martes, 9 de decembro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR A1 DA BAIXADA DE SAN XOSÉ. San Salvador de Cabreiroá, Verín.

PEDRAFITA-MENHIR A1 DA BAIXADA DE SAN XOSÉ

1.RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ.

"El hombre tiene el poder de elevarse hasta los dioses, o de caer hasta los demonios."

Giovanni Pico Della Mirandola


Debuxo de Moncho Boga, Sigrás 2025.

O primitivo Camiño que hoxe en día comunica os lugares de A Veiga de Meás no Concello de Vilardevós e Cabreiroá en Verín, desenvolve un trazado que é extremadamente sinuoso debido sobre todo ao acusado desnivel que debe superar.

Segundo o riguroso traballo de Rafa Castro, nas súas minuciosas pescudas explorando o Camiño e os accesos ao Castro, aparecen diversos e poderosos esteos de feitura aparentemente artificial (coas caras labradas e puídas) tirados no chan, abatidos, cuxa posible función debería ser a de estar en posición vertical, chantados. Ademais, algún deles amosan diversos petróglifos nas caras que están á vista, sobre todo os de forma hemiesférica a saber, as sempiternas cazoliñas ou coviñas.



Debuxo: Moncho Boga, 2025.

Todos estes poderosos esteos, como dicía na entrada anterior, están á beira dun tramo da Baixada de San Xosé (no contorno inmiediato do Pozo do Demo) o que posibilita deducir ou supor que foron feitas para xalonar un camiño cunha mais que evidente función sacra do tipo que sexa. Malia esas consideracións,  non se atopou ningún tipo de constancia documental nin tesemuña algunha que poideran constatar si ese é o lugar orixinal do emprazamento das pedrafitas; tampouco se atoparon evidencias na toponimia.


Fotografía de Rafa Castro.

A pedrafita A1 que nos ocupa atópase no lugar de As Quintas e semella que pode adscribirse ás pedrafitas de tipo fálico. Na descrición da entrada neste mesmo blogue de maio de 2024, dicía que o contundente esteo apareceu neste posible camiño prehistórico e seguramente estaba a xalonar, chantada verticalmente, parte do seu trazado. Atópase decorada cunha boa xeira de cazoliñas na sua cara superior e visible. A peza apareceu durante os devanditos traballos para o desigual arranxo do Camiño da Baixada de San Xosé.



Debuxo de Rafa Castro.


Sen dúbida trátase dunha das pedrafitas mais interesantes que teño visto: como dicía, amosa na súa cara á vista un conxunto de cazoliñas que se distribúen na parte superior. Nas inmediancións da pedrafita aparecen,  xalonando tamén o camiño, numerosos petróglifos (a meirande parte do tipo coviñas ou cazoliñas) e asi mesmo algún círculo concéntrico. Na parte inferior pódese observar un rebaixe que hipotéticamente podería ter sido labrado para o encaixe noutra peza, ou ben para ser chantado no chan rochoso.


Fotografía de Rafa Castro.

Segundo a tipoloxía proposta por Rafa Castro, esta pedrafita adscríbese ás do tipo A a saber, a sección é cadrada tendente a rectangular, a punta afiada e picuda e cunha lonxitude que neste caso case chega aos tres metros.



Debuxo: Moncho Boga, 2025.

Sen ningún tipo de dúbidas a Pedrafita A1 da Baixada de San Xosé é un dos exemplares paradigmáticos e extraordinarios de de toda a xeografía pedrafiteira galega.


ETNOGRAFÍA, LENDAS: MITOLOXÍA

Malia que segundo escribe Rafa Castro, non atopou ningún tipo de lenda vencellada ás pedrafitas que nos ocupan, a contorna do Pozo do Demo ábresenos coma un libro aberto, un completo compendio de mitoloxía galaica. Unha das curiosidades a subliñar é que, paradóxicamente, sendo un lugar caracterizado e ligado á auga, feito pola auga, a meirande parte das lendas teñen como fío argumental o lume. 




Extracto do Folleto turístico do Concello de Verín sobre o PRG-150: Ruta Pozo do Demo.

Por exemplo a cuestión da profundidade do Pozo: cando  os veciños animáronse a comprobar a súa profundidade, ataron cunha longa corda unha pedra e introducírona no burato sin que esta tocara fondo e, ademais, ao sacar a corda, a pedra desaparecera e o cabo co que estaba atada aparecía queimado... Unha versión do intento de mensura conta que tanto a corda como a pedra retornaron chamuscadas, queimadas...



Fotografía de Rafa Castro: o burato Pozo do Demo.

"O regato das Quintas entra no val por entre rochedos graníticos sometidos a un fortísimo
proceso de meteorización que ten coma consecuencia a formación dun relevo característico.Na súa entrada forma unha fervenza e ao pe desta un fondo buraco nos penedos do leito. Este
buraco que presenta sección circular cun diámetro duns 80 cm. (IL. 6) é o chamado Pozo do Demo, fonte de lendas e mitoloxía popular."

Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.

Nas vindeiras entradas irei relatando outra interesante xeira de relatos mítico-lexendarios ao redor do fabuloso Pozo do Demo e da Baixada de San Xosé.


En Sigrás, no preludio doutro Nadal mais, esperando o 2026.

Saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA INDISPENSABLE E NECESARIA

Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html

ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html

https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/

https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html

O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf

https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/

https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613

https://verin.es/turismo/

Ningún comentario:

Publicar un comentario