venres, 3 de outubro de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA 3 DE VILALDAR. Santiago de Miraz, Friol.

ANTA-DOLMEN MÁMOA 3 DE VILALDAR



"El pasado no puede cambiarse, pero podemos aprender de él para construir un mejor futuro."

Nicolás Malebranche


Debuxo de Moncho Boga, 2024.

A necrópole composta de seis mámoas no Monte Vilaldar, só conserva algúns restos das súas cámaras megalíticas en dúas delas, o resto aparece co seu correspondente burato de violación e, polo momento, non apareceron restos das devanditas cámaras ou antas.


Fotografía megaliticia.blogspot.com

Para chegar á necrópole de Vilaldar, hai que chegar á parroquia de Miraz e desde aí débese ir camiñando. Non é necesario dicir que o acceso non é moi doado e polo tanto recoméndase encarecidamente empregar o ubicuo XPS. O estado de conservación das mámoas que conforman esta necrópole deixa bastante que desexar e podemos calificalo de regular. As mámoas están cubertas de maleza onde predomina o toxo, o monte baixo. Nas dúas mámoas que imos engadir ao catálogo deste blogue faltan moitos dos esteos da cámara froito sen dúbida dos reaproveitamentos da veciñanza, dos antigos furtivos e posiblemente dos profanadores actuais. Atópanse xusto á beira do Camiño Norte a Santiago de Compostela.


Fotografía megaliticia.blogspot.com

Semella unha mámoa de dimensións medianas e na croa, onde está o burato de saqueo, asoman dous pequenos esteos moi esnaquizados. Polos arredores inmediatos na aba da mámoa aparecen algunhas pedras que forman parte da coiraza pétrea. É o que queda da estrutura arquitectónica megalítica. 

En Sigrás, no noveno mes de 2015.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://megaliticia.blogspot.com/2018/03/necropole-do-monte-vilaldar.html

xoves, 2 de outubro de 2025

ANTA-DOLMEN DA COSTA DE MERA 2. Santiago de Guldriz, Friol.

ANTA-DOLMEN DA COSTA DE MERA 2


"El Sol, con todas las cosas que le pertenecen, puede ser considerado como un solo ser, una sola cosa, una sola substancia."

Johannes Kepler


Debuxo Moncho Boga 2025.

Desde Friol si queremos podemos ir en automóbil e logo camiñar ao redor dun quilómetro. Chegar á anta é complicado e recoméndase empregar o XPS. O estado de conservación é regular. Trátase dun conxunto de catro mámoas das que só unha está a conservar restos da cámara megalítica. Dous dos esteos aparecen gravados, un cun motivo de cruces e o outro co que semella un sol.

A anta e a necrópole da Costa de Mera están hoxe sinalizadas, bastante limpas e cun panel ou mesa informativa, o que supón unha agradable sorpresa. 


Planta da Mámoa 2 da Costa de Mera a partir 
da Mesa informativa.

A necrópole magalítica da Costa de Mera argállase  a través de catro mámoas e no contorno aparece unha cativa agrupación ou panel de petróglifos. Emprázase nun lugar elevado da aba a case seiscentos metros de altitude, o que permite a visibilidade de longo alcance. Este feito pode explicar o porqué da elección do emprazamento.



Fotografía de Xabier Moure.

Esta para min nova anta foi redescuberta por Xabier Moure e Brais Rodríguez, incansables investigadores, trotamundos do noso territorio. Pentencentes ao Colectivo Patrimonio dos Ancares, localizaron tamén un gravado na Anta 2 da Costa de Mera. Este gravado, considerado único, o descríben composto  de catorce liñas radiais que parten dun círculo a xeito mais que probable dunha representación do sol. A tremenda gravura atópase na parte inferior dun dos chantos que permanecen da estrutura arquitectónica megalítica.



Fotografía do blog megaliticia.blogspot.com

A anta foi descuberta e documentada a finais da década de 1980 polo tan mentado neste blogue Juan F. Núñez Jato. Tamén foi visitado polos amigos César Parcero e Carlos Otero Vilariño, arqueólogos e amigos do INCIPIT.



Esteo con soliforme, versión a partir da Mesa informativa.

Para Xabier Moure esta representación do sol non da lugar a interpretacións: a gravura non admite dúbidas en canto á figura que quixeron representar os construtores da anta engadindo, como feito case apodíctico, que o debuxo gravado atópase orientado ao leste, á saída do sol.



Fotografía do blog megaliticia.blogspot.com

A Anta da Costa de Mera 2 forma parte dunha necrópole composta por catro mámoas. A mámoa 2 acada un diámetro de trinta e catro metros e dous metros de altura, polo que se pode considerar de tamaño grande dentro da tipoloxía das mámoas galegas. Está a conservar actualmente sete chantos da estrutura arquitectónica ou anta e non hai pegada algunha da tampa ou pedra cobertora. A mámoa na que se insire amosa evidencias de diferentes etapas e características, así como o omnipresente funil de saqueo que pode proceder de épocas históricas.



Fotografía do blog megaliticia.blogspot.com

Tamén ten razón o compañeiro Moure cando incide na necesidade de protexer o inxente patrimonio megalítico do Concello de Friol, onde se conservan ao redor de trescentas mámoas, algunhas entre as mais grandes de Galicia.


En Sigrás, nos derradeiros días de setembro de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


ESTUPENDOS ENLACES

https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/friol/2021/05/25/descubren-grabado-unico-galicia-dolmen-friol/00031621943333420560551.htm?

fbclid=IwAR2KkGqZ_PyVsu8B3tmTxW0tlGoBEmhegJkjH8SHRnNSA6It0gd-DJCzb3A

https://roteirosadegalugo.wordpress.com/2023/01/02/roteiro-mamoas-e-petroglifos-custodiando-os-nosos-ancestros/

https://megaliticia.blogspot.com/2021/03/Mamoas-Costa-de-Mera.html

https://www.elprogreso.es/gl/articulo/comarca-lugo/achan-sol-gravado-dolmen-friol-que-pode-ser-unico-galicia/202105261616181505037.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/friol/2022/01/17/atopan-dous-xacementos-arqueologicos-friol/00031642437511856468493.htm

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/mamoas-de-costa-de-mera