mércores, 8 de abril de 2026

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DAS ESTANTEGAS OU MARCO DAS TRANTAS. Santa Mariña do Covelo, Covelo.

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DAS ESTANTEGAS OU MARCO DAS TRANTAS

PEDRAFITA DO COTO DE ALDIR II

"¿Puede haber algo más ridículo que la pretensión de que un hombre tenga derecho a matarme porque habita al otro lado del agua y su príncipe tiene una querella con el mío aunque yo no la tenga con él?".

Blaise Pascal



Debuxo de Moncho Boga, 2026.

E sigo nas agarimosas terras de Covelo, nas a veces abruptas terras de fronteira, nas a veces rudas estampas dunha naturaleza case salvaxe, humanizada e representativa, de numerosos elementos arquitectónicos, prehistóricos, naturais, que caracterizan a antiga e case desaparecida Galicia rural.


De mapcarta.

Sigo no Coto de Aldir, lugar de pleitos desde sempre, lugar de loitas enconadas polos límites, polos lindeiros, polos marcos... Loita pola pertenza, pola posesión entre varias parroquias, como acontece en toda Galicia. Sen embargo non é a miña misión decidir o lugar de pertenza deste pequeno anaco do Coto de Aldir, desta penecharia onde se asentan dúas características pedrafitas. Un outeiro talvez máxico, sagrado, rodeado de penedos con cazoliñas de diverso tamaño, de penas como tronos, de penas de reis, de minas de auga, mananciais, de necrópoles megalíticas, de poboados castrexos e, por suposto, de dúas pedrafitas que caracterizan este sobranceiro santuario.


De Alberte Reboreda, ver bibl.

Como estaba a relatar na entrada anterior, a chaira con lixeira inclinación, onde se asentan estas dúas e mais que probables pedrafitas, forma parte dun gran outeiro sagrado (de altarius), un santuario ao aire libre onde se amosan todos os ingredientes que permiten a afirmación desta paraxe coma un santuario prehistórico que se mantivo como un fósil desde a prehistoria ata hoxe en día.


Unha vista da Casa Museo Pazo da Cruz.

A segunda pedrafita desta pequena chaira conservouse ergueita debido á súa reutilización como marco de término, probablemente como as "petra fictas" que aparecen profusamente na documentación medieval galega. E, posiblemente tamén, reutilizouse neste senso debido ao seu carácter simbólico, debido a que constituiuse como un referente para as mentalidades desde a prehistoria, desde os homes que a chantaron nese lugar: mesmo referente, diferentes funcións, distintos significados.


Fotografía do Libo de Alberte Reboreda
sobre a parroquia de Santa Mariña. Ver bibl.

Como apostillaba con respecto á Pedrafita do Coto de Aldir I (e segundo os estudos de Alberte Reboreda) o topónimo Aldir aparece documentado por vez primeira no ano 1151, contituíndose nun Couto medieval situado en Santa Mariña de Covelo, dando nome ao "principal outeiro da nosa parroquia", nun documento do mosteiro cisterciense de Melón. Non é descabelado pensar que a nosa pedrafita xa funcionase daquila como marco delimitador do Couto.


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

No ano 1756, nun apeo parroquial entre as parroquias de Santiago e Santa Mariña de Covelo co título "Demarcacións que circundan esta Feligresía de Santiago de Covelo y su anejo San Bartolomé de la Lamosa. Por Cuevas ano de 1756",  aparece por vez primeira a pedrafita con nome propio: 

"Comienza esta Feligresía de Santiago de Covelo a demarcar por la esquina del Norte con la de / Santa Marina, mas abajo del Coto ó piedra llamada de las Estantegas, en el que se junta con la de Maceira con Covelo."


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Noutro documento de deslinde do ano 1850 entre as mesmas parroquias (promovido polo Alcalde-Pedáneo de Santiago de Covelo) sinálanse os marcos ou mollóns que delimitan ambas as dúas parroquias: "...Piedra de las Estantegas y Coto del Monumento..." Segundo Alberte Reboreda, hoxe en día coñécese co nome deturpado de Marco das Trantas.


Gravura coa "P" de Parada.
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Seguindo a Martinón Torres (ver bibl.) os megálitos de término carcterízanse ou teñen asociados tres grandes valores apreciados con distinta intensidade en función dos diversos contextos territoriais a saber, un valor simbóico-mítico, un  papel histórico-arqueolóxico e un valor social-territorial. Este emprego como marcadores dun territorio foise perdendo ao longo do tempo ata que quedou case exclusivamente circunscrito ás delimitacións das parroquias, concellos e incluso provincias. Martinón destaca a particular evolución desa consideración social-territorial sobre todo desde a Idade Media: o labrego medieval empregaba como demarcadores uns fitos que xa estruturaban a paisaxe, o territorio, desde sempre. Polo tanto tamén tiña, ese fito reutilizado, un valor mítico, un referente máxico. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Malia que a partir do século XVII a función territorial foi desaparecendo, moitos monumentos megalíticos -engadindo ás mámoas- foron perdendo eses valores e polo tanto xa deixaron de ser imprescindibles. A nosa pedrafita constitúe un exemplo da persistencia do aproveitamento ao longo da noite dos tempos. Aínda  que os que construiron os megálitos desapareceron fai miles de anos, as súas construcións permaneceron na paisaxe impertérritas e, polo tanto, foron obxecto de novos usos: novas sociedades e novas culturas foron outorgándolles outros significados e diferentes funcións. Por todo iso non podemos estar mais de acordo con Martinón cando considera que estes singulares monumentos son depositarios de memorias colectivas ancestrais e acumulativas.



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

A Pedrafita-menhir das Estantegas ou Marco das Trantas mide ao redor un metro e setenta e cinco centímetros. Este marco, este mollón, froito da reconversión dunha pedrafita megalítica nun elemento para acoutar un territorio (valor social-territorial), amosa nas súas caras as letras "C", "M" e "P" que posiblemente se correspondan coas parroquias de Covelo, Maceiras e Pazos. Tamén hai inscrita unha data: 1871. 



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Trátase dun esteo de tipo medio coa base cadrangular (moi achanzada nas arestas) que se vai convertendo en triangular e vaise continuando ata diminuir na croa para adquirir unha forma mais redondeada, case cónica. O mais interesante ao meu xuizo é o claro aspecto fálico que se debe á forma da croa e ás pequenas escotaduras que formarían ou darían lugar ao glande. Na base, unha protuberancia talvez represente os testículos,  como acontece no Marco da Anta no concello coruñés de A Laracha. As características mais salientables das pedrafitas de "tipo fálico" son: a curvatura da croa; caras rectas e convexas (norte e sur respectivamente); gravuras como coviñas, cruciformes, ferraduras e antropomorfos. Malia todas istas características, as pedrafitas poden tamén participar de varias manifestacións simbólicas e tamén funcionais e dicir, participan de varias tipoloxías.



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Recompilando: o testículo na base (a raíz, unida á pelvis), logo a parte principal ou corpo (parte cilíndrica) cunha parte cóncava e a outra lixeirramente convexa, case recta e, por último, o glande (a punta) ou parte redondeada, cónica. Todo elo confírelle unha espectacular apariencia de falo.

Seguindo as minuciosas investigacións de Alberte Alonso, os cultos que xiran ao redor da fertilidade son de orixe prehistórico: a práctica dunha xeira de rituais para estimular e protexer a fecundidade vexetal, animal e humana. As pedrafitas fálicas estaban a cumplir funcións relixiosas e a súa finonomía asóciase ao culto da fertilidade: xenera renacemento, vida e fertilidade; a forza creativa e fecundadora. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Debido á situación desta pedrafita, á beira dunha anta desaparecida, á cercanía doutras tres e ao discorrer dun camaiño primitivo, tamén considero que pode adscribirse á función de pedrafita anunciadora da necrópole megalítica, coma un fito que nos anuncia o lugar da morte, o solar dos ancestros.

Redundando no carácter máxico do outeiro do Coto de Aldir, engadir a cercanía do manancial chamado Mina do Coto de Aldir, as numerosas penedas con cazoliñas de diverso tamaño que delimitan todo o contorno inmediato, as formacións rochosas de formas caprichosas, a necrópole megalítica, o castro, os camiños prehistóricos..., todo iso fai que, á beira destas dúas fermosas pedrafitas, lle confiran a esta paraxe unha cualidade con carácter de seu.


No outro lado da estrada pódese ver a Pedrafita
de Aldir I.
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Para rematar, unhas breves consideracións toponímicas.  Con respecto ao topónimo "Estantegas"  pódese presumir que procede da base "estant-", vencellado con "estar", "permanecer", sitio onde algo se mantén. Mais o sufixo abundancial "-egas", o que viría a dar "lugar onde algo está asentado ou que se mantén". Significaría algo así como aquilo que está de pé, estable. Si o vencellamos co cercano manancial da Mina do Coto poderíamos aventurar que significa zona de rechán onde a auga do manancial queda retida ou rezuma, como terras estancadas. En suma, terras de ladeira onde a auga do manancial permanece, formando un terreo húmido ou encharcado. Pero tamén onde as pedrafitas permanecen, duradeiras e silentes. O topónimo "Trantas" co que tamén se coñece esta pedrafita, é probable que se forme coa raíz "tras- / trans-" que significa "ao outro lado de" ou "mais aló de". A terminación "-as" moitas veces é un plural típico de zonas ou terreos determinados, polo que o topónimo significaría "terreno que está ao outro lade de..."


Fonte Mina do Coto de Aldir.
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Un sinceiro agradecemento ás informacións de Maximino Fernández Sendín sobre esta sobranceira zona e un silencioso grito de ánimo na súa  teimuda procura para erguer no seu estado vertical a pedrafita do Coto de Aldir I, feito que por fin semella que vai por bo camiño, segundo as propias informacións de Maximino. Saúdos Maximino e moitas grazas por todo.


EN SIGRÁS, COAS PRIMEIRAS RAIOLAS DOS SOL DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!



BIBLIOGRAFÍA E ENLACES INSOSLAIABLES


Marcos Martinón-Torres: "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los monumento megalíticos a partir de las fuentes escritas." Trabajos de Prehistoria 58, nº 1, 2001, pp. 95 a 108.

Alberte Reboreda, 2022: "Santa Mariña de Covelo. Notas de toponimia, historia e Patrimonio". Imprime: Aceroplus-Ponteareas. Concello de Covelo e Deputación de Pontevedra.

Parcero Oubiña, César: " Lectura de la transición Bronce Final-Edad del Hierro en el NO ibérico. Dinámicas sociales y surgimiento del poblamiento fortificado". CSIC-INCIPIT.

http://www.casamuseopazodacruz.com/

https://www.facebook.com/CasaMuseoPazoDaCruz/?locale=es_ES

https://www.facebook.com/search/top/?q=Maximino%20Fernadez%20Send%C3%ADn

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://mapcarta.com/es/N1242456128

https://www.facebook.com/maximino.fernandezsendin/videos/coto-de-aldiri-covelo-pontevedra-santuario-prehist%C3%B3rico-en-%C3%A9l-se-registran-un-gr/1652135302623400/

https://www.facebook.com/groups/250663839378459/posts/1596498818128281/

https://www.diarioluso-galaico.com/articulo/area-metropolitana/covelo-municipio-entre-montanas-que-conserva-esencia-rural-galicia/20260316171254062745.html

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Cruz+outa


mércores, 1 de abril de 2026

PEDRAFITA-MENHIR DO COTO DE ALDIR I. Santa Mariña de Covelo. Covelo

PEDRAFITA-MENHIR DO COTO DE ALDIR I

PEDRAFITA DO COTO DE ALDIR I

"No sé con qué armas se luchará en la Tercera Guerra Mundial, pero sí sé con cuáles lo harán en la Cuarta Guerra Mundial: palos y mazas".

Albert Einstein


                                     Debuxo de Moncho Boga, 2026.



Unha vez mais, outra, volto ás sureñas terras da Paradanta, volto ao Concello de Covelo. Dicía ao sur: no sur de Galicia, no sur da provincia de Pontevedra, custodiado entre os cordais montesios dos Montes de Paradanta, da Serra do Suído e o Faro de Avión..., Covelo aparece incrustado como unha illa que amosa unha inxente e interesante riqueza tanto natural coma do patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico.


Mapa extraído de: www.diarioluso-galaico

Nalgunhas páxinas adicadas a ensalzar estes valores dise que mantén viva a esencia do mundo rural galego así coma un legado histórico de especial relevancia. E é certo.


Fotografía do libro de Alberte Reboreda, ver bibl.

Na seguinte entrada deste blogue refexionarei sobre outra pedrafita moi pretiño desta e así tentarei completar unha visión de conxunto ao redor deste singular emprazamento.

Como prácticamente todos os actuais concellos galegos, Covelo creouse como tal no ano 1836 e aglutina ou confórmase perante catorce parroquias. A capital municipal, onde está a Casa do Concello, é a parroquia de Santiago de Covelo.



Portalón de entrada do Museo etnográfico do Pazo da Cruz.

Ao longo da historia, aparte dos interesantes vestixios prehistóricos, o territorio que hoxe abrangue Covelo, estivo suxeito a diversas xurisdicións, pertencentes aos Condes de Amarante, ao Marqués de Sobroso e a distintos mosteiros como os de Melón ou A Franqueira.



Mapa 1:25000 onde aparede o Coto de Altir. Topográfico Nacional.

A parroquia de Santa Mariña, segundo os estudos de Alberte Reboreda, atópase ou serve de transición estre as terras do Alto Tea ou Val de Tielas e o curso medio deste fermoso e espectacular río. É polo tanto unha terra de tránsito desde sempre e para sempre: sucada por vías e camiños, camiños e vías prehistóricas, roteiros dos mais importantes da antiga provincia de Tui. Destaca o camiño que levaba desde o Peirao de Redondela ata Ribadavia a través da Ponte de Cernadelas e A Caniza. Hoxe en día as vías de comunicación mais importantes son a estrada PO-261 (Mondariz-Maceira) e a N-12 (Vigo-Logroño).


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2024.

O Coto de Aldir, onde se ubica a nosa pedrafita, atópase documentado por primeira vez no ano 1151 e Santa Mariña, desde o ano 1198 cando pertencía ao Mosteiro de Melón. Na Idade Moderna aparece adscrita ao Mosteiro de A Franqueira. Aldir, neste senso, foi un auténtico omphalos, embigo, do Couto que se atopa no Outeiro ou Couto de Aldir: na actualidade é todo un xacemento arqueolóxico. O Couto foi así, segundo Reboreda, en orixe un Castro, para logo converterse nunha fortaleza medieval. Aldir non só nomea a ise máxico e lexendario lugar, senón que tamén constitúe un topónimo único.


As hipotéticas gravuras. Foto de Sendín, 2024.

A posible e probable pedrafita da que hoxe me estou a ocupar, atópase abatida, tirada no chan, entre outras pedras, nunha paraxe chaira do Coto de Aldir, na parroquia de Santa Mariña de Covelo. Foi atopada por Maximino Fernández Sendín: este incansable loitador pola conservación das cousas de antes, rexenta a Casa-museo Etnográfico do Pazo da Cruz, onde se atopa a sé do Centro de Estudos de A Paradanta e O Condado. 



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2024.

Segundo a descrición de Maximino Fernández, estamos diante dun enorme monolito de mais de tres metros de altura que se atopa hoxe en día (ano 2024) tumbado e facendo de peche dunha finca. Nas súas minuciosas pescudas averiguou que a pedrafita (segundo relato do presidente da Comunidade de Montes de Covelo Alex Cendón) foi trasladada no ano 2007 desde un lugar a menos de cen metros cando se estaban a realizar as obras de mellora e ensanchamento da estrada Covelo-Maceira.



As hipotéticas gravuras. Foto de Sendín, 2024.

A pedrafita do Coto de Aldir amosa forma cadrangular moi redondeada nas esquinas conferíndolle un aspecto cilíndrico a medida que vai chegando á croa: a feitura aé moi basta e é probale que nalgunha das súas caras apareza algunha gravura. Polas fotos de que dispoño non se aprecia cazoliña algunha, pero sí algunhas liñas que talvez sexan prehistóricas, á beira doutras modernas. 



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2024.

A súa situación nunha pequena chaira, preto dun panel de petróglifos e dunha necrópole megalítica a menos de cincoenta metros, un castro (exemplo de recinto de transición  entre o Bronce Final e a Idade do Ferro), a presenza dun camiño prehistórico, a existencia dun manancial (Mina de Auga)..., todo iso fala elocuentemente dunha área vista como lugar sagrado desde sempre, como un referente para as xentes de todas as épocas e idades. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Conta Maximino que hai xa algúns anos, moi preto da pedrafita, aparecía unha mámoa con tres ou catro chantos da cámara que era coñecida como a "Tumba dos Mouros". Así mesmo recolleu a seguite lenda ou copliña da zona: "Coto de Aldir, camiño de carro, hai ouro para sete reinados". Polo tanto, segundo Maximino, a pedrafita segue a atoparse en pleno contexto arqueolóxico, un probable "santuario prehistórico", como se defende desde diversos ámbitos e desde diversas consideracións doutros tantos estudosos do tema. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Como acontece en tantas outras pedrafitas galegas, a do Coto de Adir podería funcionar, na súa orixe megalítica, como unha especie de fito anunciador da necrópole megalítica. Tamén, ao estar á beira do Castro do Coto de Adir, podería talvez marcar un cruzamento viario dos posibles camiños que partirían do castro. Só si a pedrafita volta a estar erqueita, poderíamos saber algo mais sobre a súa fasquía, e debuxar un esquema xeral para achegarmonos a un coñecemento pormenorizado ao redor da forma, función, estrutura...


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Estamos, como ben mantén o descubridor da pedrafita, diante dun lugar especial, no contorno dun contexto arqueolóxico de relevancia sustancial. Por iso non podemos permanecer impasibles diante dos denodados esforzos deste incansable loitador para voltar a erguer a pedrafita na posición vertical. Non entendemos como nin as autoridades municipais nin os comuneiros son tan reaccios a erixir novamente a pedrafita: podería ser mais doado o seu estudo e converteríase nun elemento espectacular como recurso arqueolóxico visitable. Non debemos esquecernos que o turismo arqueolóxico (e sobre todo o megalítico) ten cada vez mais demanda entre o denominado "turismo cultural". Estou convencido que sería un elemento de primeiro orde que pasaría a engrosar o xa de por sí inxente patrimonio deste recuncho das Terras da Paradanta. Unha mágoa.



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Desde aquí, desde este humilde foro, non podemos mais que animar os esforzos deste incansable loitador pola defensa destes esquecidos e humildes elementos que xalonan por centos a nosa terra.

Coma noutras pedrafitas ggalegas, é interesante a relación directa coa máxica sacralidade dos mananciais e do nacemento dos ríos, acompañadas das fontes: a sacralidade do culto ás fontes está ben documentada en Galicia a saber, son os lugares sacros por antonomasia. Os ríos, as fontes, artellaron tanto os hábitats como as vías de comunicación desde a prehistoria. Por iso a relación directa da nosa pedrafita coa Mina de Auga cercana e a importante vía de comunicación que circula ao seu carón.


Posible panel de petróglifos.
Foto de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Para case rematar, aí vai unha interpretación hipotética do significado do topónimo "aldir": é probable que teña orixe prerromana de xeito que se fai proceder da raíz "ald-" ou ben "alt-", vencellada a un lugar alto, a unha elevación, a un outeiro..., e dicir, un emprazamento prominente, elevado do terreno, feito que encaixa perfectamente coa configuración orográfica do contorno.


Planta do Castro do Coto de Aldir.
En César Parcero Oubiña, ver bibl.

Debo agradecer a mediación do querido amigo Alberte Alonso para conseguir nun prazo de tempo "record" as fotografías que tomou o señor Maximino Fernández e, así mesmo, como non, agradecer a éste o permiso para publicar esas fotografías no presente blogue. Grazas a ambos os dous.


EN SIGRÁS, NAS AUGAS MIL DE 2026.
SAUDE, SORTE E LIBROS!!!

NON Á GUERRA!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES

Alberte Reboreda, 2022: "Santa Mariña de Covelo. Notas de toponimia, historia e Patrimonio". Imprime: Aceroplus-Ponteareas. Concello de Covelo e Deputación de Pontevedra.

Parcero Oubiña, César: " Lectura de la transición Bronce Final-Edad del Hierro en el NO ibérico. Dinámicas sociales y surgimiento del poblamiento fortificado". CSIC-INCIPIT.

http://www.casamuseopazodacruz.com/

https://www.facebook.com/CasaMuseoPazoDaCruz/?locale=es_ES

https://www.facebook.com/search/top/?q=Maximino%20Fernadez%20Send%C3%ADn

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://mapcarta.com/es/N1242456128

https://www.facebook.com/maximino.fernandezsendin/videos/coto-de-aldiri-covelo-pontevedra-santuario-prehist%C3%B3rico-en-%C3%A9l-se-registran-un-gr/1652135302623400/

https://www.facebook.com/groups/250663839378459/posts/1596498818128281/

https://www.diarioluso-galaico.com/articulo/area-metropolitana/covelo-municipio-entre-montanas-que-conserva-esencia-rural-galicia/20260316171254062745.html

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Cruz+outa

sábado, 21 de marzo de 2026

PEDRAFITA-MENHIR DA PORTELA DE PADORNELO. Lubián, Alta Sanabria, Zamora.

PEDRAFITA-MENHIR DA PORTELA DE PADORNELO

"El tiempo todo lo da y todo lo quita; todo cambia pero nada perece." 

Giordano Bruno



Debuxos de Moncho Boga.

Hai xa moitos anos que lle levo dando voltas a un extraordinario cruceiro estudado e debuxado por Castelao: a Cruz das Portelas de Padornelo, situado no Concello de Lubián, na Alta Sanabria, lindeiro co país galego. Antes de entrar nunha análise mais minuciosa ao carón deste enigmático fito, vou precisar algunhas pequenas notas xeográficas e aquilas vencelladas coa historia das mentalidades deste especial emprazamento fronteirizo.



Mapa: Diputación de Zamora.

A  Alta Sanabria está conformada polos concellos de Hermesinde, Lubián, Pías e Porto (provincia de Zamora, Comunidade Autónoma de Castilla-León) e tradicionalmente a fala, a toponimía e a meirande parte dos seus costumes e tradicións son esencialmente galegos e por iso os concellos da Baixa Sanabria os coñecen co alcume de "los gallegos". Mesmo os habitantes destes catro concellos identifícanse como galegos, desde o mesmo Porto de O Padornelo.


Foto de Padornelo, Concello de Lubián.

Xeográficamente a peculiar situación de As Portelas exténdese entre  Padornelo e A Canda: unha auténtica fronteira natural entre Galicia e  a Alta Sanabria. No extremo suloccidental atópase o "Penedo dos Tres Reinos" que é o lugar onde están a confluir os reinos de Galicia, Portugal e León e, aínda hoxe, é o fito fronteirizo entre Portugal e as provincias de Zamora e Ourense. 



Como toda área fronteiriza, estes concellos fluctuaron históricamente entre diversas xurisdicións, tanto civís como eclesiásticas, de xeito que ata o século XIX coa creación actual das provincias e dos novos concellos, a situación quedou fixada tal como hoxe a coñecemos. 


Mapa, Diputación de Zamora.

Pois ben, ás beiras da vella estrada, no mais alto, atopábase, erqueita e poderosa, unha curiosa e ruda cruz que foi trasladada de lugar en diversas ocasións, nun vaivén que puido rematar cosa súa destrución e esquecemento: na  década de 1970 foi levada ata un prado cercano e logo, froito da presión veciñal, rehubicada na praza do pobo en Portela de Padornelo. No seu lugar orixinal chantouse unha réplica.



http://terraduero.info/descubre/Padornelo/Cruz-de-la-Portilla

O tremendo esteo que conforma a cruz mide ao redor dos tres metros de altura e, na parte superior, recórtase a cruz cristiana, conferíndolle o aspecto dun cruceiro. Ocupando unha das súas caras aparece gravada unha longa inscrición medieval. A cruz probablemente ten que ver e é a orixe etimolóxica do pobo: é posible que aluda á delimitación xurisdicional e, nas súas orixes mais profundas, puido ser unha pedrafita, transformada en cruz na Idade Media. 


Foto, Colmenero década 1970.

Para Castelao, a Cruz de As Portelas non é mais que un miliario cristianizado. Consideraba o miliario como o transo entre a pedrafita e o marco quilométrico, do mesmo xeito que na Bretaña francesa o "lech" é a transición entre o menhir e a cruz outa (croaz-hir). Este monolito enxertado ao carón dunha calzada, que no lugar denominan "vrea vella", atópase no  lindeiro natural de Galicia, ao entrarmos nas terras sanabresas de Zamora. 


Calco, Colmenero década 1970.

Para Castelao amosa unha semellanza absoluta e indiscutible co "lech" da Bretaña. Ademais aporta uns poucos mais datos de especial relevancia: os galegos que se dirixían a Castela deposibaban pedriñas ao seu pé, como así mesmo se facía noutras moitas pedrafitas galegas que xa temos reseñado neste blogue. Como conclusións, Castelao apostilla que a Cruz das Portelas é tan vella como as mais vellas da Bretaña e, por aparecer chantada á beira dunha calzada romana é moi probable que esteamos diante dun miliario reaprobeitado ou dun elemento de transición entre o miliario e a "cruz outa" de camiño.

 
Foto urdinheira.blogspot.com

Tamén hai xa moitos anos lín un artigo na Revista Larouco nº 3 asinado por Rodríguez Colmenero e Santiago Ferrer onde analizaban este fito polo miudo, logo dunha viaxe en automóbil na que inopinadamente atoparon este senlleiro exemplar. O título xa é unha declaración palmaria de intencións a saber, "El hito-estela prehistórico de las Portillas de Padornelo."



Foto urdinheira.blogspot.com

Na estrada N-525 de Vilacastín a Vigo -escribían daquila- erixíase na década de 1970 unha pedraffita de granito que medía mais de tres metros de altura, co terzo superior esculpido en forma de cruz. Nun primeiro intre pensaron que se trataba dun miliario romano cristianizado (igual que Castelao), cousa que trocou algúns anos despois.  A continuación relatan os azarosos vaivéns do adusto mololito (que non remataron ata fai ben pouco): desapareceu do seu lugar ata que o redescubriron semierecto e a preto de cen metros do seu lugar de emprazamento orixinal, na aba setentrional do outeiro que flanquea o pobo polo sul.


http://terraduero.info/descubre/Padornelo/Cruz-de-la-Portilla

O posterior, detido e minucioso estudo, fixo que se decantasen pola adscrición ás estelas-menhires prehistóricas, refeita na Idade Media como cruceiro e tamén como posible fito de peregrinación. Dese xeito atopan paralelismos con outras estelas deste tipo coma o reverso da estela de Faioes, a do Rosal, Oimbra e A Gudiña, todos eles lugares relativamente pretos. Os paralelismos refírense sobre todo á metade inferior, con dúas bandas superpostas entre si. Na cara anterior descubren restos dos traballos da labra orixinario e o resto é o desvastado realizado na época medieval. 


As conclusións de Colmenero-Ferrer céntranse na consideración de que se trataba dunha pedrafita (estela-menhir) das do tipo fálico con decoración de bandas en relevo; probablemente, na parte superior remataría cun modelado antropomorfo destruido pola remodelacion no meievo. A proba é o  brazo horizontal da cruz  que serían as extemidades superiores. Aventuran tamén que a forma orixinal sería a dun cilindro do que sobresairían os muñóns dos brazos rematando en hemiesfera apuntada, sumando á estampa actual as dúas bandas laterais. 


Imaxe Concello de Lubián.

O remate triangular superior da cruz suxire que en orixe era un cono, de xeito que todo o conxunto formaba unha gran pedrafita das do tipo fálico. O autores, en suma, manteñen que este tipo de estelas-menhir seguiron a manterse na época romana coas mesmas funcións, como fitos de termo despois e sempre como "talismáns pripiciadores da fecundidade."


http://terraduero.info/descubre/Padornelo/Cruz-de-la-Portilla

As cruces monolíticas deste tipo é posible e probable que fosen pedrafitas reutilizadas, voltas a esculpir en forma de cruz. Como opina Dolores de la Peña, pode ser unha auténtica e antiga cruz dos camiños, o que se coñece como "hermae". Estes enigmáticos elementos colocábanse nos cruzamentos, e logo evolucionarian cara ao cruceiro cristián.



Debuxo de Castelao.

Para rematar, unha xeira pequena de consideracións. Comenzamos co topónimo "portela" (portilla) que se refire a un paso de montaña que se remonta á prehistoria. Como sabemos, son pasos de montaña e as pedrafitas poderían funcionar como pedras de termo (marcadores territoriais), sinais de rutas e abranguindo todo o anterior, como elementos simbólicos e rituais importantes para a comunidade en calquera época. Hai que considerar que estamos diante dunha ruta de tránsito empregada desde a prehistoria: vía romana, ruta xacobea (Camiño Sanabrés), antiga vía dos arrieiros... Polo tanto un auténtico punto de deslinde e de paso, o típico lugar para colocar pedrafitas e fitos antigos. Pero estamos diante da parroquia de Portela de Padornelo: "Padornelo" (ao igual que "Pedrón" ou "Padrón") é un topónimo íntimamente vencellado a pedras verticais, mollóns ou fitos e, por suposto, a pedrafitas megalíticas. Como xa vimos mantendo  noutras entradas, malia que hoxe non sexa unha pedrafita, o topónimo indica que posiblemente existise unha pedrafita empregada como límite, como sinal anunciadora e, como non, como símbolo fálico.


Imaxe corporativa do Concello de Lubián.




EN SIGRÁS, ESPERANDO QUE PASE ALGO, 2026.

SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


NON Á GUERRA INDECENTE, COMO TODAS!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES CON SUSTANCIA


https://urdinheira.blogspot.com/2011/07/unha-estatua-menhir-nas-portillas-do.html

http://terraduero.info/descubre/Padornelo/Cruz-de-la-Portilla

https://tuvozdigital.com/wp-content/uploads/2019/02/revista-N59-2019.pdf

https://es.wikipedia.org/wiki/Alta_Sanabria#/media/Archivo:1838_detalle_mombuey.jpg

Rodríguez Colmenero, A., Ferrer, S. Por tierras de León y Zamora. Nuevas inscripciones y reinterpretación de otras. Larouco, 3: 237-242.

https://www.diputaciondezamora.es/opencms/export/sites/dipu-zamora/.Archivos/documentos/provincia/portada/mapa-de-la-provincia-de-zamora.pdf

J. R. Ortiz del Cueto e Laura López Covacho: “Prospecciones arqueológicas en la Alta Sanabria: Resultados etnográficos pastoriles”. PDF.




venres, 13 de marzo de 2026

PEDRAFITA-MENHIR MARCO CONMEMORATIVO EN MEAUS. Meaus

PEDRAFITA-MENHIR MARCO CONMEMORATIVO 

SOSPEITOSOS HABITUAIS XV


"Juré nunca mantenerme en silencio cuando los seres humanos soportasen sufrimiento y humillación. Siempre debemos tomar parte. La neutralidad ayuda al opresor, nunca a la víctima. El silencio alienta al torturador, nunca al torturado."

Elie Wiesel, 1986.


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Volto con inusitada ledicia ás nosas terras do sul. Aquila área con especial relevancia, con especial atractivo e con espeiciais características que a singularizan. Comarca transfonteiriza que destaca por valores de todo tipo: congostras ancestrais, etnografía, megalitismo, cultura castrexa, mundo romano, Alta e Baixa Idade media, naturaleza endémica, formacións naturais, mosteiros, castelos, vilas, pobos petrificados no tempo, fauna e flora única, espectaculares cursos fluviais, construcións adxetivas.., todo un universo desperso nunha comarca, escondido, agazapado, ás veces recóndito, entre as brumas lexendarias das profundas fronteiras, mistura de costumes, de formas, de xentes, de idiomas. Unha fala e un pobo con identidade de seu: o Couto Mixto.



https://www.talesofawanderer.com/blog/2015/02/08/couto-mixto/

Antes de entrar en contexto, recordar que aldea de Meaus, do concello de Baltar, xunto con  Santiago e Rubiás (Calvos de Randín) formaron parte dun caso curioso e único en Europa do que veuse nomear unha República independente. Malia que non existira tal denominación, o certo é que efectivamente durante un tan longo período de tempo como son setecentos anos, existiu de feito o mítico Couto Mixto e o seu Camiño Privilexiado.


https://www.talesofawanderer.com/blog/2015/02/08/couto-mixto/

Hoxe voume tirar pola fiestra sen paracaidas e traio a colación este esteo magnífico e significativo usado como fito ou escultura conmemorativa: unha peza estupenda (non se me ocurre nada mellor) para conmemorar ou para sinalizar a importancia de Meaus no sistema organizativo do Couto Mixto.



Mapa de José de Castro López, 1863.

Para ir rematando,  aí vai unha pequena digresión ao redor do topónimo "meaus". Adoitanse defender tres posturas en canto ao seu significado. Unha delas mantén que "meaus" equivale a "maus" que ben significar "malo". Polo tanto faría referencia a terrenos que non son moi aptos para a agricultura, inhóspitos... Outra das interpretación relaciona a súa etimoloxía con termos xeográficos ou de propiedade, de xeito que podería proceder do termo latino "medianus" e dicir, "situado no medio". A partir de aí a evolución fonética chega a "meaos" e logo a "meaus"  e/ou "maus". É esta unha interpretación no senso xeográfico: referido a unha posición central ou intermedia, como coincide na súa situación dentro do Couto Mixto. A etimoloxía popular fico o resto: a palabra evolucionou a As Maus de xeito que se asociou a palabra descoñecida coa palabra "maus" (man), malia non ter relación real algunha. A última interpración (que eu coñeza) mantén que é un hidrotopónimo: procedería da raíz indoeuropea *mã- ou *mãw- que significa húmido, mollado ou pantano...



Mapa turístico da Baixa Limia.

Non sei si é unha peza moderna, si foi tallada pola man do home ou é natural... O que podo supoñer e supoño é que se trata dalgún fito prehistórico empregado para isa función.  Amosa forma aparentemente cadrangular cunha cara recta e outra abombada, coma o falo, o que lle está a conferir un claro aspecto fálico. A forma e a talla parecen avaliar esta feble hipótese, a falta de mais información. E, si non fose así, trátase sen dúbida dunha pedrafita moderna que merece figurar no catálogo inconmensurable das pedrafitas galaicas. 


En Sigrás, no irremediable inverno de 2026.
Saúde, sorte e libros!!!

NON Á GUERRA!!!


BIBLIOGRAFÍA ESENCIALMENTE FUNDADMENTAL

Barros, Carlos (1994). "O Couto Mixto. Unha república esquecida". Medievalismo.

Cairo, Heriberto; Godinho, Paula (2013). "El tratado de Lisboa de 1864: la demarcación de la frontera y las identificaciones nacionales". Historia y política: Ideas, procesos y movimientos sociales (30).

Brandón, Delfín Modesto (1907). "Interesante Historieta del Coto Mixto: con una digresión político-social-religiosa". A Coruña: Tierra Gallega.

García Mañá, L. M. (2005) Couto Mixto, unha república esquecida. Ed. Xerais.

López Mira, A. X. (2008) O Couto Mixto: Autogoberno, fronteiras e soberanías distantes. U. Vigo, Madrygal.

Rodríguez Cruz, José (2006). «O Couto Mixto: Lendas de tradición oral», en Lethes: Cadernos Culturais do Limia, nº. 7