lunes, 9 de diciembre de 2024

PEDRAFITA-MENHIR DO CASAL. Santa María de Campos, Melide.

PEDRAFITA-MENHIR DO CASAL


"Hermes era considerado el patrón de los ladrones y los pastores, gracias a la invención de las flautas de pan (syrinx). Era el patrón de los viajeros, y a menudo se veían pilares de piedra (hermae) con el símbolo de un falo a lo largo de los caminos para servir de guía y ofrecer buena suerte a los que pasaban. Las hermae se colocaban sobre todo en las fronteras, para recordar el papel del dios como mensajero entre los dioses y la humanidad y su función de guía de los muertos en la otra vida. Además, Hermes era considerado el patrón del hogar, y la gente solía construir pequeñas estelas de mármol delante de sus puertas en su honor".

https://www.worldhistory.org/trans/es/1-11103/hermes/



Pedrafita-Menhir de O Casal,
segundo versión de Ramón Boga, 2024.

No ano 2015 publiquei unha primeira entrada sobre esta sorprendente, inopinada e colosal pedrafita, nun dos centros xeográficos de Galicia, na xacobea Terra de Melide. Os apuntes e as fotografías  sobre esta pedrafita fóranme enviados por Cristina Vázquez e Xurxo Broz, aos que sempre estarei agradecido, e esperando a oportunidade para coñecelos no Museo de Terra de Melide. Desde entón, e aínda que estiven algunhas outras veces por eses brumosos e lexendarios lares, non fun quen de achegarme a mirar, a ver, a contemplar, a admirar esta complexa e espectacular pedrafita.



Fotografía de Moncho Boga, 2024


Pero todo trocou no estío, non moi caluroso, do ano 2024, nunha excursión de dous días ás Terras do Deza, a Silleda. Pois ben, antes de continuar cara a esta linaxuda vila, achegámonos a parroquia melidense de Salto, buscando a Pedrafita do Casal. E atopámola, e contemplámola, e mirámola, e disfrutámola... O acceso é doado  posto que se atopa á beira da estrada, a poucos metros da igrexa parroquial de Santa María, na marxe dereita da corredoira (hoxe estrada asfaltada)  que leva á parroquia de San Cosme, á altura do desvío que se dirixe á aldea de O Casal.



Foto de Moncho Boga, 2024.

Non podo estar mais de acordo con Cristina e Xurxo cando consideran que a Terra de Melide pode presumir de contar cun enorme e destacado patrimonio histórico-artístico, arqueolóxico e natural, contando con exemplares de especial relevancia, con monumentos case únicos e irrepetibles, diferenciados: a Pedrafita do Casal é, sen lugar a dúbidas, un destes relevantes recursos, unha das pedrafitas de meirandes dimensións do noso país, unha das mais grandes de Galicia.



Foto de Moncho Boga, 2024.

Foi localizada por casualidade no ano 2012 cando se comenzou a desmontar un valo de pedra para anchear  unha corredoira: atopábase deitada, facendo de base a un muro, deitada. Non se esnaquizou grazas á vontade  e sensibilidade da familia dona da finca (familia de Sara Seijas Fuciños) que se empeñaron en recuperala e recolocala á vista, para a contemplación, para a súa posta en valor, en definitiva.



Foto de Moncho Boga, 2024.

Atópase sobre unha ampla chaira con varios niveis descendentes con dirrección leste desde o vértice do Castro de San Cosme (454 m.s.n.m.). Desde a localización actual, na dirección do leste, serpentea o Rego Catasol e, ao Oeste, o Rego das Cabazas. 

Segundo Broz e Vázquez a pedrafita foi emprazada, despois do seu casual descubrimento, para facer de amparo, de contraforte, da curva da estrada asfaltada que limita co terreno por ese lado, servindo tanto de quitamedos  como de contención lateral do vial, que se atopa proxectado sobre a leira.



Foto de Moncho Boga, 2024.

Cristina Vázquez, nunha entrevista na Voz de Galicia subliñaba que a singular pedrafita é o típico menhir "de película" coa súa forma xeral amendoada; un elemento singular que paga a pena visitar. Estes amigos na distancia levan tempo reivindicando a sinalización e identificación do monumento cunha placa identificativa. Considera Cristina que polas súas dimensións trátase dun exemplar adscrito ao mais puro megalitismo. A pedrafita, incluida no Catálogo da Xunta, podería formar parte dun conxunto arqueolóxico ao estar moi preto dunha necrópole megalítica e dun xacemento castrexo.



Foto de Moncho Boga, 2024.

Formalmente, a Pedrafita do Casal amosa forma xeral amendoada e alongada, coa base mais ancha que se vai estreitando, diminuindo pouco a pouco, ata o vértice que é picudo e redondeado. A base, segundo as súas investigacións, presenta un perfil semicircular convexo e sección con forma de cuña. Os laterais teñen un perfil lixeiramente arqueado, abombado e a sección é ovalada. As dúas caras, a pesar de amosar unha tendencia aplanada, desenvolven un abombamento central moi lixeiro. Toda a superficie é bastante rugosa, probablemente debido á dificultade á hora de puir o esteo e, talvez tamén por iso, non se aprecia ningún tipo de gravura. En efecto, non se distingue na pedrafita sinal algunha de escotaduras, gravuras, coviñas..., o que se pode interpretar como debido á extrema dureza da rocha granítica de que está feita.



Foto de Moncho Boga, 2024.

A altura aproximada da pedrafita, engadindo a parte que está chantada, acada uns increibles cinco metros e o que sobresae atinxe os tres metros e trinta centímetros. Os propietarios da finca manifestan que o que está enterrado acada o metro e cincoenta centímetros. O grosor tamén e variable, tendo en conta a súa forma: no terzo superior, a partir do nivel da estrada, acada os oitenta centímetros; na base poideron tomar unha anchura máxima dun metro e setenta centímetros, de xeito que a parte soterrada podería acadar cando menos os dous metros.



Foto de Moncho Boga, 2024.

Segundo os arqueólogos melidenses, trátase sen dúbida dun claro e extraordinario expoñente de megalito (menhir-pedrafita) que se podería adscribir sin problemas  á épòca neolítica, tendo como fundamento principal a comparación con outros exemplares de semellantes características. 

Consideran, ademais, que este gran monolito foi feito para estar exento (desbotaron a posibilidade de que se tratase dun esteo dunha cámara megalítica ou dolmen) debido a que malia que hai chantos en dólmenes galegos que amosan esa forma apuntada, picuda, non adoitan presentar seccións tan redondeadas, senon que son moito mais angulosas.



Foto de Moncho Boga, 2024.

Definitivamente, trátase dunha pedrafita feita pola man do home: é antrópica, completamente artificial. Ademais, este tipo de pedra (gneis ocelado) de moita dureza, non se xenera de xeito natural: nin a auga, o vento e a erosión conseguinte lle poden dar a forma amendoada, picuda e completamente regularizada. Por iso conclúen que é un exemplar labrado, esculpido pola man do home, con medios artificiais. 



Foto de Moncho Boga, 2024.

Xa hai moitos anos (a finais da década de 1990) un grupo de amigos inerestelares, coas mesmas inquedanzas megaliteiras, iniciamos desde un grupo  denominado "Fuso da Moura" unha intensa búsqueda de pedrafitas partindo da consideración de que nun país onde hai contabilizadas mais de 15.000 mámoas, tan só había catalogadas tres pedrafitas. A pregunta, o presuposto de partida era o seguinte: onde demo se esconden as nosas pedrafitas? Co devalar dos anos e dos tempos, e con ilusión, fomos atopando cada vez mais monumentos deste tipo, coa incorporación de novos investigadores, e así fóronse incrementando considerablemente cada vez mais novos achados. Tamén eramos conscentes de que moitas delas pertencían a datas históricas ou que eran marcos de termo  nalguns casos reaproveitados, ou ben foron feitas  para delimitar algún terreno..., pero o certo é que actualmente coñecemos unha boa morea de exemplares por toda Galicia. Tamén intentamos (tanto Alberte Alonso como eu mesmo)  definir criterios obxectivos para dilucidar a consideración dunha pedrafita, cousa que fumos perxeñando atendendo aos seus aspectos formais, contextuais, culturais...



Foto de Moncho Boga, 2024.

Tendo en conta a presenza de varios mámoas (seguramente unha desaparecida necrópole megalítica) e tamén considerando as características achairadas da contorna e  a súa proximidade, a toponimia  así como as vías de comunicación, non cabe dúbida da adscrición prehistórica. A pedrafita establecería, coa súa monumentalidade, o criterio simbólico de fito anunciador, tanto da posible necrópole, como da figura fálica simbolo do nacemento, da rexeneración. Non debe ser casualidade que as advocacións das parroquias aledañas, veciñas sexan respectivamente San Cosme e Santa María: o santo sanador e a virxe protectora adquiren, por un proceso de obliteración, as propiedades sanadoras da pedrafita; propiedades apotropaicas, de protección contra a enfermidade, contra o mal. Neste sentido, moitas das pedrafitas de Galicia evidencian e constatan que o culto continúa, e dicir, son crenzas ancestrais que siguen adquirindo actividade plena co cristianismo, nas mans agora de San Cosme e da Virxe María.



Foto de M. Vázquez, 2024.

En suma e para concluir, a Pedrafita do Casal podería encadrarse en varios dos criterios a saber, de tipo fálico, como sinalizadora da posible necrópole megalítica, a forma antropomorfa e/ou como protectora dos camiñantes, ao xeito dos hermae romanos.


En Sigŕas, un luns intempestivo de decembro.
Saúde, sorte e libros!!!


PARA COÑECER MOITO MAIS SOBRE A PEDRAFITA DO CASAL:

Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "¿Novos chantos megalíticos na Terra de Melide?". Boletín nº 25 do Centro de Estudios Melidenses-Museo da Terra de Melide, ano 2012.

Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Pedrafita do Casal (parroquia de Campos, Melide): O menhir máis grande de Galicia". Artigo no blog do Museo da Terra de Melide, xullo 2015.

Vázquez Neira, Cristina e Broz Rodríguez, Xurxo: "Pedrafitas ou menhires en Melide e contorna". Artigo publicado no blogue do Museo http://museodaterrademelide.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-falicas.html

https://gl.wikipedia.org/wiki/Pedrafita_do_Casal

https://www.abeancos.gal/elemento/pedrafita-do-casal

https://museodaterrademelide.blogspot.com/2015/07/o-menhir-mais-grande-de-galicia.html

http://patrimoniogalego.net/index.php/69518/2015/02/pedra-do-casal/

https://www.pressreader.com/spain/el-comarcal-santiago/20230629/281548000332283?srsltid=AfmBOooVO_22jBEYJVMul788IuxOusgt6_f1wd1ecH5E89Rxd1ibgVLX

https://museodaterrademelide.blogspot.com/2018/07/pedrafitas-ou-menhires-en-melide-e.html

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/

No hay comentarios:

Publicar un comentario