ANTA-DOLMEN MÁMOA DO CASTRILLÓN-LAMAS
"Los hombres han sido siempre, en política, víctimas necias del engaño ajeno y propio, y lo seguirán siendo mientras no aprendan a descubrir detrás de todas las frases, declaraciones y promesas morales, religiosas, políticas y sociales, los intereses de una u otra clase."
Guillermo de Ockham
Debuxo de Moncho Boga, 2025. |
Sempre hai que voltar ao dezano Concello de Agolada, sempre hai que voltar obrigatoriamente e sen ningún tipo de inxustificada disculpa, ás feraces, amenas e voluptuosas terras deste singular territorio.
E, malia que sexa desde a comodidade dun sillón e coa facilidade que permite un ordenador, eu volto coa imaxinación; volto coa imaxinación porque a viaxe física non é factible de momento. Cómpre sinalar que unha parada na capital municipal é sempre un pracer, e tamén é un pracer obrigatorio visitar o espectacular conxunto etnográfico dos Pendellos. Pero así mesmo é un singular atractivo a inmensa cantidade de antas, mámoas, petróglifos, castros, pazos, igrexas románicas, carballeiras..., que identifican e singularizan este impresionante concello.
Hoxe mergúllome no estudo divulgativo dunha preciosa mámoa da que non sei moitas cousas, excepto que é relativamente fácil de atopar, que se atopa moi preto da capital municipal, que talaron os pinos e carballos que a estaban a cubrir e que, nas cercanías, destruíron dúas estacións de petróglifos coñecidas como a Picurela I e II, feitos denunciados polo investigador González Alén e polo blog dos Pendellos, que atopei nunha entrada de Ángel Utrera (no blo ospendellosblogspot.com) titulada "A insensibilidade polo noso patrimonio."
Noutro orde de cousas non menos importante, hai que subliñar que para chegar débese coller a estrada Agolada-Lugo e, en Trabancas, debemos introducirnos por unha pista que leva ao lugar de Lamas e alí coller un camiño con dirección leste. Con estas lacónicas indicacións probablemente, senon con toda seguridade, non chegaredes a esta fermosa mámoa. Polo tanto podedes seguir o mapa que adxunto ou mellor, agora que me decato, vai ser fundamental deixarse guiar polo XPS.
A mámoa ou túmulo na que se insiren os poucos restos á vista da anta, desenvólvese a través dun diámetro de vintedous metros e unha altura de dous metros e medio. Na superficie sobresaen a duras penas dous esteos que forman parte da estrutura arquitectónica ou cámara, da que non podemos saber nada da súa forma ou tipoloxía. Un dos esteos mide aproximadamente un metro de altura. Debido á pontente cuberta vexetal que está a cubrir toda a superficie tumular, non se pode apreciar si hai restos da coiraza. Sen embargo algunhas informacións falan de diversas pedras de mediano tamaño que poderían formar parte desa cuberta pétrea.
Malia que a meirande parte das fotos que aporto, procendentes da máxica man de Alex Negreira a través do seu blog megaliticiablogspot.com, pódese contemplar a poderosa mámoa cuberta de vexetación arbórea e, na última, pódese observar a tala prácticamente total de todas as árbores que estaban a cubrir completamente a súa fermosa superficie.
A mámoa foi violada salvaxemente, non en épocas históricas, senon nunha data tan recente como é o ano 1987, segundo contan, por uns furtivos de Lalín.
O emprazamento topográfico é nunha llanura, rodeada dunha vexetación que consiste maiormente en pradeiras, cultivos e masas de monte alto.
Por último dicir que nesta mámoa, ou nas inmediacións, atopouse unha maza de pedra puída que se garda no Museo de Pontevedra: trátase, como se pode ver na fotografía, dunha maza de forma eíptica con perforación central bastante biselada ou rebaixada cara ao exterior. Pesa case un quilo, ao redor de cincoenta centímetros de lonxitude, sete centímetros de ancho e acada os tres con dez centímetros de grosor. Ángel Utrera fala de dúas mazas na mesma mámoa que eu non fun quen de atopar.
Pouco mais teño que dicir deste fermosa mámoa que inverosimilmente aínda garda moitos segredos e algúns restos da estrutura arquitectónica megalítica no seu interior. Esperamos con certa inquedanza que a mámoa se siga a conservar nestes incertos tempos para a arqueoloxía en xeral e para os monumentos megalíticos en particular.
EN SIGRÁS, VENDO MAIO PASAR, 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!
ENLACES MOI RECOMENDABLES
Angel Utrera Baza: "Os Pendellos de Agolada. A Feira." Anuario Descubrindo, Nº 11. Ano 2011, pp: 41- 61. ISSN: 1139-7527, PDF.
http://kit.consellodacultura.gal/web/uploads/adxuntos/arquivo/5c7fb50e46b82-toponimia_agolada.pdf
Luz Méndez: "Toponimia de Agolada." Colección Terra Nomeada. Real Academia Galega, 2016.
https://pte.es/Mapas/Pontevedra/i36020/Agolada.html
https://es.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/mamoa-de-lamas-trabancas
https://megaliticia.blogspot.com/2021/05/Mamoa-de-Lamas-Trabancas.html
https://ospendellos.blogspot.com/2019/05/petroglifos-de-aian-picurela-i-e-ii.html
https://ospendellos.blogspot.com/2019/05/petroglifos-de-aian-picurela-i-e-ii.html
https://museo.depo.gal/es/coleccion/explora-a-coleccion/-/patrimonio/25331
https://ospendellos.blogspot.com/2020/09/o-outeiro-de-laside-no-monte-de-lamas.html

Ningún comentario:
Publicar un comentario