UNHA FOTOGRAFÍA, UN DOCUMENTO..., UNHA PEDRAFITA: A Lapa de Gargantáns.
A anterior entrada falaba dunha tremenda desfeita que esperemos sexa reparada. A entrada de hoxe fai referencia a un auténtico documento en forma de fotografía. É unha fotografía do ano 1981 enviada por Alberte Alonso que, ademais de ilustre defensor das pedrafitas galegas, é un dos protagonistas da escena que nos conta esta imaxe histórica: é o intre no que se está a erguer de novo, no seu lugar orixinal, unha das pedrafitas-menhires máis senlleiras dentro do imaxinario pedrafiteiro de Galicia, a saber: a Lapa de Gargantáns.
Esta ilustre pedrafita, como sabemos, permanceu tirada no chan ata que foi restaurada e erixida novamente no seu presumible lugar orixinal: pois ben, a imaxe amósanos ese momento de titánico esforzo no que, veciños e arqueólogos, están a erguer a pedrafita nese seu estado primixenio.
Segundo nos conta o compañeiro Alberte (que na fotografía tiña vinte anos-círculo roxo) parece ser que dous parroquianos de Moraña, sin encomendarse nin a Deus nin ao demo, derrubaron a pedrafita coa intención de partila en dous anacos e facer con eles os marcos dunha cancela ou reutilizala noutras funcións... Por sorte, o peso da pedrafita era descomunal e os dous paisanos non foron quen de subila ao carro.
Tamén por sorte, o alcalde de Moraña notificou a desfeita ao Museo de Pontevedra, e procedeuse a unha pequena intervención arqueolóxica de urxencia e a posterior colocación da Lapa no seu estado vertical.
Nesta extraordinaria fotografía, contrapunto á anterior entrada, podemos sentir o tremendo esforzo que, todos a unha, fan os veciños de Moraña, os colaboradores e os arqueólogos, no supremo instante de reposicionar a mítica Lapa de Gargantáns.
En palabras de Alberte Alonso: "No círculo vermello servidor voso con 20 anos, puxando para erguer tan vello, fermoso e simbólico monolito. Foi unha xornada abraiante: mergullar no interior e nas entrañas do ata daquela descoñecido..."
Grazas Alberte por este extraordinario documento.
Un rexistro fotográfico que evoca unha posible escena afín cos membros da sociedade responsable de habela chantado orixinalmente en tempos pretéritos.
ResponderEliminarTodo un documento.