PEDRAFITA-MENHIR DA FRAGA GRANDE
9. RUTA DAS PEDRAFITAS-MENHIRES DA BAIXADA DE SAN XOSÉ."Nuestras convicciones más arraigadas, más indubitables, son las más sospechosas. Ellas constituyen nuestro límite, nuestros confines, nuestra prisión."
José Ortega y Gasset
![]() |
Debuxo de Moncho Boga, Sigrás 2024. |
Chega un intre no que é necesario recapitular: Camiño de A Baixada de San Xosé que, como apunta certeiramente Rafa Castro, debe o nome á inxente cantidade de petróglifos que flanquean o Camiño. Amosa tamén os profundos sucos, a xeito de fondas feridas nos penedos polo secular transo dos nosos tradicionais carros. E, como colofón, as pedrafitas que parecen xalonar e sinalizar, como balizas, un auténtico Camiño Ritual.
O Camiño da ácceso á Igrexiña dos Mouros e á porta do Sur do Castro: conflúe, converxe co Camiño do Malpaso preto de onde posiblemente estivo o mítico Castelo da Capraria. Este Camiño ascende pola aba do noroeste do Montemaior e é seguro que comunicaba A Veiga de Meás coas Aldeas da Chaira, con Tamagos e con outras poboacións fronteirizas.
Tamén esta ruta transcorre encaixada e escavada pola erosión entre os penedos do monte, deixando as pegadas profundas das rodas dos nosos carros.
O Castro da Baixada ou Viña de San Xosé sitúase enunha moi estreita corta entre dúas monumentais barreiras graníticas. Con forma elíptica o límite do norte atópase defendido polo gran desnivel que forma o regato das Quintas. O Sur atópase aberto hoxe en día ao Camiño.
A Igrexiña dos Mouros atópase ao carón do Camiño da Baixada de San Xosé, case no val. Probablemente sería, segundo Bruno Rúa, un santuario paleocristián; pero, segundo outros, como Alberro (2004), o nome apuntaría a un lugar de cultos anteriores ao "representares a lembranza de cultos pasados."
E chegamos ao contorno inmediato da Fraga Grande ("fraga", nestes pagos, fai referencia a penedos, terreos rochosos). Ubícase nas proximidades da Fraga do Zorro e a pouco mais dun quilómetro do Pozo do Demo cara ao norte: por aí serpentearía un vello camiño que unía Ábedes coa Veiga de Meás. Nesta área, profusamente castigada polas actividades dos canteiros, destaca un penedo de gran tamaño, monumental, con evidencias de manipulación e unha mais que probable intencionalidade simbólica. Este espectacular penedo, posible e probable pedrafita, mide ao redor de seis metros de altura e foi traballada, desbastada, cortada, por tres das súas catro caras. Ten forma picuda-redondeada na croa, o que lle confire unha clara forma fálica. Nos laterais aparecen as sempiternas coviñas, petróglifos mais abondosos na zona, así como gravuras de frechas, lanzas e ferraduras.
A parte da posible e mais que probable pedrafita, ao redor do seu emprazamento prosperan toda unha xeira de elementos que berran con gritos de milenios e que foron atopados e investigados por Rafa Castro. Estes auténticos monumentos dotan a este paradigmático lugar dunha significatividade patrimonial singular: desde formacións naturais (rochas sacras) con apreciables manipulacións en forma de asento (típicos de certo tipo de santuarios) así como o topónimo que existe na zona de "O Sillón do Rei Mouro", ata o que podería ser un altar de sacrificios.
O posible Altar de Sacrificios é unha gran formación rochosa, elevada sobre o nivel do camiño, illada, que semella que foi traballada cun corte da rocha para convertir un penedo redondeado nunha zona plana en cuxa superficie ábrense catro pías de sección cadrada e rectangular, o que serían buracos para ensartar se cadra postes de madeira ou de pedra. Atópase elevada uns tres metros sobre o rasante do Camiño e accédese a través dunha especia de paseiño de entrada que mide un metro de ancho. A orientación é leste-oeste.
Na zona do noroeste da pedrafita-menhir de A Fraga Grande (a uns cincoenta metros) aparecen tres grandes rochas que aparentemente poden ter unha finalidade relixioso-simbólica. Unha delas, a primeira, desenvolve forma convexa na base e cóncava na parte superior: pódese abalar co peso de varias persoas. Vencelladas a cultos, xeralmente cristianizados, hai moitos exemplos na Galiza. Este tipo de pedras abaladoiras moitas veces teñen propiedades de adiviñación e outras moitas teñen que ver con rituais de fertilidade.
As outras dúas rochas son moi semellantes, pero coa parte cóncava cara ao interior. Amosan tamén variados petróglifos.
Neste magnífico asentamento, nas grandes penedas lisas, aparecen gran cantidade de petróglifos, sobre todo dos do tipo coviña ou cazoliña así como algún que se pode interpretar coma un cervo.
A uns trinta metros ao noroeste das pedras de abalar, Rafa Castro atopou un espectacular petróglifo case único no seu xénero na Galiza: unha enorme serpe gravada nunha gran laxe que está debuxada a través de dous sucos bastante profundos e anchos, que se enrosca sobre unha rocha e acada uns trece metros de lonxitude.
Petróglifo da Serpe. Debuxo de Raga Castro. |
Estamos diante dun libro aberto, dun libro que amosa o desenvolvemento dun pobo a través das súas lendas, dos seus elementos patrimoniais e da súa paisaxe mítica.
En Sigrás, rematando o ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
ENLACES E BIBLIOGRAFÍA ESENCIAIS
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html
Rafael Castro Vaamonde: "Novas exploracións no contorno do Pozo do Demo e das Fragas de Abedes." Traballo inédito.
Taboada Chivite, X.: "Folklore de Verín". Ourense, La Región.
Taboada Chivite, X.: "O Culto ás Pedras no Noroeste Peninsular". Vigo, Real Academia Galega, 1966.
https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html
https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html
https://www.diariodotamega.es/articulo/verin/verin-quere-facer-do-pozo-do-demo-maior-museo-natural-do-sur-galicia/20220214204758021561.html
ttps://www.laregion.es/comarca-de-monterrei/verin-recuperara-ruta-menhires-milenarios_1_20220223-2278229.html
https://osil.info/verin-proxecta-desenvolver-no-pozo-do-demo-o-maior-atractor-turistico-do-sur-de-galicia-cos-next-generation/
https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/15/verin-quiere-convertir-pozo-do-demo-museo-aire-libre-referente-turismo-galicia/0003_202202O15C4991.htm
https://www.farodevigo.es/ourense/2021/02/27/denuncian-abandono-yacimiento-arqueologico-o-35760402.html
O_Bouzadoiro_un_xacemento_romano_unico_e.pdf
https://www.gciencia.com/retro/localizan-en-verin-o-castelo-medieval-de-cabreira/
https://estarvivobajoelcieloazul.blogspot.com/2013/03/pozo-do-demo.html
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/verin-comarca-de-verin-ourense-prg-150-sendeiro-do-pozo-do-demo-22216460/photo-14031936
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/punto-geodesico-de-montemaior-44984183/photo-29545613
https://verin.es/turismo/
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/pozo-do-demo-banco-con-vistas-a-verin-82126178/photo-53159527
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/ourense/lagar-rupestre-y-capilla-de-san-anton-de-abedes/
https://fontesmediae.hypotheses.org/4506
https://nosvolveremosaver.com/pozo-do-demo/
.jpg)

Ningún comentario:
Publicar un comentario