domingo, 15 de febreiro de 2026

PEDRAFITA-MENHIR DE PEREIRA PARDA, PEDRA PARDA OU DE CATAROU. Santa María de Galdo, Viveiro.

PEDRAFITA-MENHIR DE PEREIRA PARDA


"Vivimos en un mundo donde desafortunadamente la distinción entre verdadero y falso parece ser cada vez más borrosa por la manipulación de hechos, por la explotación de mentes acríticas y por la contaminación del lenguaje".

Arne Tiselius

 


As catro vistas da Pedrafita de Pereira Parda. Debuxos
de Moncho Boga, en Sigrás no ano 2026.


Sempre é un pracer voltar ás mariñanas terras de Viveiro: ás feraces e frondosas xeografías entre o mar e a terra, cinguidas polo fermoso mar Cantábrico. Sempre é e será un dos espacios vitais e incomprensibles, imprescindibles, da miña biografía mítica.


Captura extraída de mapcarta.

A pedrafita que me ocupa hoxe, malia que xa a publiquei noutra entrada deste blogue co nome de pedrafita de Catarou, hoxe en día teño algúns datos mais para que mereza a pena outorgarlle un espazo meirande. Dicir tamén que foi catalogada (valga a excepción) no ano 2008 coa referencia GA27066031: intitúlase como "posible menhir".

Para chegar, no qasombroso caso de non dispor de XPS nin das coordenadas, podemos sair da espectacular Vila de Viveiro e dirixirmonos cara ao río Landrove: salvamos a ponte e debemos iniciar necesariamente o traxecto dun desvío á dereita con dirección á parroquia de Santa María de Galdo. Dese xeito deberíamos chegar ao lugar de Pé da Ruba ou Rubia (si non é así, inevitablemente estamos perdidos). Nese lugar, como amoso na captura de google maps, hai que coller outro desvío tamén á dereita onde veremmos unha sinal que indica Souto, Catarou e A Peteira. A aproximadamente uns centovinte metros outra pista á dereita levarános, logo de percorrer uns corenta metros, ao que denominan na ficha de patrimonio "posible menhir": atópase á dereita da pista na dirección da marcha.


Imaxe estraída de google maps.

Orográficamente atópase emprazada, erecta e impasible, moi preto da base da aba meridional do monte que se eleva en suave  pendente. O contorno inmediato adícase a labouras agrícolas e está salpicado de diversas construcións tradicionais. O contorno menos inmediato está cuberto de mares infinitos de eucaliptos.



Fotografía de Xabier Moure.

Como estaba a contar mais enriba, o lugar de emprazamento (Sobrevila, Catarou) é unha zona de maina pendente, achairrada. A nosa pedrafita está feita de cuarcita: atópase ao caron da pista que leva de Sobrevila a Catarou de Arriba, non moi lonxe do Rego do Cristo da Paleira.

A imaxe xeral da  pedrafita, malia que tende claramente ao cadrado en canto á súa sección, a meirande estreitura da cara que mira ao leste confírelle un certo aspecto triangular. Esa sección cadrangular debuxa suaves arestas coa cima redondeada e non sobresae do chan moito mais dun metro e vinte centímetros. Ese aspecto redondeado sobre todo na cima fai que o amigo e experto en pedrafitas Alberte Alonso a encadre dentro das pedrafitas de tipo fálico.

Estruturalmente, a cara que mira ao norte é bastante plana e moi ben regularizada, sobresaíndo do chan ao redor de noventa e cinco centímetros, así como uns trinta centímetros na parte de mais anchura. Na cara do sul acada unha altura dun metro e vinte centímetros, corenta e un centímetros na base, trinta e sete centímetros a unha altura media e vintecinco centímetros no extremo superior antes da croa. A cara do leste, com dicía nates, é moito mais estreita e algo convexa, sobresaíndo case un metro de altura e uns vinte centímetros na parte mais ancha. Para a cara que mira ao oeste a altura acada un metro e dez centímetros e trinta e dous centímetros na parte mais ancha. 


A xeito de conclusión engadir algunha nota ao redor do topónimo "pereira". En xeral pode tratarse dun topónimo transparente, e dicir denotar o que parece: do latín "pira" que sifnifica a árbore que dá peras. Mais tamén podería referirse a un terreo pedregoso a partires do latino "petra" e derivados "petrariu" e "pretaria". Neste senso, para Navaza, tanto "pereira" como "pereiro", nalgún caso, poderían significar "pedreira". No caso da Pedrafita Pereira Parda paréceme claro ese significado tanto mais que o outro nome co que se coñece é Pedra Parda.

En definitiva, estamos diante dunha cativa pedrafita de tipo fálico encravada nos aledaños inmediatos da mariñas luguesa, mirando ao mar, entre cachitos de historia, arte e natureza que se misturan dun xeito agradablemente marabilloso.

En Sigrás, no entroido de 2026.
Saúde, sorte e libros!!!


ENLACES 

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html


Ningún comentario:

Publicar un comentario