a cámara estaba completamente enterrada na mámoa, de xeito que non destacaba en superficie.



Planta da Mina de Recesindes, segundo Méndez e Lestón.


O encaixe entre os ortostatos é prácticamente perfecto. A cámara tería once esteos (como viamos máis arriba) dos que se conservan seis. As medidas da cámara son as seguintes: 1,83 ms de longo e 2,06 de ancho. Maila que lle faltan moitos elementos, a cámara non se atopa en moi mal estado. O túmulo é a parte máis maltratada: unha zanxa frontal realizada para a busca de tesouros e ademais a contrución dun muro de división entre as propiedades cortou unha parte polo NE. Na parte superior tamén amosa diversas zanxas de violación.




Fotografías de Ramón Boga, 1993.



ANTA-DOLMEN nº 1 DE CHAO DE RABÓS. San Antolín de Baíñas



Vista xeral da Mámoa nº 1 de Chao de Rabós.
Foto de Ramón Boga.

Para chegar. No tramo de Berdoias-Baíñas, pola estrada LC-441 (ao redor do k. 22,3) hai que coller á esquerda unha estrada que leva á aldea de Rabós. Si saímos de Baíñas, despois de pasar o colexio e o cemiterio, hai que coller a estrada que, con dirección norte, se dirixe a Rabós. Ao chegar a esta aldea, seguiremos por esa mesma estrada (nor-nordés) sen desviarnos en ningún ramal. Unha vez percorridos uns 600 ms desde Rabós, a mámoa atópase a uns 80 ms ao leste, nunhas leiras adicadas a monte baixo, piñeiros e pradeiras.

Atópase ubicada nunha zona lata e chaira. Forma parte dunha necrópole composta por unha ducia de túmulos alineados: dous túmulos están no Cabral próximos a unha canteira, oito túmulos estan na chaira de Caldeiro remantando en Rabós, con dous túmulos.

A mámoa nº 1 de Rabós amosa un funil de violación central enorme, que deixou ao descuberto a gran anta poligonal con corredor. A parte norte da mámoa foi cortada uns seis metros para transformar os terreos en pradeiras. O túmulo acada os 16 ms no eixe N-S, os 24 no E-O e sobresae en altura sobre un metro e medio. No perfil da destrución do lado norte é visible a presenza dunha coiraza pétrea superficial contínua formada por pedras de tamaño mediano.


Tampa e esteos da Mámoa 1 de Chao de Rabós.
Foto de Ramón Boga.

Como dicía antes, no medio da mámoa aparecen os restos da anta: describe unha planta poligonal con corredor corto. Consérvanse cinco esteos, dous da cámara e tres do corredor de acceso. Tamén se conserva a tampa, aínda que parcialmente partida e apoiada sobre os esteos que quedan de acceso ao corredor.

A cámara estaría conformada por sete esteos dos que conserva só dous. Tanto o longo como o ancho  son imposibles de medir nas circunstancias actuais. A apertura acada os 77 dentímetros. Do corredor consérvanse  3 chantos e só se pode medir a apertura que da acceso á cámara (1,15 ms) e a apertura final duns 65 cms.



Tampa da Mámoa 1 de Chao de Rabós.
Foto de Ramón Boga.

Aínda conservando tan só para a cámara dous ortostatos e tampa, a cohesión estrutural destes elementos é bastante boa. En canto ao túmulo, cortado polo N e con algunha outra en superficie, amosa un estado de conservación aceptable.

É de destacar a posibilidade da existencia da gravados sobre a cara interna dun dos esteos da cámara.

A maior parte destas informacións fóronme proporcionadas polo arqueólogo Fidel Méndez.



ANTA-DOLMEN A MINA DE FOLÍAS. Casa do Prado, Vimianzo.

Esta anta foi catalogada por Manuel Rial e atopeina na páxina web patrimoniogalego.net, absolutamente recomendable.

Forma parte dunha necrópole megalítica composta por tres mámoas. Parece ser que dúas delas están na mesma propiedade e, para ver a outra, hai que cruzar o camiño. A necrópole coñécese tamén co nome de "mámoas do Mourelo"

A Anta Mina de Folías adscríbese tipolóxicamente ás do tipo poligonal con corredor. A anta atópase en moi mal estado, aínda que se poden albiscar seis esteos.



Fotografía de Manuel Rial.


ANTA-DOLMEN DE PRADO GARRIDO

Tamén foi catalogada por Manuel Rial e podémola atopar na páxina web sinalada máis arriba. Atópase na parroquia de Vimianzo e é a anta máis cercana á vila de Vimianzo, ubicándose a un quilómetro do centro urbán.

O seu estado de conservación é moi malo pero aínda así conserva todavía tres esteos que posiblemente forman parte da estrutura arquitectónica da cámara.



Fotografía de Manuel Rial


ANTA-DOLMEN PEDRA VIXÍA, Santa María de Lamas. Zas

Si saímos de Baio, debemos coller a estrada que leva a Zas. Despois de cruzar a ponte sobre o río Grande, e logo de pasar varias naves industriais, ollamos un cartel á dereita que sinala a situación dun merendeiro e área de descanso. Uns trinta ms máis adiante sae unha corredoira pola dereita que coincide cos claros no monte que deixou a instalación do tendido eléctrico (dous metros máis adiante aparece un xalón quilométrico que sinala “Santiago, K. 60”). Collendo esta corredoira, debemos andar uns douscentos metros, perpendicularmente á estrada, sen desviarnos, ata que se divisa o río, no momento en que aparece outra corredoira que corta trasversalmente aquila: seguendo por ista nova pista, a anta atópase a uns douscentos vinte metros, á beira dunhas pradeiras e no medio dun monte de piñeiros, na banda dereita do camiño.



 
Planta da Pedra Vixía segundo Méndez-Lestón.


A mámoa na que se insire a cámara de Pedra da Lebre acada os 15 m de diámetro aproximadamente e sobresae  uns 50 cm de altura. No centro da mámoa conserva os restos da cámara que se desenvolve de xeito poligonal e consta de sete ortostatos. Posiblemente o corredor se abra cara ao Suleste. Algun dos ortostatos acada os 2 ms de altura.

Os esteos que conforman a cámara aparecen moi remexidos:  dos ortostatos conservados, o que conforma a cabeceira é o máis grande acadando un metro e medio de ancho por case dous de alto. Os restos da pedra cobertora cífranse nun bloque granítico rectanguar que fica apoiado nun dos ortostatos da cámara: mide un metro e oitenta centímeros de alto por un metro e trinta centímetros de ancho.



Foto tomada por Ramón Boga, 1995.


Como se dicía antes, a maior parte dos ortostatos da cámara atópanse moi inclinados e a tampa aparece partida en varios anacos.  A destrución prodúxose no ano 1938 como consecuencia do intento de utilización das pedras por parte dun veciño de Lamas para empregalas na construción dunha casa.

As hipótesese ao redor das grandes cazoletas que se debuxan en varios dos esteos son variadas: estes orificios poderían server para introducir ofrendas; tamén se opina que son o  camiño de comunicación entre os vivos e os mortos ou a  vía de saída dos espíritus (a nivel simbólico) por iso se facían en cualquera parte e non na porta.



Fotografías de Ramón Boga Moscoso, 1995




BIBLIOGRAFÍA

DOMÍNGUEZ RIAL, E.  (1984):       “Riqueza histórico arqueológica del Ayuntamiento de Zas”.  O Voceiro de Zas.  Nº 0.  Xaneiro 1984.  Zas.  p. 4.

DOMÍNGUEZ RIAL, E.  (2001):       “A riqueza arqueolóxica de Zas”.  La Voz de Galicia.  Edición de Carballo.  29-04-2001.  p. 10.

LEMA SUÁREZ, X. M. (2002):         Caminando entre dólmenes:  Arquitectura megalítica de la Costa da Morte. (Galicia).  Ed. Asociación Neria.  Cee.

BOGA MOSCOSO, RAMÓN (1997): "Dólmenes de Galicia". Baía Edicións, A Coruña


ANTA-DOLMEN MINA PARXUBEIRA. Corbeira, San Fiz de Eirón. Mazaricos

Para chegar. Se circulamos pola estrada LC-403 (antiga estrada Ponte do Porco-Muros) que leva a Serra de Outes e a Santa Comba, hai que coller o cruzamento que indica "Eirón". Neste cruzamento, á dereita da estrada (despois dunha pequena isleta) hai unha casa grande: se a deixamos á nosa esquerda, debemos coller a corredoira que está á beira ata unha bifurcación. Aí collemos á esquerda e, a uns 50 ms, despois dun monte de piñeiros e eucaliptos, atópase a anta no medio dunha gran pradeira.

Efectivamente, a anta ubícase no medio dunha gran pradeira no lugar coñecido co nome de Estivada Vella, e forma parte dunha necrópole composta por catro mámoas.



Fotografía da Anta Mina Parxubeira en 1993.
Foto de Moncho Boga

A mámoa na que se insire a anta acada, no eixe N-S, os 15,70 ms e no E-O os 26,40. A  altura non sobrepasa os corenta cms. Sen dúbida as labouras agrarias foron as causantes da remoción do sedimento superficial de xeito que se alterou o volume da mámoa, provocando unha sensible reducción das súas dimensións orixinais. 

A cámara que se conserva responde á tipoloxía das do tipo poligonal con corredor corto, conservando (en total) nove chantos e a pedra cobertora do corredor. Éste atópase máis diferenciado en altura que en planta. Aparentemente a planta da cámara debuxábase a través de sete ortostatos, aínda que hoxe conserva só cinco, dos que un deles recuperouse durante as escavacións arqueolóxicas. A cámara acada unhas dimensións dun catro ms de longo e 3,40 de ancho. A dimensión da apertura é de 1,93 ms. O corredor conserva catro esteos e a pedra cobertora. No exterior hai unha serie de esteos que poden facer de contrafortes destes catro chantos.



Fotografía durantes as escavacións de Rodríguez Casal.

A anta foi obxecto de deversas violacións antigas, froito das que desapareceu unha das tampas da cámara. Aínda así, a anta atópase en bo estado de conservación.

Nas intervencións arqueolóxicas efectuadas por Rodríguez Casal (1977-1984) erixiuse un esteo da cámara e fixéronse importantes descubrimentos: localizouse a coiraza pétrea non moi contínua nin compacta e, a uns sete ms da entrada (cara ao leste) apareceu unha significativa concentración de estelas antropomorfas.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso

Entre o enxoval descuberto destacan os restos de cerámica, as puntas de frecha, aixolas e gubias. Todo este material así como as estelas e os betilos decorados, estánse a gardar no Museo Arqueolóxico de San Antón na Coruña.

A poucos ms da Mina, nun monte no que hai uns establos para cabalos, atópase a Mámoa de Portocoiro. Para chegar, éntrase polo portalón da devandita finca e, polo medio, cruza o regato Portocoiro. Logo de cruzalo, atópase a mámos. Amosa un profunto funil de violación e, no interior, atópanse os dous esteos que aínda se conservan. A mámoa acada 23 x 22 ms nos eixes maior e menor. 

Recentemente apareceron restos de pintura.


BIBLIOGRAFÍA

Rodríguez Casal, A.  La necrópolis megalítica de Parxubeira. Campañas Arqueolóxicas de 1977 a 1984. Monografías urxentes do Museu de San Antón, 4. A Coruña, 1989.

Rodríguez Casal, A; Criado Boado, F.  (1983):           Megalitismo e medio xeolóxico nas comarcas de Xallas e Melide. Galiza.  Mº de Cultura, D.G.B.A.A.  Madrid.  pp. 61-84.

Gil Agra, L.  (1997):    Catalogación e delimitación planimétrica dos xac. arq. do concello de Mazaricos.  A Coruña.


FOTOGRAFÍAS DO ANO 2011:







ANTA-DOLMEN ARCA DA PIOSA. Santa Sía de Roma, Zas



A anta Arca da Piosa vista desde o sur

Para chegar, hai varias posibilidades: pódese partir desde O Couto, A Chaira, Santa Sía de Roma ou tamén desde a estrada LC-441. Desde esta estrada, débese coller o desvío que leva á explotación forestal do Coto do Muíño. Talvez o máis doado sexa sair do lugar de Comareiro (termo de Vimianzo) e desde alí coller a pista de terra que sae con dirección sur-sudoeste que leva á devandita explotación forestal. Logo de percorrer 1,7 kms, chegamos ao límite da explotación, onde hai que salvar unha cancela. Uns 100 ms máis adiante collemos un desvío que vai ao oeste e logo xira cara ao sudoeste. Catrocentos ms despois chegamos a un cruzamentto de catro pistas. A anta atópase ao sueste do cruzamento, tendo unha boa visibilidade.



A Anta Arca da Piosa no ano 1993, por Ramón Boga

A anta Arca da Piosa forma parte dunha necrópole composta por outras 10 mámoas e, aínda que o estado de conservación desta anta é bastante bo, é necesario sinalar que falta un esteo da cámara e tamén que a intensiva actividade forestal sobre a superficie da mámoa motivou a alteración puntual da coiraza.

As dimensións aproximadas do túmulo no que se insire a cámara da Arca da Piosa son as seguintes: para o eixe ESE-NNO acada os 29,20 ms e para o eixe NNE-SSO, os 30 ms. En canto á latura, sobresae uns 2,5 ms e na superficie da mámoa aprécianse os restos da coiraza pétrea bastante trabada.



Planta da Arca da Piosa. Versión propia
sobre a planta de Méndez-Lestón.

A cámara pódese describir como unha estrutura poligonal composta por cinco esteos dos cales conserva só catro. O corredor é curto cun só tramo visible. O conxunto da cámara mailo corredor ten forma xeral en "V", sin que exista unha rotura clara entre as dúas partes nin na planta nin no alzado. A lonxitude do conxunto atinxe os cinco metros.

Nalgún dos ortostatos da cámara e do corredor atopáronse restos de pintura e, na tampa, hai unha cruz latina gravada aproximadamente no centro da cara externa. Como se dicía antes, o corredor é curto cun só tramo visible. A lonxitude aproximada é de 1,70 ms e conserva a tampa. A orientación de acceso é aos 110º. A lonxitude total da cámara e do corredor é de 4,80 ms.



A Arca da Piosa no ano 1956. Leisner-Tafall.

Unha das características máis interesantes e pola que destaca a Arca é a de conservar a pedras cobertoras da cámara e do corredor. Precisamente, no caso do corredor, trátase dunha tampa doble, conservando dúas lousas superpostas: a da parte de abaixo é a cuberta orixinal e atópase partida en tres anacos. Esta pedra cobertora, como curiosidade, amosa unha especie de regos ondeados de aproximadamente un cm de profundidade en toda a superficie. A pedra cobertora externa está completa e debeu ser colocada posteriormente para darlle estabilidade á cuberta orixinal e así impedir que acabase caendo no interior da construción.

A coesión da estrutura arquitectónica é excelente. As alteracións son e foron debidas sobre todo á propia natureza do material empregado e á realización de fogueiras no interior da cámara. En canto á mámoa, o seu estado de conservación tamén é bastante bó, aínda que a plantación de eucaliptos ao longo dos anos puido provocar alteracións en profundidade.

Recentemente descubríronse restos de pintura.
 




OUTRAS FOTOGRAFÍAS






Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!