PEDRAFITA-MENHIR O FUSO DA MOURA.
Esta sobranceira pedrafita atópase ergueita grazas a que fai de lindeiro entre os concellos de Malpica e Ponteceso (parroquias de Mens e Niñóns). Como moitas outras pedrafitas galegas está ubicada formando parte dunha necrópole megalítica e seguramente fai de fito anunciador, posto que se erixe moi cerca do cambio de vertente desde onde se albiscan amplos horizontes. Dicir tamén que hoxe o lugar está ocupado polo Parque Eólico de Malpica.
Esta sobranceira pedrafita atópase ergueita grazas a que fai de lindeiro entre os concellos de Malpica e Ponteceso (parroquias de Mens e Niñóns). Como moitas outras pedrafitas galegas está ubicada formando parte dunha necrópole megalítica e seguramente fai de fito anunciador, posto que se erixe moi cerca do cambio de vertente desde onde se albiscan amplos horizontes. Dicir tamén que hoxe o lugar está ocupado polo Parque Eólico de Malpica.
![]() |
Ángel e Ramón Boga Moscoso no Fuso da Moura. 4 de novembro de 1997 |
Para chegar. Débese coller a estrada que vai de Malpica a Ponteceso. Ao chegar ao cruzamento no lugar de Ponte Berrón, débese coller esa estrada ata chegar á igrexa parroquial de San Pedro de Barizo: desde alí hai que coller a estrada que leva ao Parque Eólico, na cima do monte. O punto de partida será o edificio da subestación do Parque Eólico. Ata a pedrafita hai aproximadamente dous quilómetros. Débemos chegar ata o muíño sinalado co número 711 que está orientado cara ao suleste (polo menos era así no ano 1997). Antes de chegar á pedrafita, uns metros antes, pódese ver unha mámoa de tamaño medio.
![]() |
Ángel Boga Moscoso no Fuso da Moura, 4 de novembro de 1997 |
Trátase dunha pedra de granito colocada verticalmente que mide dous metros e medio de altura e un perímetro máximo de un metro e 30 centímetros. Ten base cadrangular que se vai estreitando cara ao alto ata rematar dun xeito bastante estreito. A media altura ten unha profunda fenda ou escotadura que lle da un aspecto de lanza. As catro caras miden unha media de corenta centímetros na base; cara ao alto o aspecto xa é dun cilindro.
![]() |
O Fuso da Moura, 4 de novembro de 1997 |
Na base ten varias partes moi rebaixadas cun desbastado bastante tosco e a pedrafita atópase calzada con varios chantos que non sabemos si son os orixinais ou foron colocados de novo. Todos os líquens que cubren as súas caras non deixan ver si hai algún tipo de cazoleta ou calquera outra gravura.
O topónimo aparece no mapa topográfico nacional 1:25000 e seguramente non só fai referencia á pedrafita, senón tamén a toda a zona.
ADDENDA
Xa hai moito tempo que viña postergando unha dolorosa para min addenda a esta entrada do blogue. Trátase dunha aclaración sobre esta singular pedrafita que ven a sustituir á orixinal: só se conserva o nome e a necrópole megalítica na que se insire, a pedrafita orixinal desapareceu hai xa moitos anos. Hoxe ne día, o que coñecemos como Pedrafita Fuso da Moura é un fito chantado que lembra o anterior que, segundo as fontes, era de meirandes dimensións. Sábese que esta orixinal pedrafita foi esnaquizadda por un canteiro da zona a mediados do século XX para reaproveitala con finalidade pragmática. Parece ser que o canteiro decatouse mais tarde da barbaridade que fixera e chantou a peza que coñecemos.
Sen embargo este penoso feito non lle quita importancia ao lugar, permanecendo na memoria os ritos que realizaban os veciños ao redor da antiga pedrafita: levaban o gando ata a pedrafita para realizar diversos rituais curativos ou preventivos dando nove voltas ao redor da pedrafita e tendo moito coidado de que ninguén os vise. Probablemente, como sinala Alberte Alonso, entre as funcións da pedrafita destaca a súa capacidade de protección, fecundidade, fundamentais para as primeiras sociedades semisedentarias e que se continuaron realizando ata hai ben pouco.
En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!
Segundo http://croasdeninhons.net/index.php/project/o-fuso-da-moura/ a pedra que está agora non é a orixinal
ResponderEliminar..."Fai tempo, a un canteiro da zona deulle por decotar e rabanar o Fuso da Moura. Pouco despois, ese mesmo canteiro arrepentiuse e quizabes se decatou da falcatruada que cometera contra a pedra sagrada. Movido polo arrepentimento, chantou no mesmo sitio un novo mollón en lembranza dun menhir que hoxendía igual forma parte dun cabazo, unha escada ou un alboio".