domingo, 5 de agosto de 2012

PEDRAFITAS-MENHIRES de Andabao. San Martiño de Andabao, Boimorto.

PEDRAFITAS-MENHIRES DE ANDABAO

Atópanse na parroquia de Andabao, moi pretas do lugar de Torre, onde se asenta a igrexa parroquial, nunha extensa chaira entre vales.

Os veciños non recordan que estes fermosos monolitos estivesen en pé algunha vez: unha veciña díxome que foron reposicionados cando fixeron as explanacións da parcelaria. Tampouco recorda nada de antas, dólmens, mámoas ou mouros...

Eu atopeinas cando facía traballos de xeoreferenciación para a Universidade de Santiago de Compostela: en plena efervescencia megalítica, cando cheguei a esa zona, atopeime de bruces con estas espectaculares pedrafitas.

Vou poñer simplemente as fotografías, noutra ocasión falarei un pouco máis delas.









Fotografías de Ramón Boga Moscoso,
realizadas no ano 1995
.










Fotografías de Ramón Boga Moscoso,
realizadas no ano 2007
.












Fotografías realizadas por
Ramón Boga Moscoso no ano 1994








Fotografías realizadas
por Ramón Boga Moscoso no ano 2007
.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 3 de agosto de 2012

PEDRAFITA-MENHIR O BOLO DO BETOTE. San Vicenzo de Betote, Sarria.

PEDRAFITA-MENHIR O BOLO DO BETOTE. 

Durante as obras de construción da autovía A6 entre Nadela e Sarria, excavouse o contorno dunha enorme rocha granítica (bolo) que contiña varias cazoletas gravadas na súa superficie. Ademais, diversas estruturas arqueolóxicas aparecían vencelladas a este Bolo, encadradas, segundo os seus escavadores, no Calcolítico. Entre esas estruturas destacaba un anel peristalítico rodeando a rocha. Debido a este feito e diante da necesidade de trasladar a gran pedra, optouse por unha escavación completa da contorna.



O Bolo do Betote, no seu emprazamento
orixinal, durante a escavación arqueolóxica.
Fotografía de Juan A. Cano Pan.


A escavación arqueolóxica foi realizada por Juan A. Cano Pan e as súas conclusións aparecen relatadas da revista de informes de arqueoloxía da Xunta de Galicia publicadas no ano 2006.

O xacemento do Bolo configura un espazo claramente simbólico e ritual: o bolo-pedrafita atópase no interior dun anel lítico periférico con tendencia ao círculo. Segundo Cano o anel definíase por ter dúas caras, unha interna e outra externa, claramente diferenciadas: as pedras atopábanse chantadas e tamén aparecía un recheo de pedra no interior. 

Todo o conxunto (bolo-anel pétreo) aparecía delimitado por unhas foxas lonxitudinais que probablemente configuraban un novo anel de delimitación.
 


O Bolo do Betote unha vez 
seccionado e trasladado. 
Fotografía de Juan A. Cano Pan.


Unha vez escavada esta extraña estrutura de tipo ritual, procedeuse ao seu traslado, optándose por cortar o Bolo en varios anacos. O peso total foi de 112 toneladas. A reinstalación fíxose tendo en conta a recuperación  de toda a morfoloxía do Bolo así como a súa orientación orixinal.



Cazoletas do Bolo do Betote. Fotografía de Juan A. Cano Pan.



IMAXE DO BOLO DO BETOTE NO ANO 2019:


Fotografía de Xabier Moure en patrimoniogalego.net.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


sábado, 28 de xullo de 2012

ANTA-DOLMEN E PEDRAFITA-MENHIR DE ADAI. Santa María Madanela de Adai, Lugo.

ANTA-DOLMEN DE ADAI.

Atópase na parroquia de Santa María Madalena de Adai,  pertencente ao Concello de Lugo.

Trátase dunha anta non moi grande que se desenvolve a través dunha cámara poligonal  con corredor corto. Confórmase a través de cinco esteos para a cámara e dous para o corredor. Conserva a pedra cobertora caída no interior da anta.

Forma parte dunha necrópole megalítica da que non sabemos o número total de mámoas de que se compón.



Fotografía de Xabier Moure. Blog onosopatrimonio
.



Fotografía  de Xandlinatrhry. Páxina: patrimoniogalego.net
.



PEDRAFITA-MENHIR DE ADAI.

No mesmo lugar no que se atopa a Anta de Adai, aparece un complexo arqueolóxico ubicado na ladeira do nacente do Monte da Pena do Rei: a chaira está situada a media altura e é o lugar que recibe o nome de Pedra Fita.

Para esta descrición vou seguir o artigo de Manuel Santos Estévez publicado na revista TAPA nun artigo titulado "Petrofligos y paisaje social en la prehistoria reciente del noroeste de la península ibérica". Para conseguir este artigo (pódese baixar a versión en pdf) debedes acceder á páxina do CSIC, digital.csic.es.

Xa hai varias interpretacións para este lugar que o relacionan cunha estrutura de control viario romano (Felipe Arias) ou ben coa cercana cidade de Lucus Augusti (Marco García Quintela). Á parte das posibles interpretacións, o certo que este é un lugar onde se reúnen unha boa enchenta de elementos que o fan susceptible tanto de numerosas interpretacións como da súa necesaria conservación e proteción.

A cámara megalítica que describíamos máis arriba atópase nas inmediacións, a un nivel máis baixo; tamén, segundo Estévez, na cima aparece unha mámoa de grandes proporcións e un recinto pequeno circular que mide uns 20 ms de diámetro, ubicado nun emprazamento pouco destacado: ten pequena muralla e un foxo perimetral. Trátase do elemento coñecido como O Castrillón. Aínda que está catalogado como Castro, nin as súas dimensións nin as posibles estruturas defensivas permiten adscribilo a un asentamento defensivo da Idade do Ferro.



O Castrillón. Fonte Manuel Gago, http://maps.google.com


No lugar coñecido como A Penela, no límite nororiental da chaira, aparece unha pedra chantada que mide un metro e sesenta centímetros de altura, un metro e ochenta centímetros de ancho e de grosor un 38 centímetros. Segundo Estévez, parece que  foi fincada intencionadamente e por iso pode ser considerada unha pedrafita: non é un marco demarcatorio de fincas nin tampouco fai de marco de termo parroquial. Por iso é plausible que estea vencellada co conxunto da pedrafita. Segundo a nosa tipoloxía con respecto ás pedrafitas, debido ao seu tosco deseño e ás formas angulosas, podémola adscribir seguramente ao final da Idade do Bronce e incluso aos momentos iniciais da 1ª Idade do Ferro.



Pedrafita A Lamela, fotografía de Rafael Quintía Pereira,
 asombradebouzapanza.blog


Ademáis das estruturas con gravados rupestres ben estudadas por Estévez, aquí o que nos interesa é a estrutura central, ubicada no centro da Chaira.




Fotografías de Manuel Gago


Trátase dun gran bloque ou laxe plana que mide de longo 10 metros e de ancho 6,25; os extremos desta pedra son redondeados, dándolle unha forma navicular. Amosa 17 ocos rectangulares que se destribúen  polo contorno exterior rodeándoa. Entre cada un dos ocos hai pequenos rebaixes e, no centro xeométrico, dúas pías, unha de sección cilíndrica e a outra alongada. Os ocos poderían ter sido para colocar postes, e xunto cos rebaixes, servirían para colocar algún tipo de muro perimetral.

A interpretación non é doada nin pode ser, no momento actual das investigacións, pechada. Evidentemente este conxunto pode ser interpretado como un círculo lítico feito de materiais perecedeiros (troncos de madeira) con un central, elementos ben estudados nas Illas Británicas; tamén pode ser considerado coma un templo.

O Castrillón pódese interpretar como unha castronela medieval; desde logo, ao meu xuizo, e vistos só as fotografías aéreas, nunca coma un castro. Efectivamente, semella máis un henge británico que unha estrutura defensiva castrexa, tanto polas súas proporcións físicas como pola súa forma. Outra liña de investigación centraríase en consideralo un círculo lítico semellante aos do País Vasco e Navarra que se vencellan crononóxicamente á 1ª Idade do Ferro (Vegas, 2001; Calado, Manuel).



BIBLIOGRAFÍA

Santos Estévez, Manuel: "Petrofligos y paisaje social en la prehistoria reciente del noroeste de la península ibérica" TAPA, CSIC

Calado, Manuel: "Menires da Península Ibérica"

Vegas, J: "Cromlech de Mendiluce (Sierra de Encia-Álava)" Euxkoneus-Media, 2001

www.manuelgago.org/blog, de Manuel Gago

asombradebouzapanza.wordexpress.com, de Rafael Quintía


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 27 de xullo de 2012

ANTA-DOLMEN CASA DA MOURA. Aldea de Queguas, Santo Tomé de Venceáns, Entrimo.

ANTA-DOLMEN DA CASA DA MOURA.

Para chegar. Partindo de Bande, a vinte quilómetros, tendo á vista a cola do encoro de Lindoso, hai que coller o desvío ben sinalado que leva a Entrimo. No lugar da Feira Vella, a cinco quilómetros, debemos seguir a estrada da esquerda que leva a Terracha, capital municipal do Concello de Entrimo. Desde aí, ao pasar a Alameda, hai que seguir o desvío á dereita que leva á aldea de Queguas, a onde chegaremos despois de percorrer sete quilómetros. Unha vez en Queguas, hai que deixar o coche á entrada do pobo e cruzar polas súas vetustas rúas ata chegar ao final onde comeza unha empinada corredoira que é o inicio dunha ruta de sendeirismo que nos levará á anta. Ésta atópase  a uns 1200 ms de altitude e chégase despois de aproximadamente unha hora andando.




A anta aséntase nunha chaira no Alto das Sete Laceiras.

Trátase dunha anta que posúe dimensións colosais, se cadra unha das máis grandes de Galicia que amosa un excelente estado de conservación. A anta atópase no interior dunha mámoa que non conserva a totalidade do seu volume orixinal; consérvase a cámara, o corredor e as pedras cobertoras da cámara e do corredor. A mámoa acada entre 15 e 20 ms de diámetro.



A cámara confórmase mediante seis esteos e o corredor con dous e fáltalle a pedra da cabeceira. Mide nos seus eixos uns dous metros e medio por tres metros. A altura pasa dos dous metros. O corredor está orientado ao suleste e acada unha altura máxima dun metro e medio: a cuberta do corredor mide máis de dous metros de lonxitude.

Tanto a tampa ou pedra cobertora da cámara coma a do corredor conservan cazoletas. Probablemente tamén conserve restos de pintura.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso



ESTRUTURA PRETO DA CASA DA MOURA.

Segundo Miguel Moreno Gallo, moi preto da anta Casa da Moura de Queguas, hai un posible "cromlech", ou se cadra outra construción de dificil adscripción pero vencellada ao fenómeno megalítico. O investigador non esgota que se trate incluso do resto dun muro pertencente a unha construción para o gando. 

Tanto estas consideracións como a fotografía que as acompaña foron realizadas por este autor na páxina megalitos.es.





ANTA-DOLMEN DE OLIN. Entrimo

Anta da que non sabemos outra cousa que o coñecemento visual a través da fotografía de Xabier Moure que aparece no seu blog onosopatrimonio, na que aparece co pé de foto "Anta de Olin, Entrimo":





En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 26 de xullo de 2012

ANTAS-DÓLMENES E PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXA LIMIA IV: Marco das 4 Cruces, A Mota Grande, Pedrafita da Mota Grande, Antas de Ferropenagache: 5, 8, 11, Anta Serra das Motas, Anta do Outeiro das Mos.

ANTAS-DÓLMENES DA BAIXA LIMIA IV.


Desde a parroquia de Bangueses, no concello de Verea, parte un roteiro arqueolóxico que permitirá albiscar algúns dos elementos máis significativos do megalitismo galego. 

O lugar de partida é o Outeiro das Catro Augas e desde aí ata a Portela do Pau, diversas pistas forestais (restos tamén de Camiños seguramente vencellados ás necrópoles megalíticas), son varios quilómetros que nos permitirán contemplar algúns dos máis extraordinarios exemplares do megalitismo galego.

As diversas necrópoles que se asentan na Serra do Leboreiro, xusto na fronteira entre Galicia e Portugal, suman ao redor de centro trinta mámoas das que 100 atópanse en territorio portugueés.

Entre estas necrópoles destacan as de Outeiro de Ferro Penagache e a de Motas de Peneda da Canteira, conservando exemplares que non se diferencian dos doutros lugares de Galicia, sobre todo dos da Costa da Morte.

-MARCO DAS CATRO CRUCES. Bangueses de Abaixo, Verea

Trátase dunha pedrafita que fixo de marco de termo ou marco divisorio entre as parrqouias de Calvos e Corvelle (Bande), Cexo e Bangueses (Verea).

Amosa sección cadrangular que se vai esvaecendo da base á cume, onde xa vai debuxando unha forma máis redondeada, debuxando unha especie de remate de báculo. Unha escotadura pouco antes da cima fai que, segundo a perspectiva en que a vexamos, adquira forma antropomorfa ou incluso fálica.


Fotografía realizada por Daviddexordos
.


-A MOTA GRANDE DE VEREA ou Anta 1 de Ferro Penagache

Atópase ubicada nunha gran necrópole tamén coñecida como o conxunto megalítico de Portela do Pau. As mámoas desta gran necrópole exténdense nunha superficie duns 50 quilómetros cadrados cunha concentración dunhas cen mámoas na zona portuguesa e unhas trinta na zona galega. 


Fotografía da Mota Grande realizada por J.M. Eguileta Franco.


O conxunto integrado pola Mota Grande de Verea é un dos máis importantes e está integrado por nove mámoas. A mámoa foi obxecto dunha escavación de urxencia debido a unha salvaxe profanación realizada no ano 1994.

Entre as características formais máis interesantes hai que subliñar a forma xeralmente circular de grandes dimensións, con coirazas formadas por soportes imbricados. Tamén destacan polos corredores que adoitan non ser moi desenvolvidos.

Trátase así da maior mámoa da necrópole e de toda a chaira. Destácase nítida e claramente de todas as demáis mámoas adquirindo dese xeito un carácter intencional. A Mota Grande sirve de fito fronteirizo entre Galicia e Portugal.


Fotografía da Mota Grande realizada por Julio Anta.


A Mota Grande é unha gran mámoa composta de terra ben compactada que aparece moi ben consolidada na parte superior por unha coiraza de pedras imbricadas entre sí. 

Despois da violación consumada na década de 1980, quedaron in situ cinco esteos, pero lixeiramente descolocados polo empuxe da pedra cobertora que quedou un pouco esnaquizada. Pódese adscribir ás cámaras de tipo poligonal alongada e amosa polo menos dous esteos gravados, á esquerda da pedra da cabeceira.

No primeiro esteo, á dereita da entrada, hai unha serie de gravuras con sulcos moi finos que cubren toda a súa superficie externa. Sen embargo o que individualiza sen dúbida este esteo é que aparece unha pigmentación realizada antes das gravuras e que permiten o seu resalte, creando unha ilusión escénica. O motivo central destas gravuras son catro círculos concéntricos combinados. Á súa veira aparecen dúas formas circulares simples e imperfectas; por debaixo destes  vanse resaltando as clásicas liñas ondeadas e liñas crebadas en zigue-zague.



Esquema das gravuras do esteo C1 da Mota Grande de Verea


Estamos diante dunha composición xeometrizante cuio significado sigue sendo unha incógnita. Sen embargo, segundo os seus escavadores, é evidente que hai unha ordenación intencional do espazo gravado, centrado en dúas figuras emblemáticas e desenvolvéndose cada unha delas cos motivos ondulantes, como facendo de molduras, enmarcándoos.

Esteo nº C2 da Mota Grande de Verea


No outro esteo, de grao fino, aparece unha coloración amarelada con manchas de óxido. Este esteo está parcialmente partido na parte superior, tendo o anaco partido tirado na parte de atrás.  Parece bastante probable que estea a conservar restos de pintura.





-PEDRAFITA-MENHIR DA MOTA GRANDE

Curiosa pedrafita tirada ao outro lado da pista que a separa da Mota Grande, por iso pódese aseverar que a mámoa atópase asociada á pedrafita: trátase dunha gran pedra monolítica claramente artificial que se atopou tumbada á beira da base da mámoa. Segundo os escavadores da Mota, esta pedrafita probablemente fose removida do seu lugar orixinal nos traballos para o arranxo da pista.



Pedrafita da Mota Grande.
Fotografía realizada por J.M. Eguileta Franco.


Posiblemente a pedrafita estivo emprazada nunha zona entre estas grandes mámoas cerca da súa localización actual. A hipótese da súa ubicación tería que ver, como en outras pedrafitas galegas, coa función de fito sinalizador: colocado no cambio de vertente, nunha zona na que a Mota non pode verse, faría de fito anunciador, a xeito de estela, como sinalando o inicio da necrópole.



Fotografía realizada por Julio Anta
.



Pedrafita da Mota Grande.
Fotografía realizada por Davidexordos
.
 


-ANTA-DOLMEN 5 DE OUTEIRO DE FERRO PENAGACHE

Trátase dun gran monumento funerario que está conformado por unha gran mámoa recuberta por unha coiraza de pedra. No interior da mámoa acóchase unha anta de planta poligonal simple sen corredor. Os sete esteos da cámara miden máis de dous metros de altura e algúns deles están moi decorados: repítense os motivos ondulados e en zigue-zague. Non sabemos si a pedra cobertora é a orixinal.












Fotografías realizadas por Julio Anta


Foi obxecto dunha intervención arqueolóxica na década de 1990, a cal puxo ao descuberto a estrutura arquitectónica que hoxe podemos contemplar, así comoa os gravados prehistóricos.

As datacións obtidas nas escavacións arroxan unha datación dacabalo entre o V e o IV milenio a.C.




-ANTA-DOLMEN 8 DO OUTEIRO DE FERRO PENAGACHE



Fotografía realizada por J.M. Eguileta Franco


Anta con forma poligonal e corredor pouco desenvolvido. Componse con sete esteos. Atópase entre os marcos fronteirizos 23 e 25. Nove das mámoas desta necrópole alíñanse na dirección oeste-leste e atópanse moi preto do Camiño "Ruta das Feiras" que ía de Lobeira a Milmanda, moi transitada na Idade Media.

Non sabemos, persoalmente, si esta anta se atopa en Galicia ou en Portugal. Non obstante próximamente farei unha incursión por estas fermosas terras.






-ANTA-DOLMEN 11 do Outeiro de Ferro Penagache




Fotografía realizada por J.M. Eguileta Franco
.






-ANTAS-DOLMENES da Serra das Motas. A Fraga, Lobeira

Trátase de dez mámoas que se emprazan nunha das abas occidentais da Serra de Leboreiro. Segundo Eguileta, o monumento M1 (Mota da Meda) foi erixido nunha das cumes máis altas da Serra. As restantes nove mámoas distribúense de xeito lineal ao longo da dorsal.

Nun dos esteos da M10 hai pinturas "xuguiformes".




-ANTA-DOLMEN DO OUTEIRO DAS MOS. A Fraga, Lobeira

Atópase facendo conxunto con outra mámoa na parexe coñecida como Outeiro das Mos, nunha das abas máis septentrionais da Serra das motas.

A coñecida co nome de M1 desenvólvese no interior dunha mámoa e está rodeada dun círculo lítico que é máis que un anel perimetral. Segundo Eguileta, está formado por auténticos esteos semellantes aos conservados para as cámaras megalíticas. Tres deses grandes esteos estaban in situ e alineados, e algúns outros estaban tirados na superficie da masa tumular así como no contorno máis inmediato.




Fotografía de J.M. Eguileta Franco, 1999.





BIBLIOGRAFÍA

Eguileta Franco, J.M.: A Baixa Limia Galega na Prehistoria Recente. Deputación de Ourense, 1999.

Carrera Ramírez e Fábregas Valcarce: "Arte parietal megalítico en el noroeste penínsular". Tórculo Edicións.

Enlaces de interese: Julio Anta, Sudando Botas, o noso patrimonio, patrimonio galego.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 24 de xullo de 2012

ANTAS-DÓLMENES DA BAIXA LIMIA III: CORGA DAS ARCAS, A ANTA. PORTELA DE PITOES.

ANTAS-DÓLMENES DA BAIXA LIMIA III.

-ANTA-DOLMEN DA CORGA DAS ARCAS. Parada de Ventosa, Muíños

Viaxar á Baixa Limia sempre é un placer, baixo todos os puntos de vista. Aos indiscutibles valores naturais e histórico-artísticos, hai que engadirlle o indudable valor prehistórico.

Nesta primeira aproximación ao megalitismo da Baixa Limia, ímonos guiar case exclusivamente polos traballos de J.M. Eguileta Franco realizados durante anos por toda esta comarca.

Forma parte dunha necrópole composta por tres mámoas, das que a sinalada co número 1, amosa restos da cámara.



Fotografía de J.M. Eguileta Franco, 1999.



Fotografía extraída da páx. web www.megalitos.es.



-A ANTA. Muíños

Atópase nunha gran penechaira e conserva restos da cámara megalítica.


Fotografía de J.M. Eguileta Franco, 1999
.



-ANTA-DOLMEN DE PORTELA DE PITOES. Requiás-Guntumil/Pitoes das Junias (Muíños-Montalegre)

Conserva restos da cámara megalítica e fai de fito fronteirizo entre Galicia e Portugal.



Fotografía de J.M.Eguileta Franco, 1999
.




Fotografía extraída da pax. web www.megalitos.es



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

venres, 20 de xullo de 2012

PEDRAFITA-MENHIR DE PORTO QUINTELA OU ÍDOLO DE NOGUEIROÁ. Santiago de Nogueiroá, Bande


PEDRAFITA-MENHIR DE PORTO QUINTELA OU ÍDOLO DE NOGUEIROÁ. 

Esta fermosa pedrafita con forma fálica atópase hoxe no Centro de Interpretación de Aquis Querquennis, en Porto Quintela, concello de Bande: cando tomei as fotografías atopábase no exterior; hoxe en día atópase no interior das instalacións museísticas.



Pedrafita de Bande 1999, Ramón Boga.


Segundo os seus descubridores, atopouse no ano 1992 no leito do río Limia, á beira do muíño. Nos primeiros momentos semellaba un miliario; sen embargo, non se podían ollar os epígrafes. Foi así que, unha vez analizado polo miudo, puidose describir unha gran pedra con forma cilíndrica e moldurada no primeiro tercio da súa lonxitude: a forma é claramente fálica co glande lixeiramente apuntado e a súa superficie exterior atopase percorrida por alisamentos tabulares lonxitudinais de perfecta regularidade.



Pedrafita de Bande, 1995. Autor, Ramón Boga


A lonxitude total é de ao redor de un metro e sesenta centímetros  e uns 50 cms de diámetro maior. Finalmente decidiuse o seu traslado al Centro de Interpretación.

No que respecta á súa interpretación só podemos dicir que non se trata dun miliario e tampouco dun marco de termo. A hipótese que barallan os seus descubridores é a de que se trata dun ídolo fálico tallado plausiblemente dunha rocha existente in situ, e elaborado no mesmo lugar para, finalmente, erguelo na corrente do río do Olvito (Limia) posto que, para un hipotético traslado, o acceso a ise lugar resulta extremadamente perigoso.

Ao noso xuizo, e coa pertinente prudencia, trátase dunha pedrafita reaprobeitada en época romana.


En Sigrás, sáude, sorte e libros!!!