ANTA-DOLMEN DE PEDRALONGA/CHAN DE CASTIÑEIRAS 2.
SENDA DAS MÁMOAS DE MARÍN I
"Míseros mortales que, semejantes a las hojas, ya se hallan florecientes y vigorosos comiendo los frutos de la tierra, ya que se quedan exánimes y mueren."
Homero
 |
Debuxo de Moncho Boga, 2025.
|
Comezo hoxe a xeira de entradas adicadas á Senda das Mámoas de Marín, inaugurada no ano 2024, se as miñas fontes non están equivocadas. Xa neste blogue e nas miñas publicacións anteriores ocupeime mais ou menos polo miudo dalgunha destas antas, coñecidas desde hai xa moitos anos.
 |
Planta a partir de Carrera Ramírez. |
Sen embargo, nestes últimos tempos fóronse facendo accesibles algunhas novas para min e, ademais, moitas das coñecidas foron obxecto de escavacións arqueolóxicas que cambiaron sustancialmente o seu aspecto xeral. Tal é o caso da Mámoa do Rei e as cistas e mámoas asociadas a esa necrópole, a anta da Chan de Armada, ou esta mesma, a Anta de Castiñeiras 2, denominada tamén Anta de Pedralonga. Así mesmo moitas mámoas fóronse limpando de maleza e agora son mais accesibles.
 |
Fotografía de 2009, Moncho Boga. |
A rota, carreiro ou senda comeza na mais importante das antas da necrópole da Chan de Castiñeiras, moi preto da lagoa do mesmo nome. Trátase dunha área que visitei por vez primeira no ano 1991 e os cambios, tanto a nivel megalítico como natural, son asombrosos. Noutro orde de cousas, a anta foi declarada Ben de Interese cultural o 15 de marzo de 2011e publicada no DOG nº 70 do 08/0/2011 debido sobre todo ás pinturas e gravuras que conservan tres dos esteos.
 |
Fotografía do ano 2010. |
Para chegar hai que coller a estrada que leva á BRILAT en Figueirido e continuar ata chegar á Lagoa de Castiñeiras. Os xacementos que conforman a necrópole atópanse ao carón da Lagoa, ao leste e sueste do grupo de Vilaboa e ao suroeste de Pedralonga de Marín.
 |
Fotografía de patrimoniogalego.com, 2011 |
Ao longo dos anos a historia desta paradigmática anta pontevedresa foi certamente unha historia chea de avatares mais ou menos penosos, trátandose como se trata dunha anta senlleira. Intentarei desenvolver unha breve escolma destes azarosos contratempos.
 |
Fotografía do ano 2019.
|
Como estaba a contar, forma parte da necrópole denominada Chan de Castiñeiras, Peta o Chan e tamén Pedralonga, formada por oito mámoas. A necrópole ocupa en liña a dorsal que, desde o alto de Cotorredondo, discorre en dirrección norte cara ao Alto da Graña. Só esta anta se atopa no Concello de Marín, o resto están dentro do termo municipal de Vilaboa.
 |
Fotografía do ano 2020.
|
Unha das actuacións mais insidiosas sobre a mámoa foi a salvaxe construción dunha estrada que a partiu case pola metade leste no ano 1997, obra da Xunta de Galicia. O arrasamento afectou lonxitudinalmente a once metros da masa tumular e a uns seis metros do radio cara ao norte. O corte permitiu apreciar parcialmente os restos da coiraza.
 |
Foto de megaliticiablogspot.com do ano 2024 ou 2025: pódense aprecial perfectamente os restos da coiraza e da pedra cobertora. |
No ano 1957 foi obxecto dunha escavación arqueolóxica a cargo de Sobrino Lorenzo-Ruza que consistiu no valeirado total do centro da cámara, deixando ao descuberto unha estrutura megalítica ou dolmen que se desenvolvía a través dunha planta poligonal con corredor pouco desenvolvido orientado ao sueste. Conservaba dez esteos de granito de gran medio fino e unha altura dos esteos de entre un metro e dez centímetros e un metro e vinte centímetros. Configurábase así un espazo megalitico cunhas medidas internas de dous metros e medio no eixo NE-SW e os dous metros no eixo NW-SE. Esa escavación de Lorenzo-Ruza deixou ao descuberto o basamento dos esteos, o que provocuou a súa total desestabilización e o consecuente derrumbe.
 |
Fotografía de: es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2024 |
Tres dos chantos que estruturan a cámara conservan gravuras que debuxan formas onduli-serpentiformes e posiblemente antropomórficos, malia que son moi esquemáticas. Así, dous destes chantos aparecen decorados con liñas sepentiformes horizontais e o terceiro con ondas verticais así como unha figura aproximadamente triangular conectada con dúas liñas verticais. Sen dúbida a decoración está vencellada ao universo sagrado das crenzas neolíticas: o estado das investigacións hoxe en día permiten concluir que o interior das camaras galegas estaban completamente decorados con pinturas e gravuras, das que hai algúns restos pintados que consisten en ondulados e zigue-zague e empregando sobre todo cores negro e vermello sobre unha base branca de caolín, que cubriría todos os esteos do interior.
 |
Foto de megaliticiablogspot.com do ano 2024 ou 2025 |
Na área do NE do interior da cámara aparecía un oco duns cincoenta centímetros que coincidía aproximadamente coa cota acadada pola escavación, o cual foi o causante da desestabilización da estrutura e que provocou o esnaquizamento dun dos esteos. Nese burato apareceron diversos croios de pequeno e mediano tamaño que probablemente eran os calzos internos, a xeito de soporte. A mámoa medía ao redor de quince metros de diámetro.
 |
Un dos esteos decorados. Fonte, Fernando Carrera. |
Por último dicir que a anta foi obxecto dunha actuación arqueolóxica (limpeza) na actualidade o que permitiu reconstruir o seu posible estado orixinal así como observar perfectamente a coiraza pétrea que está a cubrir completamente a mámoa de terra, co que se evitaba a erosión e contribuía a unha maior visibilización. A escavación arqueolóxica (ou limpeza profunda) permitiu constatar que o túmulo perdeu o corenta por cento da mása túmular orixinal que acadaba os doce metros de diámetro e unha altura máxima dun metro e vinte cetnímetros. A pesares das obras da estrada construida no ano 1997, a cámara permanece completa: os once esteos mencionados así como tres lousas de granito pousadas na aba da mámoa que probablemente son os restos da tampa ou pedra cobertora.
 |
Fotografía de: es.wikiloc.com/rutas-senderismo
|
En Sigrás: menos mal que chove, senon ardemos todos. No ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!
ENLACESF. Carrera Ramírez e R. Fábregas Valcarce: "Arte parietal megalítico en le Noroeste Penínsular". Tórculo Edicións, 2006.
https://patrimoniogalego.net/index.php/5156/2011/09/mamoa-de-pedralonga/
https://megaliticia.blogspot.com/2024/07/Senda-mamoas-Marin.html
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-das-mamoas-de-marin-219310977/photo-132766529
https://cousasdecarragal.blogspot.com/2025/03/marin-la-recomendada-ruta-das-mamoas.html
https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/ruta-pasada-auga-estrear-senda-das-mamoas/202406162121471308969.html
https://www.diariodepontevedra.es/articulo/o-morrazo/nueva-senda-das-mamoas-marin-podra-realizarse-proximo-2-junio/202405011229341302690.html
https://www.carriola.es/index.php/noticias-de-marin-by-julio-santos/7174-el-concello-inaugura-el-proximo-domingo-la-ruta-das-mamoas-con-una-andaina-desde-el-lago-de-castineiras
https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/2024-roteiro-das-mamoas-de-marin-otonal-noviembre-desde-lago-castineiras-a-lagocheiras-192112111/photo-118661999
https://nl.wikiloc.com/routes-wandelen/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087
https://it.wikiloc.com/percorsi-escursionismo/vilaboa-lago-de-castineiras-y-rio-maior-204892555
https://pt.wikiloc.com/trilhas-trekking/ruta-das-mamoas-de-marin-circular-desde-lago-castineiras-jmc-mamoas-192531087
Ningún comentario:
Publicar un comentario