mércores, 15 de abril de 2026

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DA CAMPANA. Santo Estevo de Abelleira, Muros.

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DA CAMPANA

"Cuando los ricos se hacen la guerra, son los pobres los que mueren." 
Jean Paul Sartre



Debuxo de Moncho Boga, 2026.

Escudriñando con lecer (lendo) o fabuloso traballo de Almagro e Alonso Romero sobre as Pedras Sacras de Galicia, atopeime, inopinadamente, con este esteo-pedrafita que me chamou poderosamente a atención, cando xa hai un tempo atopei outra semellante (cando menos participando do mesmo topónimo) nas montesías terras do Monte Xalo en Cerceda, na Coruña. Este é o motivo polo que vou adicar unha breve entrada a cada unha delas, sobre todo polo apertura dun campo novo para min e as novas expectativas que abren en canto á diversidade das nosas pedrafitas, do case insondable universo pedrafiteiro galego. En canto ás características formais pouco podo dicir de cada unha delas posto que por mais que investiguei, non atopei nada ao redor das súas dimensións ou de lendas que me podan achegar ás súas mais íntimas características. Sen embargo, con eses poucos datos, podo perxeñar un cativo relato de cada unha delas.



Pontella do río Rateira, wilkiloc, ver bibl.

A primeira pedrafita, A Pedra da Campana, está ubicada na parroquia de Abelleira, moi preto do nacemento do río Rateira, nas terras do Concello de Muros. Segundo as informacións, lacónicas, do traballo inxente mencionado mais enriba, atópase tamén moi preto de onde estivera a Ermida de San Lourenzo, hoxe desaparecida.

A pedrafita que podemos ver na fotografía extraída dese libro e da interpretación debuxada, parece estar ubicada nunha aba que probablemente mira ao río, nun lugar que semella ter moita visibilidade e ser moi visible.  Ten forma abonbada e cilíndrica e vai diminuindo pouco a pouco até chegar á croa; con moita inseguridade, probablemente sobrepase os tres metros de altura. Na base aparecen uns croios que lle dan un certo aspecto fálico. A súa presenza preto do manancial que da nacemento ao río é unha das características mais importantes á hora de caracterizar unha pedrafita.


Fotografía da Pedra da Campana extraída do Libro
de Almagro-Alonso, ver Bibl.

A meirande parte das denominadas "Pedras sonoras" en Galicia, son formacións rochosas naturais que emiten sons de diversas características. Estas penas, con propiedades acústicas especiais, reflicten o son ao seren golpeadas, por causa do vento ou por amplificar os sons do contorno.  A mentalidade tradicional os consideraba sons máxicos, sobrenaturais, polo que adoitanse clasificar en xeral entre as "penas sacras". O que me chamou a atención sobre a Pedra da Campana é que non semella unha formación natural (como na meirande parte dos casos) senon que ten a feitura dunha pedra tallada pola man do home e polo tanto as súas características e significado deben ser mais específicas. Segundo Almagro e Alonso, é probable que na Prehistoria se poideran empregar as veces golpeándoas con humildes instrumentos musicais de percusión para transmitir unha mensaxe, un rogo... Estas mensaxes tamén as podían oir os deuses e os antepasados. Malia que só posuímos o nome, Pedra da Campana, podemos deducir a través das lendas noutras pedras naturais coas mesmas propiedades sonoras, que moitas veces os sons que producen estas penas son máxicos e porque no seu interiior viven seres sobrenaturais: por exemplo a preciosa lenda da moura que vive no seu interior, unha moura fermosa e de loiros cabelos. En xeral o ser humán axuda á moura  e, si non cumple a petición ou a condición, perde a recompensa prometida.



A Pedra das Cruces no campo da Ermida,
foto de Elixio Vieites.

Tamén poden ser (seguindo o fío interpretativo de Almagro-Alonso), ou pódense interpretar como "ritos de iniciación": o participante é castigado si non realiza a proba axeitadamente. Tamén pode ser a testemuña dalgún culto adicado ás pedras da campana, pedras ás que se consultaba por entender que no interior habitaba un numen (divinidade, xenio ou musa) ao que se invocaba para coñecer o futuro.

En defitinitva, Galicia é de pedra e a pedra é Galicia: cada pedra, sexa natural ou artificial, oculta un relato de seres lexendarios, un universo mitolóxico cunha racionalidade propia, as súas teorías sobre a orixe das pedras, dos grandes monumentos megalíticos, das pedrafitas, un mundo superpoboado por mouras, mouros encantados, por xigantes, por serpes, diaños, encantos..., constitúe toda unha explicación do mundo preracional, unha teogonía.



Foto mapcarta.

Si a nosa pedrafita se atopa emprazada preto do nacemento do río Rateira, podemos vencellar a pedrafita ao nacemento do río como o lugar sacro por excelencia. O culto aos mananciais, ás fontes, está ben documentado en toda a xeografía mítica galega: ao redor deles artelláronse, organizáronse tanto os hábitats prehistóricos como as rutas de comunicación, os milenarios camiños galegos. Malia que non coñezo o terreo, polas cercanías transcorre e serpentea unha rota xacobea...

Para rematar, unhas palabras de Vicente Feijoo Ares que me gustaron especialmente, relacionadas coas cantareiras pedras galegas:

"Todas las peñas con propiedades acústicas de Galicia, tanto las reales como las míticas, forman un importante capítulo de las peñas sacras, pues jugaban un amplio papel en el imaginario y la mitología popular. Los testimonios conservados en la actualidad son escasos y con riesgo creciente de que se pierdan, lo que supone una pérdida de este Patrimonio tan peculiar y atractivo, pues estas peñas sonoras siempre han debido llamar la atención de la gente y han fomentado la mentalidad «mágica» popular, por esa característica tan llamativa que ofrecen, tan próxima al fondo animista del que parecen proceder todas estas creencias en el carácter sacro y sobrenatural de determinadas peñas."

Cada letra, cada palabra que interpreta, cada pedra que aparece, contribúen a esclareces un misterio que semella insondable, inmarcesible..., e cada palabra, cada pedrafita, continúan aí pese ás diatribas insidiosas de Martiño de Dumio.

En Sigrás, nos procelosos días centrais de abril de 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


E, para rematar dunha vez por todas, deixar constancia das numerosas "penas sacras" que salpican e pódense admirar hoxe en día por todo o contorno de Muros: A Pedra do Cadro, a Pedra Pía, A Laxe Borrateira, O Castelo da Laxe, as Patudas de Santa Mariña...


A Pedra das Pías. Foto de Elixio Vieites.

BIBLIOGRAFÍA ESENCIAL, FUNDAMENTAL E INDÓMITA. TAMÉN IMPRESCINDIBLE...

SOLLA, Calros: "As pedras que saben de nós (e II): Escolma de penedos selleiros que, en Cerdedo, arrollan outras tantas redomas de saber popular."  Nº 21. (2025) En https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=17&id=3227:

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/circular-desde-bornalle-rio-rateira-muros-182064569

https://themurostimes.com/2015/02/27/pedra-das-cruces-do-campo-da-ermida/

Vicente Feijoo Ares: "Las motivaciones de los nombres de las piedras en Galicia. Cultos, ritos y leyendas."  DOI: 10.2436/15.8040.01.116

Martín Almagro-Gorbea, Fernando Alonso Romero: "Peñas Sacras de Galicia". Fundación Monteagudo, Betanzos MMXXII.

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/rio-rateira-abelleira-174647428/photo-108953309

https://patrimoniogalego.net/index.php/62958/2014/08/pedra-das-cruces-do-campo-da-ermida/

https://historiadegalicia.gal/2017/12/as-pedras-maxicas-pedregal-de-esteiro-pequeno-pindo-de-galicia/

https://patrimoniogalego.net/index.php/781/2011/05/pedra-das-pias/

Ningún comentario:

Publicar un comentario