miércoles, 30 de mayo de 2012

Anta-dolmen Casa dos Mouros. Candeán, Vigo

ANTA-DOLMEN CASA DOS MOUROS. Candeán, Vigo

A necrópole na que se sitúa esta anta atópase na estrada que vai ao Zoo de Vigo. Desde a estrada de Vigo a Peinador, hai que coller o desvío que leva ao zoolóxico pasando por Candeán. Seguindo esa estrada, chegamos á rotonda do zoo e collemos a estrada da dereita: ao chegar ao rueiro da Devesa, despois dos campos de adestramento do Celta, a uns vinte metros, logo dun muro moderno ameado, temos que coller un carreiro que se introduce no monte. A uns  trinta ms está a anta, no lugar coñecido como Coutada Vella.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso

O horizonte megalítico da Terra de Vigo atópase moi ben representado e está en consoancia con outra zonas da terra galega. As antas que irei describindo forman parte de necrópoles amplas e os lugares de ubicación das mámoas adoitanse situar por enriba dos 300 ms de altitude. Hoxe en día é unha comarca ben coñecida para o megalitismo grazas, sobre todo, aos traballos exhaustivos de prospección feitos por un grupo de colaboradores do Museo de Pontevedra.

A anta Casa dos Mouros é un colosal dolmen formado por cinco esteos coa cobertora apoiada nun dos chantos da cámara. A planta é poligonal e non hai restos visibles da mámoa. A pedra cobertora acada unha lonxitude máxima de dous metros con sesenta e oito cms por un ancho de dous metros con cincoenta e nove cms.



Fotografía realizada por Ramón Boga, 1993.


O recinto da cámara mide, no eixe L-O, case os dous metros e medio e, no eixe N-S, os tres metros e trinta e seis centímetros. O esteo meirande da cámara acada dous metros e medio de altura e un metro con sesenta cms de ancho. O corredor, se o tivese á vista, é posible que se orientase ao necente.

As necrópoles da Madroa e do Monte Vixiador en Vigo probablemente sexan unha prolongación da gran necrópole de Monte Penide en Redondela.



Fotografía realizada por Ramón Boga, 1993.



Fotografía realizada por Ramón Boga, 1993.





Na subida á Madroa hai unha mámoa que aínda conserva resto dos esteos da cámara. Trátase  da coñecida co nome de Mámoa 1 da subida á Madroa, situada moi preto da Casa dos Mouros que tamén se coñece co nome de Mámoa 2 da subida á Madroa.  Acóchase nunha mámoa de 16 ms no eixe N-S e sobresae cerca dun metro. Está cortada no oeste por un muro de peche dunha casa e, no norte, por un camiño. Amosa un cono de violación de 2,60 ms (N-S) e 3 m no eixe L-O. Conserva no interior catro ortostatos da cámara.




Planta da Mámoa 2 da subida á Madroa.



No hay comentarios:

Publicar un comentario