miércoles, 28 de febrero de 2024

ANTA-DOLMEN DE REBORDECHÁN. San Bernabé da Graña, Covelo.

ANTA-DOLMEN DE REBORDECHÁN. San Bernabé da Graña, Covelo.

"Quod aliquod creatum sit determinate causa efficiens non potest demostrari vel probari, sed solum per experientiam patet hoc, scilicet quod ad eius praesentiam sequitur effectus, et ad ajus absentiam non."

Guillermo de Ockam.



Anta-dolmen de Rebordechán. Versión
de Moncho Boga, 2024.

Hoxe vou escribir sobre unha anta que xa hai tempo atopei por eses mundos-universos virtuais, procelosos e inquedos, turbulentos ás veces, tempestuosos; nesas contornas onde atopas de todo e onde te mergullas sen enconmendarte a ninguén. Hoxe, efectivamente, vou iniciar unha pequena viaxe polo sur do sur de Galicia,  por esas terras altas, recias, casi fronteirizas, pero vagorosas, amenas, onde ás veces parece que o ceo se xunta coa terra e ás veces co mar Atlántico. Terras antiguas.

A verdade é que é unha anta moi fermosa e está nunha paraxe tamén moi fermosa, nas altas terras da Paradanta, na Serra do Suído. Unha serra cunha imaxe erosionada polo paso dos milenios, con moitas penechairas que chegan a acadar mais de 900 metros de altitude. Unha serra que abraza dúas provincias e onde as abas occidentais caen ou verquen cara ás Rías Baixas; onde as abas orientais caen case a chumbo cara a cunca do río Miño. Trátase dunha zona de media montaña cun desnivel máximo de 1151 metros, no Faro de Avión. Na serra nacen, ademais, os ríos Oitavén e Tea. Abrangue uns 200  quilómetros cadrados e forma parte da Lista de Lugares de Interese da Unión Europea.



Fotografía de Ricardo Rodríguez, 2021.

Unha paraxe máxica, sen dúbida, onde o lobo, a águia real, os bosques frondosos, o bosque baixo, ríos e regatos, chozos, foxos do lobo..., matizan e embelecen todo este horizonte natural e humano.

Lamentando non poder achegarme a través das miñas incursións megalíticas, non me queda outra que acudir a diversas páxinas e blogues  dos que vou tomando prestadas fotos e información. Lamentablemente tampouco coñezo mais bibliografía que a pouca que proporcionan as redes sociais. 



Fotografía extraída do blogue megaliticia.

A Anta de Rebordechán ou  Mámoa de Porto Real atópase ao bordo da estrada EP-5105 que comunica as parroquias de A Graña e Madeira. Esta estrada serpentea, sinuosa e esquiva, ondulada, pola esquerda do val do río Tea.

A parroquia de San Bernabé de A Graña é a mais alonxada da capital administrativa municipal deste concello do sur da provincia de Pontevedra. Atópase formando parte ou asentándose na Serra do Suído, un poderoso sistema montañoso que fai de fronteira entre as provincias de Pontevedra e  Ourense, como sinalaba antes. De Pontevedra son os concellos de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo; de Ourense, Avión e Beariz. Tamén forma parte, Covelo, da histórica Comarca de Paradanta (con Arbo, Cañiza e Crecente), evocador topónimo que probablemente significa "Pedra da Anta" (a forma para-, derivada de Petram, que evoluciona a pedra e logo a para). 



Fotografía extraída do blogue galiciamaxica.

Segundo se pode apreciar nas fotografías, consérvanse uns bos restos da cámara (seis ortostatos) inseridos no pouquiño que debe quedar da estrutura tumular ou mámoa, apenas visible. Só fican varios esteos da cámara e dous do que puido ser o corredor. Polo tanto atrévome a deducir que estaríamos diante dunha anta adscrita ás de tipoloxía poligonal con corredor desenvolvido. 

Investigando por aquí e por alí, parece ser que aínda se están a conservar algúns vestixios dunha vía de comunicación, Camiño Real, coñecida  como "Verea", que atravesaba todo o Suído ata chegar a A Graña onde enlazaba con outras rotas cara a Castela. Aínda que descoñezo si está preto ou discorre polos arredores da anta, talvez o nome con que tamén é coñecida a saber, Mámoa de Porto Real, faga referencia precisamente ao paso dunha antiga e primixenia rota, un paso de montaña. Tanto "porto" como "real" aluden a camiños principais, a rotas de comunicación que afunden a súa orixe a na noite dos tempos.



Fotografía extraída do blogue galiciamaxica.

Segundo a páxina web do Concello de Covelo, existen na bisbarra varias necrópoles megalíticas, destacando a Mámoa de Salcedo formada por "lousas de pizarra asomando restos da cámara megalítica".

Pero non todo é bucólico para esta extraordinaria Serra: si non se pon remedio, nesta parte da Dorsal Galega, proxéctase ubicar ao redor de 20 parques eólicos... E eso a pesares de que na Serra do Suído atópanse unha serie de hábitats que son prioritarios debido a que están en perigo de extinción, de desaparición. Sospeitase que se estivo a dilatar a incorporación á Rede Natura para facilitar a construción deses megaropoxectos que ameazan con dinamitar, con destruir toda súa  riqueza histórico-artística, natural e etnográfica.

En fin, á espera de nova información e, sobre todo, de poder viaxar a estes, hoxe non tan recónditos, paraxes da nosa xeografía humana, física e imaxinaria, é hora rematar xa esta sucinta nova sobre a marabillosa anta-dolmen de Rebordechán.

Saúde e sorte!

En Sigrás, no profundo inverno de febreiro de 2024.


PARA SABER MOITÍSIMO MAIS:

https://concellodecovelo.es/?sec=26&parroquia=a_grana&lang=es

http://www.xoanarcodavella.com/

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/dolmen-de-rebordechan/

https://megaliticia.blogspot.com/

https://www.elsaltodiario.com/medioambiente/serra-do-suido-catastrofe-ambiental-rede-natura

No hay comentarios:

Publicar un comentario